Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 229 Venres, 22 de novembro de 1996 Páx. 10.512

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE INDUSTRIA E COMERCIO

DECRETO 408/1996, do 31 de outubro, polo que se modifica o Decreto 199/1995, do 10 de maio, modificado polo 258/1995, de 5 de outubro, polo que se crea o Registro Xeral de Contratistas da Comunidade Autónoma.

O Decreto 199/1995, do 10 de maio, creou o Rexistro Xeral de Contratistas da Comunidade Autónoma.

Polo Decreto 258/1995, do 5 de octubro, produciuse a adaptación do antedito Decreto 199/1995, á Lei 13/1995 do 18 de maio, de contratos das administracións públicas.

O Real decreto 390/1996, do 1 de marzo, de desenvolvemento parcial da Lei 13/1995, do 18 de maio, de contratos das administracións públicas, esixe unha nova adaptación de determinados preceptos dos decretos citados polos que se creou o Rexistro Xeral de Contratistas da Comunidade Autónoma, ademais de posibilita-la incorporación ás certificacións dos aspectos relativos á acreditación do cumprimento das obrigas tributarias e de seguridade social.

E por iso polo que, por proposta da Consellería de Industria e Comercio, en uso das atribucións conferidas pola Lei 1/1983, do 22 de febreiro, modificada pola Lei 11/1988, do 20 de octubro, reguladora da Xunta e do seu presidente, logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día trinta e un de outubro de mil novecentos noventa e seis,

DISPOÑO:

Artigo único

Modifícase o Decreto 199/1995, do 10 de maio, modificado polo Decreto 258/1995, do 5 de octubro, polo que se crea o Rexistro Xeral de Contratistas da Comunidade Autónoma, nos seguintes extremos:

1. O artigo 5 quedará redactado do seguinte xeito:

As solicitudes de inscrición no rexistro tramitaranse perante a Secretaría Xeral da Consellería de Industria e Comercio, e presentaranse en modelo normalizado, que se establecerá mediante orde da referida consellería, xunto coa seguinte documentación:

a) Acreditativa da capacidade:

1. Se a empresa fora persoa xurídica, escritura de constitución ou modificación debidamente inscrita no rexistro mercantil ou no rexistro que corresponda de non ser sociedade mercantil.

Para os empresarios individuais será obrigatoria a presentación do documento nacional de identidade ou o que, se é o caso, o substitúa regulamentariamente.

2. Poder declarado bastante por letrado da Asesoría Xurídica Xeral da Xunta de Galicia, e docu

mento nacional de identidade do apoderado ou apoderados.

3. Os contratistas estranxeiros presentarán os documentos que debán aportar traducidos de forma oficial ós idiomas galego ou castelán.

Os empresarios non españois de estados membros da Unión Europea ou asinantes do acordo sobre o espacio económico europeo acreditarán a súa capacidade de obrar mediante a inscrición nos rexistros ou presentación das certificacións que se indican no anexo I do Real decreto 390/1996, do 1 de marzo, de desenvolvemento parcial da Lei 13/1995, de 18 de maio, de contratos das administracións públicas, en función dos diferentes contratos.

Ademais, as empresas de estados non membros da Unión Europea e dos non asinantes do acordo sobre o espacio económico europeo acreditarán a súa capacidade de obrar mediante a presentación dos seguintes documentos:

-Certificación expedida pola respectiva representación diplomática española na que se faga constar que figuran inscritas no rexistro local profesional, comercial ou análogo, ou no seu defecto, que actúan con habitualidade no tráfico local no ámbito das actividades ás que se estende o obxecto do contrato.

-Informe da representación diplomática española sobre a condición de Estado signatario do acordo sobre contratación pública da organización mundial do comercio. No caso contrario o informe de reciprocidade a que se refire o artigo 23.1º da Lei 13/1995.

Tratándose de contratistas de obras será necesario, ademais, que as empresas estranxeiras non comunitarias teñan aberta sucursal en España, con designación de apoderados ou representantes para as súas operacións e que estean inscritas no Rexistro Mercantil.

