Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 232 Mércores, 27 de novembro de 1996 Páx. 10.659

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE AGRICULTURA, GANDERÍA E MONTES

ORDE do 15 de novembro de 1996 pola que se regula a concesión de axudas para a formación cooperativa, promoción, mellora de xestión e consolidación das cooperativas agrarias.

O fomento do asociacionismo agrario constitúe un dos obxectivos fundamentais na búsqueda do cambio das estructuras productivas do campo galego. Producir e comercializa-los productos agrarios de forma agrupada constitúe un modo de enfrontarse ás novas condicións do mercado, máis axeitado e máis útil. Por iso, esta consellería considera de maior interese incentiva-las accións que teñen como obxectivo a divulgación deste propósito, a educación cooperativa, fortalecemento das estructuras productivas e a modernización destas empresas agrarias.

Por todo isto, en consonancia co disposto no artigo 30.1º, nº 1 e 3, do Estatuto de autonomía de Galicia, e en uso das facultades que me confire a Lei 1/1983 do 23 de febreiro, reguladora da Xunta e do seu presidente,

DISPOÑO:

Capítulo I

Artigo 1º

As cooperativas agrarias legalmente constituídas, así como as súas asociacións, e as cooperativas de segundo e ulterior grao, establecidas no ámbito territorial da Comunidade Autónoma de Galicia, que se axusten á normativa establecida, poderán solicitar axudas para as finalidades especificadas nos seguintes artigos.

Do mesmo xeito, poderán acollerse a estas axudas os gandeiros acollidos ó plan de abandono da producción láctea, que pretendan o seu ingreso en sociedades cooperativas de carácter agrario.

As unións ou asociacións de cooperativas establecidas en Galicia, poderán subscribir convenios de colaboración coa Consellería de Agricultura Gandería e Montes, e acollerse ás axudas correspondentes, nos termos e nas contías que en cada caso se determinen.

Capítulo II

Actividades formativas e de fomento do cooperativismo en xeral

Artigo 2º

A Consellería de Agricultura, Gandería e Montes poderá conceder subvencións para realizar cursos e actividades formativas dirixidas á mellora da capacitación profesional dos socios e do persoal que presta nelas o seu servicio, así como o fomento e promoción do cooperativismo. As subvencións aboaranse con cargo á aplicación orzamentaria 09.01.612A.470 dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para 1997, cunha dotación de 21.000.000 de ptas. (vinteún millóns de pesetas).

Artigo 3º

As actividades formativas que poden ser obxecto desta subvención son as seguintes:

a) Estadía en empresas co fin da apredizaxe práctica.

b) Cursos, viaxes formativas de prácticas, xornadas, seminarios e conferencias dirixidos a:

1. Xerentes, técnicos, especialistas e outros traballadores cualificados ó servicio das entidades asociativas agrarias, co fin de mellora-la xestión empresarial destas.

2. Socios das entidades asociativas agrarias, así coma os seus fillos e outros familiares dependentes deles, que teñan relación coas actividades da cooperativa.

c) Calquera outra actividade semellante que a consellería recoñeza de interese para a formación do persoal.

Artigo 4º

O importe das axudas para as actividades ás que se refire o artigo anterior poderá cubri-la totalidade dos custos efectivos do profesorado, material didáctico e outros gastos de ensinanza.

Cando se organicen viaxes colectivas de prácticas de estudio ou formativas en xeral para socios de cooperativas agrarias, poderán recibir ata o 70% dos custos efectivos de desprazamento e aloxamento. Cando a viaxe se faga sen curso ou actividade formativa previa, a subvención mencionada non poderá supera-lo 50%.

Artigo 5º

As solicitudes virán acompañadas dunha memoria explicativa das actividades previstas na que se faga relación, polo menos, dos seguintes extremos:

a) Xustificación e obxectivos.

b) Persoal ó que vai dirixido.

c) Número de participantes.

d) Datas e lugares de celebración.

e) Duración.

f) Programa.

g) Profesorado.

h) Orzamento desagregado por partidas.

i) Financiamento previsto.

A concesión das subvención farase conforme o interese que teñan as actividades programadas e as garantías de cumprimento do programa.

Artigo 6º

Unha vez concedida a subvención, procederase ó pagamento dos gastos efectuados, logo da xustificación destes, a través de facturas ou recibos orixinais. Esta xustificación de gastos deberá vir acompañada dunha pequena memoria das actividades realizadas.

