Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 243 Venres, 13 de decembro de 1996 Páx. 11.400

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE XUSTIZA, INTERIOR E RELACIÓNS LABORAIS

RESOLUCIÓN do 28 de outubro de 1996, da Delegación Provincial de Ourense, pola que se dispón a inscrición e a publicación do convenio colectivo da empresa Cervezas San Martín, S.A. de Ourense.

Visto o texto do convenio colectivo da empresa Cervezas San Martín, S.A. (código nº 3200102) de Ourense, con entrada nesta delegación provincial o día 24-10-1996, subscrito en representación da parte económica pola empresa e, da parte social, polo delegado de persoal, o día 23-9-1996, de conformidade co disposto no Art. 90.2º e 3º, do Estatuto dos traballadores, texto refundido aprobado polo R.D. 1/1995, do 24 de marzo, R.D. 1040/1981, do 22 de maio, sobre rexistro e depósito de convenios colectivos de traballo e R.D. 2412/1982, do 24 de xullo, sobre traspaso de funcións e servicios da Administración do Estado á Comunidade Autónoma de Galicia, en materia de traballo, esta delegación provincial,

ACORDA:

Primeiro.-Ordena-la súa inscrición no libro de rexistro de convenios colectivos desta delegación provincial, con notificación ás representacións económica e social da comisión negociadora.

Segundo.-Ordena-lo seu depósito no Servicio de Relacións Laborais, Unidade de Mediación, Arbitraxe e Conciliación desta delegación.

Terceiro.-Dispoñe-la súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Ourense, 28 de outubro de 1996.

Manuel López Casas

Delegado provincial de Ourense

Convenio colectivo 1995 da empresa Cervezas San Martín, S.A.

Capítulo I

Disposicións xerais

Artigo 1º.-Ámbito territorial, funcional e persoal.

As estipulacións do presente convenio colectivo afectarán a todo o persoal da empresa Cervezas San

Martín, S.A. que preste os seus servicios no centro de traballo sito no polígono industrial de San Cibrao das Viñas (Ourense).

A súa aplicación será obrigatoria a todo o persoal que se atope en alta no momento da súa sinatura e que estea comprendido na ordenanza laboral da industria cervexeira do 23 de xullo de 1971; terá o carácter de complemento da lexislación vixente e, en particular, da citada ordenanza.

Artigo 2º.-Vixencia, duración e prórroga.

O presente convenio colectivo que entrará en vigor o día 1 de xaneiro de 1996 estará vixente ata o 31 de decembro de 1996. Poderá ser prorrogado de ano en ano se ningunha das partes o denunciase cunha antelación dun mes, como mínimo, respecto da data da súa expiración, conforme o disposto na Lei 8/1980, do 10 de marzo.

Capítulo II

Condicións económicas

Artigo 3º.-Retribucións.

Apróbase a táboa salarial anexa ó presente convenio. Establécese un incremento do 5% sobre a táboa de 1995.

Artigo 4º.-Antigüidade.

Tódolos traballadores fixos de tódalas categorías, a excepción dos aspirantes e aprendices, desfrutarán de aumentos periódicos nos seus haberes, consistentes en doce bienios do 5% como máximo, en razón da súa antigüidade na empresa.

Estas porcentaxes aplicaranse exclusivamente sobre o salario base que corresponda á última categoría laboral que posúa o productor de que se trate.

Artigo 5º.-Pagas extraordinarias.

Establécense tres pagas extraordinarias pagadas a razón do salario real (salario base + antigüidade + plus convenio), nos meses de xullo, setembro e decembro.

Artigo 6º.-Horas extraordinarias.

Cada hora de traballo que exceda da duración máxima da xornada semanal de traballo pactada no artigo 12 deste convenio, terá a consideración de hora extraordinaria.

O seu aboamento efectuarase con incremento sobre a hora normal pactada do 75% as diarias e do 100% as realizadas en domingos e festivos.

A base para o cálculo, así como os importes resultantes por aplicación dos recargos sinalados no parágrafo anterior son os pactados e figuran na táboa salarial anexa, que serán igual para tódolos traballadores da mesma categoría, sen distinción da antigüidade individual.

Artigo 7º.-Traballos en días festivos do persoal de quendas.

O persoal de traballo por quendas que polas especiais características do proceso non é susceptible de interrupción e que traballe en festas laborables, é dicir, festivos que non sexan domingos, percibirán, sen prexuízo da compensación do día de descanso correspondente, unha gratificación igual ó 100% do salario real devengado en xornada normal. Esta gratificación será absorbida cando a retribución por traballo nestes días festivos teña distinta consideración á de xornada normal.

