Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 247 Xoves, 19 de decembro de 1996 Páx. 11.602

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE SANIDADE E SERVICIOS SOCIAIS

ORDE do 5 de decembro de 1996 pola que se regulan as axudas individuais non periódicas para minusválidos e terceira idade.

O Estatuto de autonomía de Galicia, no seu artigo 27.23º, asígnalle á Comunidade Autónoma competencia exclusiva en materia de asistencia social. Así mesmo, no seu artigo 33.2º, establécese que lle corresponde o desenvolmento lexislativo e a execución da lexislación básica do Estado en materia de Seguridade Social.

A Lei 4/1993, do 14 de abril, de servicios sociais de Galicia, nos seus artigos 50 e 52, recolle a posibilidade de conceder de maneira singular prestacións económicas non periódicas a persoas en estado de necesidade.

A Consellería de Sanidade e Servicios Sociais da Xunta de Galicia, de conformidade co Decreto 287/1993, do 10 de decembro, polo que se establece a estructura orgánica dos departamentos da Xunta de Galicia, e o Decreto 63/1996, do 15 de febreiro, polo que se fixa a estructura orgánica da consellería, ten ó seu cargo competencias en materia de servicios sociais, de acordo co establecido no Estatuto de autonomía para Galicia nos termos sinalados pola Constitución española.

A Orde da Consellería de Economía e Facenda do 2 de xuño de 1986, modificada pola Orde do 18 do outubro de 1991, posibilita a tramitación anticipada dos expedientes de gasto imputable ó capítulo IV, no exercicio orzamentario inmediatamente anterior a aquel no que se materialice a prestación.

Na Lei 11/1992, do 7 de outubro, de réxime financeiro e presupostario de Galicia, e no proxecto de Lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para 1997, establécense os requisitos xerais para as subvención que concederá esta Administración autonómica.

Segundo o citado proxecto da Lei de orzamentos existe crédito adecuado nas aplicacións 11.02.212D.480.40, 11.02.212D.482.50 e 11.02.212A.487, para financia-las axudas que se establecen no articulado da presente orde e que se concederán, en todo caso, tendo en conta o límite das dispoñibilidades orzamentarias.

Na súa virtude, en uso das facultades que teño atribuídas e para a debida aplicación dos créditos orzamentarios ó fin para o que foron establecidos.

DISPOÑO:

Artigo 1º

1.1. O obxecto da presente orde é a convocatoria de axudas individuais, de carácter non periódico, para persoas de terceira idade ou que padezan algún tipo de minusvalidez.

1.2. A solicitude, tramitación e concesión das axudas obxecto da presente orde axustarase ó disposto na Lei 11/1992, do 7 de outubro, de réxime financeiro e presupostario de Galicia, ó proxecto de Lei

de orzamentos da Comunidade galega para 1997 e á orde da Consellería de Economía e Facenda do 2 de xuño de 1986, modificada pola Orde do 18 de outubro de 1991.

Artigo 2º.-Axudas individuais a persoas con minusvalidez.

2.1. Tipoloxía: poderán concederse axudas individuais para os seguintes fins e polas contías máximas que a continuación se detallan:

2.1.1. Rehabilitación:

a) Estimulación precoz.

-Por cada tratamento particular (mensuais): 15.000 ptas.

-Por conxunto de tratamentos (mensuais): 38.000 ptas.

b) Recuperación médico-funcional.

-Fisioterapia, psicomotricidade, terapia da linguaxe e medicina ortopédica.

-Por cada tipo de tratamento (mensuais): 15.000 ptas.

-Polo conxunto de tratamentos (mensuaís): 38.000 ptas.

c) Tratamentos psicoterapéuticos (mensuais): 15.000 ptas.

2.1.2. Asistencia especializada:

a) Asistencia persoal:

-De desenvolvemento persoal: 400.000 ptas.

b) Adaptación funcional do fogar: 400.000 ptas.

c) Institucionalizada fóra da Comunidade Autónoma en réxime de internado (mensuais): 65.000 ptas.

