Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 238 Xoves, 05 de decembro de 1996 Páx. 11.046

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE XUSTIZA, INTERIOR E RELACIÓNS LABORAIS

RESOLUCIÓN do 4 de outubro de 1996, da Delegación Provincial de Lugo, pola que se dispón a inscrición no rexistro e publicación no Diario Oficial de Galicia do convenio colectivo de ámbito provincial para o sector industrias siderometalúrxicas.

Visto o texto do convenio colectivo para o sector das Industrias Siderometalúrxicas (código 2700475), da provincia de Lugo, asinado o día 6 de setembro de 1996, pola representación da asociación de empresarios do metal e das centrais sindicais UGT, CC.OO., CIG e USO, e de conformidade co disposto no artigo 90.2º e 3º do Real decreto lexislativo 1/1995, do 24 de marzo, polo que se aproba o texto refundido da Lei do Estatuto dos traballadores, e no Real decreto 1040/1981, do 22 de maio, sobre rexistro e depósito de convenios colectivos de traballo, esta delegación provincial,

ACORDA:

Primeiro.-Ordena-la inscrición do citado convenio colectivo no rexistro de convenios desta delegación, así como o seu depósito.

Segundo.-Remiti-lo texto do mentado convenio á Dirección Xeral de Relacións Laborais da Xunta de Galicia.

Terceiro.-Dispoñe-la súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Lugo, 4 de outubro de 1996.

Manuel Bande Díaz

Delegado provincial de Lugo

Texto articulado do convenio provincial para as Industrias de Siderometalúrxica

Artigo 1º-Obxecto do convenio.

O presente convenio ten como obxecto establecer certos criterios particulares, non recollidos na lexislación laboral, para as melloras das relacións laborais das partes que o subscriben.

Artigo 2º.-Ámbito de aplicación.

No seu aspecto territorial, funcional e persoal, o presente convenio colectivo afectará a tódalas empresas instaladas na provincia de Lugo que se rixan pola ordenanza de traballo de siderometalúrxica, e ó persoal que nelas preste os seus servicios.

Artigo 3º.-Vixencia e duración.

A vixencia do presente convenio colectivo será desde o 1º de xaneiro de 1996 ata o 31 de decembro de 1997, con independencia da súa publicación no BOP.

As partes comprométense, no caso de constituírse unha mesa de negociación de ámbito autonómico, a acudir ás citadas negociacións.

Artigo 4º.-Denuncia.

Cunha antelación de 30 días á data de finalización do convenio deberá ser éste denunciado por calquera das partes. A ausencia de denuncia deste convenio significará, en todo caso a súa prórroga por un ano, en iguais termos, salvo no referente á táboa salarial.

Artigo 5º.-Norma supletoria.

En todo o que non estea previsto no presente convenio, continúan sendo de aplicación as normas legais de carácter xeral da ordenanza laboral de traballo de siderometalúrxica, recentemente derogada, excepto aqueles aspectos que se opoñan ó disposto neste convenio, mentres non se aprobe un acordo marco para o sector de ámbito estatal ou autonómico.

Artigo 6º.-Condicións máis beneficiosas.

Tódalas melloras contidas no presente convenio, establécense con carácter de mínimas. Dentro das condicións pactadas respectaranse as situacións que impliquen para o traballador condicións máis beneficiosas cas aquí dictadas, manténdose as ad personam en canto excedan do cómputo anual.

Artigo 7º.-Publicidade.

As empresas de ámbito deste convenio terán que ter exposto nos seus centros de traballo un exemplar deste para o debido coñecemento de todo o persoal.

Artigo 8º.-Comisión mixta.

Para interpreta-lo contido deste convenio, vixia-lo cumprimento e exercer funcións de arbitraxe nos problemas o cuestións suscitados, como consecuencia da súa aplicación, constituirase un comité mixto paritario entre as partes asinantes deste convenio. No caso de non chegarse ó acordo na dita comisión, ámbalas dúas partes sométense á competencia do servicio de mediación, arbitraxe e conciliación (SMAC), AGA e xurisdicción competente. O citado comité estará formado por 6 representantes da asociación de empresarios asinantes e outros 6 dos representantes da parte social: USO 1; UGT 2; CIG 2; CC.OO. 1.

