Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 215 Luns, 04 de novembro de 1996 Páx. 9.752

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DA PRESIDENCIA E ADMINISTRACIÓN PÚBLICA

ORDE do 9 de outubro de 1996 pola que se clasifica como de interese cultural a Fundación Galicia-América.

Visto o expediente de clasificación da Fundación Galicia-América, con domicilio en Santiago de Compostela.

Supostos de feito:

1. Jesús Pérez Varela, na súa calidade de presidente do padroado da fundación, en escrito de 3 de setembro de 1996, formulou solicitude de clasificación dela para efectos da súa inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego.

2. A fundación foi constituída en escritura pública outorgada en Santiago de Compostela, o día 23 de xullo de 1996, ante o notario do Ilustre Colexio da Coruña, José Antonio Montero Pardo co número mil catrocentos do seu protocolo por Manuel Fraga Iribarne e Avelino García Melle este en representación do Centro de Galicia de Buenos Aires.

3. Segundo consta no artigo 4 dos seus estatutos o obxecto da fundación é entre outros promover especialmente todas aquelas accións que, respectando as disposicións legais existentes, fomenten o achegamento da realidade galega a tódolos países americanos onde se atope vertebrada a comunidade galega.

4. O padroado da fundación estará constituído por o conselleiro de Cultura e Comunicación Social que será o presidente do padroado, un representante do Centro de Galicia de Buenos Aires que será vicepresidente, o conselleiro da Presidencia e Administración Pública, o conselleiro de Economía e Facenda, o secretario xeral para as relacións coas Comunidades Galegas e catro vocais designados polo Centro Galicia de Buenos Aires.

5. A comisión integrada polos secretarios xerais de tódalas consellerías elevoulle ó conselleiro da Presidencia e Administración Pública proposta de clasificación como de interese cultural da Fundación Galicia-América, dado o seu obxecto e finalidade, polo que, cumpríndose os requisitos esixidos na Lei 7/1983, do 22 de xuño, e na Lei 11/1991, do 8 de novembro, de reforma da lei anterior, de réxime das fundacións de interese galego, e segundo establece o artigo 32.1º e 2º do Decreto 248/1992, do 18 de xuño, polo que se aproba o Regulamento de organización e funcionamento do protectorado das fundacións de interese galego, procede a súa clasificación como de interese cultural e a súa adscrición á Consellería de Cultura e Comunicación Social.

Vista a Constitución española de 1978, o Estatuto de autonomía de Galicia (Lei orgánica 1/1981, do 6 de abril); a Lei 7/1983, do 22 de xuño, e a Lei 11/1991, do 8 de novembro, de reforma da anterior, de réxime das fundacións de interese galego, así como as demais normas de desenvolvemento e de xeral aplicación.

Fundamentos de dereito:

1. O artigo 34 da Constitución española recoñece o dereito de fundación para fins de interese xeral de acordo coa lei, e o artigo 27.26º do Estatuto de autonomía para Galicia outórgalle competencia exclusiva sobre o réxime das fundacións de interese galego.

2. De acordo co disposto no artigo 32.2º c) do Decreto 248/1992, do 18 de xuño, polo que se aproba o Regulamento de organización e funcionamento do protectorado das fundacións de interese galego, correspóndelle a esta consellería a clasificación da fundación e a adscrición á consellería correspon

dente, que exercerá plenamente o protectorado sobre ela.

3. Á vista do que antecede, pódense considerar cumpridas as finalidades tanto legais como regulamentarias establecidas para o caso, de acordo coa proposta realizada pola Comisión de Secretarios Xerais na súa reunión do día sete de outubro de 1996. Na súa virtude,

DISPOÑO:

Clasificar como de interese cultural a Fundación Galicia-América e adscribíla á Consellería de Cultura e Comunicación Social que exercerá plenamente o protectorado sobre ela.

Santiago de Compostela, 9 de outubro de 1996.

Dositeo Rodríguez Rodríguez

Conselleiro da Presidencia e Administración Pública

7502