Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 7 Luns, 13 de xaneiro de 1997 Páx. 357

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE XUSTIZA, INTERIOR E RELACIÓNS LABORAIS

RESOLUCIÓN do 30 de outubro de 1996, da Delegación Provincial de Pontevedra, pola que se dispón o rexistro, depósito e publicación no Diario Oficial de Galicia do convenio colectivo do sector do comercio retallista téxtil.

Visto o expediente do convenio colectivo para o sector do comercio retallista téxtil, que tivo entrada nesta delegación provincial o día 23-10-1996, subscrito en representación da parte económica pola Asociación Provincial de Empresarios de Comercio Detallista Textil, e da parte social, polas centrais sindicais CC.OO., UGT e CIG, con data do 9-10-1996, de conformidade co disposto no artigo 90.2º e 3º, do Real decreto lexislativo 1/1995, do 24 de marzo, polo que se aproba o texto refundido da Lei do Estatuto dos traballadores, Real decreto 1040/1981, do 22 de maio, sobre rexistro e depósito de convenios colectivos de traballo e Real decreto 2412/1982, do 24 de xullo, sobre traspaso de funcións e servicios da Administración do Estado á Comunidade Autónoma de Galicia, en materia de traballo, esta delegación provincial,

ACORDA:

Primeiro.-Ordena-la súa inscrición no libro de rexistro de convenios colectivos de traballo desta delegación provincial e a notificación ás representacións económica e social da comisión negociadora.

Segundo.-Ordena-lo seu depósito no Servicio de Relacións Laborais, Sección de Mediación, Arbitraxe e Conciliación.

Terceiro.-Dispoñe-la súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Vigo, 30 de outubro de 1996.

Antonio Coello Bufill

Delegado provincial de Pontevedra

Convenio colectivo de traballo para o sector do comercio retallista téxtil

Capítulo I

Disposicións xerais

Artigo 1º.-Partes asinantes.

Son partes asinantes do presente convenio as centrais sindicais Comisións Obreiras (CC.OO.), a Confederación Intersindical Galega (CIG), e a Unión Xeral de Traballadores (UGT), en representación dos traballadores, e a Asociación Provincial de Empresarios del Comercio Detallista Textil de Pontevedra, en representación dos empresarios do sector.

Artigo 2º.-Ámbito de aplicación.

O presente convenio regulará as relacións laborais de tódalas empresas da provincia de Pontevedra que, tanto na actualidade como no futuro, se dediquen á venda por retallo de tecidos en xeral, roupa confeccionada, alfombras e tapices, paquetería, mercería, quincallería, etc.

Artigo 3º.-Duración e vixencia.

O presente convenio entrará en vigor ós quince días da súa sinatura, sen prexuízo da súa publicación no BOP, aínda que os seus efectos económicos se retrotraerán ó 1 de febreiro de 1995.

Terá unha duración de dous anos e os seus efectos finalizarán o día 31 de xaneiro de 1997.

Non obstante, entenderase prorrogado tacitamente por anualidades, se non media denuncia das partes con tres meses de anticipación, polo menos, ó final da súa vixencia. A dita denuncia deberase facer por escrito dirixido á outra parte afectada polo convenio.

Artigo 4º.-Condicións máis beneficiosas.

O persoal que con anterioridade ó convenio viñese desfrutando dunhas condicións económicas ou laborais máis beneficiosas cás aquí pactadas, deberá conservalas facéndose o cálculo polo conxunto anual de tódalas percepcións.

Artigo 5º.-Compensación de melloras.

As melloras económicas que se implantan en virtude do presente convenio, así como as voluntarias que no futuro se establezan, poderán ser compensadas e absorbidas, ata onde alcancen, cos aumentos ou melloras que actualmente teñan establecidas as empresas ou que no futuro se establezan con carácter xeral, mediante disposición legal.

Capítulo II

Retribucións

Artigo 6º.-Salarios.