Artigo 9º.-Salario base.

Para 1996 será o que consta na táboa salarial anexa, que supón un incremento dun 3,75% respecto dos salarios do ano 1995, e aplicarase con efectos retroactivos desde o 1 de xaneiro de 1996.

Para o ano 1997, o incremento salarial será do IPC previsto polo Goberno para o ano 1997.

Artigo 10º.-Plus de asistencia.

Este plus como o seu nome indica e que se sinala na segunda columna da táboa de salarios, diferenciado segundo a xornada laboral semanal sexa de 6 días ou de 5 días, devengarase por día traballado e en vacacións. O dito plus de asistencia perderase polas causas e motivos seguintes:

a) Tres faltas de puntualidade ó mes, darán lugar á perda dun día de plus, seis faltas de puntualidade tres días e dez faltas perda do plus do mes. Igual sanción terá a anticipación á saída ó remate da xornada laboral. Para ser considerada falta de puntualidade deberá esta supoñer un atraso de cinco minutos diarios polo menos.

b) A falta dun día de traballo ó mes, sen causas xustificadas (previstas na ordenanza de traballo), dará lugar á perda de tres días de plus, a falta ó traballo sen causa xustificada nin regulamentada de dous días, dará lugar á perda de seis días do plus de asistencia e a falta ó traballo durante tres días ó mes, tamén sen causa xustificada nin regulamentada, dará lugar á perda do plus correspondente ó mes.

Artigo 11º.-Cláusula de revisión.

Para o ano 1996 establécese unha cláusula de revisión para o caso de que o IPC real estatal a 31 de decembro de 1996 rexistrase un incremento superior ó 3,5%. Neste caso efectuarase unha revisión salarial no exceso da indicada cifra, con efectos desde o 1 de xaneiro de 1996, servindo de base para o incremento do ano 1997.

Para o ano 1997 establécese unha cláusula de revisión para o caso de que o IPC real estatal a 31 de decembro de 1997 rexistrase un incremento superior ó IPC previsto polo Goberno. Neste caso efectuarase unha revisión salarial no exceso da indicada cifra, con efecto desde o 1 de xaneiro de 1997, servindo de base para o incremento do ano 1998.

Artigo 12º.-Premio de antigüidade.

O persoal comprendido no presente convenio colectivo, percibirá aumentos periódicos por anos consistentes no aboamento de quinquenios nas condicións que se fixan na ordenanza de traballo, é dicir, a razón do 5% dos distintos salarios base.

Artigo 13º.-Gratificacións extraordinarias.

Co carácter de complemento salarial aboaránse dúas gratificacións extraordinarias, tendo cada unha delas a contía de 30 días de salario base e antigüidade, facéndose efectivas o día laborable inmediatamente anterior ó 22 de xullo e ó 22 de decembro.

Artigo 14º.-Vacacións.

A partir do primeiro de xaneiro de 1986 todo o persoal vinculado ó presente convenio colectivo desfrutará de 30 días naturais de vacacións ó ano; o período de disfrute de ditas vacacións será preferentemente entre os meses de maio e outubro, ámbolos dous inclusive.

O salario que se percibirá durante elas, virá determinado polo salario base, antigüidade e plus de asistencia correspondente ós días laborables do dito período vacacional.

Artigo 15º.-Premios de xubilación.

As empresas concederán un complemento de xubilación a aqueles traballadores que con dez anos de antigüidade na empresa, como mínimo, se xubilen

voluntariamente durante a vixencia do presente convenio. A súa contía irá en función da seguinte escala:

-Por xubilación voluntaria ós 60 anos, 700.000 ptas.

-Por xubilación voluntaria ós 61 anos, 600.000 ptas.

-Por xubilación voluntaria ós 62 anos, 500.000 ptas.

-Por xubilación voluntaria ós 63 anos, 400.000 ptas.

-Por xubilación voluntaria ós 64 anos, 200.000 ptas.

-Por xubilación voluntaria ós 65 anos, unha mensualidade de salario máis antigüidade.

Para a súa percepción terán que solicitarse no prazo de tres meses, desde o cumprimento da idade correspondente.

