Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 189 Xoves, 26 de setembro de 1996 Páx. 8.676

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE XUSTIZA, INTERIOR E RELACIÓNS LABORAIS

RESOLUCIÓN do 14 de xuño de 1996, da Delegación Provincial de Ourense, pola que se dispón a inscrición e a publicación do convenio colectivo de ámbito provincial para o sector de panaderías de Ourense.

Visto o texto do convenio colectivo provincial para o sector de panaderías (código nº 3200265) de Ourense, con entrada nesta delegación provincial, subscrito en representación da parte económica pola Asociación de Empresarios de Panaderías de Ourense e da parte social pola central sindical CIG, con capacidade e lexitimidade suficiente para asinalo en xuntanza celebrada o 18 de abril de 1996, e de conformidade co disposto no artigo 90.2º e 3º do Estatuto dos traballadores, texto refundido aprobado por R.D. 1/1995, do 24 de marzo, R.D. 1040/1981, do 22 de maio, sobre rexistro e depósito de convenios colectivos de traballo e R.D. 2412/1982, do 24 de xullo, sobre traspaso de funcións e servicios da Administración do Estado á Comunidade Autónoma de Galicia en materia de traballo, esta delegación provincial,

ACORDA:

Primeiro.-Ordena-la súa inscrición no rexistro de convenios colectivos desta delegación provincial, con notificación ás representacións económica e social da comisión negociadora.

Segundo.-Ordena-lo seu depósito no Servicio de Relacións Laborais, Unidade de Mediación, Arbitraxe e Conciliación desta delegación.

Terceiro.-Dispoñe-la súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Ourense, 14 de xuño de 1996.

Manuel López Casas

Delegado provincial de Ourense

Convenio de panaderías

Capítulo I

Normas xerais

Artigo 1º.-Ámbito de aplicación.

No aspecto territorial o presente convenio afectará a tódalas empresas situadas na provincia de Ourense, rexidas pola Regulamentación nacional de panaderías, sen outra excepción que aquelas que se rexan por convenios colectivos de ámbito de empresa, sempre e cando estes sexan superiores globalmente ás do presente convenio.

Artigo 2º.-Ámbito persoal.

O convenio afectará á totalidade do persoal que presta os seus servicios nas empresas encadradas na industria de panadería coa excepción seguinte:

o persoal que efectúe traballos de alta dirección ou alta xestión na empresa.

Artigo 3º.-Vixencia.

Este convenio entrará en vigor o día do seu asinamento e os efectos económicos retreotaeranse ó 1 de xaneiro de 1996.

Artigo 4º.-Duración.

A duración do presente convenio será ata o trinta e un de decembro de mil novecentos noventa e seis, prorrogado pola tácita reconducción sempre que non sexa denunciado de acordo cos preceptos legais, cun previo aviso de tres meses (artigo 85.2º e, segundo o Estatuto dos traballadores). Á finalización deste convenio manterán a súa vixencia tódalas súas cláusulas ata a entrada en vigor do seguinte.

Artigo 5º.-Compensación e absorción.

As condicións que se establecen neste convenio son compensables e absorvibles en cómputo anual, conforme a lexislación vixente, respectándose as situacións persoais en igual forma.

Artigo 6º.-Xornada de traballo.

Serán 40 horas semanais, dispoñendo de 15 minutos durante a xornada de traballo para toma-lo bocadillo, contabilizándose como traballo efectivo.

Capítulo II

Retribucións

Artigo 7º.-Táboa de retribucións que se aplicarán desde o 1 de xaneiro ó 31 de decembro de 1996.

-Oficial de pa: 2.855 ptas. diarias.

-Oficial de masa: 2.780 ptas. diarias.

-Oficial de mesa: 2.729 ptas. diarias.

-Axudante: 2.657 ptas. diarias.

-Mordomo: 2.779 ptas. diarias.

-Portador de pa a despachos: 2.729 ptas. diarias.

-Repartidor de pa a domicilio: 2.565 ptas. diarias.

-Oficial administrativo: 88.533 ptas. mes.

-Chofer repartidor: 2.855 ptas. diarias (1).

(1) Enténdese chofer repartidor aquel que se despraza a distintas poboacións.

(A) Aboaranse 5.105 ptas. nos meses traballados en concepto de servicio nocturno, sendo proporcional ós días traballados durante o mes.

(B) Aboarase a cantidade de 1.662 ptas. nos meses traballados en concepto de gratificación de horario, (Os apartados A e B son para efectos do persoal de elaboración).

(C) Os traballadores terán dereito a percibir 1 kg de pan diario, incluído os períodos de vacacións, baixa por enfermidade e accidentes. O valor do kg de pan para efectos de cotización á Seguridade Social será de 100 pesetas.

Artigo 8º.-Pagas extraordinarias.

De vencemento superior ó mes. As gratificacións extraordinarias de Nadal e xullo, así como a de San Honorato, serán equivalentes ó importe dunha mensualidade cos seguintes conceptos: salario base, beneficios e antigüidade. Cada gratificación será o salario real que para categoría se establece no presente convenio.

