Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 1 Xoves, 02 de xaneiro de 1997 Páx. 50

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE FAMILIA, MULLER E XUVENTUDE

ORDE do 17 de decembro de 1996 pola que se anuncia a convocatoria de axudas para actividades realizadas por escolas de tempo libre.

Ante a importancia que hoxe adquire a organización de actividades de tempo libre e de utilización do ocio polos mozos, así como a axeitada formación dos responsables e técnicos de actividades de animación sociocultural, debe apoiarse o traballo que realizan as escolas de tempo libre existentes na nosa Comunidade Autónoma, en tanto que centros recoñecidos oficialmente pola Consellería de Familia, Muller e Xuventude para impartir esa formación específica.

A realización de cursos ordinarios para a obtención dos títulos establecidos oficialmente en materia de tempo libre e animación sociocultural, como aqueloutros máis específicos de perfeccionamento e actualización para as persoas xa tituladas, é cometido das escolas de tempo libre, entidades que a Consellería de Familia, Muller e Xuventude, a través da Dirección Xeral de Xuventude, pretende fomentar coa convocatoria das presentes axudas.

A orde da Consellería de Economía e Facenda, do 2 de xuño de 1986, posibilita a tramitación anticipada de expedientes de gasto. O artigo 1º.1 desta orde establece que os expedientes de gasto imputables ós capítulos IV, VI e VII dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma poderán iniciarse no exercicio orzamentario inmediatamente anterior a aquel no que se vaia materializa-la contraprestación, sempre que exista crédito adecuado e suficiente no proxecto de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma, unha vez que ese proxecto estea aprobado polo Consello da Xunta de Galicia e que corresponda ó exercicio orzamentario no que se vaia materializa-la contraprestación.

A aplicación desta orde supón a posibilidade de axiliza-lo proceso de execución orzamentaria, beneficiando moi especialmente os propios administrados e sen mingua da soberanía do Parlamento, toda vez que o artigo 3.2º dispón que, no suposto de subvención, a autorización do gasto e a contracción da obriga

se demorasen ata a aprobación do crédito que vaia ampara-lo gasto. Por todo isto,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Obxecto das subvencións.

1. A Consellería de Familia, Muller e Xuventude, con cargo á aplicación orzamentaria 14.03.355B.482, dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 1997, concederá subvencións para a realización de actividades desenvolvidas polas escolas de tempo libre.

2. Poderán ser obxecto de subvención os seguintes programas de actividades:

a) Formación de educadores da xuventude.

b) Cursos de directores, especialistas e monitores de tempo libre.

c) Cursos de especialización ou perfeccionamento de carácter monográfico.

d) Conferencias, xornadas e congresos sobre as temáticas de tempo libre.

e) Actividades de aire libre para titulados en actividades de tempo libre.

f) Realización de actividades de carácter socioeducativo dirixidas a trata-las distintas problemáticas que hoxe en día inciden na xuventude, con especial incidencia no tema do alcoholismo.

g) Campañas informativas ou xornadas técnicas de carácter socioeducativos dirixida á promoción do respecto polos valores e dereitos humanos, enmarcados dentro do Ano Internacional contra o Racismo proclamado pola Unión Europea.

h) Intercambios técnicos con outras comunidades autónomas e países estranxeiros.

3. Quedan excluídos, para os efectos de subvencións os programas docentes e deportivos previstos nos plans de ensino e deporte escolar e federativo.

Artigo 2º.-Destinatarios.

1. Poderán solicitar subvención as escolas de tempo libre inscritas no rexistro oficial dependente organicamente da Dirección Xeral de Xuventude, (Decreto 313/1995, do 23 de novembro, DOG nº 237, do 13-12, e o Decreto 381/1996, do 17 de outubro, DOG nº 213, do 30 de outubro).

2. Será requisito imprescindible para poder solicitar subvención ter xustificadas debidamente as axudas recibidas no último ano.

3. Igualmente, para ter acceso ás axudas previstas na presente orde, será obrigatorio que os solicitantes cumpran o previsto nos artigos 8 e 10.1.C do Decreto 313/1995, do 23 de novembro, na redacción dada polo Decreto 381/1996, antes citado.

Artigo 3º.-Normas xerais sobre subvencións. Documentación.

1. As solicitudes serán dirixidas á conselleira de Familia, Muller e Xuventude, podendo presentarse no rexistro xeral da Consellería de Familia, Muller e Xuventude, nos rexistros das delegacións provinciais desta, ou por calquera dos procedementos previstos no artigo 38.4º da vixente Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

2. As solicitudes irán acompañadas da seguinte documentación:

a) Fotocopia compulsada do DNI do responsable da entidade que subscribe a petición, que acredite a súa lexitimación.

b) Fotocopia compulsada do CIF da entidade.

c) Breve memoria explicativa das actividades que se pretenden realizar.

d) Orzamento de ingresos e gastos da actividade, con expresión das axudas solicitadas ou concedidas por outros organismos públicos ou privados.

3. O prazo de presentación de solicitudes será de 30 días naturais, contados a partir do día seguinte ó da publicación da presente orde no Diario Oficial de Galicia.

4. A Dirección Xeral de Xuventude poderá requirir, se fose necesario, a emenda dos defectos apreciados na documentación presentada, de acordo co previsto no artigo 71 da Lei de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento adminis trativo común.

Artigo 4º.-Criterios de avaliación.

A avaliación dos proxectos presentados farase tendo en conta os seguintes criterios preferentes:

1. Proxectos destinados a promocionar ou fortalece-la formación de cadros directivos do asociacionismo xuvenil.

2. Proxectos de actividades de intercambio de profesorado e técnicas en animación xuvenil entre comunidades autónomas e países estranxeiros.

