Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 3 Martes, 07 de xaneiro de 1997 Páx. 176

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE FAMILIA, MULLER E XUVENTUDE

ORDE do 19 de decembro de 1996 pola que se regulan axudas e subvencións para actividades realizadas por entidades destinadas á promoción da muller.

O Estatuto de autonomía, no seu artigo 4, determina que corresponde ós poderes públicos de Galicia promove-las condicións para que a liberdade e a igualdade do individuo e dos grupos nos que se integran sexan reais e efectivas, remove-los obstáculos que impidan ou dificulten a súa plenitude e facilita-la participación de tódolos galegos na vida pública, económica, cultural e social.

Asímesmo, no seu artigo 27.23º asígnaselle á Comunidade Autónoma competencia exclusiva en materia de asistencia social, e no seu artigo 33.2º establécese que lle corresponde o desenvolvemento lexislativo e a execución da lexislación básica do Estado en materia de Seguridade Social.

A Lei 3/1991, de 14 de xaneiro, de creación do Servicio Galego de Promoción da Igualdade do Home e da Muller, establece no seu artigo 3 como funcións do servicio promover, coordinar e avaliar plans e programas de acción e desenvolvemento de actividades que, para a consecución dos obxectivos previstos na dita lei, realicen deputacións e concellos, así como incentiva-la participación das mulleres na vida política, económica, cultural, educativa e social.

O Decreto 2/1994, do 13 de xaneiro, polo que se establece a estructura orgánica da Consellería de Familia, Muller e Xuventude, no seu artigo 1 atribúelle á dita consellería as competencias en materia de muller de acordo co establecido no Estatuto de autonomía de Galicia e nos termos sinalados pola Constitución española.

O Decreto 258/1990, do 27 de abril, establece o réxime xeral de axudas e subvencións en materia de servicios sociais, normativa á que en consecuencia se adaptará a presente orde, tendo en conta, en todo caso, os principios de publicidade, obxectividade e concorrencia.

De conformidade co establecido no artigo 1.1º da orde da Consellería de Economía e Facenda do 2 de xuño de 1986, sobre tramitación anticipada de expedientes de gasto, os expedientes de gasto imputables ó capítulo IV poderán iniciarse no exercicio orzamentario inmediatamente anterior a aquel no que se vaia materializa-la contraprestación, sempre que exista crédito adecuado e suficiente no proxecto de orzamentos xerais da comunidade que se someta á aprobación do Parlamento de Galicia, unha vez que ese proxecto estea aprobado polo Consello da Xunta de Galicia no que se vai materializa-la contraprestación, e que o proxecto de orzamentos xerais da Comunidade para 1997 foi aprobado polo Consello da Xunta de Galicia o día 11 de outubro de 1996, existindo fondo suficientes para iso.

Esta axuda financiarase con cargo as partidas orzamentarias 14.50.212A.460, 14.50.212A.480 e 14.50.212A.486 dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma galega para 1997. Por todo isto,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Obxecto.

1.-O obxecto da presente orde de convocatoria, que se rexerá polo disposto na Lei 11/1992, de réxime financeiro e orzamentario, e no Decreto 258/1990, do 27 de abril, é conceder axudas e subvencións para programas, actividades, proxectos de estudio e/ou investigación que se desenvolvan durante o presente ano destinadas a facer posible a incorporación da muller na vida política, económica, cultural e social, e que fomenten a relación e colaboración entre as asociacións de mulleres, para acada-la igualdade real e efectiva e a non discriminación entre homes e mulleres, así como axudas económicas ás entidades que presten servicios de atención a muller, e centros onde se presten os ditos servicios.

Estas axudas concederanse con cargo as aplicacións orzamentarias 14.50.212A-460, 14.50.212A-480 e 14.50.212A-486 dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 1997.

2.-Para os efectos da presente orde consideraranse centros e servicios para a muller:

a) Os servicios e centros de información e asesoramento sobre temas xurídicos, laborais, de servicios sociais, e calquera outro que supoña a promoción da muller en tódolos ámbitos.

b) As casas de acollida para mulleres maltratadas: acollen mulleres e os seus fillos e fillas, cando se atopan en situación de indefensión, como consecuencia dos malos tratos físicos ou psíquicos que poñan en perigo a súa integridade persoal.

c) Centros de atención a mulleres en situacións de especial dificultade.

d) Pisos tutelados para mulleres: acollen pequenos grupos de mulleres en situación de emerxencia ou especial dificultade que necesitan de certa supervisión e apoio técnico, co fin de acadaren a súa autonomía definitiva.

e) Os servicios xurídicos de representación e defensa das mulleres en Galicia en materia de non pagamento de pensións establecidas en resolucións xudiciais.