Artigo 9º.-Vacacións.

Tódolos productores desfrutarán de 30 días naturais de vacacións ó ano; a súa contía será dunha mensualidade, a salario real.

As vacacións desfrutaranse 15 días continuos entre o 1 de xuño e o 30 de setembro, desfrutándose os restantes días segundo o disposto no Estatuto dos traballadores, artigo 38º. As vacacións serán comunicadas con dous meses de antelación. Aboaranse 3.245 pesetas no día de San Honorato.

Non se considerará festivo o dito día a excepción de se o fose pola natureza do día.

Capítulo III

Outras disposicións

Artigo 10º

As empresas dotarán o seu persoal de roupa adecuada ó posto de traballo que desempeñen, a cal só poderá ser usada durante a xornada laboral.

A roupa será entregada unha cando sexa asinado o convenio e a outra ós seis meses.

Se non fose entregada a roupa de traballo aboarase a razón de 500 pesetas mensuais, se ben será preceptivo a reclamación previa da roupa de traballo ante o SMAC.

Artigo 11º.-Período de proba.

Observarase o disposto na lexislación xeral vixente sobre esta materia.

Artigo 12º.-Gratificación en función das vendas ou beneficios.

Observarase o disposto na Regulamentación nacional de traballo de panadeiros (O.M. 12-7-1946), segundo sexan mecanizadas ou semimecanizadas, (mecanizadas vinte por cento, semimecanizadas quince por cento).

Artigo 13º.-Revisión salarial.

Os salarios que figuran no artigo 7º do presente convenio serán revisados anualmente segundo o índice do custo da vida publicado polo Instituto Nacional de Estatística.

Artigo 14º.-Licencias e permisos.

Nos supostos taxativamente previstos no artigo trinta e sete do Estatuto dos traballadores e a Regulamentación nacional de traballo na panadería, o traballador percibirá durante a súa ausencia, dentro da marxe que para esta sinalan os ditos preceptos, o soldo real, segundo a súa categoría no presente

convenio. Os permisos por morte serán de catro días no caso de cónxuxe, de tres días no caso de pais e fillos; no resto observarase o disposto na ordenanza.

Artigo 15º.-Atrasos.

Os atrasos pagaranse nunha mensualidade, facéndose efectiva no mes seguinte ó asinamento do convenio.

Artigo 16º.-Festivos.

Descansarase os domingos e festivos a excepción de dous, como máximo, que coincidan con festas locais ou tradicionais sendo estes a elección da empresa, comunicándollo ó traballador con dez días de antelación. Tendo en conta o disposto no artigo 12 da Lei 10/1988 (Lei de comercio de Galicia), queda establecido neste convenio a total prohibición de venda, fabricación e distribución de pan, pans especiais e bolería, quedando a obrigación de peche dos seus establecementos os domingos e días sinalados. Tanto a parte social como a económica teñen formada unha comisión de vixilancia que, a través dos seus representantes acreditados, denunciarán a todos aqueles industriais que infrinxan os acordos deste convenio á Consellería de Traballo, por medio das súas delegacións provinciais.

Artigo 17º.-Antigüidade.

Co fin de fomenta-la vinculación coa respectiva empresa do persoal que actúe na industria panadeira, establécense aumentos periódicos por tempo de servicio dentro da propia empresa para todo o persoal afectado polo convenio, nas seguintes proporcións: dous bienios do 5% e catro quinquenios do 10% sobre o salario base.

Artigo 18º.-Comisión paritaria.

Créase unha comisión mixta composta por un presidente, dous vocais pola parte empresarial e dous pola parte social cos seus respectivos suplentes. Sendo elixidos os vocais entre os membros da comisión deliberadora.

Artigo 19º

A comisión a que se alude no artigo anterior impulsará de forma inmediata ante os organismos competentes a creación de cursos de formación profesional orientados á especialización dos traballadores do sector.

Artigo 20.-ILT.

Os traballadores afectados polo presente convenio, no caso de accidente laboral ou enfermidade con hospitalización, serán remunerados normalmente ó 100 por 100 do seu salario normal desde o día da súa hospitalización, sendo a cargo da empresa a diferencia entre a cantidade cobrada, segundo as disposicións da Seguridade Social, e o salario en situación de alta.

Tamén será aboado pola empresa o 100 por 100 do salario real no caso de enfermidade desde o 40 ó 230 día de baixa.

Artigo 21º.-Póliza de accidentes.

As empresas están obrigadas a concertar, con primas íntegras ós eu cargo, no prazo de tres meses a partir da contratación dun traballador, unha póliza de seguros para a cobertura e os riscos de falecemento ou incapacidad permanente absoluta derivada de accidente de traballo, incluídos os in itinere, que garanta ó traballador accidentado ou ós seus habentes causa a percepción das seguintes indemnizacións:

-1.500.000 pesetas en caso de morte.

