Por orde desta consellería de 26 de setembro de 1996 atribuíuselle a esta delegación, no ámbito provincial, o exercicio das funcións en materia de espectáculos públicos que viña desempeñando a Administración periférica do Estado.
Como queira que os actuais horarios, chamados «de verán», teñen vixencia ata o día de hoxe, faise preciso regular, ó abeiro da orde do Ministerio de Interior do 23 de novembro de 1977, os horarios «de inverno» que rexerán a partir do día de hoxe, optando por manter en liñas xerais os que rexeron nas mesmas datas no período 1995-1996, sen prexuízo de que as conversas que se manterán con tódolos colectivos e sectores implicados, poidan levar no seu momento a efectuar variacións na mellor procura do interese xeral. Por todo o anterior,
RESOLVO:
Primeiro.-Do 1 de outubro de 1996 ó 30 de xuño de 1997, os espectáculos e festas rematarán e os establecementos públicos pecharán, como máximo, ás horas sinaladas no cadro seguinte:
-Cinematógrafos: 0.30 h.
-Teatros: 0.30 h.
-Circos: 24 h.
-Frontóns:0.30 h.
-Boleiras: 24 h.
-Canódromos: 0.30 h.
-Espectáculos ó aire libre: 1 h.
-Verbenas e festas populares: 2.15 h.
-Restaurantes: 1 h.
-Cafés e bares: 1 h.
-Cafeterías: 1.30 h.
-Tabernas: 24 h.
-Salas de festa e discotecas de xuventude: 22 h.
-Bares especiais e «pubs»: 2.30 h.
-Discotecas, salas de festa e salóns de baile: 4 h.
-Cafés-teatro, cafés-cantante, cafés-concerto: 4 h.
-Discotecas e salas de festas con espectáculos ou pases de atraccións: 4 h.
-Tablaos flamencos: 4 h.
As horas sinaladas serán de desaloxo e peche efectivo.
Segundo.-Os venres, sábados, domingos e vésperas de festivos, os horarios indicados no punto anterior ampliaranse media hora máis.
Nos térmos municipais con centros de ensino universitaria, a ampliación realizarase os xoves en lugar dos domingos.
Terceiro.-Os bares especiais, «pubs», discotecas, salas de festas con ou sen espectáculos ou pases de atraccións, salóns de baile, cafés-teatro, cafés-cantante, cafés-concerto e tablaos flamencos, non poderán ser abertos antes das 10 horas da mañá.
Cuarto.-As infraccións ó disposto na presente resolución serán corrixidas coas sancións previstas na lexislación vixente.
Quinto.-Faise expresa remisión, en todo o restante, ó contido da O.M. do 23 de novembro de 1977 citada.
Sexto.-A presente resolución entrará en vigor o día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.
Vigo, 30 de setembro de 1996.
Antonio Coello Bufill
Delegado provincial de Pontevedra
7060