Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 202 Martes, 15 de outubro de 1996 Páx. 9.112

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE XUSTIZA, INTERIOR E RELACIÓNS LABORAIS

ORDE do 1 de outubro de 1996 pola que se convocan os cursos básico e medio, de linguaxe administrativa galega para o cadro de persoal das corporacións locais.

O Estatuto de Autonomía de Galicia, no seu artigo 5.1º dispón, que a lingua propia de Galicia é o galego.

A Lei 3/1983, do 15 de xuño, de normalización lingüística, no seu artigo 4.1º, establece que, «O galego, como lingua propia de Galicia, é lingua oficial das institucións da Comunidade Autónoma, da súa administración, da Administración local e das entidades públicas dependentes da Comunidade Autónoma ...».

A Lei 5/1988, do 21 de xuño, do uso do galego como lingua oficial de Galicia polas entidades locais, no seu artigo 1, dispón: «As convocatorias de sesións, ordes do día, votos particulares, propostas de acordo, dictámes das comisións informativas e actas das entidades locais de Galicia, redactaranse en lingua galega».

E no seu artigo 2º, punto 2.1 di: «Correspóndelle á Xunta de Galicia o impulso do proceso de incorporación da lingua galega na Administración local, moi especialmente a través de programas de formación de funcionarios en lingua galega», e no punto 2.2, estabrece: «Sen prexuízo do parágrafo anterior, a Xunta de Galicia adoptará as medidas oportunas para que nos concursos de acceso de funcionarios á Administración local se garanta o coñecemento da lingua galega».

Así mesmo, a Comisión Coordinardora para a Normalización Lingüística, creada polo Decreto 221/1990, determinou a urxente necesidade de proceder a potencia-la normalización lingüística no eido da Administración local.

A Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais, co fin de dar cumprimento a estas disposicións e recomendacións, proseguindo coa súa liña de cooperación coas corporacións locais, coa finalidade de impulsa-la normalización lingüística na Administración local, e como continuación ó plan integral de estudios iniciado en 1990, mediante o que se pretende que en tódalas corporacións locais exista, polo menos, un funcionario que se responsabilice da traducción dos documentos sinalados no artigo 1º da citada Lei 5/1988, convoca ós seguintes cursos de linguaxe administrativa galega.

Por todo isto, en uso das atribucións que teño conferidas,

DISPOÑO:

Artigo 1º

1. A Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais convoca, para o ano 1996:

a) Oito cursos de nivel medio para o cadro de persoal dos concellos e deputacións, como continuación ó curso básico convocado en 1995.

Neles poderán participar todos aqueles funcionarios que presten os seus servicios nas corporacións locais e que participasen nos cursos de nivel básico celebrados a finais do pasado ano, obtivesen, no correspondente examen, a cualificación de apto.

b) Seis cursos de nivel básico para o cadro de persoal dos concellos e deputacións.

Poderán participar tódolos funcionarios que presten os seus servicios nas corporacións locais que, ou ben, non superasen as probas realizadas ó remata-los cursos básicos celebrados ata a presente data; ou ben, presten os seus servicios en favor de concellos ou deputacións provinciais galegas e non participasen, ainda, en ningún dos cursos ata agora convocados.

2. Os cursos van dirixidos a formar un funcionario por corporación local, en municipios con menos de 10.000 habitantes; dous funcionarios, en municipios entre 10.000 e 50.000 habitantes; e catro funcionarios, en municipios con máis de 50.000 habitantes de todo o territorio da Comunidade Autónoma galega.

3. A eles poderá asistir, independentemente do disposto no parágrafo anterior e por razóns de eficacia administrativa, o secretario da corporación correspondente.

4. No caso de que soliciten participar nos cursos máis funcionarios dunha mesma corporación, dos sinalados nos parágrafos anteriores, a súa solicitude deberá acompañarse dunha certificación expedida polo secretario xeral, relativa ó acordo da corporación mediante o que se realice a selección daqueles funcionarios que, polos labores que desempeñan, a súa asistencia resulte máis beneficiosa, en favor da entidade local.

5. Os cursos comezarán a partir do mes de outubro de 1996 e rematarán antes do 31 de decembro de 1996.

6. Os cursos celebraránse, en principio, nas seguintes localidades:

-A Coruña:

* A Coruña.

* Santiago de Compostela.

-Lugo:

* Lugo.

-Ourense:

* Ourense.

-Pontevedra:

* Pontevedra.

* Vigo.

Ademais dos cursos sinalados organizarase un curso para o nivel medio en Viveiro (Lugo) e outro en Xinzo de Limia (Ourense).

Realizada a selección dos posibles asistentes, a Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais poderá decidi-lo desdobramento dos cursos segundo o número de alumnos, e, igualmente, a súa desaparición ou organización noutra localidade. A asignación ós distintos cursos a faraa a consellería en función das peticións recibidas.

7. Durante a súa celebración realizaranse ademais: sesións conxuntas, seminarios específicos e conferencias nas que intervirán expertos en linguaxe administrativa.

Artigo 2º

O finanzamento destes cursos correrá por conta das aplicacións orzamentarias 13.02.226.06, e 13.02.480.00, programa 353.F, dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 1996, ata un límite de seis millóns dúascentas oitenta mil pesetas (6.280.000 ptas.) e en cinco millóns de pesetas (5.000.000 de ptas.), respectivamente.

A través da aplicación 13.02.226.06, programa 353.F, aboaranse os gastos que orixine a organización dos cursos; e con cargo á aplicación 13.02.480.0, programa 353.F, os gastos relativos ás axudas que se lles conceden ós alumnos para desprazamentos.

Artigo 3º

1. Os cursos terán unha duración de 75 horas, nas que se inclúen: fase teórica, fase práctica, seminarios e todo tipo de actividades.

2. Os cursos realizaranse en xornadas de tarde.

Artigo 4º

Os programas destes cursos serán os que aprobe a Comisión Coordinadora para a Normalización Lingüística.

Artigo 5º

Ó remata-lo curso realizaranse as probas oportunas. Ó persoal que as supere, tendo en conta ademais o rendemento ó longo do curso, outorgaráselle

unha certificación coa cualificación de apto, expedida, conxuntamente, pola Dirección Xeral de Política Lingüística (Consellería de Educación e Ordenación Universitaria) e pola Dirección Xeral de Xustiza e Administración Local (Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais).

Artigo 6º

A Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais poderá aboarlles asistencias ós asistentes ós cursos. O pagamento realizaráse unha vez se presenten os oportunos xustificantes.

Artigo 7º

As instancias, segundo o modelo que figura como anexo I a esta disposición, presentaranse no rexistro xeral da Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais, na correspondente delegación provincial, ou nalgunha das formas ás que se refire o artigo 38 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Artigo 8º

O prazo de presentación de instancias será de 15 días hábiles, contados a partir do seguinte ó da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facultase o director xeral de Xustiza e Administración Local para dicta-las resolucións necesarias para o desenvolvemento desta orde.

Segunda.-A presente orde entrará en vigor ó día seguinte ó da súa publicación.

Santiago de Compostela, 1 de outubro de 1996.

Jesús C. Palmou Lorenzo

Conselleiro de Xustiza, Interior e Relacións Laborais

Sr. Director Xeral de Xustiza e Interior

4990