Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 221 Martes, 12 de novembro de 1996 Páx. 10.147

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE EDUCACIÓN E ORDENACIÓN UNIVERSITARIA

ORDE do 7 de novembro de 1996 pola que se dictan normas para garanti-los servicios esenciais referentes á folga convocada para todo o persoal do ensino público, que se levará a cabo o día 13 de novembro.

O artigo 28.2º da Constitución española recoñece como dereito fundamental da persoa o dereito á folga.

O exercicio deste dereito na Administración e nas empresas, entidades e institucións públicas ou privadas, que presten servicios públicos ou de recoñecida e inaprazable necesidade, no ámbito e competencias da Comunidade Autónoma de Galicia, está condicionado ó mantemento dos servicios esenciais fixados no artigo 2 do Decreto 155/1988, do 9 de xuño (DOG nº116, do 20 de xuño de 1988).

O dereito á educación é un dereito de carácter social, e por tanto reclama dos poderes públicos as accións positivas necesarias para que poida ser levado a cabo en igualdade de tódolos que se encontran en calquera dos niveis formativos en calquera tipo de centro.

Por outra parte, a especial problemática de Galicia, coa maior porcentaxe de alumnos transportados e facendo uso dos comedores escolares ou o bo número de internados da nosa Comunidade Autónoma, non poden quedar paralizados no seu fun

cionamento como consecuencia do dereito constitucional de folga.

O artigo 3 do citado decreto faculta os conselleiros competentes, por razón dos servicios esenciais afectados, para que, mediante orde, e diante de cada situación de folga, decidan o mínimo de actividade necesaria para asegura-lo mantemento de tales servicios, así como para determina-lo persoal necesario para a súa prestación.

Convocada folga, polas centrais sindicais UGT, ANPE, CC.OO, CSIF, STEG e USO, para o vindeiro día 13 de novembro, das 11 ás a 12 horas en todo o sector de ensino público, agás no ensino primario, que se efectuará a primeira hora da mañá, logo de audiencia ó comité de folga que expresa a súa conformidade,

DISPÓN:

Artigo 1º

A folga convocada que se levará a efecto o día 13 de novembro desde as 11 ás 12 horas en todo o sector do ensino público, agás no ensino primario que se efectuará a primeira hora da mañá, enténdese condicionada ó mantemento dos servicios mínimos necesarios.

Os servicios mínimos que se fixan resultan totalmente imprescindibles para mante-la adecuada cobertura dos servicios dos centros.

Tales servicios mínimos corresponden á necesidade de compatibiliza-lo respecto ineludible ó exercicio do dereito á folga coa atención ós alumnos, que, baixo ningún concepto, poden quedar desasistidos polas características do servicio dispensado.

Sinálanse, por iso, os servicios mínimos necesarios para manter en funcionamento os comedores escolares, a limpeza dos centros, e un mínimo de vixilancia e atención para os alumnos que acoden ós centros, xa que a maioría deles son menores de dezaoito anos, e moitos deles con idades comprendidas entre os tres e os catorce anos.

Os centros de educación especial necesitan, polas características dos seus alumnos, un maior coidado e asistencia e é por iso polo que cómpre a asistencia do maior número de persoal, como coidadores, persoal médico etc.

O servicios esenciais nos centros dependentes da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria son os seguintes:

-O director ou un membro do equipo da dirección e un subalterno en cada centro escolar.

-O 30% do persoal de comedores e do persoal docente encargado destes, nos centros de educación primaria/EXB con servicio de comedor.

-O 25% do persoal de comedores, limpeza e subalternos nas escolas fogar.

-O 25% do persoal docente encargado de comedores das escolas fogar, garantindo un mínimo de dúas persoas.

-O 30% de persoal de comedores, limpeza e subalternos nos centros residenciais docentes.

-O 25% do persoal de limpeza, nos centros de ensino secundario.

A totalidade de persoal de comedores, ATS, limpeza, coidadores e persoal médico dos centros de educación especial.

Artigo 2º

O incumprimento da obriga de atende-los servicios mínimos fixados nesta orde será sancionado de conformidade coa lexislación vixente.

Artigo 3º

O disposto na presente orde non suporá limitación ningunha dos dereitos que a normativa reguladora da folga lle recoñece ó persoal na dita situación.

Disposición derradeira

A presente orde entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 7 de novembro de 1996.

Celso Currás Fernández

Conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria

7989