Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 251 Xoves, 26 de decembro de 1996 Páx. 11.827

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE XUSTIZA, INTERIOR E RELACIÓNS LABORAIS

RESOLUCIÓN do 12 de novembro de 1996, da Delegación Provincial de Pontevedra, pola que se dispón o rexistro, depósito e publicación no Diario Oficial de Galicia do convenio colectivo da empresa Estacionamientos y Servicios, S.A.

Visto o expediente do convenio colectivo para a empresa Estacionamientos y Servicios, S.A., que tivo entrada nesta delegación provincial o día 11-11-1996, subscrito en representación da parte económica por unha representación da empresa, e da parte social, polo delegado de persoal, con data 4-11-1996. De conformidade co disposto no artigo 90.2º e 3º, do Real decreto lexislativo 1/1995, do 24 de marzo, polo

que se aproba o texto refundido da Lei do Estatuto dos traballadores, Real decreto 1040/1981, do 22 de maio, sobre rexistro e depósito de convenios colectivos de traballo e Real decreto 2412/1982, do 24 de xullo, sobre traspaso de funcións e servicios da Administración do Estado á Comunidade Autónoma de Galicia, en materia de traballo, esta delegación provincial,

ACORDA:

Primeiro.-Ordena-la súa inscrición no libro de rexistro de convenios colectivos de traballo, que consta nesta delegación provincial, e a notificación ás representacións económica e social da comisión negociadora.

Segundo.-Ordena-lo seu depósito no Servicio de Relacións Laborais, Sección de Mediación, Arbitraxe e Conciliación.

Terceiro.-Dispoñe-la súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Vigo, 12 de novembro de 1996.

Antonio Coello Bufill

Delegado provincial de Pontevedra

Convenio colectivo entre a empresa Estacionamientos y Servicios, S.A., adxudicataria do concurso para a prestación do servicio de retirada, depósito e custodia de vehículos, contedores, indebida ou defectuosamente estacionados, parados ou depositados na vía pública do concello de Vigo e os traballadores que figuran adscritos ó servicio.

Capítulo I

Disposicións xerais

Artigo 1º.-Ámbito de aplicación.

O presente convenio será de aplicación para todo o persoal que preste os seus servicios no centro de traballo establecido na cidade de Vigo, e estea contratado por Estacionamientos y Servicios, S.A., adxudicataria do concurso para a prestación do servicio de retirada, depósito e custodia de vehículos, contedores indebida ou defectuosamente estacionados, parados ou depositados na vía pública do concello de Vigo.

Artigo 2º.-Vixencia.

O convenio colectivo entrará en vigor para tódolos efectos o día seguinte ó da súa publicación no BOP, agás os económicos que se retrotraerán ó 1 de xaneiro de 1996.

Artigo 3º.-Duración.

A duración deste convenio será dun ano, do 1 de xaneiro de 1996 ó 31 de decembro de 1996.

O dito convenio entenderae automaticamente denunciado de ano en ano, sen necesidade de aviso por ningunha das partes.

Artigo 4º.-Vinculación á totalidade.

As condicións pactadas forman un todo orgánico e indivisible e, para efectos da súa aplicación práctica, serán consideradas globalmente en cómputo anual.

No suposto de que a autoridade laboral non aprobase algún dos pactos contidos no presente convenio, este quedará sen eficacia práctica, e deberá ser reconsiderado na súa totalidade.

Artigo 5º.-Absorción e compensación.

As retribucións establecidas neste convenio compensarán e absorberán tódalas existentes no momento da súa entrada en vigor, calquera que sexa a natureza ou a orixe delas.

Os aumentos de retribucións que poidan producirse no futuro por disposicións legais de xeral aplicación, só poderán afecta-las condicións pactadas no presente convenio cando, consideradas as novas retribucións en cómputo anual, sexan superiores ás aquí pactadas. En caso contrario, serán absorbidas ou compensadas por estas últimas, e subsistirá o presente convenio nos seus propios termos e sen modificación ningunha nos seus conceptos, módulos e retribucións.

Artigo 6º.-Garantía ad personam. Dereitos adquiridos.

Respectaranse as condicións superiores pactadas a título persoal que estean establecidas ó entrar en vigor o presente convenio e que, con carácter global, excedan deste en cómputo anual.

