Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 239 Luns, 09 de decembro de 1996 Páx. 11.106

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE CULTURA E COMUNICACIÓN SOCIAL

ORDE do 15 de novembro de 1996 pola que se convocan subvencións á edición discográfica galega.

A orde da Consellería de Economía e Facenda, do 2 de xuño de 1986 regula a tramitación anticipada de expedientes de gasto e dispón no seu artigo 1.1º que, entre outros, os expedientes de gasto imputables ós capítulos IV e VII poderán iniciarse «no exercicio presupostario inmediatamente anterior a aquel no que vaia materializa-la contraprestación, sempre que exista crédito adecuado e suficiente no proxecto de presupostos xerais da comunidade que se someta á aprobación do Parlamento de Galicia, unha vez que ese proxecto estea aprobado polo Consello da Xunta de Galicia e que corresponda ó exercicio presupostario no que se vai materializa-la contraprestación».

A aplicación deste precepto supón un paso moi importante na axilización do proceso de execución orzamentaria coas conseguintes vantaxes para os administrados e sen mingua de soberanía do Parlamento, en función do disposto no artigo 3.2º da orde de referencia, xa que non se poderán conceder efectivamente as subvencións ata a aprobación do crédito que vaia ampara-lo gasto.

A Consellería de Cultura e Comunicación Social quere seguir contribuíndo á potenciación das empresas discográficas en canto considera que a colaboración coas iniciativas de producción de discografía é a mellor forma de participar activamente na creación dunha infraestructura empresarial, imprescindible para a difusión da nosa riqueza musical folclórica, tanto popular ou clásica como moderna, ó mesmo tempo que se dá a oferta necesaria para potencia-la creatividade e o nacemento de novos grupos, intérpretes e creadores que manteñan e incluso acrecenten o alto nivel que está acadando a nosa música, tanto dentro coma fóra de Galicia, por todo isto,

DISPOÑO:

Artigo 1º

Convócanse subvencións a empresas discográficas que editen música galega e interpretada en lingua galega, con cargo á aplicación orzamentaria 10.02.354.A.770.0 dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para 1997.

Artigo 2º

As solicitudes formuladas ó abeiro da Orde do 10 de abril de 1996 (subvencións á producción discográfica galega), ás que non lles foi concedida a axuda solicitada por falta de dispoñibilidade orzamentaria, serán tidas en conta na presente convocatoria, salvo indicación do interesado en sentido contrario dirixida ó conselleiro de Cultura e Comu

nicación Social. A tramitación dos expedientes continuará desde o trámite no que se atopaba ó remate do exercicio anterior.

Artigo 3º

A contía de cada subvención non poderá sobrepasa-la cantidade de 300.000 (trescentas mil) pesetas por disco, casete ou disco compacto, consistindo no equivalente ó 75% do prezo de venda ó público (sen IVE) dun máximo do 20% dos exemplares editados, segundo os datos que figuran no documento de autorización de productores fonográficos, debidamente dilixenciado pola Sociedad General de Autores de España.

Artigo 4º

1. Poderán optar a estas subvencións as persoas físicas ou xurídicas que acrediten a súa condición de productores discográficos segundo a lexislación vixente e cumpran os requisitos esixidos nesta orde.

2. Tódalas edicións presentadas, agás as referidas no artigo 2º, deberán ter realizado o depósito legal con data posterior ó 1 de outubro de 1996.

3. Non poderán acollerse ás subvencións desta orde:

-Aqueles productores que anteriormente recibisen algunha outra subvención da Consellería de Cultura e Comunicación Social e non xustificasen o seu investimento.

-Os productores dependentes de organismos públicos.

-As produccións destinadas a uso escolar.

-As obras subvencionadas en máis dun 30% con fondos públicos.

-As produccións de difusión gratuíta.

Artigo 5º

Os productores que desexen acollerse ós beneficios desta orde elevarán petición, por medio de instancia dirixida ó conselleiro de Cultura e Comunicación Social, segundo o modelo que figura como anexo desta orde, e presentarana no rexistro xeral da Consellería de Cultura e Comunicación Social ou nos rexistros das súas delegacións provinciais, sen prexuízo do establecido no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, ata o 15 de outubro de 1997.

