Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 181 Luns, 16 de setembro de 1996 Páx. 8.408

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE XUSTIZA, INTERIOR E RELACIÓNS LABORAIS

RESOLUCIÓN do 8 de xullo de 1996, da Delegación Provincial de Pontevedra, pola que se dispón o rexistro, depósito e publicación no Diario Oficial de Galicia do convenio colectivo da empresa Ingeniería Urbana, S.A.

Visto o expediente do convenio colectivo para a empresa Ingeniería Urbana, S.A., que tivo entrada nesta delegación provincial da Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais o día 4-7-1996, subscrito en representación da parte económica por unha representación da empresa, e da parte social, polos delegados de persoal, o 24-6-1996. De conformidade co disposto no artigo 90.2º e 3º do Real decreto lexislativo 1/1995, do 24 de marzo, polo que se aproba o texto refundido da Lei do Estatuto dos traballadores, Real decreto 1040/1981, do 22 de maio, sobre rexistro e depósito de convenios colectivos de traballo e Real decreto 2412/1982, do 24 de xullo, sobre traspaso de funcións e servicios da Administración do Estado á Comunidade Autónoma de Galicia, en materia de traballo, esta delegación da Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais da provincia de Pontevedra,

ACORDA:

Primeiro.-Ordena-la súa inscrición no Libro de Rexistro de Convenios Colectivos de traballo, que consta nesta delegación provincial, e a notificación ás representacións económica e social da comisión negociadora.

Segundo.-Ordena-lo seu depósito no Servicio de Relacións Laborais, Sección de Mediación, Arbitraxe e Conciliación (SMAC).

Terceiro.-Dispoñe-la súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Vigo, 8 de xullo de 1996.

Antonio Coello Bufill

Delegado provincial de Pontevedra

Convenio colectivo. Ingeniería Urbana, S.A.

Artigo 1º.-Ámbito de aplicación.

O presente convenio colectivo regulará as relacións laborais entre a empresa Ingeniería Urbana, S.A., no seu centro de traballo de Vilagarcía de Arousa (Pontevedra) e os traballadores dela.

O cambio de titularidade da empresa ou dunha unidade dela non extinguirá por si mesma a relación laboral, quedando o novo empresario subrogado nos dereitos e obrigas laborais do anterior. O cambio de titularidade esixirá o coñecemento da representación sindical dos traballadores afectados.

En todo o non previsto neste artigo referente ó cambio de titularidade da empresa, rexerá o previsto con carácter xeral no artigo 44.1º do Estatuto dos traballadores.

Artigo 2º.-Vixencia.

O presente convenio colectivo entrará en vigor para tódolos efectos o 1 de xaneiro de 1996, todo iso con independencia da súa publicación no BOP.

Artigo 3º.-Duración e prórroga.

A duración do convenio será de tres anos, é dicir para o período comprendido entre o 1 de xaneiro de 1996 e o 31 de decembro de 1998.

O presente convenio considerarase automaticamente denunciado unha vez rematada a vixencia prevista no punto anterior, sen necesidade de aviso ningún.

Artigo 4º.-Condicións máis beneficiosas.

O persoal que con anterioridade ó establecemento do presente convenio viñese desfrutando de condicións máis beneficiosas que as aquí pactadas conservaraas ad personam.

Artigo 5º.-Comisión paritaria.

Constitúese unha comisión paritaria no presente convenio coas funcións que se especifiquen no artigo 6º. A comisión reunirase unha vez cada dous meses, salvo convocatoria de calquera das partes por causa seria e grave que afecte ós intereses xerais no ámbito do convenio.

A reunión, que será convocada por escrito e polo menos con tres días hábiles de antelación, deberá incluír necesariamente os temas a tratar na orde do día.

Serán vocais dela dous representantes dos traballadores e dous da empresa, designados respectivamente polas partes asinantes do convenio. Será secretario un vocal da comisión paritaria, nomeado por cada sesión, tendo en conta que o cargo recaerá unha vez nos representantes dos traballadores e a seguinte nos representantes da empresa.

Artigo 6º.-Funcións da comisión paritaria.

As funcións da comisión paritaria serán as seguintes:

a) Interpretación da aplicación da totalidade do convenio.

b) Vixilancia e cumprimento do pactado.

c) Cantas outras actividades tendan á maior eficacia práctica do convenio ou veñan establecidas no seu texto.

