Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 219 Venres, 08 de novembro de 1996 Páx. 10.048

IV. OPOSICIÓNS E CONCURSOS

SERVICIO GALEGO DE SAÚDE

RESOLUCIÓN do 24 de outubro de 1996 pola que se convoca concurso oposición libre para o ingreso nas clases de médicos titulares, practicantes titulares e matronas titulares do Servicio Galego de Saúde.

En cumprimento do establecido no dereito transitorio da Lei 17/1989, do 23 de outubro, de creación de escalas do persoal sanitario ó servicio da Comunidade Autónoma; no Decreto 303/1990, do 31 de maio, que a desenvolve; no Decreto 269/1995, do 5 de outubro, polo que se aproba a oferta de emprego para o ano 1995 do persoal sanitario funcionario incluído no ámbito de aplicación da dita lei e no derradeiro parágrafo da disposición transitoria segunda do Decreto 200/1993, do 29 de xullo, de ordenación da atención primaria na Comunidade Autónoma de Galicia na redacción dada a ela polo Decreto 161/1996, do 25 de abril, que modifica o anterior, logo de acordo da ponencia constituída para o efecto na mesa sectorial de negociación do persoal sanitario ó servicio da Comunidade Autónoma, este centro directivo, en uso das competencias que ten delegadas polo artigo 5 c) da Orde do 22 de maio de 1996 sobre delegación de competencias en órganos centrais e periféricos do Servicio Galego de Saúde,

convoca concurso oposición libre para o ingreso nas clases de médicos titulares, practicantes titulares e matronas titulares de persoal sanitario ó servicio da Comunidade Autónoma, de acordo coas seguintes,

BASES:

Primeira.-Normas xerais.

Convócase concurso oposición libre para o ingreso na clase de médicos titulares do corpo facultativo superior da Xunta de Galicia, escala sanitaria de atención primaria e especializada, subescala de atención primaria e nas clases de practicantes titulares e matronas titulares do corpo facultativo de grao medio da Xunta de Galicia, escala sanitaria de atención primaria e especializada, subescala de atención primaria.

O número de postos de traballo que se van cubrir neste concurso oposición, todos eles polo sistema de acceso libre, é o establecido no anexo do Decreto 269/1995, do 5 de outubro, é dicir, 3 postos de traballo para a clase de médicos titulares, 4 para a de practicantes titulares e 3 para á de matronas titulares.

Ó proceso selectivo que se convoca a través da presente resolución seranlle aplicables a Lei 4/1988, do 26 de maio, da función pública de Galicia, e as súas modificacións posteriores, coa excepción das súas disposición transitorias, a Lei 17/1989, do 23 de outubro, o Decreto 303/1990, do 31 de maio, e o Decreto 269/1995, do 5 de outubro e supletoriamente, no previsto nas presentes bases, o Decreto 95/1991, do 20 de marzo, polo que se aproba o regulamento de selección de persoal ó servicio da Comunidade Autónoma.

Segunda.-Requisitos dos candidatos.

Para seren admitidos ás probas selectivas, con carácter xeral, os aspirantes deberán reuni-los seguintes requisitos:

a) Acceso libre:

1. Ser español.

2. Ter cumpridos os dezaoito anos de idade.

3. Non padecer enfermidades ou limitacións físicas ou psíquicas que o incapacite para o desempeño das funcións correspondentes.

4. Non ter sido separado mediante expediente disciplinario do servicio de calquera Administración pública, nin estar inhabilitado para o exercicio de funcións públicas por sentencia firme.

5. Estar en posesión da titulación que, para cada unha das clases que se convocan, se especifica a continuación ou estar en condición de obtela na data en que finalice o prazo de presentación de instancias para tomar parte no concurso oposición:

-Clase de médicos titulares: licenciados en medicina e cirurxía.

-Clase de practicantes titulares: ATS/DUE.

