Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 252 Venres, 27 de decembro de 1996 Páx. 11.848

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE EDUCACIÓN E ORDENACIÓN UNIVERSITARIA

RESOLUCIÓN do 26 de novembro de 1996, da Dirección Xeral de Ordenación Educativa e de Formación Profesional, pola que se determinan as funcións e se regulan o plano de actividades e o réxime de funcionamento dos equipos psicopedagóxicos de apoio da Comunidade Autónoma de Galicia.

Pola Orde do 8 de agosto de 1985 (Diario Oficial de Galicia do 3 de setembro) créanse os equipos psicopedagóxicos de apoio, outorgándolles unhas funcións propias das necesidades educativas do momento.

A Lei 1/1990, do 3 de outubro, de ordenación xeral do sistema educativo (LOXSE) establece no seu capítulo quinto, dedicado á educación especial, que a identificación e valoración das necesidades educativas especiais será realizada por equipos integrados por profesionais de distintas cualificacións, que establecerán en cada caso planos de actuación en relación coas necesidades educativas específicas dos alumnos e alumnas.

O desenvolvemento da LOXSE está a amplia-las funcións e os campos de actuación dos equipos psicopedagóxicos de apoio. Así, os seus membros deberán actuar naqueles ámbitos que os atinxan na normativa que desenvolve esta lei na Comunidade Autónoma de Galicia.

A Orde do 6 de outubro de 1995, pola que se regulan as adaptacións do currículo nas ensinanzas de réxime xeral, establece que o responsable da orientación educativa do centro e o equipo psicopedagóxico de apoio de sector deberán prestarlle asesoramento ó profesorado no deseño e desenvolvemento das adaptacións curriculares. Igualmente, disponse que o equipo psicopedagóxico de apoio terá que intervir na realización dunha avaliación diagnóstica previa á elaboración das adaptacións curriculares.

A necesidade de garanti-lo acceso á orientación a tódolos alumnos e alumnas do ensino non universitario, posto que todos eles precisan nalgún momento ser orientados académica, psicopedagóxica ou profesionalmente, demanda a actuación nestes ámbitos de profesionais da orientación tanto escolar como persoal e vocacional.

A ampliación cuantitativa e cualitativa do labor dos titores e titoras necesita a axuda de profesionais da orientación que lles faciliten información, material ou asesoramento. Pola súa parte, os departamentos de orientación necesitarán, igualmente, nalgúns casos, do labor complementario dun equipo de zona, dotado doutros especialistas e de máis medios para atender certas necesidades. Isto implica que, para que o desenvolvemento da orientación educativa teña a eficacia

requirida, o marco no que se debe levar a cabo deberá abrangue-la aula, o centro e a zona ou sector.

O Decreto 320/1996, do 26 de xullo, de ordenación da educación de alumnos e alumnas con necesidades educativas especiais necesita, para o seu desenvolvemento, a intervención dos equipos psicopedagóxicos de apoio.

Por outra parte, aínda que os equipos psicopedagóxicos de apoio desenvolven fundamentalmente as súas funcións nos propios centros docentes, son necesarias unha serie de actividades de preparación, de unificación de pautas de intervención, de administración, de atención ó público, etc., que se teñen que realizar na sede do equipo.

En consecuencia, considerando a necesidade de atender convenientemente desde o sector os aspectos relacionados coa orientación no seu sentido máis amplo e actual, cómpre reconduci-lo ámbito de actuación dos equipos psicopedagóxicos de apoio, actualiza-las súas funcións e regula-la súa organización e funcionamento.

En virtude do anterior, a Dirección Xeral de Ordenación Educativa e de Formación Profesional,

RESOLVE:

Primeiro.-Ámbito de actuación.

1. A orientación educativa forma parte dos servicios da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria que comprenden a atención académica, psicopedagóxica e profesional dos alumnos e das alumnas do ensino non universitario co obxecto de logra-lo seu desenvolvemento integral.

2. O ámbito de intervención dos equipos psicopedagóxicos de apoio da Comunidade Autónoma de Galicia son os centros públicos de educación infantil, primaria e secundaria e, se é o caso, os centros de educación especial.

3. Dentro do seu ámbito, considerarase prioritario o arco de idade comprendida entre os 6 e os 16 anos, que inclúe os centros que imparten as etapas de ensino obrigatorio, e a atención á educación infantil para garanti-la actuación precoz sobre as necesidades educativas especiais.

Segundo.-Estructura.

