Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 234 Venres, 29 de novembro de 1996 Páx. 10.781

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE EDUCACIÓN E ORDENACIÓN UNIVERSITARIA

ORDE do 21 de outubro de 1996 pola que se dictan disposicións para a aplicación do Decreto 331/1996, do 26 de xullo, polo que se modifica e amplía o Decreto 78/1993, do 25 de febreiro, polo que se establece o currículo da educación secundaria obrigatoria na Comunidade Autónoma de Galicia.

O Decreto 331/1996, do 26 de xullo (DOG do 28 de agosto), modifica e amplía o Decreto 78/1993, do 25 de febreiro, polo que se establece o currículo da educación secundaria obrigatoria na Comunidade Autónoma de Galicia, organiza o currículo da área de ciencias da natureza, para cuarto curso, en dúas materias diferentes: bioloxía e xeoloxía e física e química, e considera a avaliación de ámbalas materias por separado.

Igualmente, o dito decreto establece a posibilidade de que os centros educativos organicen a área de ciencias sociais, xeografía e historia no cuarto curso da educación secundaria obrigatoria e separa o bloque de contidos a vida moral e a reflexión ética, e constitúeo en materia específica coa denominación de ética e con avaliación independente.

Por outra banda, a Orde do 23 de abril de 1996 (Boletín Oficial do Estado do 8 de maio), de carácter básico para todo o Estado, determina a forma na que se deben consignar nos documentos de avaliación as cualificacións das ensinanzas establecidas nas ditas materias, cando estas se separen das súas áreas correspondentes.

En consecuencia cómpre regular, por unha parte, a distribución horaria correspondente ás materias bioloxía e xeoloxía, física e química e ética e o profesorado responsable da impartición destas ensinanzas e, pola outra, a maneira de consigna-la avaliación delas nos documentos de avaliación establecidos na Orde do 25 de abril de 1994 sobre a avaliación na educación secundaria obrigatoria (Diario Oficial de Galicia do 18 de maio).

En virtude do anteriormente exposto e da disposición adicional do Decreto 331/1996, do 26 de xullo ( Diario Oficial de Galicia do 28 de agosto), a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria,

DISPÓN:

Primeiro. A organización das áreas de ciencias da natureza e ciencias sociais, xeografía e historia rexirase polo disposto no Decreto 331/1996, do 26 de xullo, polo que se modifica e amplía o Decreto 78/1993, do 25 de febreiro, polo que se establece o currículo da educación secundaria obrigatoria. No dito decreto establécese a posibilidade de que os centros educativos organicen no cuarto curso desta etapa a área de ciencias da natureza en dúas

materias independentes: bioloxía e xeoloxía e física e química e considérase a avaliación de ámbalas materias por separado.

Igualmente, o dito decreto establece a posibilidade de que os centros educativos organicen a área de ciencias sociais, xeografía e historia no cuarto curso da educación secundaria obrigatoria coa separación do bloque de contidos a vida moral e a reflexión ética, e a constitución deste en materia específica coa denominación de ética e con avaliación independente.

Segundo. Profesorado.

1. A materia bioloxía e xeoloxía será impartida polo profesorado do departamento de ciencias naturais e a materia física e química polo profesorado do departamento de física e química.

2. A materia ética será impartida polo profesorado do departamento de filosofía.

Terceiro. Distribución horaria.

1. Nos centros educativos nos que se opte pola organización da área ciencias da natureza no cuarto curso da educación secundaria obrigatoria en dúas materias diferentes: bioloxía e xeoloxía, e física e química, atribuiránselles tres períodos lectivos semanais a cada unha das ditas materias e consignaranse os resultados da avaliación segundo se establece na presente orde.

2. Igualmente, nos centros educativos nos que se opte pola organización da área ciencias sociais, xeografía e historia no cuarto curso da educación secundaria obrigatoria coa separación do bloque de contidos A vida moral e a reflexión ética, e a constitución deste en materia específica coa denominación de ética, atribuiránselle tres períodos lectivos semanais á área ciencias sociais, xeografía e historia e un período lectivo á dita materia.

Este suposto levarase a cabo en función da dispoñibilidade horaria dos profesores do departamento de filosofía.

3. No cuarto curso, no caso de que o bloque de contidos a vida moral e a reflexión ética da área ciencias sociais, xeografía e historia se constitúa en materia específica coa denominación de ética, esta poderá ser organizada cuadrimestralmente para reduci-la diversidade de áreas ou materias que os alumnos deben cursar simultaneamente.

Cuarto. Programación didáctica.

1. A programación da materia ética formará parte da programación didáctica do departamento de filosofía.

2. No caso de que non se opte pola organización da área ciencias sociais, xeografía e historia no cuarto curso da educación secundaria obrigatoria separando o bloque de contidos a vida moral e a reflexión ética, o departamento de xeografía e historia incluirá na súa programación didáctica o dito bloque de contidos establecido no punto 4.17 do currículo correspondente á devandita área e que se recolle no anexo II do Decreto 331/1996, do 26 de xullo.

Quinto. Rexistro das cualificacións.

1. Os resultados da avaliación das materias ética, bioloxía e xeoloxía e física e química, cando se organicen como materias independentes no cuarto curso da educación secundaria obrigatoria, expresaranse nos termos de insuficiente (In), suficiente (Su), ben (B), notable (N), sobresaliente (So), tal e como se establece para o resto das áreas e materias na Orde do 25 de abril de 1994 sobre a avaliación na educación secundaria obrigatoria.

2. As cualificacións obtidas nas materias bioloxía e xeoloxía e física e química reflectiranse no expediente académico do alumno ou alumna e no libro de escolaridade do ensino básico na páxina correspondente ó cuarto curso da educación secundaria obrigatoria, coa utilización do cadro pertencente á cualificación da área de ciencias da natureza e a consigna no primeiro lugar da cualificación da materia bioloxía e xeoloxía e no segundo lugar a cualificación da materia física e química, deberán estar separadas ámbalas cualificacións por un guión.

3. No caso de que un alumno ou alumna curse unicamente unha das materias bioloxía e xeoloxía ou física e química, reflectirase a cualificación que corresponda no seu expediente académico e no libro de escolaridade do ensino básico na páxina establecida para o cuarto curso da educación secundaria obrigatoria, coa utilización do cadro pertencente á cualificación da área de ciencias da natureza e consigna da cualificación da materia cursada mediante as siglas (BG) no caso de bioloxía e xeoloxía ou (FQ) no caso de que a materia cursada sexa física e química.

4. A cualificación obtida na materia ética reflectirase no expediente académico do alumno ou alumna e no libro de escolaridade de ensino básico na páxina correspondente ó cuarto curso da educación secundaria obrigatoria, coa utilización do cadro pertencente á cualificación da área de ciencias sociais, xeografía e historia, a consigna no primeiro lugar da cualificación correspondente á dita área e, no segundo lugar, a cualificación da materia ética, deberán estar separadas ámbalas cualificacións por un guión.

5. O rexistro das cualificacións das tres materias ética, bioloxía e xeoloxía e física e química farase, se é o caso, na páxina 27 do libro de cualificacións do ensino básico, dedicada á acreditación da avaliación contida no dito libro.

Disposición derradeira

Autorízase a Dirección Xeral de Ordenación Educativa e de Formación Profesional para dicta-las normas que sexan precisas para a execución do establecido na presente orde.

Santiago de Compostela, 21 de outubro de 1996.

Celso Currás Fernández

Conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria

8779