-Clase de matronas titulares: ATS/DUE especialidade enfermería obstétrico-xinecolóxica (artigo 2.1.1 do Real decreto 992/1987, do 3 de xullo).

6. Sen prexuízo do establecido no número 1 do apartado a) da presente base e de conformidade co establecido na Lei 17/1993, do 23 de decembro, sobre o acceso a determinados sectores da función pública dos nacionais dos demais estados membros da Comunidade Europea, os estranxeiros ós que lle sexa de aplicación a dita lei poderán concorrer ó concurso oposición para o acceso ás distintas clases que se convoquen nas mesmas condicións que o resto dos aspirantes, debendo acreditar ademais non estaren sometidos a sanción disciplinaria ou condena penal que impida, no seu Estado de orixe, o acceso á función pública.

Terceira.-Instancia.

1. Os que desexen participar no concurso oposición deberán de cubrir necesariamente, segundo as instruccións para enche-la documentación, o modelo de instancia contido no anexo I xunto co modelo de autoliquidación de taxas, que será facilitado gratuitamente nos seguintes lugares:

a) Na Secretaría Xeral da Consellería de Sanidade e Servicios Sociais.

b) Na Dirección Xeral de Recursos Humanos do Servicio Galego de Saúde.

c) Nas delegacións provinciais da Consellería de Sanidade e Servicios Sociais.

d) Nas direccións provinciais do Servicio Galego de Saúde.

2. A dita instancia deberá de cubrirse conforme o establecido nas instruccións que se establecen.

En todo caso, á fotocopia do modelo de instancia, que será debidamente rexistrada, poderá grampárselle

na súa parte superior esquerda o exemplar para a Administración do modelo de autoliquidación de taxas unha vez realizada a transferencia na entidade correspondente nos termos previstos no número 6 da presente base e unha fotocopia do documento nacional de identidade. Así mesmo, os participantes na fase de concurso xuntarán á anterior documentación a certificación ou certificacións de servicios prestados na Consellería de Sanidade e Servicios Sociais ou no Servicio Galego de Saúde, como persoal interino, contratado administrativo ou substituto, en postos de traballo da clase correspondente con referencia á data de inicio de presentación de instancias.

As ditas certificacións deberán solicitarse exclusivamente nas direccións provinciais do Servicio Galego de Saúde.

3. O prazo para a presentación das instancias será o dun mes contado a partir da publicación da presente resolución no Diario Oficial de Galicia.

4. As instancias para participar no concurso oposición deberán de presentarse nalgún dos seguintes lugares:

a) No rexistro xeral da Consellería de Sanidade e Servicios Sociais sito en San Caetano, bloque 2, 2º, en Santiago de Compostela.

b) Nas delegacións provinciais da Consellería de Sanidade e Servicios Sociais.

c) Nas direccións provinciais do Servicio Galego de Saúde.

d) A través de calquera dos procedementos do artigo 38 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, do réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

5. Por imperativo legal, conforme co disposto no artigo 27.2 C) da Lei 11/1995, do 28 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma para o ano 1996, que modifica o apartado 0.3 do artigo 18 do Decreto lexislativo 1/1992, do 11 abril, polo que se aproba o texto articulado das bases contidas no capítulo III do título II da Lei 13/1991, de 9 de decembro, de taxas, prezos e exaccións reguladoras da Comunidade Autónoma de Galicia, deberán de satisfacerse dereitos de exame, que ascenderán á cantidade de 9.180 pesetas para a clase pertencente ó grupo A (médico titular) e 8.025 pesetas para as clases pertencentes ó grupo B (practicante titular e matrona titular), que serán ingresadas mediante transferencia bancaria nunha das entidades bancarias relacionadas no reverso do modelo de autoliquidación de taxas que se facilitarán xunto coa instancia, indicando as seguintes datos: Consellería de Sanidade e Servicios Sociais, código 11; delegación de servicios centrais, código 13;

Servicio de Secretaría, código 03; taxa de inscrición nas convocatorias para a selección de persoal da Comunidade Autónoma, clave 30.03.00.