Durante os períodos de vacacións ou baixas do persoal, no caso de non cubrirse a quenda dos martes e mércores pola mañá, cubrirase necesariamente con quen corresponda, cunha compensación económica do 100% sobre o valor da hora pactada na táboa salarial para 1996, sen que exista ningunha obriga complementaria por parte da empresa.

Artigo 8º.-Plus de transporte.

Establécese un plus de transporte igual para todo o persoal da fábrica, de igual contía que o custo dun billete de ida e volta en autobús da empresa Cercanías de Ourense, e polo traxecto de Ourense-Polígono.

Artigo 9º.-Nocturnidade e prima de actividade.

Nocturnidade. Os traballadores que realicen a súa xornada laboral nas horas consideradas como nocturnas, é dicir, entre as 22 e as 6 horas, percibirán un plus do 25% do salario base.

Prima de actividade. Establécese un incremento do 5% sobre a prima de actividade de 1995 para tódolos traballadores, por mes realmente traballado, quedando fixada esta en 4.488 pesetas.

Artigo 10º.-Modificación da categoría profesional de implantación novo sistema de traballo.

Tódalas seccións da empresa consideraranse como integradas nun único proceso productivo.

Tódolos traballadores, calquera que sexa a súa categoría profesional, atenderán as áreas inherentes ó dito proceso, segundo as instruccións dos seus mandos e responsables, no sentido de optimación e mellora de rendementos e productividade do proceso.

Para iso promociónase á categoría de oficial 1ª a un máximo de catro oficiais de 2ª e a un mínimo de dous que reúnan as condicións previstas no artigo 24 do Estatuto dos traballadores; igualmente promociónase á categoría de oficiais 2ª a un axudante, que tamén reúna as condicións previstas.

Como consecuencia deste único proceso productivo, modifícase o sistema de traballo para o actual cadro de persoal de 12 traballadores, formándose 5 equipos de traballo, compostos por dúas persoas cada equipo, das cales unha terá necesariamente categoría de oficial 1ª. As restantes persoas estarán en réxime de fóra de quenda de luns a venres, con carácter non definitivo e mentres as circunstancias do proceso o permitan.

As quendas serán de carácter rotativo coa seguinte orde.

1º Quenda de noite.

2º Quenda de mañá.

3º Quenda de tarde.

4º Fóra de quenda.

A reincorporación ó traballo despois do desfrute das vacacións farase en réxime de fóra de quenda, en lugar de acoplarse á quenda que tiña anteriormente.

Despois dun período de baixa por enfermidade, o traballador reincorporarase ó traballo na quenda que lle correspondería se non tivese estado de baixa.

En caso de dúas ou máis baixas por enfermidade, adaptaranse as quendas ás necesidades do proceso.

Cando por necesidades do proceso coincidan dous oficiais de 2ª na mesma quenda, un deles farase cargo da quenda, como responsable desta e en funcións de oficial lª, percibindo a diferencia do posto correspondente. A empresa designará o responsable da quenda, en caso necesario.

Como consecuencia desta implantación do novo sistema de traballo, establécense as compensacións económicas seguintes:

Oficial 2ª: 2.000 pesetas/mes realmente traballado.

Axudante: 3.000 pesetas/mes realmente traballado.

Esta compensación faise extensiva ó mes de vacacións.

Artigo 11º.-Impostos e cargas sociais.

Os impostos, cargas sociais e calquera deducción de tipo obrigatorio que gravan na actualidade ou graven no futuro as condicións económicas pactadas no presente convenio serán satisfeitos por quen corresponda conforme a lei.

Capítulo III

Xornada de traballo

Artigo 12º.-Xornada.

Establécese unha xornada para tódolos traballadores de corenta horas semanais.

Artigo 13º.-Vacacións.

Todo o persoal, sen distinción de grupos e categorías profesionais, terá dereito a desfrutar anualmente un período de vacacións retribuído de 30 días naturais.

O calendario para desfrute de vacacións pactarase entre a empresa e os traballadores. Se non hai acordo e tendo en consideración as características do proceso productivo, a empresa fixará as quendas de descanso do persoal de acordo co preceptuado no artigo 38 da Lei 8/1980, do Estatuto dos traballadores.

Como compensación para o persoal que desfrute das vacacións nos meses fóra do período de verán (xuño, xullo, agosto e setembro) establécese unha compensación económica de 21.700 pesetas, que teñen carácter graciable e non computable para efectos de sucesivos convenios, a menos que haxa pacto en contrario. As quendas de vacacións sortearanse cada ano entre tódolos traballadores.

Tal período de vacacións será retribuído na súa totalidade polo salario real que se veña percibindo.

Artigo 14º.-Licencias con soldo.