Capítulo III

Axudas para afronta-los gastos de constitución e primeiro establecemento de novas cooperativas

Artigo 7º

Co fin de contribuír á promoción e consolidación de cooperativas agrarias, así como para a fusión de pequenas cooperativas existentes, para que poida alcanzar unha maior viabilidade na súa actividade económica, poderán ser subvencionados:

a) Os gastos de constitución e primeiro establecemento das novas cooperativas, orixinados por viaxes, gastos de tramitación, asesoramento, presentación de documentos, xestión para a súa escritura pública, legalización, confección e adaptación de estatutos, rexistro ou outros gastos, previos á súa entrada en funcionamento.

b) Os gastos orixinados pola fusión de cooperativas, como son: estudios económicos, auditoría para este fin concreto, confección de balances de fusión, gastos de publicación e tódolos demais indicados no apartado anterior.

c) Os estudios de viabilidade dos proxectos económicos das novas implantacións.

Artigo 8º

O importe das axudas para os fins ós que se refire o artigo anterior poderá cubri-la totalidade dos gastos sinalados nos apartados a) e b) e ata o 70% dos considerados no apartado c).

Artigo 9º

As solicitudes formularanse en documento único, no que se relacionarán os gastos realizados ou que se vaian realizar, mediante unha memoria explicativa. A concesión das subvencións correspondentes farase con base na memoria de gastos presentada. As subvencións imputaránselle á aplicación orzamentaria 09.01.612A.770 dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para 1997, cunha dotación de 5.000.000 de ptas. (cinco millóns de pesetas).

Poderán solicitar estas axudas os promotores daquelas cooperativas que queden legalmente constituídas ou fusionadas ó longo do presente exercicio económico.

Artigo 10º

Será precisa a xustificación dos gastos feitos mediante a presentación de facturas e recibos orixinais ou das copias compulsadas destes, no prazo e coa forma sinalados no artigo 33º desta orde.

Capítulo IV

Axudas para contratación de novo persoal

Artigo 11º

Establécese unha subvención para contratación de persoal con cargo á aplicación orzamentaria 09.01.612A.771 dos orzamentos xerais da Xunta de Galicia para 1997.

As contratacións débense facer ó longo do ano 1997.

Por razón da duración das contratacións de persoal, obxecto de subvención, que culminan máis alá do propio exercicio orzamentario, o gasto correspondente terá carácter plurianual.

Os beneficiarios desta subvención serán:

a) As cooperativas e as sociedades agrarias de transformación (en adiante SAT) de nova creación.

b) As cooperativas ou SS.AA.TT. xa existentes, que poñan en marcha novas actividades.

c) As cooperativas e SS.AA.TT. en xeral.

Nos casos previstos nos apartados a) e b) a contía da subvención poderá alcanzar ata un 70% das retribucións totais do primeiro ano, fixadas no contrato, que deberán estar en relación cos cometidos e co nivel do posto de traballo a desenvolver.

No caso previsto no apartado c) a contía da subvención non poderá exceder da cantidade de trescentas cincuenta mil pesetas anuais (350.000 ptas).

As subvencións de persoal contratado non comprenderán, en ningún caso, as cotizacións da Seguridade Social.

Artigo 12º

Cando tres ou máis cooperativas contraten os servicios dun coordinador de actividades formativas, poderán obter unha axuda que se eleve ata o 95% das súas retribucións anuais.

Cando as cooperativas en concerto non tivesen establecidos vínculos legais de índole asociativa deberán designar, para estes efectos, unha delas como representante das demais e obrigarse solidariamente ó cumprimento dos compromisos contraídos.

Artigo 13º

A duración mínima das contratacións de persoal será dun ano, incluído o período de proba e, se fose inferior, deberá fixarse o compromiso de ampliación do contrato ata un ano polo menos.

En calquera caso deberá acompañarse o acordo da entidade sobre as condicións de substitución, para o suposto de resolución do contrato, ata o período mínimo de duración sinalado.

Cando se produza algunha substitución do persoal contratado para o que se recibiu subvención, deberá comunicarse tal extremo, xunto coa identificación do substituto, na primeira liquidación que se realice.

Artigo 14º

Terán preferencia aquelas contratacións nas que o persoal contratado acredite a asistencia a cursos ou actividades formativas de tipo cooperativo relacionados co posto de traballo.