6. Para tal efecto, os aspirantes á hora de efectua-lo ingreso da cantidade que corresponde na entidade bancaria ou de aforro para a súa transferencia, haberán de xunta-lo exemplar para a Administración do modelo de autoliquidación de taxas debidamente validado pola entidade correspondente.

7. A simple transferencia do ingreso non suporá en ningún caso, a substitución do trámite de presentación do modelo de instancia no prazo e na forma prevista na presente base.

8. A consignación de datos falsos na instancia ou na documentación aportada polos aspirantes sancionarase coa anulación da solicitude, sen prexuízo das demais medidas legais que correspondan.

O domicilio que figure nas instancias considerarase como o único válido para efectos de notificacións, sendo responsabilidade exclusiva do aspirante tanto o erro na súa consignación, coma a comunicación ó Servicio Galego de Saúde de calquera cambio nel.

Cuarta.-Admisión de aspirantes.

1. Rematado o prazo de presentación de instancias, a Dirección Xeral de Recursos Humanos do Servicio Galego de Saúde procederá á clasificación e revisión das presentadas para cada unha das clases convocadas. Rematado o dito proceso, o mesmo centro directivo dictará resolución pola que se declare con carácter provisional os aspirantes admitidos e excluídos, co motivo da exclusión, para cada unha das citadas clases.

2. A dita resolución publicaráse no Diario Oficial de Galicia e nos taboleiros de anuncios dos organismos e institucións a que fai referencia o apartado 1 da base terceira, e deberá de indicar o lugar ou lugares nos que se poderán examina-las listas de aspirantes admitidos e excluídos.

3. Os aspirantes excluídos disporán dun prazo de quince días naturais, contados a partir do día seguinte ó da publicación da resolución no Diario Oficial de Galicia para poder emendar, se e ó caso, o defecto que motivou a súa exclusión.

4. Á vista das peticións de emenda presentadas, a Dirección Xeral de Recursos Humanos do Servicio Galego de Saúde publicará na forma descrita no apartado 2 da presente base, as listas definitivas de aspirantes admitidos e excluidos para cada clase. Para tal efecto a estimación ou, se é o caso, desestimación das ditas peticións de emenda entenderanse implícitas na resolución que publique as ditas listas definitivas.

5. Devolveranse os dereitos de exame ós aspirantes excluídos definitivamente do concurso oposición sempre e cando o soliciten no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ó da publicación no Diario Oficial de Galicia da resolución a que se refire o apartado anterior e utilicen para isto o modelo que figura como anexo II á presente resolución, xuntando fotocopia do exemplar para o interesado do modelo de autoliquidación de taxas.

Quinta.-Tribunais.

1. Os tribunais cualificadores do concurso oposición, para cada unha das clases que se convocan, serán nomeados pola autoridade convocante, publicarase para o efecto a oportuna resolución no Diario Oficial de Galicia e poderá ser único para tódalas clases.

No obstante, habrá que aterse ó disposto no artigo 7.1º do Decreto 95/1991, do 20 de marzo, para a par

ticipación nestes dun representante das organizacións sindicais.

O secretario do tribunal terá, en todo caso, voz e voto.

Correspóndenlles ós tribunais as funcións relativas á determinación concreta do contido das probas e a cualificación dos aspirantes, tanto na fase de oposición como na de concurso, así como, en xeral, a adopción de cantas medidas sexan precisas para o desenvolvemento concreto das probas selectivas.

2. Os tribunais terán a súa sede, para efectos de comunicacións e incidencias, na sede da Dirección Xeral de Recursos Humanos do Servicio Galego de Saúde, sita en San Lázaro s/n, en Santiago de Compostela, e poderán dispoñer que nesta sede unha persoa, membro ou non deles, ou unha unidade administrativa, atenda, no posible, cantas cuestións sexan formuladas en relación co concurso oposición.