Artigo 7º.-Comisión mixta paritaria.

Constitúese unha comisión mixta paritaria no presente convenio, composta por un representante da empresa e outro dos traballadores, podendo ámbalas partes contar cos asesores que consideren necesarios.

As partes conveñen en darlle coñecemento á comisión paritaria de cantas dúbidas, discrepancias e conflictos puidesen orixinarse como consecuencia da interpretación e aplicación do presente convenio, co obxecto de que esta emita informe antes de presentar reclamación ante os organismos correspondentes.

Artigo 8º.-Lexislación supletoria.

Para todo o non previsto neste convenio, será de aplicación a lexislación laboral vixente e, en especial, o RD lexislativo 1/1995, do 24 de marzo, texto refundido do Estatuto dos traballadores.

Capítulo II

Condicións de traballo

Artigo 9º.-Xornada.

A xornada de traballo queda establecida en corenta horas semanais de traballo efectivo, que se distribuirán de luns a domingo. A xornada en cómputo anual será de 1.826 horas.

A xornada de traballo efectiva deberá ser realizada por cada traballador de acordo coas fórmulas de reparto horario existentes no centro de traballo, dentro dos límites establecidos na lei, en réxime de quendas e con carácter rotativo.

Enténdese como traballo efectivo a presencia do traballador no seu posto de traballo e dedicado a este.

A xornada de traballo estará supeditada en cada momento ás necesidades do servicio e ós cambios que nel poidan producirse, en función do contrato entre a empresa e o Concello de Vigo.

Os traballadores terán dereito a 15 minutos de bocadillo, que se considerarán como tempo efectivo de traballo; o dito período farase coincidir co da policía.

Os excesos de xornada por acumulación de horario semanal desfrutaranse como máximo dentro do mes seguinte a aquel en que se producisen.

Artigo 10º.-Vacacións.

Todo persoal afectado polo presente convenio desfrutará de 30 días naturais de vacacións retribuídas ou a parte proporcional que lle corresponda, en función do tempo de permanencia na empresa.

O período de desfrute das vacacións será do 1 de maio ó 31 de outubro, de forma rotativa.

Artigo 11º.-Licencias e permisos.

O traballador, logo de aviso e xustificación, poderá ausentarse do traballo con dereito a remuneración de todos aqueles conceptos retributivos que non se atopen vinculados de forma expresa á prestación efectiva da actividade laboral, por algún dos motivos e polo tempo seguinte:

a) Quince días naturais en caso de matrimonio.

b) Dous días nos casos de nacemento de fillo/a, enfermidade grave ou falecemento e parentes ata segundo grao de consanguinidade ou afinidade; cando, para tal motivo, o traballador necesite facer un desprazamento para o efecto fóra da provincia, o tempo será de catro días.

c) As traballadoras, por lactación dun fillo menor de nove meses, terán dereito a unha hora de descanso no seu traballo diario, que poderán dividir en dúas fraccións. As traballadoras poderán substituír este dereito por unha reducción da xornada normal en media hora, coa mesma finalidade.

d) Un día por traslado do domicilio habitual.

e) Polo tempo indispensable para o cumprimento dun deber de carácter público e persoal.

f) Un día por matrimonio de fillo/a, irmán/á.

Capítulo III

Condicións económicas

Artigo 12º.-Salario base.

O salario base do persoal afectado por este convenio é o que para cada categoría se establece na táboa salarial anexa.

O salario base devengarase por día natural.

Artigo 13º.-Antigüidade.

O complemento de antigüidade consistirá en tres bienios do 5% e posteriores quinquenios do 10% do salario base de cada categoría.

A data inicial do cómputo de antigüidade será a do ingreso do traballador na empresa.

Os aumentos por anos de servicio comezarán a devengarse a partir do día primeiro do mes seguinte en que se cumpra o bienio ou quinquenio.

Artigo 14º.-Plus de asistencia.

Establécese un plus de asistencia para o persoal afectado polo presente convenio, na contía sinalada na táboa salarial anexa, que se aboará por día efectivamente traballado.

Artigo 15º.-Plus de nocturnidade.

Establécese un plus de nocturnidade para todo o persoal que realice a súa xornada entre as 22 h e as 6 h do día seguinte, consistente nun 25% do salario base, que se aboará por día efectivamente traballado.

Artigo 16º.-Plus extrasalarial.

