Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 3 Martes, 07 de xaneiro de 1997 Páx. 157

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE INDUSTRIA E COMERCIO

DECRETO 448/1996, do 20 de decembro, polo que se declara a urxente ocupación de bens e dereitos co obxecto de impoñe-la servidume de paso para o establecemento e conservación da liña eléctrica aérea, a 20 kV trazada entre a central de Castelo en Castelo (Lalín) ata o centro transformador que se proxecta en Penagudín, concellos de Lalín e Vila de Cruces, provincia de Pontevedra. (Expediente 4/95).

A empresa Severino Durán Rivas, con domicilio para efectos de notificacións na r/ Venezuela nº 57-59 2ºA de Ferrol, solicitou da Consellería de Industria e Comercio a concesión dos beneficios de expropiación forzosa e a declaración de urxente ocupación dos terreos afectados pola execución do proxecto de construcción da liña eléctrica aérea, a 20 kV de 6 km de lonxitude, con conductor LA-56, sobre apoios de formigón e metálicos, desde a central de Castelo en Castelo (Lalín) ata o centro transformador que se proxecta en Penagudín, nos concellos de Lalín e Vila de Cruces (Pontevedra) (expediente 95/4).

A dita instalación autorizouse e declarouse de utilidade por resolución da Delegación Provincial da Consellería de Industria e Comercio de Pontevedra do 20-9-1995, a cal foi obxecto de publicación, inseríndose no DOG do 10-11-1995, no BOP de Pontevedra do 3-11-1995, e no BOE do 8-11-1995. Coa mesma data foi aprobado o seu proxecto de execución.

A solicitude de urxente ocupación fíxose de acordo co disposto no artigo 31 do regulamento que desenvolve a Lei 10/1966, do 18 de marzo, de expropiación forzosa e sancións en materia de instalacións eléctricas, aplicable ó presente expediente en virtude do establecido pola disposición transitoria primeira da Lei 40/1994, do 30 de decembro, de ordenación do sistema eléctrico nacional.

Os anuncios de información pública aberta en función desta petición, coa relación de interesados, bens e dereitos afectados, publicáronse no DOG do 7-11-1996, no BOP de Pontevedra do 16-10-1996, no BOE do 17-10-1996, no xornal Diario de Pontevedra do 23-10-1996, e no taboleiro de anuncios das casas do concello de Lalín e Vila de Cruces e no da delegación provincial; ó mesmo tempo na forma regulamentaria notificouse individualmente a cada un dos interesados que figuran na dita relación.

A tramitación do expediente fíxose de acordo coa Lei 10/1966, do 18 de marzo, e co seu regulamento de aplicación, aprobado polo Decreto 2619/1966, do 20 de outubro; durante o período en que se someteu a trámite de información pública non se formulou ningunha alegación.

Unha vez practicada, por técnicos da Delegación Provincial da Consellería de Industria e Comercio de Pontevedra, a inspección sobre o terreo seguindo o trazado aprobado para a instalación desta liña, púidose comprobar que nos bens afectados, sobre os que se solicitan os beneficios de expropiación, para os efectos da servidume, non se dan os supostos prohibitivos previstos nos artigos 6 da Lei 10/1966, do 18 de marzo, e 25 do Decreto 2619/1966, nin lle son de aplicación as limitacións do artigo 26 do dito decreto.

Estímase xustificada a urxente ocupación solicitada pola empresa Severino Durán Rivas xa que con esta liña se pretende garanti-las máximas condicións de seguridade da subministración, calidade e regularidade na zona, e debido a que a imposición da servidume de paso, polo procedemento ordinario, faría imposible cumpri-los prazos previstos para estas instalacións.

Na súa virtude, e por proposta do conselleiro de Industria e Comercio, logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do día vinte de decembro de mil novecentos noventa e seis,

DISPOÑO:

Artigo único.-Para os efectos previstos na Lei 10/1966, do 18 de marzo, de expropiación forzosa e sancións en materia de instalacións eléctricas, e no seu regulamento de aplicación, aprobado polo Decreto 2619/1966, do 20 de outubro, declárase

urxente a ocupación de terreos e bens gravados coa servidume de paso imposta co alcance previsto no artigo 4 da lei citada, para realiza-la instalación proxectada e proposta pola empresa Severino Durán Rivas, liña eléctrica aérea, a 20 kV trazada entre a central de Castelo en Castelo (Lalín) ata o centro transformador que se proxecta en Penagudín, no concello de Vila de Cruces (Pontevedra).

Os bens e dereitos a que afecta esta disposición sitúanse nos termos municipais de Lalín e Vila de Cruces (Pontevedra) e son tódolos que figuran na relación presentada pola empresa solicitante dos beneficios de expropiación, que consta no expediente, o cal se someteu a información pública na forma e datas anteriormente descritas.

Santiago de Compostela, vinte de decembro de mil novecentos noventa e seis.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

Antonio Couceiro Méndez

Conselleiro de Industria e Comercio

9487