Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 243 Venres, 13 de decembro de 1996 Páx. 11.370

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

MINISTERIO DE ADMINISTRACIÓNS PÚBLICAS

REAL decreto 2395/1996, do 22 de novembro, sobre traspaso complementario ó aprobado polo Real decreto 2166/1994, do 4 de novembro, en materia de provisión de medios materiais e económicos para o funcionamento da Administración de xustiza, á Comunidade Autónoma de Galicia.

A Constitución española establece no seu artigo 149.1.5ª que o Estado ten competencia exclusiva en materia de Administración de xustiza.

Pola súa parte, o Estatuto de autonomía para Galicia, aprobado pola Lei orgánica 1/1981, do 6 de abril, establece no seu artigo 20.1º que, en relación coa Administración de xustiza, corresponde á Comunidade Autónoma exercer tódalas facultades que as leis orgánicas do Poder Xudicial e do Consello Xeral do Poder Xudicial recoñezan ou atribúan ó Goberno do Estado.

Mediante o Real decreto 2166/1994, do 4 de novembro, aprobouse o traspaso á Comunidade Autónoma de Galicia de funcións da Administración do Estado en materia de provisión de medios materiais e económicos para o funcionamento da Administración de xustiza.

A comisión mixta prevista na disposición transitoria cuarta do Estatuto de autonomía para Galicia adoptou, na súa sesión do Pleno celebrado o día 14 de novembro de 1996, un acordo polo que se concretan as contías correspondentes a 1996, que se transfiren á Comunidade Autónoma de Galicia, destinadas ó investimento en infraestructura de edificios, sedes de órganos xudiciais. A virtualidade práctica do referido acordo esixe a súa aprobación polo Goberno mediante real decreto.

Na súa virtude, en cumprimento do disposto na disposición transitoria cuarta do Estatuto de autonomía para Galicia, por proposta do ministro de Administracións Públicas, e logo da deliberación do Consello de Ministros na súa reunión do día 22 de novembro de 1996,

DISPOÑO:

Artigo 1º

Apróbase o acordo da Comisión Mixta de Transferencias prevista na disposición transitoria cuarta do Estatuto de autonomía para Galicia, sobre a determinación das contías correspondentes a 1996, destinadas ó investimento en infraestructuras de edificios, sedes de órganos xudiciais, adoptado polo Pleno da dita comisión na súa sesión do día 14 de novembro de 1996, que se transcribe como anexo ó presente real decreto.

Artigo 2º

A oficina orzamentaria do Ministerio de Xustiza realizará as operacións requiridas para a posta á disposición da Comunidade Autónoma de Galicia para as contías aprobadas, de conformidade coa relación anexa ó acordo, e terá efectividade a partir do día sinalado nel.

Disposición derradeira

Única.-O presente real decreto será publicado simultaneamente no Boletín Oficial del Estado e no Diario Oficial de Galicia e adquirirá vixencia a partir da súa publicación.

Dado en Madrid o vintedous de novembro de mil novecentos noventa e seis.

Mariano Rajoy Brey

Ministro de Administracións Públicas

ANEXO

Rosa Rodríguez Pascual e Alfonso Vaquero Marín, secretarios da comisión mixta prevista na disposición transitoria cuarta do Estatuto de autonomía para Galicia certifican:

Que na sesión plenaria da comisión mixta, celebrada o día 14 de novembro de 1996, se adoptou acordo de traspaso complementario ó aprobado polo Real decreto 2166/1994, do 4 de novembro, sobre traspaso á Comunidade Autónoma de Galicia de funcións da Administración do Estado en materia de provisión de medios materiais e económicos para o funcionamento da Administración de xustiza, nos termos que a seguir se expresan:

A) Normas constitucionais e estatutarias en que se ampara o traspaso.

De conformidade co artigo 149.1.5ª da Constitución, o Estado ten competencia exclusiva en materia de Administración de xustiza.

Segundo o artigo 20.1º do Estatuto de autonomía para Galicia, en relación coa Administración de xustiza, correspóndelle á Comunidade Autónoma de Galicia exercer tódalas facultades que as leis orgánicas do Poder Xudicial e do Consello Xeral do Poder Xudicial recoñezan ou atribúan ó Goberno do Estado.

Así mesmo, o artigo 24.2º do referido Estatuto de autonomía para Galicia establece que lle corresponde integramente ó Estado, de conformidade coas leis xerais, a organización e o funcionamento do Ministerio Fiscal.

O Real decreto 2166/1994 aprobou o traspaso á Comunidade Autónoma de Galicia de funcións da Administración do Estado en materia de provisión de medios materiais e económicos para o funcionamento da Administración de xustiza.

Procede agora, para facer efectivas as previsións contidas no acordo complementario ó acordo aprobado polo referido real decreto, concreta-la contía correspondente a 1996 que se transfire á Comunidade Autónoma de Galicia, destinada ó investimento en infraestructuras de edificios, sedes de órganos xudiciais.

B) Valoración das cargas financeiras.

A Administración do Estado transferirá á Comunidade Autónoma de Galicia, para gastos de investimento en infraestructuras de edificios, sedes de órganos xudiciais, por unha soa vez e sen integrarse no custo efectivo dos servicios traspasados, a cantidade que se identifica no anexo a este acordo, con cargo ós créditos orzamentarios situados no Ministerio de Xustiza.

C) Data de efectividade.

O presente acordo terá efectividade a partir do día 14 de novembro de 1996.

E para que conste, expedímo-la presente certificación en Madrid o 14 de novembro de 1996. Os secretarios da Comisión Mixta, Rosa Rodríguez Pascual e Alfonso Vaquero Marín.

ANEXO

Identificación das cantidades que se van traspasar á Comunidade Autónoma de Galicia no ano 1996

ServicioProgramaCapítuloPesetas 1996

1302142 AVI882.737.638