Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 252 Venres, 27 de decembro de 1996 Páx. 11.853

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DA PRESIDENCIA E ADMINISTRACIÓN PÚBLICA

ORDE do 27 de novembro de 1996 pola que se regula o réxime de concesión de subvencións ás agrupacións e asociacións de voluntarios de protección civil.

A Secretaría Xeral para a Protección Civil e o Medio Ambiente, co obxecto de que as asociacións e agrupacións de voluntarios de protección civil poidan levar adiante o seu labor, regula o réxime de concesión de subvencións a estas para o ano 1997 e para tal efecto, no proxecto de Lei dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para 1997, aprobado polo Consello da Xunta de Galicia do 10 de outubro de 1996, con cargo á aplicación 04.06.231A.480.0 existe partida orzamentaria para as axudas que se establece na presente orde, reservándose para tal efecto un crédito de setenta millóns (70.000.000) de pesetas.

Na súa virtude, en uso das facultades que teño atribuídas,

DISPOÑO:

Artigo 1º

Serán beneficiarias destas subvencións as asociacións e agrupacións de voluntarios de protección civil legalmente constituídas, sen fins de lucro, de Galicia, que no momento da publicación da presente orde estean inscritas no Rexistro de Agrupacións e Asociacións de Voluntarios de Protección Civil segundo se establece no artigo 3 da Orde do 17 de decembro de 1991 (DOG do 3 de xaneiro de 1992) ou estivese presentada oficialmente a súa solicitude de inscrición para o seu rexistro, estando pendente e, polo tanto, condicionada a súa aprobación. Ademais, será requisito indispensable que a asociación ou agrupación teña dependencia co seu concello respectivo ou mancomunidade de concellos.

Artigo 2º

Aquelas que recibisen subvencións en anos anteriores, para accederen a estas axudas deberán xustifica-lo seu investimento e liquidación, segundo o que dispón o artigo 78 da Lei 11/1992, do 7 de outubro, de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, de tal forma que, se non se xustificase o dito investimento e liquidación, procederase ó arquivo da solicitude sen máis trámites.

Artigo 3º

As axudas que se van outorgar de acordo co indicado nesta orde poderán ser investidas na adquisición de uniformes; material funxible de intervención inmediata; equipos persoais de prevención de protección civil, comunicacións, mergullo e rescate de montaña;

caixas de urxencias de primeiros auxilios; así como outros artigos similares que teñan relación coas misións que deben ser realizadas por protección civil.

Os uniformes deberán axustarse ó disposto na Resolución do 14 de febreiro de 1994 (DOG do 4 de marzo), da Secretaría Xeral para a Protección Civil e o Medio Ambiente.

Así mesmo, poderán incluírse os gastos ocasionados durante as actuacións levadas a cabo pola agrupación en operativos relacionados directa ou indirectamente con protección civil; os da formación dos seus compoñentes para o desenvolvemento das ditas actividades; e os de pagamento de seguros.

Non poderán ser incluídos os gastos ocasionados pola compra de vehículos; material de transporte; material de incendios; material móbil de salvamento marítimo; material audiovisual; ou calquera outro tipo de material non funxible empregado en protección civil.

Artigo 4º

Os beneficiarios que se indican no artigo 1º que queiran acollerse á presente orde deberán presenta-la solicitude de subvención, segundo o modelo que se indica no seu anexo I, no rexistro das delegacións provinciais da Consellería da Presidencia e Administración Pública, directamente, ou ben por calquera dos procedementos previstos no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

A correspondente solicitude, dirixida ó secretario xeral para a Protección Civil e o Medio Ambiente, presentarase dentro do prazo de dous meses a partir da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia, á que se lle xuntará, necesariamente, a seguinte documentación:

a) Memoria das actuacións levadas a cabo pola agrupación no ano 1996, na que deben constar pormenorizadamente por meses, o número de accións levadas a cabo en temporais, inundacións, nevadas, accidentes, incendios urbanos e forestais, salvamento e socorrismo, salvamento en praias, aglomeracións humanos, así como naquelas outras situacións de urxencia ou necesidade nas que poida atoparse en perigo a vida das persoas ou os bens.

Tamén deberán indicar na memoria as actividades de formación realizadas pola agrupación, pormenorizadas por meses e indicando os voluntarios da agrupación que recibiron formación.

Do mesmo xeito deberá recollerse na memoria unha relación detallada dos compoñentes da agrupación e, se é o caso, se dispoñen de obxectores de conciencia realizando a prestación social substitutoria na agrupación e número deles. No suposto de que a agrupación realice servicio de 24 horas deberá expresalo.

b) Relación dos medios que se van adquirir, coa súa orde de prioridades e os seus custos.

c) Declaración xurada responsable, do presidente da asociación ou agrupación, das axudas económicas recibidas en anos anteriores para os fins que se expresan no artigo 3º, indicando a súa contía. De non recibir ningunha tamén se fará constar, xuntando, se é o caso, o xustificante ó que se refire o artigo segundo.

d) Fotocopia do NIF ou CIF e xustificante da entidade bancaria co número de conta que teña aberta nela.

e) Número de voluntarios dispoñibles para actuar e/ou colaborar, a calquera hora do día ou da noite, nunha emerxencia de protección civil.

Artigo 5º

Unha vez recibida a documentación nas delegacións provinciais, procederase ó seu exame polas xefaturas provinciais de Protección Civil, e no caso de que non se axustase ó que se establece no artigo 4º desta orde, comunicaráselle ó peticionario para que no prazo de dez días, segundo o disposto no artigo 71 da Lei de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, reparen os erros ou omisións. De non facelo así, procederase a arquivala sen máis trámites.