As mencionadas axudas, soamente se concederán a aqueles traballadores que non se acollan ós beneficios determinados no Real decreto 1194/1985, de 17 de xullo.

Artigo 16º.-Prendas de traballo.

Tódolos traballadores terán dereito a que as empresas os provexan de tres fundas ou peza similar cada ano, de uso obrigatorio, prohibíndose salvo para o seu lavado, e con permiso da empresa, sacar fóra dos seus locais tales pezas.

As asignadas ó persoal técnico e administrativo serán adecuadas ás súas funcións.

Artigo 17º.-Permisos e licencias.

Avisando coa debida antelación, o traballador terá dereito a permisos retribuídos polas seguintes causas:

a) Por falecemento do cónxuxe, fillos ou pais do traballador, 4 días naturais e 5 días se ocorre fóra da provincia.

b) Por falecemento de avós, avós políticos, netos, pais políticos, fillos políticos, irmáns, irmáns políticos, 2 días naturais e 4 se ocorre fóra da provincia.

c) Dous días naturais en caso de enfermidade grave do pai, avó, fillos e cónxuxe, declarada polo médico que o asista. Cando, con tal motivo, o traballador necesite facer un desprazamento para o efecto, o prazo será de catro días.

d) Un día natural en caso de matrimonio de fillos ou irmáns.

e) Quince días naturais en caso de matrimonio do traballador e tres días naturais por parto da súa dona. Neste último caso cando o traballador necesite facer un desprazamento, o plazo será de catro días.

Estos permisos serán retribuídos sobre salario base da primeira columna da táboa salarial anexa, incrementándose cos correspondentes premios de antigüidade.

f) En caso de cumprimento de deberes inescusables de carácter público, nos cargos representativos, rexiranse polo previsto na ordenanza de traballo, percibindo tódolos conceptos incluso o plus de asistencia.

Artigo 18º.-Xornada de traballo.

A xornada laboral para 1996 queda fixada en 1.797 horas anuais de traballo efectivo, distribuíndose de luns a venres, ámbolos dous incluídos, salvo o disposto nos artigos 19 e 19 bis.

Para o ano 1997 a xornada laboral queda fixada en 1792 horas anuais de traballo efectivo nos mesmos termos.

Artigo 19º

A empresa fica facultada para nomear un servicio en sábados, para manter un nivel de asistencia ó público, así como, se fose o caso, funcións de mantemento en xeral, que en ningún caso será superior ó 50% do cadro de persoal. Ningún traballador está obrigado a prestar servicios dous sábados seguidos.

Aqueles traballadores que presten servicios os sábados, desfrutarán do descanso equivalente o luns, de forma que desfruten un descanso ininterrompido de 48 horas, salvo que por acordo da empresa e traballadores decidan manter outro sistema de descanso, incluído aquel que viñera utilizando na actualidade.

Artigo 19º Bis.

Os traballadores que realicen a súa xornada en domingo e festivo terán dereito a un descanso compensatorio de dous días por cada domingo ou festivo traballado, a desfrutar dentro dos dous meses seguintes, segundo acordo entre a empresa e o traballador.

Artigo 20º

Por requerimento dos traballadores afiliados ás centrais sindicais asinantes do presente convenio colectivo, as empresas descontarán da nómina mensual dos traballadores o importe da cuota sindical correspondente. O traballador ou traballadores interesados en tal operación remitirán á empresa un escrito no que se expresarán con claridade a orde de desconto, a central sindical á que pertence, a contía da cota, así como o número da conta ou cartilla de aforro á que debe ser transferida a correspondente cantidade.

A dirección de empresa entregará copia da transferencia á representación sindical.

Artigo 21º

A idade de xubilación voluntaria será de 64 anos cumpridos. Todas aquelas empresas que ás lles sexa solicitada por un traballador a dita xubilación á idade xa citada, veranse obrigadas a contratar a outro traballador, nas condicións establecidas no Real decreto 1194/1985, do 17 de xullo.

Artigo 22º.-Axudas de custo.

Todo traballador con dereito a axuda de custo percibirá 3.260 ptas. diarias por axuda de custo completa, e 1.470 ptas. por media axuda, ou ben os gastos a xustificar, a elección da empresa. Estas axudas de custo serán de aplicación a tódalas empresas de montaxes eléctricas e telefónicas.