As retribucións salariais son, para cada un dos dous anos, as que para cada categoría se fixan nas táboas salariais anexas a este.

Artigo 7º.-Revisión salarial.

No caso de que o índice de prezos de consumo (IPC) rexistrase o primeiro de febreiro de 1997 un incremento respecto ó 31 de xaneiro de 1996 superior ó 3,7%, o dito exceso servirá de base para a negociación do ano 1997.

Para isto, no momento da negociación do convenio colectivo do ano 1997 procederase a cuantifica-lo dito exceso, calculado sobre os salarios utilizados para realiza-los aumentos pactados para 1996. A cuantificación do dito exceso adicionaráselles ós salarios vixentes o 31 de xaneiro de 1997 e sobre a cantidade resultante, calcularanse os incrementos salariais que rexerán a partir do 1 de febreiro de 1997.

Artigo 8º.-Aumentos por antigüidade.

Os aumentos periódicos por tempo de servicio consistirán en cuadrienios do seis por cento sobre os salarios base deste convenio.

Artigo 9º.-Plus de transporte.

O persoal das empresas afectadas por este convenio percibirá un plus de transporte, que será aboado por día efectivo de traballo, na contía de 375 e 389 ptas. respectivamente para o primeiro e segundo ano de vixencia do convenio.

Artigo 10º.-Gratificacións extraordinarias.

O persoal afectado polo presente convenio colectivo percibirá as gratificacións extraordinarias correspondentes ós meses de xullo e decembro polo importe dunha mensualidade cada unha delas.

Establécese unha paga extraordinaria no mes de outubro, consistente nunha mensualidade. A dita paga farase efectiva no mes de outubro de cada ano, tendo en conta o que se dispón sobre a referida paga no artigo 13 do convenio.

Así mesmo, todo o persoal desfrutará unha gratificación denominada de beneficios polo importe mínimo dunha mensualidade completa.

As citadas pagas calcularanse en función dos soldos que para cada categoría fixa o anexo deste convenio, máis a antigüidade, se for o caso, para todo o persoal.

As catro gratificacións que se establecen serán concedidas en proporción ó tempo traballado, rateándose nos supostos que proceda, tales como os de entrada ou cesamento do traballador na empresa.

Artigo 11º.-Axudas de custo.

Cando as empresas despracen os seus traballadores para que realicen traballos fóra do lugar habitual da súa residencia, estarán obrigados a aboar, en concepto de axudas de custo, as cantidades seguintes:

-Xantar: 1.984.

-Cea: 1.984.

-Pernoctación: 1.984.

-Almorzo: 689.

Se os desprazamentos se fan en coche propiedade do traballador, este percibirá trinta e tres pesetas por quilómetro percorrido.

Artigo 12º.-Gratificacións especiais ós escaparatistas.

O persoal non contratado como escaparatista que, non obstante, realice con carácter normal a función da ornamentación de escaparates nos establecementos, terá dereito en concepto de gratificación especial a un plus do dez por cento do seu salario base.

Capítulo III

Xornada laboral

Artigo 13º.-Condicións.

A xornada laboral será de 40 horas semanais de traballo efectivo.

No caso de as empresas teren necesidade de modifica-lo horario de traballo actualmente establecido para conseguir unha maior eficacia no seu funcionamento, as partes asinantes do convenio recoméndanlles ós afectados a súa mellor disposición para chegar a un entendemento.

As empresas quedan en liberdade para a apertura dos seus establecementos durante as tardes dos sábados de todo o ano, aínda que se deberán establece-las quendas rotativas correspondentes, de tal xeito que no ano os traballadores desfruten de descanso durante dezaoito sábados pola tarde.

Con excepción de Vigo, os establecementos do resto da provincia terán a opción de poder abrir durante as tardes deses sábados, se ben no caso de que se optase polo cerramento durante as tardes dos sábados, non quedarán obrigados a facer efectiva a paga extraordinaria de outubro.

Capítulo IV

Vacacións

Artigo 14º.-Contía.