3. O tribunal poderá dispoñe-la incorporación ós seus traballos dos asesores especialistas que coide oportunos. Os ditos asesores limitaranse a presta-la súa colaboración nas especialidades técnicas, con voz e sen voto, e deberán posuír titulación académica do nivel igual ou superior á esixida para o ingreso na clase correspondente.

4. Os membros dos tribunais deberán absterse de intervir, notificándoo á autoridade convocante, cando concurra neles algunhas das circunstancias previstas no artigo 28 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réximen xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, ou cando nos cinco anos anteriores á convocatoria realizasen tarefas específicas de preparación de aspirantes para o ingreso na mesma clase. O presidente poderá solicitar dos membros do tribunal declaración expresa de non atoparse incursos nas circunstancias á que se fai referencia neste apartado. Así mesmo, os aspirantes poderán recusa-los membros do tribunal cando ó seu xuízo concorran as ditas circunstancias.

5. A autoridade convocante publicará, se é o caso, no Diario Oficial de Galicia, resolución pola que se nomean ós seus novos membros que teñan que substituír ós que perderon a súa condición por algunha das causas previstas, así como os substitutos daqueles.

6. Logo de convocatoria do presidente, constituirase o tribunal con asistencia da maioría dos seus membros, titulares ou suplentes. A partir da súa constitución, o tribunal requirirá, para actuar validamente, a presencia da maioría dos seus membros, titulares ou suplentes. Por acordo dos seus membros, o tribunal poderá acorda-la autoconvocatoria para a seguinte ou seguintes sesións que celebre sen necesidade de citación por escrito ós seus membros.

7. Os tribunais que actúen no presente concurso oposición terán unha das categorías previstas no artigo 26.2º do Decreto 299/1990, do 24 de febreiro, que haberá de corresponder ó grupo de clasificación da respectiva clase de persoal, conforme o acordado polo órgano competente na materia.

Sexta.-Procedemento de selección.

Conforme co establecido no artigo 3 do Decreto 269/1995, do 5 de outubro, o sistema de selección será o de concurso oposición libre.

A) Fase de concurso.

1. O tribunal valorará, segundo as certificacións citadas no apartado 2 da base terceira, o tempo de servicios prestados en postos de traballo do corpo, escala, subescala e clase correspondente como persoal interino ou en réxime de contratación administrativa ou como persoal susbstituto na Consellería de Sanidade e Servicios Sociais e no Servicio Galego de Saúde, segundo establece a disposición transitoria primeira da Lei 17/1989, mediante a aplicación do 0,75% da puntuación total alcanzada na fase de oposición, por cada mes de servicios prestados, ata un máximo do 45% da dita puntuación total. Coas fraccións de mes debidamente totalizadas efectuarase unha división enteira entre 30.

En todo caso, nin se valorarán os servicios prestados antes do día 18 de maio de 1981, nin os prestados como persoal estatutario do Servicio Galego de Saúde ou do Insalud, nin os servicios prestados como persoal laboral temporal que fose ou que se encontre contratado con cargo a créditos consignados no capítulo VI dos orzamentos da Consellería de Sanidade e Servicios Sociais ou do Sevicio Galego de Saúde.

2. En ningún caso a puntuación obtida na fase de concurso poderá ser aplicada para supera-los exercicios da fase de oposición.

3. Realizada polo tribunal a baremación correspondente, publicaranse no Diario Oficial de Galicia, polo menos, con dous días de antelación ó que se fixe para a realización do primeiro exercicio da fase de oposición. Contra a baremación os aspirantes que o consideren oportuno poderán presentar reclamación perante o propio tribunal no prazo de dez días hábiles contados a partir do seguinte ó da publicación no Diario Oficial de Galicia da dita baremación.

Á vista das reclamacións presentadas e realizadas, se é o caso, as oportunas correccións á baremación inicialmente asignada a cada aspirante, o tribunal publicará o acordo definitivo de baremación, que poderá ser impugnado nos termos previstos na norma derradeira desta convocatoria.