Artigo 2º.-Destinatarios.

Poderán solicita-las subvencións as asociacións ou entidades de iniciativa social sen ánimo de lucro que sexan titulares de centros, presten algún dos servicios establecidos no artigo anterior ou realicen calquera outra actividade de carácter social, sempre que se atopen inscritas no rexistro ó que se refire a Lei 4/1993, do 14 de abril, de servicios sociais, ou que teñan presentada a correspondente solicitude de inscrición, aínda que non se poderá aboa-lo importe das ditas axudas ata que non se efectúe a inscrición.

Así mesmo poderán solicitalas as persoas naturais, a título individual ou como integrantes de departamentos ou centros universitarios e equipos de investigación, sempre que o seu ámbito de actuación se circunscriba a esta Comunidade Autónoma.

Poderán solicitalas tamén as corporacións locais que presten algún dos servicios ou sexan titulares dalgún dos centros ós que se refire o artigo anterior.

Poderán solicita-las subvencións para prestación dos servicios xurídicos a que se refire o apartado e) do artigo anterior, as asociacións de mulleres legalmente constituídas que carezan de ánimo de lucro e conten con servicios xurídicos propios ou concertados.

Artigo 3º.-Tipos de axuda.

Os tipos de axuda que se poderán solicitar son os seguintes:

a) Promoción de actividades.

-De carácter formativo ou científico.

-De carácter asociativo ou comunitario.

-De asistencia a congresos e convencións de mulleres.

-De representación e defensa xurídica.

b) De estudio e/ou investigación.

c) De realización de programas de atención especializada a mulleres.

Artigo 4º.-Normas xerais sobre as subvencións.

1.-Tódalas axudas reguladas por esta orde poderán estar suxeitas á formulación dun convenio entre o destinatario e o Servicio Galego de Promoción da Igualdade do Home e da Muller, que poderá ser prorrogado para futuros exercicios nas condicións legalmente previstas. No suposto de que se formulase convenio, a asociación ou entidade non estará obrigada a presentar solicitude durante a súa vixencia.

2.-Para os distintos tipos de axuda a subvención poderá significa-lo financiamento total ou parcial do gasto, sen que en ningún caso implique duplicidade, de tal xeito que a suma das subvencións concedidas por todo tipo de organismos públicos, percibidas coa mesma finalidade, non supere o 100% do importe do gasto efectuado.

3.-O Servicio Galego de Promoción da Igualdade do Home e da Muller poderá efectua-las comprobacións que considere oportunas en canto ó cumprimento dos requisitos esixidos pola Lei de servicios sociais de Galicia ás asociacións de iniciativa social.

Artigo 5º.-Solicitudes e documentación.

1.-As solicitudes formalizaranse mediante instancia segundo o modelo oficial que se xunta como anexo I á presente orde, debidamente cuberto dirixidas á directora xeral do Servicio Galego de Promoción da Igualdade do Home e da Muller.

2.-Documentación que se xuntará á solicitude:

2.1. Documentos comúns a tódalas axudas:

a) Fotocopia do DNI da persoa que asina a solicitude e, se representa a unha entidade, documentación acreditativa da dita representación.

b) Fotocopia da tarxeta de identificación fiscal, se é o caso.

c) Orzamento desagregado dos gastos previstos para cada actividade, programa ou servicio, así como os recursos humanos e materiais cos que conta para o seu funcionamento.

d) Certificación bancaria de existencia de conta.

e) Compromiso de cubri-la diferencia que resulte entre o importe do solicitado e a subvención concedida.

Cando o solicitante sexa unha entidade local, ademais da documentación prevista nas letras b), c) d) e e) deste número, deberá xunta-lo seguinte:

a) Certificación da contía establecida nos orzamentos da entidade local destinada a mantemento e desenvolvemento dos servicios obxecto da solicitude.

b) Certificado do acordo da entidade local de solicita-la subvención e, no caso de prórroga, de que continúa na prestación dos servicios nas mesmas condicións do ano anterior.

2.2.-Documentos específicos para cada tipo de axuda.

I.-Para subvencións de promoción de actividades.

-Proxecto no que figura a actividade ou actividades que se realizarán, descrición dos obxectivos, metodoloxía, calendario, poboación e ámbito xeográfico do desenvolvemento da actividade.