Artigo 15º

A documentación específica que, para este tipo de subvencións, deberá achegarse será a seguinte:

a) Memoria xustificativa sobre a necesidade, cometidos e características das novas contratacións.

b) Orzamento anual de contratación.

c) Compromiso sobre as condicións de substitución, no caso de rescisión do contrato de traballo.

d) Data de contratación do persoal. E no caso de que mediaran circunstancias que impedisen a contratación na data citada, solicitaráselle á Secretaría Xeral da Consellería de Agricultura, Gandería e Montes autorización para pospoñela; farase indicación de tales circunstancias e sinalarase a nova data de formalización da dita contratación.

Artigo 16º

Trimestralmente deberán presentarse, en documentos orixinais ou copias debidamente compulsadas, os recibos de haberes e de cotizacións da Seguridade Social (modelos TC1 e TC2), como xustificacións dos pagos efectuados.

Coa primeira liquidación deberán aportarse:

a) Fotocopia do DNI do persoal contratado.

b) Copia compulsada dos contratos, na que figuren ademais os datos persoais e profesionais dos traballadores.

A liquidación das subvencións farase por cuartas partes do total anual concedido.

Capítulo V

Axudas para a adquisición de novos equipos informáticos e contables, destinados a mellora-la prestación de servicios e a xestión económica

Artigo 17º

Con cargo á aplicación orzamentaria 09.01.612A.771 dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para 1997, e coa finalidade de mellora-la eficacia na xestión empresarial das cooperativas, establécense subvencións para a adquisición de equipos informáticos e de fax.

Artigo 18º

Son subvencionables os equipos e programas informáticos e de fax que estean xustificados para a xestión da actividade da entidade cooperativa, adquiridos durante o ano que corre.

A subvención poderá alcanzar ata un máximo do 50% do seu custo, cunha contía que non poderá exceder de dous millóns de pesetas, no caso dos equipos informáticos, e cen mil pesetas no caso dos fax, cando se trate de cooperativas ou SS.AA.TT. de nova creación ou que poñan en marcha novas actividades. Nos demais casos a axuda non excederá do 35% do seu custo e respectaranse as axudas sectoriais existentes, tanto na producción primaria como na comercial e de transformación.

Artigo 19º

A documentación específica que deberá achegarse nas solicitudes deste tipo de subvencións será a seguinte:

a) Xustificación das necesidades do equipo, programa ou fax, que se vaia adquirir.

b) Características e orzamentos.

Artigo 20º

A xustificación dos gastos farase coa presentación das facturas orixinais ou as súas copias, debidamente compulsadas, no prazo e coa forma establecidas no artigo 33º desta orde.

Capítulo VI

Axudas para realización de estudios de viabilidade e de auditorías que teñan por finalidade a actualización da contabilidade e permitan establecer un sistema contable homoxéneo

Artigo 21º

Con cargo á aplicación orzamentaria 09.01.612A.771 dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para 1997, e coa finalidade de mellora-la eficacia na xestión empresarial das cooperativas, establécese unha subvención para a realización de estudios de viabilidade ou de análise de xestión e de auditorías.

A subvención para estas finalidades poderá alcanzar ata o 70% de seu custo, cun máximo de subvención dun millón de pesetas, por entidade e concepto. Só serán atendibles cando se realicen no ano que corre.

Artigo 22º

As análises de xestión e as auditorías deberán realizalas censores xurados de contas ou auditores inscritos no rexistro correspondente. Os informes das auditorías deberánselles explicar, cos correspondentes dictames, ó conxunto dos socios na primeira asemblea xeral que se celebre con posterioridade á súa realización. Deste punto farase constancia expresa na acta da sesión correspondente.

Os estudios de viabilidade de novas actividades deberanos facer técnicos competentes na materia, que darán conta dos estudios en asemblea xeral.

Artigo 23º

Terán preferencia para obter esta subvención aquelas entidades que teñan como actividade principal a comercialización e transformación dos productos dos socios.

Artigo 24º

A documentación específica que hai que presentar coa solicitude para este tipo de subvención será a seguinte:

a) Identificación dos encargados da realización dos traballos.

b) Memoria explicativa sobre as características e alcance do plan que se vaia realizar.

c) Orzamento detallado do plan.