Artigo 7º.-Xornada de traballo.

A xornada de traballo será de 40 horas semanais de traballo efectivo para 1996, 39,5 horas de traballo efectivo para 1997 e 39 horas de traballo efectivo para 1998.

Os traballadores disporán de vinte minutos para toma-lo bocadillo. O horario para este mester será de 10 a 10.20 horas para a quenda de mañá; de 17 a 17.20 para a quenda de tarde e de 1 a 1.20 para a quenda de noite.

Os días 24 e 31 de decembro consideraranse para tódolos efectos como días non laborables e retribuídos para todo o persoal de recollida de noite.

O día 3 de novembro, San martiño de Porres, patrón da actividade, considerarase como festivo.

Artigo 8º.-Vacacións.

O persoal comprendido no presente convenio dentro do ano desfrutará dun período anual de vacacións de 30 días naturais, sendo polo menos 21 deles laborables e podendo desfrutarse durante todo o ano. Na empresa establecerase unha orde rotatoria de preferencia, de tal xeito que o traballador que un ano foi primeiro á hora de elixir quenda pase a ser último no ano seguinte.

O calendario de vacacións exporase nos taboleiros de anuncios da empresa.

Artigo 9º.-Licencias e permisos.

O traballador, logo de aviso e xustificación, poderase ausentar do traballo, con dereito a remuneración, por algún dos motivos e polo tempo que se indica:

a) Quince días naturais en caso de matrimonio (para 1997 pasará a 16 días)

b) Tres días naturais por nacemento de fillo. Se concorrese en enfermidade grave aumentarase a catro días.

c) Tres días naturais por falecemento de cónxuxe, pais ou fillos.

d) Un día por enfermidade grave ou falecemento de parentes ata primeiro grao en consanguinidade ou afinidade. Cando con tal motivo o traballador necesite facer un desprazamento para o efecto, o prazo será de dous días.

e) Un día natural por matrimonio de fillos ou irmáns, e dous se a cerimonia se realiza fóra da provincia.

f) Un día natural por traslado de domicilio habitual

g) Para concorrer a exames finais, liberatorios e de máis probas definitivas de aptitude e avaliación de centros oficiais durante os días da súa celebración, non excedendo en conxunto de dez días ó ano.

h) Para deberes de carácter público e persoal, así como para consulta médica. A empresa concederá ós seus traballadores permiso retribuído polo tempo necesario co fin de que estes poidan cumprir cos seus deberes de carácter público e persoal (renovación do DNI, revista militar, solicitude ou renovación do carné de conducir, etc.). Enténdese que

este pemiso será concedido cando o horario dos centros nos que deba ser realizada a correspondente xestión coincida coa xornada laboral do traballador. Para ter dereito ó tempo necesario para consulta médica, o productor terase que presentar ó traballo e cubri-lo impreso que se inclúe como apéndice, comprometéndose o productor á terminación do distrito asignado.

Artigo 10º.-Salarios.

Fíxase un salario mínimo de convenio de 67.756 pesetas, para tódalas categorías, establecéndose con efectos do 1 de xaneiro de 1996.

Para 1997 e 1998 o incremento para tódolos conceptos que teñan contido salarial será igual ó IPC previsto polo goberno para cada ano incrementado 1,5 puntos.

As retribucións pactadas no presente convenio compensarán e absorberán tódalas existentes no momento da súa entrada en vigor, calquera que sexa a súa natureza ou orixe delas.

Artigo 11º.-Antigüidade.

A antigüidade será consolidada e pagada conforme a do sector, é dicir, tres bienios do 5% e posteriores quinquenios do 7%.

Comezarase a aboar desde o día 1 de xaneiro do ano en que se cumpran os bienios ou quinquenios de que se traten.

A acumulación dos incrementos por antigüidade non poderán supor en ningún caso máis:

-Do 10% ós 5 anos.

-Do 25% ós 15 anos.

-Do 40% ós 20 anos.

-Do 60% como máximo ós 25 anos.

Artigo 12º.-Plus de penosidade.

Establécese un plus de penosidade que consiste no 20% do salario base. O dito plus será percibido por tódolos traballadores da empresa durante os doce meses do ano.