Artigo 6º

Cumprido este requisito, as respectivas xefaturas provinciais remitirán a documentación á que se refire o artigo anterior, xunto co correspondente informe técnico, á Secretaría Xeral para a Protección Civil e o Medio Ambiente. Esta procederá a convocar unha comisión avaliadora, que estará presidida polo secretario xeral para a Protección Civil e o Medio Ambiente, e formada polos catro delegados provinciais da Consellería da Presidencia e Administración Pública, o xefe do Servicio de Información e Formación e o xefe da Sección Administrativa da Secretaría Xeral para a Protección Civil e o Medio Ambiente, que actuará como secretario.

Artigo 7º

Estudiada pola devandita comisión a documentación presentada, procederase a redacta-la proposta de concesión de axudas, para o que se valorará:

a) Non ter recibido subvención ou ser de nova creación.

b) Accións de colaboración prestada en emerxencias ou urxencias de protección civil, demandadas a través de SOS-Galicia ou dos CECOPs-provinciais.

c) Actividades realizadas pola agrupación/asociación durante o ano 1996, indicadas na memoria que presenten conforme se establece no artigo 4º.

d) Índices de risco nas zonas de actuación da agrupación/asociación, conforme co establecido no Plan Territorial de Protección Civil de Galicia (Platerga).

e) Número de voluntarios dispoñibles para actuar en emerxencias de protección civil.

Artigo 8º

A resolución será adoptada polo conselleiro da Presidencia e Administración Pública, conforme a proposta que faga a comisión avaliadora.

Artigo 9º

Os resultados das concesións seranlles comunicados a cada unha das agrupacións e asociacións de voluntarios de protección civil, a través das delegacións provinciais da Consellería da Presidencia e Administración Pública.

Artigo 10º

Recibida polos beneficiarios a comunicación de concesión de axudas, deberán comunicar por escrito a súa aceptación, se é o caso, no prazo de quince días. De non facelo así, arquivarase o seu expediente sen máis trámites.

Artigo 11º

Non poderá recibi-las cantidades das axudas aquelas agrupacións ou asociacións que non acrediten que están ó día das súas obrigas tributarias e sociais, e que non teñen pendente de pagamento ningunha débeda, por ningún concepto, coa Administración pública desta Comunidade Autónoma. Deberán remitirse á Xefatura Provincial de Protección Civil, para unilos ó seu expediente, os orixinais dos ditos documentos, en todo caso expedidos polos organismos competentes.

Artigo 12º

Os pagamentos faranse polo total, unha vez verificado o gasto. As asociacións e agrupacións que perciban subvencións estarán obrigadas a xustifica-lo emprego delas mediante o envío á xefatura provincial correspondente, antes do un de setembro de 1997, das facturas (orixinal e copia) das casas subministradoras do material, conformadas polo presidente da asociación ou agrupación.

Así mesmo, deberán envía-los xustificantes dos gastos incluídos no artigo 3º, parágrafo terceiro desta orde, debidamente conformados polo presidente ou xefe da agrupación ou asociación.

Posteriormente, unha vez percibido o importe da subvención pola devandita asociación ou agrupación, esta deberá enviar á xefatura provincial que corresponda, no prazo de quince días, os xustificantes dos pagamentos ás mencionadas casas subministradoras de acordo coas anteriores facturas, segundo o modelo incluído no anexo II desta orde. Se os pagamentos non se aboan directamente, deberán enviar xustificante da entidade financeira a través da que se fixo a correspondente transferencia bancaria.

A continuación, as xefaturas provinciais de Protección Civil remitirán os anteriores documentos á Secretaría Xeral para a Protección Civil e o Medio Ambiente.

Artigo 13º

Procederá o reintegro a esta Comunidade Autónoma das axudas percibidas e dos xuros de demora no caso de incumprimento da obriga de xustificación á que se refire o artigo anterior, ou da finalidade para a que foi concedida, así como no suposto de que resultase que a agrupación non reúne os requisitos esixidos na presente orde e demais disposicións aplicables.

Para tal efecto, a Secretaría Xeral para a Protección Civil e o Medio Ambiente fará un seguimento da correcta aplicación das axudas económicas concedidas cos fins previstos na presente orde.

Artigo 14º

No non previsto, será de aplicación o disposto na Lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma galega para o ano 1997, e nos artigos 78 e 79 da Lei 11/1992, do 7 de outubro, de réxime financeiro e presupostario de Galicia. Transcorridos tres meses desde a finalización do prazo de presentación de solicitudes, ou dos que se dan nos casos ós que se refiren os artigos 71 e 76 da Lei de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común sen resolución expresa, deberá entenderse desestimada a petición correspondente (Art. 43.2 c), a contrario sensu, da devandita lei.

Disposición adicional

A teor do disposto na Orde do 2 de xuño de 1986, modificada pola do 18 de outubro de 1991 (DOG do 19 de xuño e 29 de outubro, respectivamente), da Consellería de Economía e Facenda, sobre a tramitación anticipada de expedientes de gasto, a resolución da presente liña de subvencións non será notificada ata que non resulten aprobados os créditos adecuados e suficientes que amparen o correspondente gasto, con cargo á Lei de orzamentos xerais da comunidade autónoma de Galicia para 1997.

Santiago de Compostela, 27 de novembro de 1996.

Dositeo Rodríguez Rodríguez

Conselleiro da Presidencia e Administración Pública

ANEXO II

Xustificante de pagamento

D./Dna......................................................, con DNI nº ......................... como responsable da casa subministradora de nome................................................, Recibín no día da data, do Presidente da Asociación/Agrupación de Voluntarios de Protección Civil de ........................................., a cantidade de .........................................ptas., en concepto de pagamento do importe da factura nº .............................., expedida o día .................................................

En ...................., o ..... de ................... de 1997.

Sinatura: Selo:

96-9532