Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 212 Martes, 29 de outubro de 1996 Páx. 9.579

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

PRESIDENCIA

LEI 8/1996, do 17 de outubro, reguladora das eleccións a cámaras agrarias.

De acordo co disposto no artigo 27.29º do Estatuto de autonomía de Galicia dictouse a Lei 4/1984, do 4 de maio, de cámaras agrarias. Con posterioridade aprobouse a Lei 23/1986, do 24 de decembro, que establece as bases do réxime xurídico das cámaras agrarias, modificada parcialmente pola Lei 23/1991, do 15 de outubro, dictada como consecuencia da Sentencia do Tribunal Constitucional 132/1989, e de novo modificada pola Lei 37/1994, do 27 de decembro. Por mor do anterior fíxose necesario adapta-la normativa galega ás bases estatais, aprobándose a Lei 2/1994, de modificación da Lei 4/1984, do 4 de maio, de cámaras agrarias.

Polo tanto, sendo necesario articula-la normativa imprescindible para acomete-la realización das eleccións a cámaras agrarias en Galicia, a presente lei recolle os principios necesarios para garanti-lo seu correcto desenvolvemento, con sometemento pleno ós principios constitucionais que han rexer todo proceso electoral nun Estado democrático.

Por todo o exposto o Parlamento de Galicia aprobou e eu, de conformidade co artigo 13.2º do Estatuto de Galicia e co artigo 24 da Lei 1/1983, do 23 de febreiro, reguladora da Xunta e do seu presidente, promulgo en nome de El-Rei a Lei reguladora das eleccións a cámaras agrarias.

Artigo 1º

A presente lei ten por obxecto establece-lo réxime electoral polo que se desenvolverán as eleccións a cámaras agrarias en Galicia.

Artigo 2º

O procedemento electoral garantirá en todo momento o respecto ós principios de sufraxio libre, igual, directo e secreto, segundo criterios de representación proporcional.

Artigo 3º

1. A convocatoria das eleccións será fixada por decreto da Xunta de Galicia dentro dos sesenta últimos días antes da finalización do mandato. A data da realización das eleccións en ningún caso poderá superar en trinta días a duración daquel. Mentres non se constitúa a nova Cámara Agraria continuará en funcións a anterior.

2. A campaña electoral terá unha duración de dez días como mínimo e vinte días como máximo.

Artigo 4º

Para garanti-la transparencia e obxectividade do proceso electoral, así como a aplicación efectiva

do principio de igualdade, establécese a Administración electoral, que estará formada por:

a) A Xunta Electoral galega.

b) As xuntas electorais provinciais.

c) As mesas electorais.

Artigo 5º

1. A Xunta Electoral galega, órgano de carácter permanente, terá a seguinte composición:

-Presidente: secretario xeral da Consellería de Agricultura, Gandería e Montes.

-Vicepresidente: director xeral de Estructuras e Desenvolvemento Rural da Consellería de Agricultura, Gandería e Montes.

-Secretario: asesor xurídico da Consellería de Agricultura, Gandería e Montes, que actuará con voz e voto.

-Vocais: un número de seis, designados polo conselleiro de Agricultura, Gandería e Montes, dos que dous serán funcionarios da Comunidade Autónoma pertencentes ó corpo superior de Administración da Xunta de Galicia, licenciados en dereito, e os outros catro, xuristas de recoñecido prestixio, por proposta unánime das organizacións profesionais agrarias con representación nas cámaras. No caso de non se acadar unanimidade na proposta, cada unha das organizacións profesionais ás que se refire o parágrafo anterior propoñerá dous vocais, sendo elixidos ó chou de entre tódolos propostos.

