Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 246 Mércores, 18 de decembro de 1996 Páx. 11.556

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE EDUCACIÓN E ORDENACIÓN UNIVERSITARIA

ORDE do 5 de decembro de 1996 pola que se lle concede á entidade promotora Centro de Estudios Superiores Universitarios de Galicia, S.L. (Cesuga) autorización para a efectiva impartición do segundo curso correspondente ó título Bachelor of Commerce conforme o sistema vixente noutro país e conducente á obtención de títulos non homologados cos do sistema educativo español.

Polo Decreto 241/1995, do 28 de xullo, (DOG do 18 de agosto), concedéuselle autorización á entidade promotora Centro de Estudios Superiores Universitarios de Galicia S.L. (Cesuga) para implanta-los estudios correspondentes ó título Bachelor of Commerce conforme o sistema vixente noutro país e conducente á obtención de títulos non homologados cos do sistema educativo español. No artigo 3 do devandito decreto indícase que a efectiva impartición do primeiro e dos sucesivos cursos dos que constan os referidos estudios esixirá, antes do comezo do respectivo curso, autorización correspondente mediante orde da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria. Para este fin, a entidade promotora deberá xustificar previamente, perante a consellería, a contratación de profesores mantendo as ratios de calidade e de profesor/alumno ós que se comprometeu no expediente así como os requisitos relativos ós espacios.

Xustificados por parte da entidade promotora Centro de Estudios Superiores Universitarios de Galicia S.L. (Cesuga) os requisitos sinalados no parágrafo

anterior e logo da inspección realizada para o efecto, esta consellería,

DISPÓN:

Artigo 1º.

Autorízaselle á entidade promotora Centro de Estudios Superiores Universitarios de Galicia S.L. (Cesuga), domiciliada no colexio Obradoiro, r/ Feáns nº 152 da Coruña, para que, de acordo co Decreto 241/1995 e co convenio de compromiso académico asinado pola entidade promotora Centro de Estudios Superiores Universitarios de Galicia S.L. (Cesuga), e a University College Dublin, imparta desde o curso 1996-1997 na cidade da Coruña, e dentro dos locais establecidos para o efecto no domicilio da entidade promotora, o segundo curso dos estudios correspondentes ó título Bachelor of Commerce conforme o sistema educativo vixente noutro país e que conduce á obtención de título superior non homologado academicamente cos títulos do sistema educativo español.

Disposición derradeira

Única.-A presente orde entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 5 de decembro de 1996.

Celso Currás Fernández

Conselleiro de Educación e Ordenación

Universitaria

9137