Artigo 23º.-Póliza de seguros.

As empresas subscribirán en favor dos traballadores, unha póliza de seguros que cubra, no caso de accidente

de traballo, os riscos de morte e invalidez permanente, nos graos de total, absoluta e grande invalidez, nas contías de 2.500.000 e 3.000.000 de ptas., respectivamente.

A obriga de contrata-la póliza na contía que se incrementa con respecto á do convenio anterior, entrará en vigor a partir dos 60 días da publicación deste convenio no BOP, para as empresas que non a tiñan contratada por non telo solicitado os traballadores. Nos demais casos, a obriga de contrata-la póliza na contía que se incrementa con respecto ó convenio anterior, entrará en vigor a partir dos 30 días da publicación deste convenio no BOP.

Non obstante a indemnización que se perciba con cargo ó seguro aquí convenido, considerarase como percibida a conta da indemnización que, se é o caso, puideran declarar, con cargo ás empresas, os tribunais de xustiza na vía penal, compensándose ata onde aquela non alcance.

Artigo 24º.-Préstamo ós traballadores.

As empresas crearán un fondo de préstamos para os seus traballadores. Para a súa concesión, así como para a determinación da súa contía, ateranse ó mutuo acordo da empresa e o traballador. O mencionado préstamo non reportará xuros e a súa devolución deberá efectuarse no tempo que acorden a empresa e traballador.

As solicitudes de préstamos traerán como causa a adquisición de vivenda, automóbil, aboamento de gasto de enfermidades, etc.

Artigo 25º.-Formación profesional.

As partes signatarias acordan constituír unha comisión paritaria provincial sectorial de formación profesional, integrada por 1 representante de cada unha das centrais sindicais asinantes do convenio e un número de representantes da Asociación Provincial de Empresarios do Metal de Lugo igual ó total das centrais sindicais.

Serán funcións desta comisión:

-Requirir das administracións autonómicas competentes o recoñecemento desta comisión como interlocutor social sectorial, que reciba a información existente sobre programas e cursos de formación profesional con financiamento oficial que afecten ó sector do metal, co fin de colaborar tanto nos que estean en marcha, como nos que poidan programar en adiante.

-Elaborar estudios sobre necesidades e requirimentos de formación profesional no sector para chegar a defini-la organización e programación súa, tanto ocupacional como, regulamentada (observatorio ocupacional).

-Elaborar planos formativos necesarios para consegui-la homologación das cualificacións profesionais dos traballadores técnicos, administrativos e manuais, cos seus equivalentes na Comunidade Económica Europea, con vistas á entrada en vigor do mercado único.

-Cantas outras funcións a comisión se atribúa, orientadas ó desenvolvemento e mellora da formación profesional no sector na provincia de Lugo.

Artigo 26º

A parte empresarial e a parte social acordan manifesta-la súa vontade de camiñar cara á unificación, nun só texto, do articulado dos convenios do siderometal e comercio do metal da provincia de Lugo.

Artigo 27º.-Recoñecementos médicos.

As empresas vinculadas ó presente convenio colectivo, estarán obrigadas á realización dun recoñecemento médico anual para todo o persoal, a través do Gabinete Técnico Provincial de Seguridade e Hixiene ou a través da Mutua Patronal de Accidentes de Traballo. As empresas estarán obrigadas a concede-lo tempo necesario para a realización destes recoñecementos, logo de citación por escrito, no que deberá figura-lo día e a hora.

Artigo 28º.-Compensación en caso de ILT.

No caso de situación de baixa por ILT a consecuencia de accidente de traballo e enfermidade profesional, as empresas aboarán o complemento necesario para que, xunto coas prestacións aboadas pola Seguridad Social, o traballador perciba o salario que se establece no presente convenio, a partir do día seguinte ó do inicio da baixa e mentres dure a situación de ILT.

No caso de enfermidade común e accidente non laboral, percibirase un complemento ata que o traballador perciba o 90% do salario que se establece neste convenio, a partir dos 90 días do inicio da baixa. O dito complemento será ata o 100% do salario establecido neste convenio a partir dos 120 días, contados a partir da data de inicio da baixa, e, en todo caso, nos supostos en que se produza hospitalización do traballador e durante o tempo que dure ésta máis 14 días posteriores á data de finalización da hospitalización.