2. A Xunta Electoral galega terá como funcións:

a) Resolve-las queixas, reclamacións e recursos que se lle dirixan contra os acordos das xuntas electorais provinciais. A resolución dos recursos poñerá fin á vía administrativa.

b) Resolver, con carácter vinculante, as consultas que lle eleven as xuntas provinciais.

c) Revogar, en calquera tempo, de oficio ou a instancia de parte interesada, dentro dos prazos legais, as decisións das xuntas electorais provinciais, cando se opoñan á interpretación da normativa electoral realizada pola Xunta Electoral galega.

d) Unifica-los criterios interpretativos das xuntas electorais provinciais, en aplicación da normativa electoral.

e) Aprobar, por proposta da Consellería de Agricultura, Gandería e Montes, os modelos de actas de constitución de mesas electorais, de escrutinio, de sesión, de escrutinio xeral e de proclamación de electos.

f) Cursarlles instruccións de obrigado cumprimento ás xuntas electorais provinciais en calquera materia electoral.

g) Exerce-la potestade disciplinaria sobre tódalas persoas que interveñan con carácter oficial nas operacións electorais.

h) Corrixi-las infraccións que se produzan no proceso electoral, sempre que non sexan constitutivas de delicto, e impoñe-las multas recollidas na Lei orgánica de réxime electoral xeral.

i) Supervisar e exerce-la alta inspección e dirección na elaboración dos censos electorais.

j) Calquera outra competencia non atribuída expresamente a outro órgano da Administración electoral.

Artigo 6º

1. As xuntas electorais provinciais, órganos periféricos da Administración electoral, terán a seguinte composición:

-Presidente: delegado provincial da Consellería de Agricultura, Gandería e Montes.

-Vicepresidente: secretario da Delegación Provincial da Consellería de Agricultura, Gandería e Montes.

-Secretario: xefe do Servicio Técnico Xurídico da Delegación Provincial da Consellería de Agricultura, Gandería e Montes, que actuará con voz e voto.

-Vocais: un número de dous, xuristas de recoñecido prestixio, designados polo conselleiro de Agricultura, Gandería e Montes, por proposta unánime das organizacións profesionais agrarias. No caso de non se acadar unanimidade na proposta, cada unha das organizacións profesionais ás que se refire o parágrafo anterior propoñerá un vocal, sendo elixidos ó chou de entre tódolos propostos.

2. As xuntas electorais provinciais terán como funcións:

a) Resolve-las reclamacións sobre inclusión ou exclusión nos censos electorais.

b) Garanti-la existencia en cada mesa electoral dos medios necesarios para o correcto exercicio do dereito de sufraxio.

c) Resolve-las consultas que lles formulen os electores, candidaturas e membros das mesas electorais.

d) Tramitar e emitir informe preceptivamente sobre os recursos dirixidos á Xunta Electoral galega.

e) Instruí-los expedientes sancionadores en materia electoral, elevándolle proposta de resolución á Xunta Electoral galega.

f) Realiza-las operacións necesarias para garanti-lo correcto desenvolvemento das eleccións que lles encomende a Xunta Electoral galega.

g) Proclama-las candidaturas e os candidatos electos, podendo se-los acordos obxecto de recurso perante a Xunta Electoral galega.

h) Aqueloutras que lles delegue a Xunta Electoral galega.

Artigo 7º

a) As mesas electorais serán establecidas pola Xunta Electoral galega, oídos os plenos das respectivas cámaras, atendendo sempre o criterio de acerca-lo acto de votación ós electores.

b) As mesas electorais estarán compostas por tres membros elixidos por insaculación entre os electores que non sexan candidatos. Un deles actuará de presidente.

c) As candidaturas que concorran ás eleccións a cámaras agrarias poderán nomear dous interventores por mesa.

d) As mesas electorais estarán asistidas por un funcionario público con destino na Consellería de Agricultura, Gandería e Montes, ás que lles prestará auxilio e asesoramento, e levará a efecto tódalas actividades necesarias para garanti-lo correcto desenvolvemento do proceso electoral.