Artigo 25º

A xustificación do gasto farase conxuntamente con:

a) A presentación das facturas e demais xustificantes orixinais ou as súas copias debidamente compulsadas.

b) Copia dos informes das auditorías ou estudios de viabilidade.

c) Copia ou certificación da acta da sesión explicativa dos dictames ós socios, tanto no caso das auditorías coma no dos estudios de viablidade.

Capítulo VII

Axudas para facilita-la incorporación ó mundo cooperativo dos afectados polo plan de abandono da producción láctea

Artigo 26º

Poderán acollerse á axuda establecida neste capítulo, os agricultores que, tras terse acollido ó plan de abandono da producción láctea, cambien de actividade productiva e se incorporen a unha cooperativa agraria que, sen estar relacionado coa producción de leite, comprenda a nova orientación productiva.

Artigo 27º

Con cargo á aplicación orzamentaria 09.01.612A.771 dos orzamentos xerais da Xunta de Galicia para 1997, establécese unha subvención que poderá alcanzar ata o 50% da cota de aportación económica que o novo socio esta obrigado a satisfacer, como aportación ó capital social e, se é o caso, da cota de entrada para a súa integración como socio dunha cooperativa que, sen ter entre os seus fins actividades relacionadas coa producción de leite, abranga as necesidades da nova actividade productiva do socio.

Artigo 28º

A subvención terá carácter persoal e deberá ser formulada en solicitude individual, tanto se o peticionario é un como se son varios, acompañando os seguintes documentos:

a) Instancia individual subscrita, no caso de ser varios, por cada un, na que se faga consta-lo compromiso de permanecer como socio por un período mínimo de seis anos.

b) Fotocopia do DNI.

c) Relación de peticionarios incluídos no expediente.

d) Certificación do secretario da cooperativa, na que conste a solicitude do socio, o acordo de admisión por parte da cooperativa coa súa data, así como o importe da cota de aportación obrigatoria para o novo socio como capital social e a cota de ingreso.

e) Documentación que acredite estar acollido ó plan de abandono de produccíón leiteira.

f) Certificación expedida pola axencia de extención agraria máis próxima, que acredite a condición do solicitante de ser titular de explotación con orientación productiva non relacionada coa gandería de leite.

Artigo 29º

As subvencións contidas nos capítulos IV, V, VI, e VII desta orde libraranse con cargo á partida orzamentaria 09.01.612A.771 dos orzamentos xerais da Xunta para 1997, cunha dotación de 51.260.000 pesetas (cincuenta e un millóns duascentas sesenta mil pesetas).

Capítulo VIII

Disposicións comúns para tramitación das subvencións

Artigo 30º

As solicitudes iran dirixidas ó conselleiro de Agricultura Gandería e Montes e presentaranse no rexistro da consellería ou das súas delegacións provinciais, na axencias de extensión agraria ou nos lugares e forma indicados no artigo 38 da vixente Lei de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

O prazo de presentación destas concluirá o día 28 de febreiro do ano que corre.

Artigo 31º

A documentación que en tódolos casos deberán presenta-los peticionarios das subvencións regulamentadas na presente orde é a seguinte:

a) Certificación da acta na que figure o acordo do órgano rector que aproba a actividade, contratación, adquisición ou servicio que se pretenda que sexa subvencionado, así como o acordo de petición de subvención e autorización a persoa ou persoas encargadas de levar a cabo os trámites necesarios.

b) Copia dos estatutos.

c) Copia do balance e conta de resultados correspondentes ó último exercicio económico.

d) Copia da declaración do imposto de sociedades correspondente ó último período impositivo esixible.

e) Informe xeral sobre ámbito xeográfico, número de socios, número de empregados, actividades que realizan e calquera outros datos que poidan ser relevantes para coñece-la configuración actual da entidade.

f) Relación de compoñentes do órgano rector.

g) Certificación por cada concepto, de que nin se solicitou nin se obtivo ningunha outra subvención para o mesmo fin, por parte doutras entidades públicas. Esta certificación deberá vir asinada polo secretario e visada polo presidente da cooperativa.

h) Certificación da entidade bancaria na que conste a apertura e o número da conta corrente, así como do código da entidade, código da sucursal e díxito de control.

i) Copia compulsada do codigo de identificación fiscal da entidade.

j) Certificación expedida polo Tesouro da Comunidade Autónoma de Galicia acreditativa de non ter pendente de pagamento ningunha débeda, por ningún concepto, coa Administración pública da Comunidade Autónoma.

k) Certificación de estar ó corrente no pagamento das obrigas fiscais e de Seguridade Social.