A solicitude irá acompañada da seguinte documentación:

-Fotocopia do DNI do solicitante e acreditación suficiente da representación que exerza.

-Fotocopia compulsada da documentación acreditativa da constitución legal da productora, da inscrición no Rexistro Mercantil e da tarxeta de identificación fiscal.

-Un exemplar da edición musical para a que se solicita a subvención, con indicación do prezo venda ó público, acompañada da autorización de produc

tores fonográficos, debidamente dilixenciado pola Sociedad General de Autores de España.

Artigo 6º

Recibidas as solicitudes de subvención e a súa documentación, serán analizadas polos servicios competentes da Dirección Xeral de Promoción Cultural, e o director xeral de Promoción Cultural elevará as correspondentes propostas, alomenos cada dous meses, sempre que existan solicitudes presentadas e dispoñibilidade orzamentaria na citada aplicación orzamentaria, ó conselleiro de Cultura e Comunicación Social que resolverá.

Artigo 7º

Na valoración das solicitudes teranse en conta os seguintes aspectos:

-Importancia da obra.

-Características físicas da gravación.

-Continuidade dentro dunha colección.

-Importancia do fondo discográfico da entidade solicitante.

-Esforzo que supón para o productor a incidencia da obra en ámbitos de especial importancia cultural pero pouca demanda comercial.

Artigo 8º

1. A Consellería de Cultura e Comunicación Social comunicarálle-la resolución do conselleiro ós solicitantes así como os exemplares que deberán entregarlles á Dirección Xeral de Promoción Cultural para a súa promoción e difusión, e que será equivalente á subvención concedida.

2. Unha vez concedida a subvención e aceptada polo solicitante, librarase a cantidade concedida de acordo co establecido na normativa orzamentaria que sexa aplicable.

3. Os beneficiarios das subvencións, unha vez aceptadas estas, quedarán obrigados a destina-los fondos percibidos para o obxecto concreto para o que foron concedidos. A Dirección Xeral de Promoción Cultural da Consellería de Cultura e Comunicación Social poderá comprobar, cando o considere conveniente, a execución dos proxectos subvencionados.

4. O pagamento da subvención esixirá do beneficiario a achega de certificacións acreditativas do cumprimento das obrigas tributarias e sociais e de non ter contraída ningunha débeda, por ningún concepto, coa Administración pública da Comunidade Autónoma, segundo o disposto no artigo 79 da Lei 11/1992, do 7 de outubro, de réxime financeiro e orzamentario de Galicia.

5. Para xustifica-las subvencións concedidas deberán entregarse, no prazo de 15 días contados a partir da comunicación da resolución, os exemplares equivalentes á subvención concedida.

6. Recibidos os exemplares referidos no punto anterior, a Dirección Xeral de Promoción Cultural, de atopalos conformes, proporá o libramento dos fondos.

7. Os beneficiarios farán constar en toda a publicidade xerada que recibiron unha subvención da Consellería de Cultura e Comunicación Social, utilizando a normativa de imaxe corporativa da Xunta de Galicia.

Artigo 9º

No caso de que o beneficiario da subvención incumprise algunha das condicións ou obrigas estipuladas, a Consellería de Cultura e Comunicación Social instruirá expediente sancionador, conforme o previsto na vixente Lei de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común e, se procede, anulará os beneficios concedidos e solicitará a devolución das cantidades percibidas, se as houber, segundo o procedemento que establece o Regulamento xeral de recadación.

Artigo 10º

De non notificarse resolución favorable no prazo de tres meses a partir da presentación da solicitude, entenderase desestimada a petición correspondente, e poderá o solicitante, a partir desta data, retira-la documentación presentada nos 30 días seguintes. Transcorrido este prazo, arquivarase sen máis trámite.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase o director xeral de Promoción Cultural para dictar, no ámbito das súas competencias, as resolucións precisas para o desenvolvemento desta orde.

Segunda.-Esta orde entrará en vigor ó día seguinte da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 15 de novembro de 1996.

Jesús Pérez Varela

Conselleiro de Cultura e Comunicación Social

Sr. Director Xeral de Promoción Cultural

9019