1. Nos centros de educación infantil e primaria e, se cumprise, nos centros de educación especial o apoio nos ámbitos da aprendizaxe e psicopedagóxico será proporcionado polos equipos psicopedagóxicos de apoio.

2. No ámbito da orientación, os equipos psicopedagóxicos de apoio serán o núcleo básico do sector. O seu labor esténdese sobre dous planos: o propiamente sectorial, desempeñando funcións integradoras dentro da comunidade educativa dunha zona, e o relacionado con cada centro do sector.

3. En cada provincia existirá un inspector-director dos equipos psicopedagóxicos de apoio que será o inspector ou inspectora membro do equipo de traballo

interprovincial de orientación e titoría e que presidirá as reunións da comisión provincial de orientación. Formarán parte da dita comisión os coordinadores ou coordinadoras dos diferentes equipos psicopedagóxicos de apoio da provincia.

4. Serán funcións prioritarias da comisión provincial de orientación as que se establecen a seguir:

a) Debater, unificar e aproba-las propostas de actuación dos distintos equipos psicopedagóxicos de apoio da provincia, de cara á súa presentación á Subdirección Xeral de Ordenación Educativa.

b) Elevar á Subdirección Xeral de Ordenación Educativa, a través do inspector-director, informes, propostas e proxectos de carácter técnico e organizativo.

c) Realiza-lo seguimento dos plans provinciais e sectoriais.

d) Establecer canles de comunicación con outros equipos psicopedagóxicos de apoio, centros de formación continuada do profesorado e outros organismos provinciais que poidan ter relación co desenvolvemento das funcións propias do equipo.

5. En cada equipo psicopedagóxico de apoio haberá un coordinador nomeado polo delegado provincial, por proposta do inspector-director correspondente e oídos os propios membros do equipo.

6. A organización xeral e o seguimento do exercicio das respectivas funcións orientadoras estarán baixo a dependencia da Subdirección Xeral de Ordenación Educativa e, dentro desta, do Servicio de Ordenación e Innovación Educativa.

Terceiro.-Funcións dos equipos psicopedagóxicos de apoio.

1. Os equipos psicopedagóxicos de apoio colaborarán cos centros de educación infantil e primaria, cos departamentos de orientación dos centros de educación secundaria e, se é o caso, co profesorado titor dos centros de educación especial nos ámbitos que se seguen:

a) Prevención e detección precoz de dificultades no desenvolvemento persoal ou da aprendizaxe do alumnado.

b) Acción titorial e tarefas de orientación persoal, escolar e profesional.

c) Elaboración, adaptación e divulgación de materiais de tipo psicopedagóxico de utilidade para os centros de educación infantil e primaria, para os departamentos de orientación de educación secundaria e, se fora o caso, para os centros de educación especial.

d) Avaliación psicopedagóxica dos alumnos que a necesiten, co fin de propoñe-la modalidade de escolarización máis conveniente para eles.

e) Procesos de elaboración, implantación e seguimento das adaptacións curriculares e dos programas de diversificación curricular, e calquera outro programa no ámbito da atención á diversidade e da orientación educativa.

f) Aqueloutros que, no ámbito do sector e relacionados coa orientación, se desprendan do desenvolvemento do Decreto 320/1996, do 26 de xullo, ou se lles puideran encomendar.

2. O especialista en audición e linguaxe do equipo psicopedagóxico de apoio, atenderá os casos da súa especialidade en calquera dos centros que abrangue o ámbito de actuación do seu equipo, prioritariamente nos centros de educación infantil e primaria. Deberá colaborar, igualmente, co resto dos membros do equipo nas actuacións integradas e interdisciplinares que se requiran, responsabilizándose das seguintes funcións:

a) Orienta-lo profesorado no tratamento de problemas de audición e linguaxe.

b) Colaborar na elaboración, seguimento e avaliación de adaptacións curriculares para alumnos con necesidades educativas especiais no eido da audición e da linguaxe.

c) Intervir directamente, como consecuencia dunha valoración interdisciplinar do equipo, na rehabilitación de problemas de audición e linguaxe dos alumnos e alumnas.

d) Calquera outra que se lles puidese encomendar relacionada coa súa especialidade.

