Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 228 Xoves, 21 de novembro de 1996 Páx. 10.506

VI. ANUNCIOS

DA ADMINISTRACIÓN LOCAL

CONCELLO DE CELANOVA

EDICTO.

Aprobadas polo Pleno da Corporación na sesión do 28 de outubro de 1996 as bases que deben rexer na oposición a unha praza de policía local, publícase seguidamente un extracto destas, indicando que o texto completo figura nas oficinas municipais, publicándose así mesmo no BOP de Ourense.

1. Obxecto da convocatoria.

O obxecto desta convocatoria é a provisión en propiedade dunha praza de policía local, incluída no cadro de persoal do concello, dentro da escala de Administración especial, subescala de servicios especiais, clase policía local, grupo D, dotada cos haberes correspondentes ó devandito grupo e demais complementarias fixadas pola propia corporación. Incluída na oferta de emprego de 1996.

2. Requisitos dos aspirantes.

Para poder tomar parte na oposición, os aspirantes deben reuni-los requisitos seguintes, referidos todos e cada un deles á data de remate do prazo de presentación de solicitudes:

a) Ser español, de acordo coa lexislación vixente.

b) Ter cumpridos 18 anos e non exceder de 30.

c) Estar en posesión do título de graduado escolar ou de formación profesional de primeiro grao ou equivalente.

d) Non padecer enfermidade ou defecto físico ou psíquico que lle impida a realización das funcións da praza ou resultasen incompatibles con elas.

e) Acredita-la aptitude física mediante a presentación dun certificado médico, no que se faga constar expresamente que o aspirante reúne as condicions físicas e sanitarias necesarias e suficientes para a realización dos exercicios físicos que figuran especificados na correspondente proba de oposición, o que non excluirá as comprobacións posteriores do que se reflicte no certificado médico.

f) Non estar inhabilitado para o exercicio das funcións públicas nin separado do servicio das administracións públicas por expediente disciplinario ou resolución xudicial firme.

g) Ter unha estatura mínima de 1,70 metros os aspirantes masculinos e de 1,65 metros as aspirantes femininas.

h) Estar en posesión do permiso de conducir das clase A-2 e B-2.

3. Solicitudes.

3.1. O que desexe tomar parte na presente oposición deberá presentar instancia na que manifeste

que reúne todos e cada un dos requisitos esixidos na base segunda e comprometéndose, no caso de obte-la praza, a prestar xuramento ou promesa, conforme o Real decreto 701/1979, do 5 de abril, así como a portar armas e, se é o caso, chegar a utilizalas.

3.2. As solicitudes dirixiránselle ó alcalde-presidente da corporación e presentaranse no rexistro xeral do concello no prazo de 20 días naturais contados desde o seguinte ó da publicación do extracto da convocatoria no BOE.

3.3. As instancias tamén se poderán presentar na forma prevista no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

3.4. Os dereitos de participación no proceso selectivo serán de 2.000 pesetas, que se deberán ingresar na Tesourería municipal, directamente ou mediante xiro postal, ingreso en conta bancaria, etc. O xustificante do ingreso deberase unir á instancia presentada.

Á solicitude achegaranse, os documentos seguintes:

-Fotocopia do DNI.

-Fotocopia dos carnés de conducir esixidos na base 2.g) ou compromiso de telo na data a que se alude así mesmo na devandita base 2.

-O certificado médico previsto na base 2.e).

-Compromiso de aceptación de todo canto establecen as presentes bases.

6. Sistema de selección.

6.1. A selección dos aspirantes farase polo sistema de oposición libre e constar de dúas fases: probas selectivas e cursos de formación na Academia Galega de Seguridade polo prazo de tempo que determine con carácter xeral a devandita academia.

Con carácter previo ó comezo das probas realizarase un control de estatura e un recoñecemento médico.

6.2. Probas selectivas.

Constarán dos seguintes exercicios, todos eles obrigatorios e eliminatorios.

Primeiro exercicio: consistirá nunha proba psicotécnica que estará dirixida a determina-la aptitude psicolóxica e adecuación á función de policía que se vai desempeñar.

Segundo exercicio: consistirá nas seguitnes probas físicas:

a) Salto de altura con listón a 1,35 metros, os aspirantes masculinos e a 1,20 metros as aspirantes femininas.

b) Salto de lonxitude con carreira, cun mínimo de 4 metros para os aspirantes masculinos e 3,5 metros para as aspirantes femininas.

c) Subir unha corda lisa de 7 metros de alto.

d) Carreira de 100 metros, nun tempo máximo de 15 segundos para os aspiarntes masculinos e 18 para as aspirantes femininas.

e) Carreira de 3.300 metros nun tempo máximo de 15 mínutos para os aspirantes masculinos e 17 para as aspirantes femininas.

f) Facer 20 flexións de brazos en posición de decúbito por un tempo de 60 segundos.

Para as probas dos apartados a), b), c) e d) disporán os aspirantes de dous intentos.