B) Fase de oposición.

1. De conformidade co artigo 4.2º do Decreto 269/1995, do 5 de outubro, a fase de oposición considerarase superada por quen obteña o 50% da puntuación máxima alcanzable no conxunto dos exercicios que a compoñen.

2. Os tribunais adoptarán as medidas oportunas para garantir que os exercicios da fase de oposición que sexan escritos e non deban ser lidos por ou perante o tribunal, sexan corrixidos sen que se coñeza a identidade dos aspirantes, excluíndose aqueles que teñan exercicios nos que figuren marcas ou figuras que permitan coñece-la identidade do opositor.

3. Os diversos exercicios da fase de oposición realizaranse no lugar ou, se é o caso, nos lugares e á

hora que se fixe nun acordo que o respectivo tribunal deberá de publicar no Diario Oficial de Galicia.

Os aspirantes serán convocados para cada exercicio en único chamamento, e serán excluídos do concurso oposición os que non comparezan.

No obstante ó anterior, o tribunal, por razóns de índole organizativa, poderá decidir realizalos en unidade de acto.

4. En calquera momento os aspirantes poderán ser requiridos polos membros do tribunal coa finalidade de acredita-la súa personalidade.

Se o tribunal tivese coñecemento de que algún dos aspirantes non cumpre un ou varios dos requisitos esixidos pola presente convocatoria, logo de audiencia do interesado, debe propoñe-la súa exclusión á autoridade convocante. Do mesmo xeito, o tribunal deberá dar conta das inexactitudes ou falsidades nas que puidesen incorre-los aspirantes, para ós efectos procedentes.

5. A publicación das puntuacións dos distintos exercicios na fase de oposición realizaranse nos taboleiros de anuncios dos organismos ós que se fai referencia no apartado 1 da base terceira.

6. Se o tribunal, de oficio ou baseándose nas reclamacións presentadas, anulase algunha ou algunhas das preguntas incluídas nun exercicio anunciarao publicamente mediante acordo no Diario Oficial de Galicia. O tribunal poderá acordar nos exames tipo test, a inclusión de preguntas reserva que deberán ser contestadas obrigatoriamente polos aspirantes, ampliándose en tal suposto e de forma proporcional o tempo de realización do exercicio.

7. Rematadas as probas selectivas que compoñen a fase de oposición, o tribunal fará pública nos taboleiros de anuncios dos organismos ós que se refire o apartado 1 da base terceira, a relación de aspirantes que superaron a fase de oposición pola orde de puntuación alcanzada no conxunto dos exercicios.

8. Os exercicios da fase de oposición son os seguintes:

a) Clase de médicos titulares.

Primeiro exercicio: consistirá na realización por escrito dunha dobre traducción, directa e inversa, de galego-castelán no tempo máximo de 30 minutos.

Cada traducción será valorada de 0 a 10 puntos, cun máximo de 20 puntos.

Segundo exercicio: consistirá na contestación por escrito, nun prazo máximo de 4 horas, dun cuestionario de 200 preguntas con respostas alternativas, dividido en dúas partes diferenciadas e separadas: 60 preguntas sobre o contido da primeira parte do programa e 140 preguntas, sobre o contido da segunda parte do programa.

Este exercicio será valorado de 0 a 200 puntos.

b) Clase de practicantes titulares e matronas titulares.

Primeiro exercicio: consistirá na realización por escrito dunha dobre traducción, directa e inversa, de galego-castelán no tempo máximo de 30 minutos.

Cada traducción será valorada de 0 a 5 puntos, cun máximo de 10 puntos.

Segundo exercicio: consistirá na contestación por escrito, nun prazo máximo de 3 horas e 30 minutos, dun cuestionario de 150 preguntas con respostas alternativas, dividido en dúas partes diferenciadas e separadas: 50 preguntas, sobre o contido da primeira parte do programa e 100 preguntas, sobre o contido da segunda parte do programa.