3. Os asistentes sociais dos equipos psicopedagóxicos de apoio realizarán accións de intervención socioeducativa cos alumnos que presentan problemas ou dificultades de integración escolar e social. Para o desenvolvemento do seu traballo estarán en constante coordinación cos profesores titores, familias ou titores legais ordinarios, ou persoas ou institucións que teñan a garda dos menores, e profesionais doutros servicios, públicos ou privados, co fin de garanti-lo máximo aproveitamento dos recursos dispoñibles. Estes especialistas desenvolverán prioritariamente as seguintes funcións:

a) Asesora-los diferentes sectores da comunidade educativa sobre aqueles aspectos sociais e familiares do alumnado e sobre os recursos socioeconómicos da zona que poidan ser de interese para o desenvolvemento persoal e vocacional dos alumnos e das alumnas.

b) Realiza-lo estudio e a valoración sociofamiliar dos casos detectados, coa elaboración posterior dunha proposta de intervención socioeconómica ou a derivación cara ó recurso pertinente, así como o posterior seguimento e avaliación do caso.

c) Contribuír á valoración interdisciplinar do alumnado e colaborar con outros servicios sociais e sanitarios de atención á infancia e á adolescencia, co fin de poder ofertar unha atención coordinada tanto a aqueles alumnos que a necesitan como ás súa familias.

d) Colaborar cos centros na atención ós alumnos e alumnas con problemas de absentismo escolar e darlles apoio ás súas familias para a realización e execución de programas que permitan a progresiva participación daqueles nas actividades do centro.

e) Apoia-los centros na aplicación de programas de saúde escolar, no marco das actuacións que se vaian realizar con determinadas familias, co fin de mellora-las condicións relativas ós hábitos de hixiene, alimentación e, en xeral, ós aspectos preventivos relacionados coa saúde dos alumnos e das alumnas.

f) Axuda-los centros a adaptarse ás necesidades que, por motivos culturais, sociais, étnicos, económicos, etc., presenten determinados alumnos ou colectivos alumnos con risco de marxinación.

4. O coordinador dun equipo, ademais das funcións propias no equipo como psicólogo, pedagogo ou especialista en audición e linguaxe, deberá desenvolve-las seguintes funcións:

a) Coordina-la aplicación do plan anual provincial do equipo psicopedagóxico de apoio no seu ámbito de influencia.

b) Velar polo cumprimento da normativa vixente en relación cos equipos psicopedagóxicos de apoio.

c) Participar nas reunións de coordinación que, a nivel provincial, se desenvolvan cos inspectores-directores dos equipos, trasladándolle-las mesmas as propostas do equipo comarcal e ós membros do equipo os acordos que nas devanditas reunións se adopten.

d) Trasladar mensualmente á dirección dos equipos psicopedagóxicos o plan de actividades que vai desenvolver cada membro do equipo, con especificación de calendario, así como un resumo das actividades desenvolvidas polos seus membros.

e) Impulsa-las tarefas de investigación, formación e outras que poidan ser de interese para os membros do equipo.

Cuarto.-Horario e vacacións.

1. O horario do persoal dos equipos psicopedagóxicos axustarase ás necesidades de atención ós centros e da sede previstas na programación anual. Para tal fin, o coordinador do equipo propoñerá unha distribución horaria que deberá ser aprobada polo inspector-director provincial.

2. Os membros dos equipos psicopedagóxicos de apoio terán o horario semanal de traballo dos funcionarios docentes, desenvolvendo as funcións que lles correspondan en trinta e sete horas e media. Destas, sete horas e media poderán dedicarse a actividades de formación, relatorios e preparación para o desenvolvemento das súas funcións, sen que sexa preciso que se realicen nos lugares habituais de traballo nin en horario fixo.

3. Os membros dos equipos psicopedagóxicos de apoio desfrutarán as súas vacacións dentro do período non lectivo do calendario escolar, debendo asegurarse en todo caso a súa actividade nos centros ou na sede ata o quince de xullo.

Non obstante, en Nadal, Semana Santa e na segunda quincena de xullo, con carácter excepcional e perante determinadas situacións xurdidas dentro da comunidade educativa, a delegación provincial poderá solicitar dun equipo, ou dalgún dos seus membros, unha

colaboración ou intervención que estea dentro das súas funcións.

4. Independentemente do asesoramento e da atención directa nos centros educativos do seu ámbito, o horario de cada un dos membros incluirá a estancia na sede do equipo polo menos unha mañá e unha tarde á semana, en horario que posibilite a atención ós diferentes grupos de poboación da comunidade educativa dos centros da súa zona.

5. Tódolos membros do equipo coincidirán na sede polo menos durante unha mañá ou unha tarde á semana dentro do espacio horario sinalado no apartado anterior.

6. O coordinador do equipo psicopedagóxico de apoio dedicará polo menos cinco horas semanais ás tarefas de coordinación na propia sede.