Artigo 29º.-Comisión de seguridade e hixiene no traballo.

As partes signatarias acordan constituír unha comisión paritaria provincial sectorial de seguridade e hixiene no traballo, integrada por un representante da cada unha das centrais sindicais asinantes do convenio e un número de representantes da Asociación de Empresarios do Metal de Lugo, igual ó total das centrais sindicais.

Ámbalas dúas representacións comprométense a manter reunións periódicas, previa convocatoria de calquera das partes con 15 días de antelación.

As funcións básicas da comisión de seguridade e hixiene terán como obxectivos prioritarios:

1. Promove-la observancia das disposicións legais vixentes para a prevención dos riscos profesionais no ámbito do sector.

2. Prestar asesoramento ós empresarios e traballadores para evitar e/ou reduci-los riscos que atenten contra a integridade física e saúde dos traballadores.

3. Dar a coñece-las normas e procedementos que en materia de seguridade e hixiene dicten os organismos competentes nesta materia.

4. Solicitar informes sobre os resultados estatísticos dos recoñecementos médicos que se realicen ós traballadores deste sector.

5. Cantas outras funcións que a comisión se atribúa, orientadas ó desenvolvemento e mellora da seguridade e hixiene no traballo, no sector, na provincia de Lugo.

Artigo 30º.-Liquidación.

Nos casos de terminación de contrato ou baixa voluntaria do traballador, entregaráselle ó traballador, copia da liquidación con tres días de antelación ó cesamento.

Artigo 31º.-Cláusula de desvinculación.

As partes asinantes do presente convenio acordan someterse ás seguintes normas en tódolos ámbitos de negociación, cando algunha empresa decida solicitar a inaplicación do incremento salarial pactado no presente convenio.

a) Comunicar por escrito as súas pretensións á representación dos traballadores e á comisión paritaria do convenio dentro dos 10 días naturais seguintes ó da súa publicación do mesmo no boletín oficial correspondente.

b) No prazo máximo dos 30 días naturais posteriores á comunicación anterior aportará ós representantes dos traballadores a documentación acreditativa da petición:

1. Memoria explicativa das causas que motivan a solicitude.

2. Orzamento e conta de resultados dos dous anos anteriores.

3. Orzamento e previsións do ano en curso.

4. Informe relativo á situación dos aspectos financeiros, productivos, comerciais e de cotización á Seguridade Social e Facenda.

c) Á vista da documentación achegada, se no prazo de 10 días non se acadase acordo remitirase á comisión paritaria a resolución da discrepancia así como a documentación señalada no punto b), a cal no prazo máximo de dez días resolverá a cuestión suscitada. Se neste prazo a comisión non resolvese a dita cuestión, procederase conforme o previsto no sistema de arbitraxe AGA I de 4 de marzo de 1992.

d) Nas empresas nas que non exista representación legal dos traballadores a empresa comunicará a dita petición de descolgue e a documentación acreditativa á comisión paritaria, procedéndose conforme o disposto no parágrafo anterior.

e) Os acordos acadados no ámbito da empresa establecerán, de xeito obrigado, os incrementos obrigados para a vixencia do convenio así como a forma e tempo para a súa recuperación. Do acordo acadado darase conta á comisión paritaria do convenio, co obxecto

de ter un seguimento dos problemas do sector e revisar que se cumplan os criterios marcados.

Artigo 32º.-Modalidades de contratación.

1. Aprendizaxe.

Tendo a conta que o contrato de aprendizaxe debe ser fundamentalmente un contrato formativo, non caberá no ámbito de aplicación do presente convenio a formalización dun contrato de traballo de aprendizaxe que teña por obxecto a adquisición da formación teórica e práctica necesaria para o desempeño adecuado dun oficio ou dun posto de traballo non cualificado.

En todo caso o salario de contratación dos aprendices será como mínimo igual ó 70%, 80% e 90% do salario base da súa categoría durante, respectivamente, o primeiro, o segundo e o terceiro ano de vixencia do contrato. No resto das condicións laborais, tales como o plus de asistencia, desenvolverase o disposto no convenio con carácter xeral.