-1.500.000 pesetas en caso de incapacidade para todo tipo de traballo.

A referida póliza só abrangará os procesos iniciados a partir da súa vixencia e validez.

Esta compensación é compatible coa pensión ou indemnización que poida recibi-lo traballador da Seguridade Social ou Montepío.

Non obstante o exposto anteriormente, a indemnización que sexa percibida con cargo a contrato de seguro de accidente que voluntariamente se conten neste convenio, considerarase como entregada a conta da indemnización que, se é o caso, puideran declarar con cargo ás empresas os tribunais de xustiza unha vez exista sentencia definitiva, sobresemento ou renuncia de accións.

Os traballadores terán dereito a unha revisión médica anual.

Artigo 22º.-Premio de xubilación.

Todo traballador que se xubile antes dos 65 anos percibirá en concepto de gratificación unha remuneración que se establece de acordo coas seguintes normas:

-De 10 a 15 anos de antigüidade: 20% da seguinte táboa.

-De 15 a 20 anos de antigüidade: 30% da seguinte táboa.

-De 20 a 25 anos de antigüidade: 40% da seguinte táboa.

Táboa:

-Ós 60 anos: 6 mensualidades.

-Ós 61 anos: 4 mensualidades.

-Ós 62 anos: 3 mensualidades.

-Ós 63 anos: 2 mensualidades.

-Ós 64 anos: 1 mensualidade.

Artigo 23º

Interromperanse as vacacións cando por causa de enfermidade ou accidente sexa necesaria a hospitalización do traballador sendo a súa interropción polo tempo que dure a hospitalización.

Artigo 24º.-Definición de categorías profesionais.

a) Oficial de pa. Será aquel traballador que verificará as funcións inherentes a cocción, comezando pola posta a punto do forno para enfornamento do pan, a realización deste, coidado dos aparellos necesarios para o labor forneiro así como o funcionamento das caldeiras de vapor e contidos necesarios.

Adquiren a categoría profesional de oficial de pa aqueles traballadores que teñan unha antigüidade na emrpesa de polo menos oito anos.

b) Oficial de masa. É o traballador que ten ó seu cargo os traballos de amasado e preparación de levaduras, coidando así mesmo de vixia-lo bo funcionamento e estado das amasadoras, efectuando a limpeza ou encargando de que o verifiquen axudantes ou aprendices baixo a súa vixilancia.

Adquirirán a categoría profesional de oficiais de masa aqueles traballadores que teñan unha antigüidade na empresa de polo menos seis anos.

c) Oficial de mesa. É o traballador que ten como función primordial a tinguidura ou a confección de pezas de pan, entaboado destas, así como a división cando se utilicen ou non procedementos mecánicos de división.

Adquirirán a categoría profesional de oficial de mesa, aqueles traballadores que teñan unha antigüidade na empresa de polo menos tres anos.

d) Axudante. É o traballador que acredita a súa suficiencia, pasados dous anos como mínimo de aprendiz na industria, e ten o cometido de auxiliar indistintamente ó oficial de pa, ó de mesa ou nos labores de confección de pezas, para alcanzar unha perfección nos seus coñecementos que lle permita ocupar postos de categoría superior.

Os traballadores anteriormente mencionados no momento en que os seus cometidos propios llo permitan, axudarán os traballadores encargados da confección das pezas de pan, entaboado desta e aseo de panaderías.

Adquirirán a condición de axudantes os traballadores que teñan unha antigüidade na emrpesa de polo menos dous anos.

e) Peón. É o traballador maior de 20 anos encargado de efectua-los labores para os que se require predominantemente a aprotación de esforzo físico, como traslado e acarreamento de fariña, amoreamento desta, leña, carbón e ocupacións similares.

Artigo 25º.-Mobilidade funcional.

Con independencia da adquisión da categoría profesional polo transcurso do tempo sinalado no artigo anterior, todo traballador terá dereito ó ascenso a unha categoría superior, se como consecuencia da mobilidade funcional este viñese realizando funcións de categoría superior ás da súa categoría profesional, por un período superior a seis meses durante un ano ou oito meses durante dous anos, neste caso o traballador ascenderá automaticamente á

categoría profesional correspondente ó traballo que viñera realizando no dito período, tal e como sinala o artigo 39 do Real decreto lexislativo 1/1995, do 24 de marzo.

A emrpesa poderá encomendarlles ós seus traballadores a realización de cometidos de categoría profesional inferior á súa por razóns técnicas, organizativas ou de producción que a xustifiquen e polo tempo imprescindible para a súa realización, tal e como se sinala igualmente no artigo 39 do Real decreto lexislativo 1/1995, do 24 de marzo.

Disposición transitoria

Será nulo calquera pacto producido no ámbito de aplicación deste convenio que non respecte os mínimos garantidos con carácter xeral no seu réxime salarial.

Disposición derradeira

No non previsto neste convenio, aplicarase o disposto nas disposicións de xeral aplicación.

9605980