7. O control de asistencia do persoal pertencente ó equipo será realizado polo seu coordinador, quen lle remitirá ó inspector-director correspondente, durante os cinco primeiros días lectivos de cada mes, os partes de faltas relativos ó mes inmediatamente anterior. Tódalas faltas de asistencia ou puntualidade non xustificadas serán comunicadas polo coordinador, no prazo de sete días de producirse, á delegación provincial da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria.

8. Cando se trate de enfermidade ou incapacidade transitoria será obrigatoria a presentación do xustificante médico correspondente, expedido polo facultativo competente, a partir do terceiro día da enfermidade ou incapacidade. Calquera ausencia que se produza, incluíndo a dun día, deberá de ser xustificada e notificada polo membro do equipo correspondente ó coordinador do equipo coa maior brevidade posible.

Quinto.-Organización da sede.

1. A atención ó público fóra dos centros e as reunións de coordinación realizaranse preferentemente en horario de tarde. As reunións co profesorado dos centros deberán evita-la interrupción da actividade lectiva.

2. Toda documentación xerada no equipo ou, cando proceda, una copia dela, relacionada coa atención ós alumnos, estará na sede. Quedará, así, constancia dos informes psicopedagóxicos dos alumnos atendidos, tratamentos de logopedia, resumo das entrevistas familiares, rexistros de xestións, material elaborado polos compoñentes do equipo, e calquera outra que se considere de interese.

3. Os documentos ós que se alude no apartado anterior levarán constancia do seu carácter confidencial co cuño correspondente. A súa custodia será competencia do coordinador ou coordinadora do equipo psicopedagóxico de apoio ou, se é o caso, do departamento de orientación e trasladarase ó expediente do alumno só aquela información relevante para a intervención pedagóxica dos docentes. Esta información levará igualmente o cuño de confidencialidade.

4. Do mesmo xeito, permanecerá na sede a documentación relativa ó persoal do equipo e calquera outra que se considere de interese.

5. Permanecerá, igualmente, na sede aquela documentación referente ó seu funcionamento xeral e calquera outra que se considere de interese.

6. Toda a documentación estará á disposición da inspección educativa.

7. No caso de que existan solicitudes de prácticas de formación, de investigación ou outras, estas deberanse someter á autorización da Administración educativa.

Sexto.-Plan anual e memoria.

1. Cada equipo elaborará o plan anual de traballo, que deberá someterse á aprobación do inspector-director provincial correspondente, no que se concretará a composición do equipo, a planificación de actividades que se desenvolverán nos centros educativos do seu ámbito, con explicitación dos centros e o número total de alumnos, os cambios relevantes producidos no seu ámbito de actuación ou no propio equipo que impliquen modificacións na intervención, o horario dos membros do equipo, con especificación dos centros asignados a cada un, e cantos datos se consideren de interese para xustifica-la programación de actividades.

2. A actuación nos centros será froito dos acordos entre os integrantes dos equipos e cada un dos centros. No plan anual incluirase a síntese das programacións correspondentes a cada centro.

3. O plan anual enviarase, para a súa aprobación, ó inspector-director provincial dos equipos psicopedagóxicos de apoio antes do 30 de outubro.

4. O inspector-director avaliará cunha periodicidade polo menos trimestral o nivel de realización da programación xeral anual e, no ámbito da comisión provincial, proporá, se fose o caso, as oportunas modificacións.

5. Ó remate do curso académico, os equipos psicopedagóxicos de apoio elaborarán unha memoria das súas actuacións, nela incluirase o informe sobre as prioridades respecto das funcións e dos ámbitos de intervención, a avaliación e valoración crítica do grao de cumprimento do plan anual, a análise das dificultades atopadas na súa realización e as propostas de mellora para a súa inclusión no plan do curso seguinte.

6. Na memoria de fin de curso deberán aparecer aspectos tales como a valoración da intervención realizada nos centros educativos de acordo coas propostas de actuación do plano anual de traballo, o resumo das demandas atendidas, as actividades de formación realizadas polos profesionais do equipo e cantos outros aspectos se consideren de interese para comprende-la actuación xeral do equipo durante o curso.

7. Antes do 10 de setembro enviarase a memoria de fin de curso ó inspector-director correspondente e unha copia dela á Subdirección Xeral de Ordenación Educativa.

Disposición derradeira

Esta resolución entrará en vigor ó día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 26 de novembro de 1996.

José Luis Mira Lema

Director xeral de Ordenación Educativa e de Formación Profesional

9526