II.-Para subvencións de proxectos de estudios e/ou investigación:

a) Breve memoria do proxecto de estudio e/ou investigación na que se especifiquen os obxectivos xerais, metodoloxía e interese, a súa data de comezo e prazo previsto para a realización.

b) Currículum vitae da persoa investigadora principal e, se é o caso, de cada un dos integrantes do equipo investigador.

III.-Para subvencións de programas de atención especializada a mulleres:

a) Descrición pormenorizada das actividades que se pretenden realizar.

b) Orzamento desagregado dos gastos previstos, así como dos posibles recursos cos que conta para a súa execución.

Artigo 6º.-Prazo de presentación e solicitudes.

O prazo de presentación das solicitudes será dun mes contado a partir do día seguinte ó da data de publicación da presente orde no Diario Oficial de Galicia.

Artigo 7º.-Lugar de presentación de solicitudes e documentación.

As solicitudes e maila documentación requirida presentaranse, de conformidade cos modelos formalizados, no rexistro xeral do Servicio Galego de Promoción da Igualdade do Home e da Muller, nas delegacións provinciais da consellería, ou por calquera dos medios

previstos nas normas reguladoras do procedemento administrativo.

Artigo 8º.-Tramitación dos expedientes.

1.-No caso de tratarse de asociacións ou outras entidades prestadoras de servicios sociais, unha vez rematado o prazo de presentación de solicitude, o órgano encargado do seu rexistro emitirá certificación relativa ás entidades inscritas e ás que solicitaron a inscrición pero que están pendentes de resolución no rexistro nesa data, para comproba-lo disposto no artigo 2º, e remitiralla o Servicio Galego de Promoción da Igualdade do Home e da Muller.

2.-O Servicio Galego de Promoción da Igualdade do Home e da Muller comprobará que os expedientes reúnen tódolos requisitos recollidos na presente orde e procederá a reclamar por escrito ós interesados os datos, documentos e aclaracións que consideren necesarios para completa-lo expediente co apercibimento de que se así non se fixese no prazo de 10 días, arquivarase o expediente sen máis trámite.

3.-Revisados os expedientes e completados, se é o caso, remitiránselle á comisión, para propoñe-la aprobación e a denegación de expedientes seguindo os criterios recollidos na presente orde.

Artigo 9º.-A comisión de valoración estará constituída do seguinte xeito:

Presidenta: a secretaria xeral do Servicio Galego de Promoción de Igualdade do Home e da Muller.

Vocáis: o xefe de Servicio de Cooperación, Estudios e Programas e o xefe de Servicio de Xestión Económica, que actuará como secretario.

Artigo 10º.-Criterios de valoración das axudas.

1.-Axudas para promoción de actividades:

1.1 Adecuación das actividades á finalidade e obxecto da presente orde.

1.2Fomento e tecnificación do asociacionismo.

1.3.-Intercambio e coordinación entre distintas asociacións de mulleres para a realización de actividades conxuntas.

1.4.-A realización de programas, publicacións, conferencias e encontros que sexan de interese para as mulleres.

1.5.-O ámbito territorial de desenvolvemento da actividade.

1.6.-O alcance social da actividade e, en especial, a súa contribución ó desenvolvemento persoal e á integración social do colectivo ó que se dirixe.

1.7.-Os elementos innovadores das actividades.

1.8.-A non percepción doutras subvencións para a mesma finalidade.

2.-Axudas para proxectos de estudios e/ou investigación:

2.1.-A calidade científica, orixinalidade e a base de investigación empírica.

2.2.-O ámbito territorial do traballo de investigación.

2.3.-A non percepción doutras subvencións para a mesma finalidade.

3.-Axudas para a realización de programas de atención especializada.

3.1.-A súa adecuación ós obxectivos incluídos no II Plan de Igualdade de Oportunidades das Mulleres Galegas.

3.2.-O maior grao de participación económica na execución dos programas, por parte da entidade solicitante.

3.3.-A continuidade no funcionamento dos centros e servicios que recibiron subvención no ano anterior, sempre que os resultados acadados fosen positivos.

3.4.-O maior ámbito territorial de desenvolvemento do programa.

4.-Cando se trate de entidades locais a existencia de partida orzamentaria destinada a mulleres.

Artigo 11º.-Resolución.

1.-A resolución das axudas unha vez emitido o informe-proposta pola comisión de valoración e fiscalizado pola Intervención, correspóndelle á directora xeral do Servicio Galego de Promoción da Igualdade do Home e da Muller.

2.-A resolución dos expedientes deberase producir no prazo de 2 meses, contados a partir do día seguinte ó do remate do prazo para a presentación de solicitudes. Transcorrido o devandito prazo, sen que recaese resolución expresa, esta entenderase desestimada.