Os traballadores afectados polo presente convenio desfrutarán de 30 días naturais de vacacións.

Artigo 15º.-Datas de desfrute.

O desfrute destes 30 días de vacacións estará comprendido entre os meses de abril a outubro, ambos inclusive, salvo que o traballador teña preferencia por outra época do ano.

Artigo 16º.-Determinación de quendas.

En cada empresa establecerase unha orde rotativa de preferencia, de tal forma que quen un ano foi primeiro á hora de elexir quenda, pasa a se-lo último no ano seguinte.

Capítulo V

Disposicións varias

Artigo 17º.-Xubilación.

Os traballadores que no momento da xubilación leven na empresa máis de 20 anos percibirán dela a cantidade de 236.491 pesetas; os que leven máis de 25 anos, 337.846, e os que leven máis de 30 anos, 422.303.

Artigo 18º.-Invalidez.

Durante a vixencia do convenio a todo traballador que lle sexa declarada unha situación legal de invalidez e que leve máis de quince anos ó servicio da empresa percibirá dela a cantidade de 67.569 pesetas; con máis de vinte anos, 92.907 pesetas; con máis de vintecinco anos, 143.586 pesetas; e con máis de trinta anos, 192.570 pesetas.

As ditas cantidades serán efectivas unha vez declarada oficialmente a invalidez e por unha soa vez.

Artigo 19º.-Defunción.

No caso de falecemento do traballador con polo menos un ano pertencendo á empresa, esta queda obrigada a satisfacerlles ós seus habentes dereito o importe de catro mensualidades iguais á derradeira que o traballador percibise, incrementada con tódolos emolumentos inherentes a ela.

Artigo 20º.-Incapacidade temporal.

En caso de incapacidade temporal derivada de enfermidade ou accidente debidamente acreditado pola Seguridade Social, do persoal comprendido no réxime de asistencia desta, a empresa completará as prestacións obrigatorias ata o importe íntegro das súas retribucións ata o límite de doce meses, aínda que o traballador fose substituído.

Artigo 21º.-Servicio militar.

Aplicarase o disposto no Estatuto dos traballadores.

Artigo 22º.-Roupa de traballo.

Ós traballadores que proceda proveráselles obrigatoriamente por parte da empresa de uniformes ou outra roupa de traballo das coñecidas e típicas para a realización das distintas e diversas actividades que o uso vén aconsellando.

A provisión de tales pezas farase ó comeza-la relación laboral entre as empresas e os traballadores en número de dúas pezas, que se repoñerán en anualidades sucesivas de maneira conveniente ou, cando menos, na metade delas.

Artigo 23º.-Excedencia por maternidade.

As traballadoras que, conforme o establecido no artigo 46.3º do Estatuto dos traballadores, soliciten un período de excedencia por un tempo non superior a un ano terán dereito á reserva do posto de traballo e á reincorporación a este unha vez finalizado o período de excedencia, sempre que o reingreso sexa solicitado cun mes de anticipación ó final dela.

Artigo 24º.-Licencias.

Os traballadores terán dereito a unha licencia retribuída de ata un máximo de tres días naturais ó ano, por necesidade de atender persoalmente asuntos propios que non admitan demora, téndose en conta para isto os desprazamentos que o traballador teña que realizar e as demais circunstancias que concorran no caso.

Esta licencia, demostrada a súa indubidable necesidade, concederase no acto, sen prexuízo das sancións que se lle poidan impor ó traballador que alegue causas que resulten falsas.

Igualmente, nos casos de morte ou enterramento do cónxuxe, ascendentes, descendentes ou irmáns, así como enfermidade grave do cónxuxe, pais e fillos e parto da esposa, os traballadores terán dereito a unha licencia retribuída de ata cinco días naturais, téndose en conta para isto os desprazamentos que o traballador teña que realizar e as demais circunstancias que concorran no caso.