Para a realización destas probas, que serán realizadas na orde que dispoña o tribunal, os aspirantes deberán vir provistos de roupa deportiva adecuada.

Terceiro exercicio: consistirá en contestar, por escrito e durante o prazo de 60 minutos, a dous temas sacados a sorte dentro dos do programa do anexo I destas bases, un deles referido á parte xeral e outro á parte especial.

Cuarto exercicio: por escrito, terá dúas partes: a primeira consistirá na realización dun ou varios supostos prácticos (atestado, parte ou documento referente a problemas de circulación rodada e outra materia relacionada co cargo) no tempo que o tribunal determine en cada caso; a segunda consistirá na exposición dun tema de actualidade proposto polo tribunal, no tempo que este determine.

Quinto exercicio: por escrito, consistirá na traducción de dous textos: un, do galego para castelán; outro, do castelán para o galego, texto que serán propostos polo tribunal.

A actuación dos aspirantes farase por orde alfabética comezando coa letra resultante no sorteo que se celebrará previamente.

Entre o final dun exercicio e o comezo do seguinte deberán transcorrer polo menos 48 horas e non máis de 20 días.

8. Presentación de documentos.

O opositor proposto presentará na secretaría do concello, no prazo de 20 días seguintes ó da notificación da proposta de nomeamento, a documentación acreditativa de cumpri-los requisitos esixidos na convocatoria.

Se tivese a condición de funcionario público estará exento de xustifica-los requisitos xa acreditados para obte-lo seu anterior nomeamento, debendo presentar, unicamente, certificación do ministerio ou organismo do que dependa acreditando a súa condición e demais circunstancias que consten no seu expediente.

Se dentro do prazo indicado, salvo caso de forma maior, non presentase a documentación aludida,

non poderá ser nomeado e quedará anulada toda a súa actuación, sen prexuízo das responsabilidades nas que puidese incorrer por falsidade na instancia.

Neste suposto, a alcaldía, á vista da relación de aprobados requirirá o seguinte pola orde de puntuación, sempre que figure nesta.

9. Nomeamento de funcionario de carreira.

Unha vez presentada a documentación, de ser conforme esta coa base 2 da convocatoria, o aspiarnte proposto será nomeado funcionario en prácticas, percibindo as retribucións que legalmente corresponden á dita situación, debendo superar un curso teórico-práctico na Academia Galega de Seguridade antes do seu nomeamento definitivo como funcionario de carreira. Se non supera esta curso en dúas convocatorias consecutivas como máximo, perderá tódolos seus dereitos para ser nomeado funcionario de carreira.

ANEXO I

-Parte xeral.

Tema 1. A Constitución española de 1978: principios xerais e estructura.

Tema 2. Dereitos e deberes fundamentais da persoa na Constitución de 1978.

Tema 3. A Coroa. O poder lexislativo.

Tema 4. O Goberno e a Administración pública. Organización territorial do Estado.

Tema 5. O poder xudicial. O Tribunal Constitucional. Reforma da Constitución.

Tema 6. O Estatuto de autonomía de Galicia: principios xerais e estructura. Institucións autonómicas.

Tema 7. A Administración local. Competencias municipais. Órganos municipais: atribucións, estatutos dos seus membros.

Tema 8. A función pública local. Dereitos e deberes. Faltas e sancións. O procedemento sancionador.

Tema 9. A Lei orgánica de forzas e corpos de seguridade do Estado. Disposicións xerais. Principios básicos. Disposicións estatutarias comúns. Especial consideración do título V das policías locais.

Tema 10. Principios básicos do dereito penal. Delictos e faltas. Persoas responsables criminalmente.

-Parte especial.

Tema 11. A Lei 3/1992, de coordinación das policías locais de Galicia. Ingreso, promoción e mobilidade Réxime estatutario. Normas básicas de estructura, organización e actuación das policías locais.

Tema 12. O atestado policial. A detención. O depósito de detidos. A asistencia letrada ó detido. O habeas corpus.

Tema 13. A policía local e as relacións humanas. Soportes éticos. Normas de actuación.

Tema 14. A Lei de seguridade vial. Obxecto e ámbito de aplicación. Circulación urbana.

Tema 15. Infraccións en materia de tráfico e seguridade da circulación vial. Procedemento sancionador.

Tema 16. Organismos oficiais que interveñen en materia de circulación. Facultades municipais en materia de circulación.

Tema 17. Normas xerais de circulación. Sinalización. Parada e estacionamento. Carga e descarga.

Tema 18. As ordenanzas municipais. Bandos da alcaldía.

Tema 19. A policía local e o urbanismo. A policía local e as funcións de sanidade e abastecemento. Referencia ás licencias de apertura de establecementos. A policía local e os bens e instalacións municipais.

Tema 20. A protección civil. Dereitos e obrigas en materia de protección civil. As funcións dos municipios e da policía local.

Tema 21. Breve descrición do termo municipal de Celanova. Principais lugares de interese cultural, artístico, deportivo e turístico.

Celanova, 30 de outubro de 1996.

O alcalde en funcións

Rubricado

9608373