A empresa concederá licencias con soldo nos casos seguintes e na duración que se indica:

a) Quince días naturais por matrimonio do traballador.

b) Tres días, naturais por parto da esposa, ampliándose esta licencia en dous días máis no caso de intervención cirúrxica.

c) Tres días naturais ou seis medias xornadas consecutivas por enfermidade grave ou operación cirúrxica maior de cónxuxe, fillos, pais, irmáns, netos e avós.

d) Tres días naturais por falecemento dos familiares citados.

e) Un día natural por matrimonio de irmáns ou fillos.

f) Un día natural por falecemento de familiares indirectos.

g) Polo tempo indispensable para a consulta do traballador polo médico de cabeceira ou especialista, sen que en ningún caso esta licencia poida superar dúas horas.

h) En caso de que o feito causante se desenvolva fóra da provincia do domicilio habitual, estas licencias serán ampliadas nun día natural.

i) Un día por traslado de domicilio do traballador.

O traballador estará obrigado a presentar en calquera caso documentos ou xustificantes legais ou médicos que acrediten a existencia das circunstancias alegadas para a obtención das licencias anteriores. As ditas licencias deberán de desfrutarse no momento de producirse o feito causante.

Artigo 15º.-Festividade da patroa.

Con independencia das festas nacionais e locais dispostas pola autoridade competente, os traballadores afectados polo presente convenio festexarán a patroa da industria cervexeira, Virxe das Viñas, a cal normalmente coincide co 10 de setembro, que, de ser traballada, se aplicará o disposto no artigo 7º do presente convenio.

Capítulo IV

Prestacións e servicios sociais

Artigo 16º.-Axuda por incapacidade laboral transitoria.

Todo o persoal afectado polo presente convenio, en caso de incapacidade laboral transitoria derivada de enfermidade común, accidente non laboral, enfermidade profesional ou accidente laboral, percibirá un complemento ata acada-lo 100% do salario real nos seguintes casos:

a) Enfermidade común, accidente non laboral con internamento en centros hospitalarios. En tódolos casos e desde o feito da baixa. Cando despois da alta clínica, o traballador debe continuar tratamento no seu domicilio poderá ser sometido a recoñecemento polo médico da empresa e outro que esta designe e á vista do xuízo emitido reconsiderarse a concesión deste complemento.

b) Demais casos de enfermidade común. Naqueles casos que a empresa o considere conveniente logo dos pertinentes informes.

c) Accidente laboral. En tódolos casos sen prexuízo de recoñecemento a que se fai referencia no apartado a).

Artigo 17º.-Seguro de vida.

A empresa manterá un seguro de vida para todo o persoal afectado polo presente convenio, e será a cargo desta a prima correspondente ata un máximo de catrocentas mil pesetas anuais. Se unha vez coñecido o montante da prima resultase superior á citada cantidade, o excedente correrá a cargo do perseal, rateado en partes iguais.

A póliza cubrirá as seguintes continxencias:

a) Falecemento por morte natural: 2.000.000 de pesetas.

b) Invalidez permanente absoluta e derivada de enfermidade ou accidente: 2.000.000 de pesetas.

c) Morte por accidente: 4.000.000 de pesetas.

d) Morte por accidente de circulación: 6.000.000 de pesetas.

O condicionado para a eficacia deste seguro será o reflectido na pó1iza da compañía Wirterthur.

Artigo 18º.-Economato.

A empresa comprométese a xestionar directamente cos almacéns de productos básicos (alimentación, vestiario, etc.) co fin de que o persoal poida efectuar compras en condicións máis vantaxosas que no mercado libre.

Artigo 19º.-Uniformidade.

A empresa facilitará cada ano ó persoal operativo a roupa de uniforme que sexa necesaria para o desenvolvemento das súas actividades.

Así mesmo, facilitarase en casos de servicios ó exterior a roupa de auga e de abrigo adecuada.

As demais pezas de roupa do equipo renovaranse cando se deterioren.

Artigo 20º.-Seguridade e hixiene.

Ámbalas dúas partes manifestan a vontade de prove-los medios necesarios para unha mellora permanente das condicións de traballo no que se refire a seguridade e hixiene; para isto constitúese o comité de seguridade e hixiene na empresa que se comporá de dous representantes da empresa e dous traballadores e estará presidido polo director de fábrica.

Reunirase cando menos, unha vez ó mes. Estudiaranse os distintos aspectos para a mellora das condicións de seguridade e hixiene. De tódalas reunións levantarase a acta correspondente.

Capítulo V

Garantías

Artigo 21º.-Garantías sindicais.