Así mesmo, o traballador terá dereito a unha licencia retribuída de dous días, sen necesidade de ser xustificada. A dita licencia non poderá ser acumulable a períodos vacacionais e deberá ser solicitada cunha anticipación de 5 días polo menos.

Esta última licencia de dous días desaparecerá automaticamente do convenio no suposto de se producir con carácter xeral e a nivel nacional unha reducción da xornada.

Artigo 25º.-Recoñecemento médico.

As empresas afectadas por este convenio facilitaranlles ós traballadores que o soliciten un recoñecemento médico anual a través das súas mutuas patronais, Seguridade Social ou calquera outra forma que consideren oportuna.

Artigo 26º.-Taboleiro de anuncios.

As empresas afectadas por este convenio porán ó dispor dos traballadores un taboleiro de anuncios para inseri-las comunicacións de interese para estes.

Capítulo VI

Comisión paritaria

Artigo 27º.-Comisión paritaria.

As partes acordan nomear unha comisión paritaria composta por catro representantes dos traballadores e catro representantes empresariais para a interpretación das cláusulas do convenio.

A convocatoria das reunións deberase realizar en casos xustificados e por escrito dirixido á outra parte, con doce días de anticipación á data da reunión, detallando a orde do día. A asistencia ás ditas reunións será obrigatoria para ámbalas partes. A acta levantada será asinada no termo de 24 horas contadas desde a celebración da reunión.

Disposición derradeira

Artículo 28º.-Lexislación subsidiaria.

En todo o non previsto neste convenio será de aplicación o Estatuto dos traballadores e demais disposicións vixentes.

Disposicións adicionais

Primeira.-As diferencias económicas resultantes da aplicación do incremento salarial pactado, tendo en conta os efectos retroactivos ata o 1 de febreiro de 1995, faranse efectivas en dous prazos, pagadoiros o primeiro deles conxuntamente coa mensualidade de novembro de 1996 e o segundo coa mensualidade de decembro de 1996.

Segunda.-As partes nomean unha comisión paritaria que, en principio, estará configurada polos mesmos membros que o foran da comisión negociadora do presente convenio, para o estudio e subseguinte incorporación ó convenio do ano 97, das directrices do Acordo Marco de Comercio de 1996, no referido ás categorías profesionais.

Vigo, 9 de outubro de 1996

Táboa salarial anexa do convenio colectivo de traballo para o sector do comercio retallista téxtil de Pontevedra

Vixencia: do 1-2-1995 ó 31-1-1996

CategoríasSalario mensual

Grupo I. Persoal técnico titulado
Titulado de grao superior93.224
Titulado de grao medio90.185
Axudante técnico sanitario89.172

Grupo II. Persoal mercantil técnico titulado
Director101.329
Xefe de división93.224
Xefe de persoal, de vendas, de compras e encargado xeral93.224
Xefe de sucursal e de supermercado90.185
Xefe de almacén90.185
Xefe de grupo90.185
Xefe de sección mercantil89.557
Encargado de establecemento, vendedor, comprador e poxador89.557
Intérprete84.304

Persoal mercantil propiamente dito
Dependente maior90.185
Viaxante88.767
Corredor de praza84.304
Dependente de 25 anos88.358
Dependente de 22 a 25 anos80.655
Axudante74.985
Traballadores en formación (por 30 horas semanais efectivas, segundo R.D. 1992/84):
-de 16 anos34.958
-de 17 anos37.993
-de 18 anos53.694

Grupo III. Persoal técnico non titulado
Director101.329
Xefe de división93.224
Xefe administrativo91.197
Secretario88.358
Contable89.577
Xefe de sección administrativa89.981

Persoal administrativo
Contable, caixeiro, taquimecanógrafo89.577
Oficial administrativo88.358
Auxiliar administrativo79.900
Aspirante de 16 anos46.612
Aspirante de 17 anos50.662
Auxiliar de caixa de 16 e 17 anos50.662
Auxiliar de caixa de 18 e 19 anos72.083
Auxiliar de caixa de 20 a 24 anos76.136
Auxiliar de caixa de 25 anos ou máis81.395