Este exercicio será valorado de 0 a 150 puntos.

Sétima.-Lista de aprobados.

1. Rematadas as probas selectivas, o tribunal elevará á Dirección Xeral de Recursos Humanos o acordo que conteña a relación alfabetizada de aspirantes, que superaron o concurso oposición, indicando a puntuación obtida en cada unha das fases e a puntuación total que será a suma de ámbalas dúas. A Dirección Xeral de Recursos Humanos publicará no Diario Oficial de Galicia a resolución na que declare concluso o concurso oposición e a dita relación de aspirantes seleccionados coa súa orde de puntuación.

2. Os empates na puntuación final resolveranse en favor do aspirante que obtivera maior puntuación na fase de concurso. De persisti-lo empate, este dirimirase en favor do aspirante que obtivese maior puntuación no segundo exercicio da fase de oposición, e se segue o empate, atenderase ó primeiro exercicio da fase de oposición. De persitir aínda o empate, este dirimirase definitivamente en favor do aspirante con maior idade.

3. Os aspirantes que, superada a fase de oposición, non obteñan ingreso no corpo, escala, subescala e clase, por non corresponderlles postos de traballo de acordo coa puntuación final do concurso oposición, perderán tódolos dereitos derivados da súa participación neste.

En ningún caso o tribunal poderá declarar que superaron o concurso oposición un número de aspirantes superior ó de prazas convocadas. Tal declaración será nula de pleno dereito.

Oitava.-Presentación de documentación.

1. Na mesma resolución á que se refire o apartado 1 da base anterior, a autoridade convocante disporá que os aspirantes seleccionados presenten, nun prazo de vinte días naturais a contar desde o día seguinte á súa publicación no Diario Oficial de Galicia, a seguinte documentación:

a) Fotocopia compulsada do DNI.

b) Fotocopia compulsada do título esixido para o ingreso na correspondente clase, segundo disposto na base segunda A) 5, anexo I, da presente resolución.

c) Declaración xurada ou promesa de non estaren separados mediante expediente disciplinario de ningunha Administración pública, nin estar inhabilitados para o exercicio de funcións públicas.

d) Certificado médico en modelo oficial, acreditativo de non estaren afectados por limitacións físicas ou psíquicas que os imposibiliten para o desempeño das funcións correspondentes á praza que pretenden desempeñar.

e) Declaración xurada ou promesa de que non incorren en incompatibilidade consonte a lexislación vixente.

2. Os aspirantes aprobados que tivesen a condición de persoal fixo, por calquera vínculo ó servicio das administracións públicas ou dos servicios de saúde, estarán exentos de acredita-las condicións e requisitos xa xustificados para obte-lo seu anterior nomeamento, e deberán presentar certificación do organismo de que dependan na que acrediten a súa condición e demais circunstancias que consten no seu expediente persoal. En todo caso, aportarán os documentos a que fan referencia os parágrafos c) e d) do apartado anterior.

3. A documentación dirixirase ó director xeral de Recursos Humanos do Servicio Galego de Saúde, e poderá presentarse en calquera dos organismos previstos no apartado 4 da base terceira da presente resolución.

4. Os que dentro do prazo fixado, e salvo casos de forza maior libremente apreciada pola autoridade convocante, non presentaren a documentación, ou do exame dela se deducise que carecen dalgúns requisitos esixidos para seren nomeados funcionarios, quedarán anuladas tódalas súas actuacións, sen prexuízo da responsabilidade en que puidesen incorrer por falsidade na súa instancia.

5. Igualmente perderán os dereitos derivados da súa participación no concurso oposición os aspirantes seleccionados que, sen causa xustificada, non tomen posesión da praza correspondente, atendendo ó disposto, para determinación da condición de funcionario, no artigo 45 da Lei 4/1988, do 26 de maio, da función pública de Galicia e de conformidade co previsto na base novena desta convocatoria.