Para supli-los gastos ocasionados polo transporte, establécese un plus extrasalarial pola contía establecida na táboa salarial anexa, que se aboará por día efectivamente traballado.

Artigo 17º.-Gratificacións extraordinarias.

Aboaránselle a todo o persoal afectado polo presente convenio dúas pagas extraordinarias denominadas verán e Nadal.

A contía de cada unha delas será de 30 días de salario base máis antigüidade.

* O período de devengo será o seguinte:

Verán: do 1 de xaneiro ó 30 de xuño.

Nadal: do 1 de xuño ó 31 de decembro.

* A data de aboamento será a seguinte:

Verán: o día 15 de xullo.

Nadal: o día 22 de decembro.

Artigo 18º.-Horas extraordinarias.

As partes que asinan o presente convenio acordan a conveniencia de reducir ó mínimo indispensable a realización de horas extraordinarias.

As horas que teñan a consideración de extraordinarias terán un incremento do 75% sobre o valor da hora ordinaria.

A empresa, sempre e cando non se perturbe o normal proceso productivo, poderá compensa-la retribución das horas extraordinarias por tempos equivalentes de descanso.

Capítulo IV

Melloras sociais

Artigo 19º.-Complementos por IT.

1. Accidente.

A empresa complementará as prestacións que perciba o traballador nos casos de baixa por accidente laboral, ata o 100% da base de cotización, a partir do primeiro día da baixa.

2. Enfermidade.

A empresa complementará as prestacións que perciba o traballador, nos casos de baixa por enfermidade común que requira hospitalización e mentres dure esta, ata o 100% da base de cotización.

Artigo 20º.-Póliza de accidentes de traballo.

A empresa comprométese a subscribir unha póliza de seguro por accidente de traballo que lles garanta ó traballador ou ós seus habentes-causa as seguintes indemnizacións:

-Falecemento por accidente laboral: 2.000.000 de ptas.

-Invalidez absoluta, gran invalidez ou morte derivada de enfermidade profesional: 2.000.000 de ptas.

A dita póliza entrará en vigor ós quince días da sinatura deste convenio.

Artigo 21º.-Contratos.

Co fin de garanti-la estabilidade no emprego, ós traballadores contratados mediante contrato de lanzamento de nova actividade, ó remata-la derradeira prórroga do dito contrato e unha vez extinguido este, formalizaráselles un novo contrato na modalidade de obra ou servicio deteminado.

Non se observará o disposto no parágrafo anterior sempre que concorra algunha das seguintes eventualidades:

-Substitución de traballador en situación de IT.

-Excedencias.

-Substitución por vacacións.

-Algún servicio determinado.

Artigo 22º.-Conflictos cos usuarios.

En caso de conflictos que adquiran estado xudicial de empregados da empresa con usuarios do servicio, con motivo deste, aquela proporcionaralles avogado e procurador e custeará os gastos que estes orixinen, para que defendan o traballador ou traballadores implicados.

Artigo 23º.-Roupa de traballo.

Os traballadores percibirán, como dotación de roupa de traballo, as seguintes pezas de roupa coa periodicidade que se detalla:

Anualmente:

Verán: dúas camisas, un par de zapatos, unha funda de traballo, un xersei fino.

Inverno: dúas camisas, un xersei groso, un par de zapatos, unha funda de traballo.

Bianualmente:

Un traxe de auga.

Os conductores recibirán anualmente unha funda de traballo.

Incremento salarial ano 1996.

Para o ano 1996, o incremento salarial será do 5% sobre as táboas vixentes o 31 de decembro de 1995. (Anexo I).

ANEXO I

Táboa salarial do persoal adscrito ó servicio de retirada, depósito e custodia de vehículos, contedores, indebidamente ou defectuosamente estacionados, parados ou depositados na vía pública do concello de vigo

Vixencia desde o 1 de xaneiro de 1996

ó 31 de decembro de 1996

Categoría

Salario base

365 días

P. asistencia

274 días

P. transporte

274 días

Pagas extras

Veran./Nadal

Bruto anual

Encargado3.88575281116.5501.748.669

Conductor2.7527528182.5601.267.144

Controlador

Dep.

2.7097528181.2701.248.869

Aux. administrativo (mensual)81.2702.2507.00081.2701.248.780

9178