Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 197 Martes, 08 de outubro de 1996 Páx. 8.921

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE ECONOMÍA E FACENDA

DECRETO 363/1996, do 26 de setembro, polo que se acepta a cesión a título gratuíto dun edificio e terreo anexo sito no paseo da Calzada s/n, de Cambados, feita a favor da Comunidade Autónoma de Galicia para Centro de Exposición Permanente de Recursos Comarcais.

O Pleno da Corporación municipal de Cambados, en sesión celebrada o 27 de xuño de 1996, acordou a cesión á Xunta de Galicia dun edificio e terreo anexo no paseo da Calzada s/n de dita vila, para a construcción dun Centro de Exposición Permanente de Recursos Comarcais.

Conforme os artigos 17.1º da Lei 3/1985, do 12 de abril, do patrimonio da Comunidade Autónoma galega, e 34 do seu regulamento, aprobado polo Decreto 50/1989, do 9 de marzo, a adquisición pura e simple de bens a título gratuíto ou lucrativo requirirá decreto do Consello da Xunta de Galicia, por proposta da Consellería de Economía e Facenda. Así mesmo, os artigos 23.1º da mesma lei e 38.1º do regulamento establecen que non se poderán adquirir bens ou dereitos a título lucrativo cando o valor dos gravames, cargas ou afeccións impostos sobre eles exceda o seu valor intrínseco, se ben non se consideran carga, gravame ou afección os investimentos que teña que realiza-la Comunidade Autónoma para da-lo destino de uso xeral ou servicio público da súa competencia que fixe o cedente ou doador.

Na súa virtude, por proposta do conselleiro de Economía e Facenda, feita nos termos nos que o Concello de Cambados acordou a cesión, logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día vinteseis de setembro de mil novecentos noventa e seis,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Acéptase a cesión gratuíta do edificio e terreo anexo, pertencentes ó Concello de Cambados, sito no paseo da Calzada s/n, de Cambados, cunha superficie duns 100 m aproximadamente o edificio, e de 552 m e 85 dm o terreo anexo, formando un único predio dunha superficie de 650 m e 85 dm, que linda ó norte e ó oeste con paseo público; ó sur con casa propiedade de José Núñez Miranda, Banco Zaragozano e outros; e leste con camiño público.

O inmoble atópase inscrito no Rexistro da Propiedade de Cambados, no tomo 757 do arquivo, libro 73 do Concello de Cambados, folio 118, predio nº 5.932.

Artigo 2º.-O inmoble cedido destínase á construcción pola Consellería da Presidencia e Administración Pública dun Centro de Exposición Permanente de Recursos Comarcais.

Artigo 3º.-A Consellería de Economía e Facenda, por medio da Secretaría Xeral e do Patrimonio, procederá á formalización da cesión no correspondente documento público e á inscrición do ben no Rexistro da Propiedade a nome da Comunidade Autónoma.

Disposición derradeira

A Consellería de Economía e Facenda, por medio da Secretaría Xeral e do Patrimonio, levará a cabo tódolos trámites necesarios para a efectividade do presente decreto.

Santiago de Compostela, vinteseis de setembro de mil novecentos noventa e seis.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

José Antonio Orza Fernández

Conselleiro de Economía e Facenda

7245