2.1.3. Mobilidade e comunicación:

a) Aumento da capacidade de desprazamento:

-Adquisición de cadeira de rodas: 40.000 ptas.

-Obtención do permiso de conducir: 30.000 ptas.

-Adquisición de vehículos de motor: 300.000 ptas.

-Adaptación de vehículos de motor: 100.000 ptas.

b) Eliminación de barreiras arquitectónicas ou de comunicación: 400.000 ptas.

c) Adquisición de axudas técnicas: ata o custo real.

2.1.4. De promoción profesional:

-Recuperación profesional (mensuais): 35.000 ptas.

2.1.5. Axudas complementarias:

a) Transportes:

-Transporte especial (mensuais): 15.000 ptas.

-Transportes por rehabilitación e asistencia especializada (mensuais): 9.000 ptas.

b) Comedor:

-Axudas individuais por comida en casos específicos (mensuais): 9.000 ptas.

c) Residencia:

-Axudas para residencia en casos individuais (mensuais): 12.000 ptas.

2.1.6. Prórroga de bolsas.

Nas contías que establece a orde do Ministerio de Relación coas Cortes da Secretaría do Goberno do 28 de febreiro de 1990 (BOE nº 55, do 5 de marzo de 1990). A prórroga outórgase polo período comprendido entre o 1 xaneiro e o 31 de decembro de 1997. O pagamento realizarase directamente ós centros onde están acollidos os beneficiarios, logo da entrega por aqueles das relacións certificadas destes últimos.

As contías máximas fixadas neste artigo experimentarán os incrementos que, se é o caso, determine a Administración do Estado para os mesmos conceptos.

2.2. Requisitos:

Ademais dos requisitos establecidos no Real decreto 620/1981, do 5 de febreiro, sobre o réxime unificado de axudas públicas a diminuídos, os solicitantes destas axudas deberán reunir con carácter xeral os seguintes:

a) Estar afectado por unha minusvalidez física, psíquica ou sensorial recoñecida cun grao igual ou superior ó 33%, ou ter recoñecido dereito á pensión de invalidez permanente total, absoluta ou grande invalidez; que a axuda ou servicio que solicita sexa derivado da súa minusvalidez ou incapacidade e non supera-la idade de 65 anos.

b) Para prórroga de bolsas, ter sido beneficiario no ano 1995 dunha axuda outorgada con cargo ó crédito de asistencia social, sempre que non cambien as circunstancias e cumprindo os requisitos que establece o Real decreto 620/1981 e maila orde ministerial do 5 de marzo de 1992.

Artigo 3º.-Axudas individuais á terceira idade.

3.1. Contido:

Trátase de prestacións económicas que teñen por finalidade contribuír ó financiamento dos gastos ocasionados por unha acción determinada e que atendan ós conceptos e cos importes máximos que se sinalan.

3.1.1. Atención especializada.

-Adquisición de próteses dentais: 80.000 ptas.

-Adquisición de axudas técnicas: 60.000 ptas.

-Atención en residencias e centros de día para anciáns afectados de graves discapacidades (mensual): 60.000 ptas.

3.1.2. Habitabilidade e adaptación funcional do fogar.

-Adquisición de electrodomésticos de primeira necesidade: 40.000 ptas.

-Adaptación funcional do fogar: ata 200.000 ptas.

Dentro deste apartado atenderase preferentemente ás persoas que nos son beneficiarias de axudas para situacións de emerxencia social por conceptos semellantes ós que neste se recollen.

3.2. Beneficiarios de axudas.

-Persoas con 65 ou máis anos.

Artigo 4º.-Normas comúns.

4.1. As axudas recollidas na presente orde considéranse subsidiarias de calquera outra que se poida conceder para a mesma finalidade por calquera outro organismo ou Administración pública.

4.2. Nas solicitudes para adquisición de axudas técnicas, entenderase por axuda técnica aqueles utensilios, dispositivos ou equipos de diferente grao de complexidade, utilizables por ou para persoas con discapacidade, para suplir ou complementa-la súa limitación ou as súas carencias funcionais.

Artigo 5º.-Documentación.