No caso de empresas de nova creación, deberán presentar ademais da documentación citada, o último recibo do imposto de actividades económicas e o modelo A de alta na Seguridade Social.

Artigo 32º

As subvencións concederanse por resolución motivada do conselleiro de Agricultura, Gandería e Montes, trala análise da documentación presentada e dos informes técnicos correspondentes no prazo dun mes, contado a partir da data de finalización do prazo de presentación de solicitudes.

Artigo 33º

A xustificación do gasto correspondente ás accións que sexan obxecto de subvención deberase presentar directamente no Servicio de fomento cooperativo (Servicios centrais da Consellería de Agricultura, Gandería e Montes, Edif. administrativo San Caetano - Santiago de Compostela).

O prazo de presentación destas será de dous meses contados a partir da data de comunicación de concesión da axuda, excepto as xustificacións en materia de contratación de persoal, de carácter trimestral, que deberán presentarse no prazo máximo de tres meses posteriores ó remate do correspondente trimestre.

Rematado o prazo para presentación de xustificacións dos gastos, decaerá o dereito a percibi-lo importe da subvención concedida, sen necesidade de aviso nin declaración ningunha.

Artigo 34º

O aboamento das subvencións concedidas efectuarase despois da acreditación da execución do gasto, polos medios en cada caso sinalados, no prazo de dous meses.

Artigo 35º

As subvencións contidas na presente orde son incompatibles con calquera outras que, coa mesma finalidade, se puidesen percibir procedentes da Xunta de Galicia e demais administracións públicas. A vulneración deste precepto dará lugar á perda da subvención concedida e procederase de modo inmediato á devolución das cantidades percibidas, cos intereses correspondentes. Neste suposto a Xunta de Galicia esixirá as responsabilidades de orde penal ou administrativa legalmente previstas.

Artigo 36º

A Consellería de Agricultura, Gandería e Montes poderá en calquera momento, realiza-las comprobacións que prevexan oportunas para velar polo axeitado cumprimento das disposicións contidas na presente orde.

Artigo 37º

Os investimentos deberán estar realizados no presente exercicio, agás o referente ás contratacións de persoal que, aínda que formalizadas necesariamente no corrente ano, se atenderán ata que finalice o prazo dunha anualidade.

Artigo 38º

Con cargo ós remanentes que puidesen producirse na tramitación dos expedientes de subvención, poderán atenderse aquelas solicitudes que tras cumprir tódolos requisitos, non obtivesen nun primeiro momento a axuda solicitada.

Disposicións adicionais

Primeira.-Tódolos gastos ou investimentos ós que se refire a presente orde, para os efectos do aboamento das subvencións entenderanse feitos sen inclusión do IVE.

Segunda.-As copias do balance e contas de resultados ás que se refire o artigo 31º, son as correspondentes ás do último exercicio económico. Pero, no suposto de que estes estivesen pendentes de aprobación, presentaranse as correspondentes ó exercicio anterior e comprometeranse a aporta-los novos tan pronto como fose posible.

Terceira.-Para os efectos do establecido na presente orde, as sociedades agrarias de transformación (SS.AA.TT.) terán a mesma consideración cás sociedades cooperativas.

Cuarta.-Terán preferencia para a obtención das subvencións contidas na presente orde, con carácter xeral as cooperativas de nova creación, as que afronten procesos de integración e as que conten con dimensionamento e estructuras adecuado, sobre as demais cooperativas e sobre as SS.AA.TT.

Quinta.-Mentres non se produza a aprobación e conseguinte publicación dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para 1997, as solicitudes que se orixinen como consecuencia da publicación da orde de subvención, serán tramitadas de conformidade e cos efectos contidos na orde da Consellería de Economía e Facenda do 2 de xuño de 1986 (DOG nº 18, do 19-6-1986), modificada pola Orde do 18 de outubro de 1991 (DOG nº 229, do 26-11-1991).

A dotación orzamentaria está contida no proxecto de orzamentos para 1997.

Disposición derradeira

Única.-Autorízase ó secretario xeral da consellería para dicta-las normas necesarias para a aplicación da presente orde, que entrará en vigor o día seguinte da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 15 de noviembre de 1996.

Tomás Pérez Vidal

Conselleiro de Agricultura, Gandería e Montes

8558