3. Aqueles nos que as actividades con finalidade formativa, cultural ou de integración social primen sobre os meramente recreativos.

Artigo 5º.-Contía máxima obxecto de subvención.

A contía da axuda concedida non poderá supera-lo 75% do orzamento total das actividades subvencionadas.

Artigo 6º.-Resolución.

1. Recibidas as solicitudes de subvención e a súa documentación, remitiranse para o seu informe pola Escola Galega de Lecer e Tempo Libre. O director

xeral de Xuventude elevará proposta de concesión á conselleira de Familia, Muller e Xuventude, que resolverá.

2. A resolución da solicitude de subvención seralles notificada a tódolos peticionarios, no prazo máximo de tres meses, contados desde o remate do prazo de presentación das solicitudes. Transcorrido o dito prazo sen que recaia resolución expresa, deberá entenderse desestimada a petición correspondente.

3. A Consellería de Familia, Muller e Xuventude reserva para si o dereito de orientar tecnicamente o proxecto de actividades, así como comproba-la súa execución, cando o considere conveniente.

4. Os solicitantes ós que non lles fose concedida subvención disporán dun prazo de 30 días naturais, contados a partir da recepción da notificación, para retira-la documentación presentada. Transcorrido este prazo, arquivarase sen máis trámite.

Artigo 7º.-Obrigas dos beneficiarios.

Os beneficiarios das subvencións estarán obrigados:

1. A non modificar, sen autorización do director xeral de Xuventude, o programa de actividades inicialmente aprobado.

2. A facilitarlle á Consellería de Familia, Muller e Xuventude a realización das comprobacións e verificacións que considere precisas para a constatación do cumprimento do disposto nesta orde e demais normas vixentes que resulten de aplicación, sen prexuízo das facultades inspectoras que teñan atribuídas outros órganos da Administración da Xunta de Galicia.

3. Facer constar en toda a publicidade xerada pola actividade obxecto da axuda, que recibiu subvención da Consellería de Familia, Muller e Xuventude, Dirección Xeral de Xuventude, utilizando a normativa de imaxe corporativa da Xunta de Galicia.

Artigo 8º.-Xustificación da subvención.

A xustificación das axudas efectuarase antes do día 31 de outubro de 1997, mediante calquera dos seguintes procedementos:

1. Mediante a presentación de facturas orixinais ou fotocopias, que irán recollidas nunha relación na que figurarán todas elas xunto co seu importe, relación que deberá ser asinada pola persoa responsable da entidade subvencionada.

No caso de presentar fotocopias das facturas, estas acompañaranse dos orixinais e, unha vez compulsadas pola unidade administrativa, logo do aboamento da taxa correspondente, procederase á devolución dos orixinais.

Para os efectos de xustificación soamente se admitirán os recibos ou facturas que se achegen e que figuren na relación, especificaque cada un deles a actividade realizada, data da súa execución, así como

o NIF do que subscribe, que deberá ser persoa allea á entidade receptora.

2. Mediante certificación expedida polo secretario da entidade, e visto e prace do presidente, na que se farán consta-las actividades realizadas segundo o proxecto presentado e subvencionado, comprendendo así mesmo unha relación na que figurarán tódalas facturas, xunto co seu importe.

Para calquera dos procedementos xustificativos que se adopten, ademais deberase presentar así mesmo unha sucinta memoria na que se deixará constancia do resultado das actividades realizadas e que foron obxecto de subvención.

Artigo 9º.-Pagamento da subvención.

1. Recibida e comprobada a documentación a que fai referencia o artigo 8º, o director xeral de Xuventude realizará proposta de pagamento da subvención.

Non obstante, unha vez concedida a subvención e notificada a resolución, o director xeral de Xuventude poderá efectuar proposta de pagamento anticipado dun 50% sobre a subvención concedida, para aquelas que non superen o importe de 1.000.000 de pesetas.

Nos demais casos, poderán acordarse pagamentos parciais, a medida que o beneficiario xustifique os gastos, e a conta de liquidación ata unha porcentaxe do 80% da subvención concedida, podendo autorizarse, non obstante, un anticipo do 10%, de acordo co disposto na Lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 1997.

Para os efectos de facer efectivo o anticipo do 10% previsto para aquelas subvencións que superen o millón de pesetas, será preciso remitir, como requisito previo, certificación do responsable da entidade beneficiaria na que se faga consta-la necesidade do anticipo para poder inicia-las actividades obxecto da subvención.

2. No caso de non aplicar para o fin previsto a totalidade da subvención concedida, a Consellería de Familia, Muller e Xuventude só aboará a parte proporcional do investimento real proxectado.

Artigo 10º.-Posible anulación da subvención.

No caso de que o beneficiario da axuda incumprise algunha das condicións ou obrigas estipuladas na presente orde, a Consellería de Familia, Muller e Xuventude poderá anular total ou parcialmente a subvención concedida, e solicita-la devolución das cantidades percibidas, de habelas, segundo o procedemento que establece o Regulamento xeral de recadación.

Disposición adicional

No caso de que, unha vez dictada a resolución de concesión de axudas amparadas por esta orde, quedase

crédito orzamentario sen adxudicar, poderase publicar unha segunda orde de convocatoria de axudas. En todo caso, a concesión de axudas terá como límite as cantidades consignadas na correspondente aplicación económica dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma para o ano 1997.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase o director xeral de Xuventude para dictar, no ámbito das súas competencias, as resolucións precisas para o desenvolvemento desta orde.

Segunda.-Esta orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 17 de decembro de 1996.

Manuela López Besteiro

Conselleira de Familia, Muller e Xuventude

9461