Artigo 8º

1. O censo electoral conterá a relación individualizada dos electores con dereito a voto realizado polas respectivas cámaras agrarias provinciais coa colaboración da Consellería de Agricultura, Gandería e Montes. Nel figurarán as persoas que determina o artigo 2 da Lei 4/1984. O devandito censo será actualizado periodicamente, sendo as cámaras agrarias as responsables da súa organización, coordinación, vixilancia e elaboración, sen prexuízo do disposto no artigo 5.2.i).

2. Unha vez elaborado o censo, expoñerase durante un mes antes da data da realización das eleccións no taboleiro de anuncios dos concellos e nas dependencias da Administración autonómica para a formulación das alegacións ou rectificacións que se consideren pertinentes, coa achega da documentación que acredite os seus motivos. No prazo de un mes deberanse resolve-las alegacións formuladas e farase público o censo definitivo.

Artigo 9º

O Goberno galego, mediante unha regulación específica, fixará os gastos máximos do proceso electoral, o seu mecanismo de control e as características de financiamento electoral.

Artigo 10º

1. O proceso electoral realizarase mediante listas pechadas. Cada candidatura deberá incluír vintecinco candidatos e tres suplentes.

2. O sistema de votación, escrutinio, presentación de documentos e recursos electorais observará o disposto pola normativa de réxime electoral xeral, coas particularidades introducidas pola lexislación básica estatal en materia de cámaras agrarias.

Artigo 11º

1. Unha vez rematado o proceso electoral e nun prazo non superior a trinta días, constituiranse os

plenos das cámaras agrarias provinciais, que procederán a elixi-lo presidente.

2. Será elixido presidente o candidato que obteña na primeira votación a maioría absoluta dos votos dos membros de pleno dereito da respectiva Cámara. De non acadar ningún candidato a maioría absoluta, proclamarase presidente o cabeza da lista máis votada nas eleccións.

3. O período de mandato do presidente e dos vocais será de catro anos.

Artigo 12º

Considéranse como máis representativas, no ámbito de Galicia, as organizacións profesionais agrarias que obteñan como mínimo o 10% do total dos votos válidos emitidos no conxunto do proceso electoral para elixi-los membros das cámaras agrarias.

Disposicións transitorias

Primeira.

1. A Xunta Electoral galega e as xuntas electorais provinciais constituiranse nun prazo de tres meses desde a entrada en vigor da presente lei.

2. Para as primeiras eleccións ás cámaras agrarias os vocais xuristas de recoñecido prestixio ós que fan referencia os artigos 5 e 6 da presente lei serán designados por proposta unánime das organizacións profesionais agrarias legalmente constituídas o día da entrada en vigor da presente lei. De non se acadar unanimidade na proposta, cada unha das organizacións profesionais ás que se refire o parágrafo anterior propoñerá dous vocais para a Xunta Electoral galega e un vocal para as xuntas provinciais, sendo designados ó chou de entre tódolos propostos, para cada caso.

Segunda.

Para as primeiras eleccións ás cámaras agrarias é competencia das xuntas electorais provinciais, oídas as organizacións profesionais agrarias:

a) A elaboración dos censos electorais.

b) A determinación das mesas electorais.

Terceira.

As primeiras eleccións ás cámaras agrarias serán convocadas pola Xunta de Galicia nun prazo máximo de seis meses desde a elevación a definitivos dos censos electorais.

Disposición derrogatoria

Quedan derrogadas tódalas disposicións de igual ou inferior rango que se opoñan ó previsto na presente lei.

Disposicións derradeiras

Primeira.

Facúltase o Consello da Xunta de Galicia para dictar, por proposta da Consellería de Agricultura, Gandería e Montes, as disposicións regulamentarias

que fosen precisas para o cumprimento e a execución desta lei, sen prexuízo da súa integración co previsto pola normativa reguladora de réxime electoral xeral e a lexislación básica estatal en materia de cámaras agrarias.

Segunda.

A presente lei entrará en vigor ó día seguinte da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, dezasete de outubro de mil novecentos noventa e seis.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

7783