Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 228 Xoves, 21 de novembro de 1996 Páx. 10.484

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE INDUSTRIA E COMERCIO

DECRETO 407/1996, do 7 de novembro, polo que se declara a urxente ocupación de bens e dereitos co obxecto de impoñe-la servidume de paso para o establecemento e conservación da liña eléctrica aérea a 66 kV trazada entre as subestacións de Vimianzo e Cabana, nos concellos de Vimianzo, Zas e Cabana, provincia da Coruña. (Expediente 52455).

Unión Eléctrica-Fenosa, S.A., con domicilio para efectos de notificacións na r/ Fernando Macías nº 2 da Coruña, solicitou desta Consellería de Industria e Comercio a concesión dos beneficios de expropiación forzosa e a declaración de urxente ocupación dos terreos afectados pola execución do proxecto de construcción da liña eléctrica aérea a 66 kV de 20.291 m de lonxitude, conductor tipo LA-180, de 181,60 mm, sobre apoios metálicos e de formigón, con orixe na subestación de Vimianzo e remate na subestación que se vai construír no lugar de Esto, en Cabana, afectando no seu percorrido

ós termos municipais de Vimianzo, Zas e Cabana (A Coruña) (expediente nº: 52455).

A dita instalación autorizouse e declarouse de utilidade pública, por resolución da Delegación Provincial da Consellería de Industria e Comercio da Coruña do 3-12-1992, a cal foi obxecto de publicación, inseríndose no DOG do 13-1-1993, no BOP da Coruña do 22-12-1992, e no BOE do 18-12-1992. O seu proxecto de execución foi aprobado por resolución da Delegación Provincial da Consellería de Industria e Comercio da Coruña do 12-8-1996.

A solicitude de urxente ocupación fíxose de acordo co disposto no artigo 31 do regulamento que desenvolve a Lei 10/1966, do 18 de marzo, de expropiación forzosa e sancións en materia de instalacións eléctricas, aplicable ó presente expediente en virtude do establecido pola alínea 2 da disposición transitoria segunda da Lei 40/1994, do 30 de decembro, de ordenación do sistema eléctrico nacional.

Os anuncios de información pública aberta en función desta petición, coa relación de interesados, bens e dereitos afectados, publicáronse no DOG do 16-7-1996, no BOP da Coruña do 8-7-1996, no xornal El Correo Gallego do 2-7-1996, e nos taboleiros de anuncios da casa do concello de Vimianzo, Zas e de Cabana e nos da delegación provincial, ó mesmo tempo na forma regulamentaria notificouse individualmente a cada un dos interesados que figuran na dita relación, agás os propietarios dos predios números 20, 21 e 22 das situadas no término municipal de Zas, e 132 de Cabana, que por ser descoñecidos, déuselle traslado das actuacións ó Ministerio Fiscal, segundo o artigo 5 da Lei de expropiación forzosa, do 16 de decembro de 1954.

A tramitación do expediente fíxose de acordo coa Lei 10/1966, do 18 de marzo, e co seu regulamento de aplicación, aprobado polo Decreto 2619/1966, do 20 de outubro; durante o período en que se someteu a trámite de información pública, formulou alegación na que solicita o cambio do trazado da liña o propietario do predio nº 32, a que se desestimou ó baséa-la súa alegación no demérito da súa propiedade, non correspondendo o aprecio deste a esta fase do expediente, e ó non se daren conxuntamente as condicións que establece o artigo 26 do Decreto 2619/1966, do 20 de outubro. Foilles achegada, así mesmo, a información requirida polos propietarios do predio nº: 29/1.

Unha vez practicada por técnicos da delegación provincial da Consellería de Industria e Comercio da Coruña, a inspección sobre o terreo seguindo o trazado aprobado para a instalación desta liña, púidose comprobar que nos bens afectados, sobre os que se solicitan para os beneficios de expropiación, ós efectos da servidume, non se dan os supostos prohibitivos previstos nos artigos 6 da Lei 10/1966, do 18 de marzo, e 25 do Decreto 2619/1966, nin lle son de aplicación as limitacións do artigo 26 do dito decreto.

Estímase xustificada a urxente ocupación solicitada pola compañía Unión Eléctrica-Fenosa, S.A., xa que con esta liña preténdese subministrar de enerxía a subestación de Cabana, partindo da de Vimianzo co obxecto de poder garanti-las máximas condicións de seguridade da subministración, calidade e regularidade nas ditas zonas, e debido a que a imposición da servidume de paso, polo procedemento ordinario, faría imposible cumpri-los prazos previstos para estas instalacións.

Na súa virtude, e por proposta do conselleiro de Industria e Comercio, logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do día sete de novembro de mil novecentos noventa e seis,

DISPOÑO:

Artigo único.-Para os efectos previstos na Lei 10/1966, do 18 de marzo, de expropiación forzosa e sancións en materia de instalacións eléctricas, e no seu regulamento de aplicación, aprobado polo Decreto 2619/1966, do 20 de outubro, declárase urxente a ocupación de terreos e bens gravados coa

servidume de paso imposta co alcance previsto no artigo 4 da lei citada, para realiza-la instalación proxectada e proposta por Unión Eléctrica-Fenosa, S.A., da liña eléctrica aérea que une as subestacións de Vimianzo e Cabana.

Os bens e dereitos a que afecta esta disposición sitúanse nos termos municipais de Vimianzo, Zas e Cabana (A Coruña) e son tódolos que figuran na relación presentada pola empresa solicitante dos beneficios de expropiación, que consta no expediente, o cal se someteu a información pública na forma e datas anteriormente descritas.

Santiago de Compostela, sete de novembro de mil novecentos noventa e seis.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

Antonio Couceiro Méndez

Conselleiro de Industria e Comercio

9608469