Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 1 Xoves, 02 de xaneiro de 1997 Páx. 62

VI. ANUNCIOS

DA ADMINISTRACIÓN AUTONÓMICA

CONSELLERÍA DE AGRICULTURA, GANDERÍA E MONTES

RESOLUCIÓN do 21 de outubro de 1996, da Dirección Xeral de Montes e Medio Ambiente Natural, pola que se declara a veda dos terreos, correspondentes ós montes veciñais en man común de Cabezo e Lamelas, Xinzo da Costa, Santirso e Serra de San Mamede, do concello de Maceda (Ourense).

Vista a acta da sesión do comité provincial de caza de Ourense, do 1 de outubro de 1996, no que se propón a veda dos terreos afectados polo expediente de creación do couto privado de caza A Serra, mentres non se resolva sobre este, xa que na actualidade teñen a condición de terreos de aproveitamento cinexético común.

Visto o informe de data 15 de outubro de 1996, do delegado provincial da Consellería de Agricultura, Gandería e Montes en Ourense, na súa calidade de presidente do comité provincial de caza, polo que se traslada a esta dirección xeral a acta da sesión do comité provincial de caza, do 1 de outubro de 1996, e se propón a veda dos devanditos terreos.

Vista a disposición derradeira da Orde do 31 de xullo de 1996, da Consellería de Agricultura, Gandería e Montes, pola que se determinan as épocas hábiles de caza durante a tempada 1996-1997, na que se faculta ó director xeral de Montes e Medio Ambiente Natural para dicta-las normas necesarias para o desenvolvemento e aplicación da devandita orde, esta Dirección Xeral de Montes e Medio Ambiente Natural,

RESOLVE:

Declarar de xeito excepcional a veda dos terreos afectados polo expediente de creación do couto privado denominado A Serra no concello de Maceda (Ourense), a descrición dos lindeiros dos que están recollidos no devandito expediente que consta no Servicio de Medio Ambiente Natural de Ourense.

A duración da veda será ata o peche do período hábil de caza con carácter xeral, que pola Orde do 31 de xullo de 1996 da Consellería de Agricultura, Gandería e Montes pola que se determinan as épocas hábiles de caza durante a tempada 1996-1997, está fixado no día 6 de xaneiro de 1997, ou ata a resolución do devantito expediente de constitución. A veda incluirá a prohibición de realizar batidas para a caza do raposo, que requiren autorización previa por parte do Servicio de Medio Ambiente Natural de Ourense, a partir do día 6 de xaneiro de 1997 e ata o día 26 de xaneiro de 1997, tal e como se recolle na devandita orde.

A veda suporá a prohibición do exercicio de calquera actividade cinexética en tódalas modalidades, incluídos o adestramento de cans, a celebración de xornadas de caza intensiva, competicións, soltas de animais ou calquera outra relacionada coa caza.

Santiago de Compostela, 21 de outubro de 1996.

Tomás Fernández-Couto Juanas

Director xeral de Montes e Medio Ambiente Natural

9322