Polo feito de non te-los traballadores contratados baixo a modalidade de contrato de aprendizaxe dereito a prestacións por desemprego, establécese unha indemnización por finalización de contrato consistente no aboamento de 10 días de salario por ano de servicio na empresa, sempre e cando o traballador non continúe na empresa baixo outra modalidade de contratación

2. Contrato de traballo en prácticas.

O contrato de traballo en prácticas terá por finalidade facilita-la práctica profesional dos traballadores ou traballadoras para perfecciona-los seus coñecementos e adaptalos ó nivel de estudios cursados.

3. Contrato eventual previsto no artigo 15.1º b) do Estatuto dos traballadores.

Estos contratos poderán ter unha duración máxima de 18 meses dentro dun período de 20 meses.

Disposicións adicionais

Primeira.

As partes asinantes deste convenio consideran o acordo interprofesional galego sobre dos procedementos extraxudiciais de solución de conflictos de traballo (AGA) as canles idóneas para a solución do conflictos colectivos laborais.

Segunda.

As partes firmantes do presente convenio crean unha comisión técnica paritaria que estará integrada por un membro de cada central sindical firmante do presente convenio e por un número igual de representantes da parte empresarial, co cometido de estudiar e buscar unha fórmula de consenso nas seguintes materias:

a) Adaptación da clasificación profesional prevista no presente convenio ó texto do acordo sobre clasificación profesional para a industria do metal asinado o 16 de xaneiro de 1996 entre as centrais sindicais UXT, CC.OO. e CIG e Confemetal.

b) Saúde laboral.

c) Antigüidade.

Terceira.

Os días 24 e 31 de decembro consideraranse con carácter xeral como días laborables. Nembargantes, en atención as datas especiais de que se fala, as empresas procurarán que os traballadores, sen prexudica-la atención ós clientes, vexan reducida na medida do posible a súa xornada laboral.

Táboa salarial do convenio colectivo de siderometal. Vixencia: 1-1-1996 Ó 31-12-1996

PlusPlusTotal
Categoría profesionalSoldo6 días5 díasanual

Peón2.5161.0401.2481.385.064
Especialista2.5281.0721.2841.399.212
Mozo especialista almacén2.5281.0721.2841.399.212
Oficial de 1ª2.5531.1661.4011.439.229
Oficial de 2ª2.5401.1281.3541.421.894
Oficial de 3ª2.5321.0961.3161.408.948
Listeiro75.2861.1251.3481.392.352
Almaceneiro76.0601.1091.3301.398.670
Chofer camión76.6351.1541.3841.420.274
Garda xurado75.6501.0591.2721.378.372
Vixilante75.6031.0561.2681.376.710
Telefonista75.5371.0561.2681.375.786
Conserxe76.2331.1211.3471.405.359
Xefe 1ª administrativo79.6331.5051.8051.567.917
Xefe 2ª administrativo78.8251.4141.6951.528.995
Oficial 1ª administrativo77.7531.2461.4951.463.787
Oficial 2ª administrativo76.9941.1961.4361.438.352
Auxiliar administrativo76.0981.0951.3151.395.437
Viaxante77.7271.2991.5581.479.236
Enxeñeiro, arquitecto, licenciado82.6681.9142.2961.733.648
Peritos, aparelladores, con reponsabilidade técnica82.0991.8272.1921.699.578
Peritos aparelladores81.7921.7582.1081.674.196
Axudante enxeñeiro80.8821.6972.0381.643.886
Mestre industrial78.4861.4641.7581.540.062
Xefe de taller79.5541.4941.7921.563.548
Mestre de taller 1ª77.9171.3541.6231.498.211
Mestre de taller 2ª77.6691.2831.5411.474.157
Encargado76.8811.2001.4421.438.276
Delineante proxectista79.0681.4301.7141.537.166
Debuxante proxectista79.0681.4301.7141.537.166
Delineante 1ª77.7351.2841.5411.475.081
Delineante 2ª76.9951.1961.4361.438.366
Auxiliar75.7961.0911.3121.390.456

* Nota. O total anual, en relación co plus de asistencia, está calculado en función dos días laborables do ano 1996, de luns a venres. Plus asistencia de 5 días x 251 días laborables.

7711