5.1. A documentación xeral que deberán achega-los solicitantes será a seguinte:

a) Instancia, subscrita polo beneficiario ou polo seu representante legal, segundo modelo oficial conforme o anexo da presente orde, que se facilitará nas delegacións provinciais da Consellería de Sanidade e Servicios Sociais, así como en calquera das oficinas de Información Administrativa e Atención ó Cidadán da Xunta de Galicia.

b) Fotocopia do DNI, partida de nacemento ou outro documento análogo do beneficiario e, se é o caso, do representante legal, debidamente compulsada.

c) Informe social e de convivencia emitido por un diplomado en traballo social ou asistente social dos servicios sociais de atención primaria, acompañado de certificación do padrón municipal de habitantes comprensivo de tódolos conviventes.

d) Orzamento detallado do gasto que se vai realizar.

e) Declaración responsable de non percibir outras axudas públicas para igual concepto ou, en caso contrario, o importe total destas.

f) Declaración do imposto sobre a renda da unidade familiar correspondente ó último exercicio. No caso de non te-la obriga de presentala deberán xuntarse certificación negativa da correspondente Delegación de Facenda, así como declaración xurada da totalidade de ingresos do solicitante e dos restantes membros da unidade familiar, acompañada dos xustificantes dos respectivos ingresos.

5.2. Ademais e, segundo o tipo de axuda que soliciten, os interesados deberán presenta-la seguinte documentación específica:

5.2.1. Axudas para adquisición e adaptación de vehículos de motor: fotocopia do carné de conducir do solicitante, e informe médico da imposibilidade de utilización do transporte público.

5.2.2. Axudas para a obtención do carné de conducir: informe médico da imposibilidade de utilización do transporte público.

5.2.3. Axudas de tratamento: informe da Sección de Cualificación de Minusvalidez (centro base), no que se especifique que necesita o tratamento para o que solicita a axuda e que o dito tratamento non pode recibi-lo en calquera outro centro ou organismo público.

5.2.4. Prórroga de bolsas:

a) Dictame técnico acreditativo de cumpri-la deficiencia requirida para ser beneficiario destas bolsas, expedido pola respectiva Delegación Provincial da Consellería de Sanidade e Servicios Sociais.

b) Declaración responsable relativa a que o minusválido a favor do que se solicita a prórroga da bolsa non é beneficiario doutras bolsas ou axudas da mesma natureza e finalidade, debendo expresar, en caso contrario, as contías das axudas que desfruten e dos organismos que as concederan.

c) Certificación expedida polo representante autorizado do centro respectivo na que se acredite que o minusválido a favor de quen se solicita a prórroga da bolsa está atendido nel ou solicitou o seu ingreso, así como o custo real desta asistencia.

5.3. Os perceptores das axudas ou subvencións quedan sometidos ás actuacións de comprobación que acorde a Consellería de Sanidade e Servicios Sociais.

Artigo 6º.-Prazo de presentación de solicitudes.

6.1. O prazo de presentación de solicitudes finaliza ás 14 horas, do día 28 de febreiro de 1997.

6.2. Poderán admitirse e tramitarse fóra do prazo establecido no apartado anterior, e como data límite ata o 30 de setembro, as solicitudes de axudas que no admitan demora, dada a súa natureza, sempre que se acredite a aparición da necesidade con posterioridade ó prazo normal da presentación de solicitudes.

Artigo 7º.-Lugar de presentación das solicitudes.

A solicitude e maila documentación requirida presentaranse, de conformidade cos modelos normalizados, nas delegacións provinciais da Consellería de Sanidade e Servicios Sociais, nos servicios sociais de atención primaria correspondentes ó lugar de residencia dos solicitantes ou de acordo con disposto no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das adminis

tracións públicas e do procedemento administrativo común.

Artigo 8º.-Tramitación.

8.1. As delegacións provinciais da Consellería de Sanidade e Servicios Sociais comprobarán que tódalas solicitudes reúnan os requisitos establecidos na presente orde. No caso de que a documentación resulte incompleta ou defectuosa requirirá ó solicitante, para que nun prazo de 10 días aporte a documentación necesaria ou emende os defectos observados, facéndolle saber que en caso contrario a súa solicitude será arquivada sen máis trámite.

