Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 243 Venres, 13 de decembro de 1996 Páx. 11.372

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE ECONOMÍA E FACENDA

ORDE do 25 de novembro de 1996 pola que se declara a alienabilidade de varios bens inmobles procedentes do patrimonio das extintas cámaras agrarias locais de Sobrado dos Monxes, Rodeiro e Silleda.

A disposición adicional sétima da Lei 11/1995, do 30 de decembro, de presupostos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para 1996, no seu apartado tres, establece que o Consello da Xunta de Galicia, na forma prevista na Lei 3/1985, do 12 de abril, poderá desafectar e cedérlle-lo uso dos bens inmobles das extintas cámaras agrarias ós concellos, organizacións profesionais agrarias ou outras entidades públicas ou privadas sen fin de lucro, sempre que quede garantida a conservación e aplicación deles ós fins e servicios de interese xeral agrario.

Os concellos de Sobrado, Silleda e Rodeiro solicitaron a cesión de uso dos inmobles sitos nos seus respectivos concellos, pertencentes ás extintas cámaras agrarias locais.

Mediante Decreto 328/1996, do 26 de xullo (DOG nº 157, do 12 de agosto), desafectáronse, entre outros, varios inmobles que integraban o patrimonio das extintas cámaras agrarias locais de Sobrado, Silleda e Rodeiro.

Unha vez obtida a inscrición nos correspondentes Rexistros da Propiedade dos ditos bens inmobles a nome da Comunidade Autónoma de Galicia, procede declara-la súa alienabilidade conforme o disposto nos artigos 24 da citada Lei 3/1985 e 60 do Decreto 50/1989, do 9 de marzo, polo que se aproba o seu regulamento, co obxecto de posibilita-la cesión do dereito de uso destes.

En virtude do anteriormente exposto, por proposta da Secretaría Xeral e do Patrimonio, logo do informe da Consellería de Agricultura, Gandería e Montes,

DISPOÑO:

Artigo único.-Declárase a alienabilidade dos bens inmobles que se describen a continuación:

1) Terreo denominado Santiago do Campo, sito no concello de Sobrado (A Coruña), dunha superficie aproximada de noventa e unha áreas. Linda ó norte, parcela segregada e camiño de Vilanova; ó sur, estrada de Teixeiro a Corredoiras; ó leste e ó oeste, parcela segregada e Cámara Agraria Local de Sobrado dos Monxes.

O dito inmoble atópase inscrito no Rexistro da Propiedade de Arzúa, no tomo 549, libro 39 de Sobrado, folio 87, predio nº 870, inscrición 3ª.

2) Porción segregada da finca coñecida como Granxa do Mosteiro de Sobrado, da parte destinada a monte baixo e titulada Santiago do Campo, sita no concello de Sobrado (A Coruña), dunha superficie aproximada de trescentos sesenta e dous metros e corenta decímetros cadrados. Linda ó norte, camiño de Vilanova; ó sur, estrada de Teixeiro a Corredoiras; ó sur e ó oeste, resto do predio da que se segrega.

O dito inmoble atópase inscrito no Rexistro da Propiedade de Arzúa no tomo 549, libro 39 de Sobrado, folio 88, predio nº 871, inscrición 2ª.

3) Edificio sito na vila de Silleda (Pontevedra), rúa Pontevedra nº 6. Mide 250 m, e ten o seu acceso directamente desde a rúa da súa situación. Componse de planta baixa, destinada a oficinas e a almacén ou celeiro e dunha planta alta, destinada tamén a oficinas da Cámara Agraria. Linda a fronte, coa rúa da súa situación; dereita entrando, herdeiros de Ramón Campa; esquerda e fondo, terreo non edificado.

O dito inmoble atópase inscrito no Rexistro da Propiedade de Lalín no tomo 494, libro 111 de Silleda, folio 238, predio nº 15.328, inscrición 3ª.

4) Edificio sito na vila e concello de Rodeiro (Pontevedra), composto de planta baixa e dous pisos altos con destino á sede social da Cámara Agraria de Rodeiro, que ocupa unha superficie duns cento cincuenta e nove metros cadrados. Dá á súa fronte á estrada que conduce ó cuartel e linda a fronte ou sur, estrada ó cuartel; dereita entrando, terreo sobrante de edificación; esquerda, soar número 14 do Concello de Rodeiro; e ó fondo, soar número 10 e en parte o número 9 de propiedade do Concello de Rodeiro.

O dito inmoble atópase inscrito no tomo 603, libro 91 de Rodeiro, folio 9, predio nº 10.399, inscrición 5ª.

Santiago de Compostela, 25 de novembro de 1996.

José Antonio Orza Fernández

Conselleiro de Economía e Facenda