Grupo IV. Persoal de servicios e actividades auxiliares
Xefe de sección ou servicio89.980
Debuxante88.329
Escaparatista88.329
Axudante de montaxe70.210
Delineante, visitador, rotulista78.028
Cortador82.079
Axudante de cortador78.006
Xefe de taller80.169
Profesional de oficio de 1ª79.900
Profesional de oficio de 2ª77.065
Profesional de oficio de 3ª76.255
Capataz79.900
Profesional de oficio axudante74.090
Mozo especializado79.900

CategoríasSalario mensual

Ascensorista, telefonista, mozo, empaquetadora, reparadora de medias e cosedora de sacos, maiores de 18 anos.77.874
As mesmas categorías, con menos de 18 anos, igual que os aspirantes, segundo a súa idade.

Grupo V. Persoal subalterno
Conserxe75.274
Cobrador75.274
Vixilante, sereno, ordenanza, porteiro72.083
Persoal de limpeza72.083
Nota: o persoal de limpeza por horas percibirá o seu salario en proporción ás horas traballadas

Táboa salarial anexa do convenio coelctivo de traballo para o sector do comercio retallista téxtil de Pontevedra

Vixencia: do 1-2-1996 ó 31-1-1997

CategoríasSalario mensual

Grupo I. Persoal técnico titulado
Titulado de grao superior96.673
Titulado de grao medio93.552
Axudante técnico sanitario92.471

Grupo II. Persoal mercantil técnico titulado
Director105.078
Xefe de división96.673
Xefe de persoal, de vendas, de compras e encargado xeral96.673
Xefe de sucursal e de supermercado93.522
Xefe de almacén93.522
Xefe de grupo93.522
Xefe de sección mercantil92.891
Encargado de establecemento, vendedor, comprador e poxador92.891
Intérprete87.423

Persoal mercantil propiamente dito
Dependente maior93.522
Viaxante92.051
Corredor de praza87.423
Dependente de 25 anos91.627
Dependente de 22 a 25 anos83.639
Axudante77.759
Traballadores en formación (por 30 horas semanais efectivas, segundo R.D. 1992/1984):
-de 16 anos36.251
-de 17 anos39.399
-de 18 anos55.681

Grupo III. Persoal técnico non titulado
Director105.078
Xefe de división96.673
Xefe administrativo94.571
Secretario91.627
Contable92.891
Xefe de sección administrativa93.310

Persoal administrativo
Contable, caixeiro, taquimecanógrafo92.891
Oficial administrativo91.627
Auxiliar administrativo82.856
Aspirante de 16 anos48.337
Aspirante de 17 anos52.536
Auxiliar de caixa de 16 e 17 anos52.536
Auxiliar de caixa de 18 e 19 anos74.750
Auxiliar de caixa de 20 a 24 anos78.953
Auxiliar de caixa de 25 anos ou máis84.407

CategoríasSalario mensual

Grupo IV. Persoal de servicios e actividades auxiliares
Xefe de sección ou servicio93.309
Debuxante91.597
Escaparatista91.597
Axudante de montaxe72.808
Delineante, visitador, rotulista80.915
Cortador85.116
Axudante de cortador80.892
Xefe de taller83.135
Profesional de oficio de 1ª82.856
Profesional de oficio de 2ª79.916
Profesional de oficio de 3ª79.076
Capataz82.856
Profesional de oficio axudante76.831
Mozo especializado82.856
Ascensorista, telefonista, mozo, empaquetadora, reparadora de medias e cosedora de sacos, maiores de 18 anos.80.755
As mesmas categorías, con menos de 18 anos, igual que os aspirantes, segundo a súa idade.

Grupo V. Persoal subalterno
Conserxe78.059
Cobrador78.059
Vixilante, sereno, ordenanza, porteiro74.750
Persoal de limpeza74.750
Nota: o persoal de limpeza por horas percibirá o seu salario en proporción ás horas traballadas

8201