Artigo 12º.-Pagamento e xustificación das subvencións.

1.-Unha vez dictada a resolución pola que se concede a subvención procederase ó pagamento e xustificación, na forma que a continuación se indica, agás nos casos nos que establezan convenios nos que se aplicará o que neles se sinale.

1.1..-Subvencións para a promoción de actividades, para proxectos de estudios e/ou investigación e para programas de atención especializada a mulleres.

As subvencións poderanse facer efectivas de conformidade co establecido na Lei 11/1996, do 30 de decembro, de presupostos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para 1997.

A entidade receptora deberá presentar antes do 31 de xaneiro do seguinte exercicio, perante o Servicio Galego de Promoción da Igualdade do Home e da Muller, un balance de ingresos e gastos que abranga

todo o ano natural conforme o anexo IV. O cumprimento deste trámite será requisito previo para a concesión de subvencións nos exercicios seguintes:

Cando se trate de subvencións de estudios e/ou investigación, os beneficiarios deberán presentar antes do 15 de marzo de 1998 o estudio ou traballo de investigación realizado, así como a relación dos gastos efectuados.

En tódalas axudas concedidas ó amparo desta orde, a entidade deberá presentar, perante o Servicio Galego de Igualdade, unha memoria dos programas e actividades desenvolvidos. Este trámite considerarase requisito previo para a concesión de subvencións nos exercicios seguintes:

Artigo 13º.-Obrigas dos adxudicatarios das subvencións.

1.-Para a promoción de actividades.

a) Facer constar en todo tipo de publicidade e información a condición de que a actividade está subvencionada polo Servicio Galego de Promoción da Igualdade do Home e da Muller.

b) Remitir en calquera momento a información e informes que soliciten os órganos competentes do Servicio Galego de Promoción da Igualdade do Home e da Muller.

c) Autoriza-la inspección e control dos órganos competentes do Servicio Galego de Promoción da Igualdade do Home e da Muller, sobre os seus centros e actividades.

2.-Para os proxectos de estudios e/ou investigación.

a) Admitir en todo momento que el Servicio Galego de Promoción da Igualdade do Home e da Muller, a través dos seus servicios técnicos, reclame información sobre o estado de realización do traballo de investigación, así como da súa adecuación á memoria presentada.

b) Comunicar por escrito calquera variación ou modificación que proceda efectuar no proxecto subvencionado.

3.-Para programas de atención especializada a mulleres.

a) Remiti-los informes e demais documentos que reclamen os órganos competentes do servicio.

b) Autoriza-la inspección e control dos órganos competentes do Servicio de Promoción da Igualdade do Home e da Muller, sobre os seus centros ou actividades.

Artigo 14º.

Os proxectos de estudio e/ou investigación subvencionados pasarán a ser propiedade do Servicio Galego de Promoción da Igualdade do Home e da Muller, que os incorporará ó seu Servicio de Cooperación, Estudios e Programas, reservando para si a posibilidade da súa publicación.

No suposto de que o servicio decidise non publica-lo traballo e este se publicase en calquera editorial, deberase mencionar expresamente a subvención recibida do Servicio Galego de Promoción da Igualdade do Home e da Muller.

Disposicións adicionais

Primeira.-A concesión de axudas reguladas nesta orde terá como límite global o crédito asignado nos orzamentos para este fin, exceptuando as cantidades destinadas a sufraga-los importes dos convenios subscritos durante a súa vixencia.

Segunda.-O incumprimento total ou parcial de calquera das condicións establecidas na presente orde, así como a duplicidade de axuda con cargo a outros créditos de orzamento xeral do Estado, da Seguridade Social, Administración institucional, autonómica ou local, constituirá causa determinante de revogación da axuda ou do seu reintegro polo beneficiario ou solicitante, segundo o disposto no artigo 78.6º da Lei 11/1992, de réxime financeiro e orzamentario.

Terceira.-Se por calquera causa, no momento en que a comisión de valoración teña que examina-las solicitudes, algún dos compoñentes non puidese asistir, será substituído pola persoa que para o efecto designe o órgano competente para o outorgamento das axudas e, sempre que sexa posible, o dito nomeamento deberá recaer na outra do mesmo servicio ca substituída.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Autorízase a directora xeral do Servicio de Promoción da Igualdade do Home e da Muller para dicta-las normas necesarias para o desenvolvemento desta orde.

Segunda.-A presente orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 19 de decembro de 1996.

Manuela López Besteiro

Conselleira de Familia, Muller e Xuventude

9664