6. Nos supostos dos apartados 4 e 5 desta base, a Dirección Xeral de Recursos Humanos do Servicio Galego de Saúde adoptará e publicará no Diario Oficial de Galicia a resolución procedente e cubrirá as ditas prazas cos aspirantes que cumpran as condicións esixidas nestas bases, que superasen a fase de oposición e non fosen seleccionados nos termos previstos na base sétima.

A dita cobertura realizaraa a autoridade convocante segundo a orde de puntuación acadada polos aspirantes no proceso selectivo quedando expresamente facultada esta para, nestes supostos, altera-la proposta inicial do respectivo tribunal.

O persoal así seleccionado deberá cumprir igualmente os trámites previstos nesta base para o resto do persoal seleccionado.

Novena.-Adxudicación de destinos.

1. Os aspirantes seleccionados nas clases de médicos titulares e de practicantes titulares elixirán, pola orde de saída da oposición, destino definitivo entre aqueles

postos de traballo nos que concorran obrigatoriamente os seguintes requisitos:

a) Que no momento da dita elección manteñan o réxime xurídico e retributivo da clase respectiva nos termos previstos na disposición transitoria segunda do Decreto 200/1993, do 29 de xullo, modificado polo Decreto 161/1996, do 25 de abril.

b) Que se trate de postos de traballo que se atopen vacantes ou ocupados por persoal interino e que a dita condición de vacantes a posuisen o día 26 de maio de 1995, data de publicación no Diario Oficial de Galicia da Resolución do 19 de maio de 1995 da Dirección Xeral de Recursos Humanos do Sergas pola que se resolve definitivamente o concurso de traslados convocado por Resolución do 19 de decembro de 1994.

Para tal efecto, os postos de traballo elixidos deste xeito deixarán de te-la condición de postos de traballo do novo sistema de atención primaria ata que o titular adxudicatario del asine a respectiva opción de integración ou queden novamente vacantes.

2. Os aspirantes seleccionados na clase de matronas titulares elixirán, pola orde de saída da oposición, destino provisional entre aqueles postos de traballo da dita clase que se atopen vacantes ou ocupados por persoal interino ata que se cumpran as previsións contidas na disposición transitoria cuarta do citado Decreto 200/1993, do 29 de xullo, modificado polo Decreto 161/1996, do 25 de abril.

3. En ámbolos casos, a toma de posesión do posto de traballo polo persoal seleccionado no presente concurso oposición levará aparellada, se é o caso, o cesamento do persoal interino que veña desempeñando temporalmente o posto de traballo.

Décima.-Norma derradeira.

1. A presente convocatoria e as súas bases vinculan a Administración, os tribunais encargados de xulga-lo concurso oposición e os que participen nel.

2. Contra esta resolución poderase interpoñer recurso contencioso-administrativo perante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses, contados a partir da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

3. Así mesmo, cantos actos administrativos sexan producidos polos tribunais ou pola autoridade convocante poderán ser impugnados polos interesados de acordo co establecido na Lei 30/1992, do 26 de novembro, do réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

4. Igualmente, a Administración poderá, se é o caso, proceder á revisión das resolucións do tribunal, conforme o previsto nas leis.

Santiago de Compostela, 24 de outubro de 1996.

Valeriano Martínez García

Director xeral de Recursos Humanos

ANEXO II

SOLICITUDE DE DEVOLUCIÓN DE DEREITOS DE EXAME

D/Dª

con DNI nº..., domiciliado/a

en

teléfono de contacto, que opta á

clase de, de conformidade

coa base cuarta, 5, da correspondente convocatoria,

SOLICITO:

A devolución efectiva dos dereitos de exame na seguinte conta:

Entidade bancaria:

Axencia:

Nº de conta:

Asino a presente solicitude en (lugar)

(data)...................

(Asinado)

Sr. Director xeral de Recursos Humanos do Servicio Galego de Saúde

7879