Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 219 Venres, 08 de novembro de 1996 Páx. 10.017

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DA PRESIDENCIA E ADMINISTRACIÓN PÚBLICA

ORDE do 28 de outubro de 1996 pola que se clasifica como de interese cultural a Fundación Julio Prieto Nespereira.

Visto o expediente de clasificación da Fundación Julio Prieto Nespereira, con domicilio en Ourense.

Supostos de feito:

1. Esther Gloria Prieto Alcaraz, na súa calidade de presidenta da fundación, en escrito do 16 de xullo de 1996, formulou solicitude de clasificación para efectos da súa inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego.

2. A fundación foi constituída en escritura pública outorgada en Santiago de Compostela, o día 16 de xullo de 1996 ante o notario do Colexio da Coruña José Antonio Montero Pardo co número mil trescentos trece do seu protocolo, por Esther Gloria Prieto Alcaraz, Jesús Pérez Varela, conselleiro de Cultura e Comunicación Social, José Luis Baltar, presidente da Deputación de Ourense e David Ferrer Garrido, presidente da Caixa de Aforros Provincial de Ourense en nome propio e, no seu caso, no exercicio dos cargos devanditos.

3. Segundo consta no artigo catro dos seus estatutos o obxecto e finalidade da fundación é a protección, divulgación e estudio da obra do gravador e pintor ourensán Julio Prieto Nespereira, así cómo a conservación do seu patrimonio cultural e artístico para garanti-la súa permanencia no tempo.

4. O padroado da fundación estará constituído por Esther Gloria Prieto Alcaraz como presidenta vitalicia, Santiago Fernández Mosquera, Amabel Míguez de la Sierra, Augusto Villanueva Díaz, Raúl González Pérez, Antonio Miralles Garrido e Benito Cid Salgado, como vocais.

5. A comisión, integrada polos secretarios xerais de tódalas consellerías, elevoulle ó conselleiro da Presidencia e Administración Pública proposta de clasificación como de interese cultural da Fundación Julio Prieto Nespereira, dado o seu obxecto e finalidade, polo que, cumpríndose os requisitos esixidos na Lei 7/1983, do 22 de xuño, e na Lei 11/1991, do 8 de novembro, de reforma da lei anterior, de réxime das fundacións de interese galego, e segundo establece o artigo 32.1º e 2º do Decreto 248/1992, do 18 de xuño, polo que se aproba o Regulamento de organización e funcionamento do protectorado das fundacións de interese galego, procede a súa clasificación como de interese cultural e a súa adscrición á Consellería de Cultura e Comunicación Social.

Vista a Constitución española de 1978, o Estatuto de autonomía de Galicia (Lei orgánica 1/1981, do 6 de abril); a Lei 7/1983, do 22 de xuño, e a Lei 11/1991, do 8 de novembro, de reforma da anterior, de réxime das fundacións de interese galego, así como as demais normas de desenvolvemento e de xeral aplicación.

Fundamentos de dereito:

1. O artigo 34 da Constitución española recoñece o dereito de fundación para fins de interese xeral de acordo coa lei, e o artigo 27.26º do Estatuto de autonomía para Galicia outórgalle competencia exclusiva sobre o réxime das fundacións de interese galego.

2. De acordo co disposto no artigo 32.2º c) do Decreto 248/1992, do 18 de xuño, polo que se aproba o Regulamento de organización e funcionamento do protectorado das fundacións de interese galego, correspóndelle a esta consellería a clasificación da fundación e a adscrición á consellería correspondente, que exercerá plenamente o protectorado sobre ela.

3. Á vista do que antecede, pódense considerar cumpridas as finalidades tanto legais como regulamentarias establecidas para o caso, de acordo coa proposta realizada pola Comisión de Secretarios Xerais na súa reunión do día vinteún de outubro de 1996. Na súa virtude,

DISPOÑO:

Clasificar como de interese cultural a Fundación Julio Prieto Nespereira e adscribila á Consellería de Cultura e Comunicación Social, que exercerá plenamente o protectorado sobre ela.

Santiago de Compostela, 28 de outubro de 1996.

Dositeo Rodríguez Rodríguez

Conselleiro da Presidencia e Administración Pública

7912