Tódolos contratistas estranxeiros deberán aportar declaración solemne de sometemento á xurisdicción dos xulgados e tribunais españois para a resolución de calquera incidencia que puidera xurdir na formalización e execución dos contratos.

Os documentos referidos neste apartado poderanse presentar en orixinal ou mediante copias que teñan ó carácter de auténticas, de conformidade co establecido na lexislación vixente.

4. Declaración responsable outorgada ante autoridade administrativa, notario público ou organismo profesional cualificado de non estar incurso o licitador en ningún dos supostos de prohibición para contratar previstos na normativa vixente en materia de contratación.

b) Acreditativa do cumprimento das obrigas tributarias e de Seguridade Social.

Certificación acreditativa de estar ó día no cumprimento das obrigas tributarias coas facendas estatal e autonómica, así como xustificante da alta e, se é o caso, o último recibo do imposto de actividades económicas e certificación acreditativa do cumprimento das obrigas coa Seguridade Social,

todo isto nos termos establecidos nos artigos 7 ó 10 do Real decreto 390/1996.

Os certificados citados teñen un período de validez de 6 meses desde a data da súa expedición, para efectos de participar nos procedementos de licitación. Razón pola que a acreditación periódica ante o rexistro de tales certificados exime o contratista de xustifica-lo cumprimento deste requisitos nos expedientes de contratación ós que concorra no dito período.

Nembargantes, se algunha das certificacións caducase antes da adxudicación do contrato, o empresario proposto como adxudicatario deberá presentar unha certificación actualizada a requirimento do órgano de contratación.

c) Acreditativa da solvencia económica, financeira e técnica:

Se é o caso, certificación da inscrición no rexistro oficial correspondente, expresiva da clasificación do contratista, xunto coa declaración da súa vixencia.

Se no prego de cláusulas que rexen a licitación se esixise a acreditación doutros datos ou documentos distintos, o licitador deberá aportalos segundo os termos que nel se establezan.

2. O punto 2º do artigo 7 queda redactado do seguinte xeito:

2. Independentemente do anterior, estarán obrigados a formular, anualmente, declaración expresa responsable relativa á vixencia, sen contradicción, das circunstancias referidas. A omisión desta obriga implicará a suspensión automática dos efectos da inscrición, mentres non sexa reparada.

Ademais, para os efectos do establecido no apartado b) do artigo 5 deberán acreditar ante o rexistro as certificacións de vixencia semestral relativas ó cumprimento das obrigas tributarias coas facendas autónomica e estatal e de Seguridade Social. Así mesmo, deberán acreditar anualmente o pagamento do imposto de actividades económicas.

3. A redacción do artigo 9 queda como segue.

A Secretaría Xeral da Consellería de Industria e Comercio, logo de formación de expediente administrativo con trámite de audiencia ó interesado, poderá acorda-la suspensión temporal ou, se é o caso, a anulación definitiva da inscrición dos contratistas dos que consten datos ou documentos rexistrais incursos en falsidade, inexactitudes relevantes ou que non realizasen as comunicacións ou declaracións a que veñen obrigados de conformidade co establecido nesta disposición, sen prexuízo do efecto automático da suspensión a que se refire o artigo 7.2º.

Todo isto sen prexuízo da súa posible inhabilitación para contratar coa Administración, cando proceda legalmente, así como das responsabilidades en que puidese incorrer fronte á Administración polos danos e perdas causados polo dito motivo.

Así mesmo, os acordos adoptados sobre a prohibición de contratar incribiranse no Rexistro Xeral de Contratistas.

4. Inclúese un novo artigo na redacción do Decreto 190/1995.

Artigo 10º

Por instancia das empresas inscritas, o Rexistro Xeral de Contratistas, expedirá certificacións acreditativas da súa representación para efectos da cancelación de garantías ou doutros actos que así o requiran en materia de contratación.

Santiago de Compostela, trinta e un de outubro de mil novecentos noventa e seis.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

Antonio Couceiro Méndez

Conselleiro de Industria e Comercio

8636