8.2. Revisada a documentación e completada, se é o caso, remitirase á Comisión Provincial de Valoración, que terá a función de propoñe-la aprobación ou denegación desta, seguindo os criterios obxectivos recollidos na presente orde e nas demais normas de desenvolvemento.

8.3. A composición da Comisión Provincial de Valoración será a seguinte:

a) Presidente: o xefe da Área de Servicios Sociais.

b) Vocais: dous funcionarios da Área de Servicios Sociais, sendo un deles, se é posible, o xefe do servicio correspondente. Actuará como secretario un dos vocais.

Ás reunións da comisión poderá asistir un representante da respectiva Intervención Territorial e outro dos servicios sociais de atención primaria, que actuarán con voz pero sen voto. Se por calquera causa algún dos seus compoñentes non puidese asistir ás reunións, será substituído polo que designe o órgano competente para o outorgamento das axudas, debendo recaer, sempre que fose posible, noutro funcionario do mesmo servicio que o substituído.

Artigo 9º.-Criterios de valoración.

Os criterios de valoración das axudas individuais serán os seguintes:

a) Nivel de renda familiar.

As axudas individuais contidas nesta orde poderanse conceder, co límite máximo que permitan os créditos dispoñibles para isto, preferentemente ós peticionarios con ingresos familiares per cápita inferiores ó 70% do salario mínimo interprofesional vixente en 1996.

b) Continuidade na prestación outorgada en exercicios anteriores no caso de axudas periódicas e sempre que se acredite suficientemente a necesidade.

c) Circunstancias familiares e sociais dos solicitantes.

d) Carencia de servicios sociais especializados no ámbito de residencia do solicitante.

e) Prioridade das persoas maiores de 80 anos e das que estean máis incapacitadas, feito este que

deberá acreditarse mediante o correspondente informe médico.

Artigo 10º.-Resolución.

1. A resolución das axudas, de conformidade co establecido no Decreto 88/1990, do 15 de febreiro, unha vez fiscalizadas pola Intervención, corresponderalles ós delegados provinciais da Consellería de Sanidade e Servicios e Sociais, e seranlles notificadas ós interesados, motivándose as que sexan desestimatorias.

2. De igual xeito poderán modificarse as devanditas resolucións pola alteración das circunstancias que serviron de base ó seu outorgamento.

Artigo 11º.-Pagamento e xustificación.

As delegacións provinciais da Consellería de Sanidade e Servicios Sociais aboaranlles ós beneficiarios a contía das axudas concedidas, logo da presentación, se é o caso, dos xustificantes acreditativos que se especificarán na resolución de concesión das devanditas axudas. Estes xustificantes deberán presentarse antes do 30 de novembro de 1997, agás no caso de que pola natureza das axudas (carácter mensual, diario, etc..) a contía corresponda ó mes de decembro e non poida ser xustificada no prazo anteriormente establecido. Neste caso, a xustificación do gasto correspondente ó mes de decembro deberá presentarse antes do día 30.

Disposicións adicionais

Primeira.-A concesión destas axudas terá como límite global o crédito consignado no orzamento para estes fins.

Segunda.-O incumprimento total ou parcial das condicións establecidas, así como a duplicidade da axuda con cargo a outros créditos dos orzamentos xerais do Estado, Seguridade Social, Administración institucional, autonómica ou local, constituirán causa determinante do reintegro de axuda percibida, xunto cos xuros de demora, segundo o previsto no artigo 78.5º da Lei 11/1992, do 7 de outubro, de réxime financeiro e presupostario de Galicia, logo da súa modificación pola Lei 14/1992, do 29 de decembro.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Autorízase o director xeral de Servicios Sociais para dicta-las normas que sexan necesarias para o desenvolvemento da presente orde.

Segunda.-A presente orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 5 de decembro de 1996.

José María Hernández Cochón

Conselleiro de Sanidade e Servicios Sociais

7854