Os representantes dos traballadores desfrutarán, en todo momento, das garantías sindicais que estean establecidas pola lexislación vixente. Ningún traballador poderá ser discriminado por razón da súa afiliación política ou sindical.

Artigo 22º.-Reunións.

A empresa porá un taboleiro de anuncios á disposición do delegado de persoal, co fin de que poidan informar a todo o persoal sobre os asuntos que poidan afectarlle.

O delegado de persoal celebrará unha reunión ordinaria cada mes cos traballadores, que terá carácter informativo e consultivo, fóra das horas de traballo e logo da comunicación á empresa. En tales reunións, calquera traballador poderá expor ós representantes os problemas que lle afecten persoalmente. Soamente en casos excepcionais de indubidable urxencia e importancia poderá expo-lo traballador os seus problemas ante os delegados fóra das reunións antes citadas.

Así mesmo, poderase efectuar unha reunión extraordinaria dentro das horas de traballo cando o problema que haxa que tratar teña a suficiente importancia e requira un tratamento de urxencia, logo da comunicación á empresa e conseguinte auto

rización desta, a quen se informará sobre os asuntos tratados e os acordos adoptados.

Capítulo VI

Disposicións adicionais

Artigo 23º.-Absorción e compensación.

Tódalas retribucións, tanto en concepto de salario base, plus de convenio, como calquera clase de complementos, en canto fosen superiores ós mínimos establecidos con carácter xeral neste convenio, poden ser absorbidas e compensadas no seu conxunto e en cómputo anual coas que se fixan no presente pacto. Tamén se compensarán ou absorberán as novas condicións que se poidan implantar durante o período de vixencia deste acordo por disposición legal de obrigado cumprimento.

Artigo 24º.-Liquidación de salarios.

A empresa liquidará os salarios de forma mensual, aboando o seu importe o último día de cada mes mediante transferencia bancaria, talón bancario ou calquera outro sistema que garanta o movemento de fondos.

Artigo 25º.-Muller traballadora.

No concernente a dotes, descansos antes e despois do parto, excedencia por matrimonio, rescisión do contrato por matrimonio, excedencia por parto e reingreso da muller traballadora, aplicarase en todo momento o disposto legalmente sobre a materia.

Artigo 26º.-Comisión paritaria.

Constitúese unha comisión paritaria integrada polos representantes do persoal e da empresa que interviñeron na negociación do presente convenio, para a vixilancia do seu cumprimento e correcta interpretación, cando fose necesario, do texto aprobado por ámbalas partes.

Ourense, 23 de setembro de 1996.

Pola representación social

Carlos Serantes Gómez

Pola representación empresarial

Óscar Fdez. de Pinedo Robedo

Administrador único

Ricardo García Blanco

Director de fábrica

TÁBOA SALARIAL 1996

CategoríaNivelSalario

base

Plus

convenio

TotalBase H.

pactada

75%Mellor

Titulados
SuperiorA230.14480.541310.7851.2102.1132.811
MedioA211.57557.263268.8381.0801.8922.506
MedioB186.00857.263243.2719351.6442.189

Técnicos
Xefe de 1ªA191.86853.393245.2619351.6442.189
Xefe de 2ªA161.19147.356208.5477841.3761.829
Oficial de 1ªA133.69346.974180.6676721.1781.561
Oficial de 2ªA100.95439.118140.0725761.0051.338
AuxiliarA 90.38438.016128.4004988671.158
Encargado133.69346.974180.667

CategoríaNivelSalario

base

Plus

convenio

TotalBase H.

pactada

75%Mellor

Administrativo
Xefe de 1ªA191.86853.393245.2619351.6442.189
Xefe de 1ªB170.66153.393224.0548641.5112.010
Xefe de 2ªA161.19147.356208.5477841.3761.829
Xefe de 2ªB143.96645.457189.4237261.2651.686
Oficial de 1ªA133.69346.974180.6676721.1781.561
Oficial de 1ªB122.65741.998164.6556271.0961.449
Oficial de 2ªA109.16639.913149.0795761.0051.338
Oficial de 2ªB100.95439.126140.0805761.0051.338
AuxiliarA 90.38438.017128.4014988671.158

Subalternos
Subalt. 1ª X.E.A100.95439.126140.0805761.0051.338
Subalterno 1ªA 94.83038.529133.3595339301.241
Subalterno 2ªA 88.56337.845126.4084838471.130

Obreiros
Oficial de 1ª X.E.3.56339.7926151.0771.462
Oficial de 1ª3.21638.7695459501.414
Oficial de 2ª3.07538.2995098931.346
Axudante2.95337.9324838471.276
Auxiliar de 1ª2.89637.731470828
Auxiliar de 2ª2.82337.561459800