Artigo 13º.-Plus de nocturnidade.

Establécese un plus de nocturnidade que consiste no 25% do salario base. O dito plus pagarase os doce meses do ano.

O plus de nocturnidade percibirase para os traballos que se efectúen entre as 22 horas e as 6 horas da mañá.

Artigo 14º.-Gratificacións extraordinarias.

Todo o persoal afecto a este convenio percibirá as seguintes gratificacións extraordinarias:

Gratificación de verán ou xullo, gratificación de Nadal e gratificación de beneficios.

Establécense as seguintes datas límite de pagamento destas gratificacións:

-Gratificacións de verán e xullo: 15 de xullo.

-Gratificacións de Nadal: 15 de decembro

-Gratificación de beneficios: 15 de abril.

As citadas gratificacións extraordinarias serán equivalentes cada unha delas a 30 días de salario base máis antigüidade para as de xullo e decembro e 20 días do salario base máis antigüidade para a de beneficios.

Artigo 15º.-Horas extraordinarias.

Procurarase efectua-las horas extraordinarias mínimas indispensables e, en todo caso, cos límites que determina o Estatuto dos traballadores.

Empresario e traballadores a través da súa representación legal poderán pactar que as horas extras se aboen na contía determinada na lexislación laboral vixente, ou se compensen por tempo de descanso, de acordo co previsto no R.D. 1/1994.

Artigo 16º.-Plus de transporte.

Establécese un plus de transporte de 5.789 pesetas mensuais para todo o persoal operario da empresa, que se percibirá polos meses ou fracción efectivamente traballados.

Artigo 17º.-Plus de actividade.

Establécese un plus de de actividade para as categorías de conductor e mecánico na contía de 5.789 pesetas mensuais, que se percibirá polos meses ou fracción efectivamente traballados.

Artigo 18º.-Axudas de custo.

Establécese unha axuda de custo de 5.021 pesetas diarias e unha media axuda de custo de 2.510 pesetas diarias.

Artigo 19º.-Indemnización por falecemento ou invalidez derivada de accidente laboral.

Establécese unha indemnización de 1.218.998 e 1.950.396 pesetas, respectivamente, para cada continxencia. As ditas contías serán actualizadas anualmente conforme o establecido na correspondente póliza da entidade aseguradora.

Artigo 20º

Para 1997 a cada traballador que teña fillos en EXB/ESO, aboaráselle unha cantidade anual total de 2.500 pesetas en concepto de axuda de estudios. A dita cantidade farase efectiva coa nómina do mes de setembro, logo de xustificación.

Artigo 21º.-Roupas de traballo.

Entregaráselle a todo o persoal de limpeza e recollida dous uniformes e dúas camisas ó ano nos meses de maio e outubro. Para o persoal que preste os seus servicios no vertedoiro entregaránselle botas de seguridade.

Así mesmo, xunto co uniforme de inverno entregaráselle ó persoal de recollida e limpeza un par de botas de auga, tres pares de guantes protectores, un conxunto de patalón e chaqueta impermeables.

Artigo 22º.-Garantías sobre as condicións de traballo.

Co obxecto de que o traballador coñeza os datos relativos á súa afiliación e cotización ó réxime xeral da Seguridade Social, a empresa obrígase ó seguinte:

a) Facilitar copia do parte de alta na Seguridade Social ós traballadores dentro dos primeiros oito días do seu ingreso.

b) Publicación dos modelos TC1 e TC2 correspondentes ás cotizacións do último mes.

Así mesmo, amosarase no taboleiro de anuncios copia da póliza coa entidade aseguradora sobre os riscos previstos no artigo 19º.

Artigo 23º.-Taboleiro de anuncios.

Será obrigatoria a existencia de taboleiros de anuncios nos que se fixarán as comunicacións da empresa, así como as comunicacións dos traballadores e a información sindical.

Artigo 24º.-Saúde laboral.

Nomearase un delegado de prevención, de acordo co previsto na Lei 31/1995, do 8 de novembro.

Funcións: serán as recollidas na lei antes mencionada.

Artigo 25º.-Recoñecementos médicos.

Todo o persoal comprendido no presente convenio someterase a unha revisión médica anual que será por conta da empresa, así como o transporte. O resultado do dito recoñecemento médico será comunicado ó traballador pola entidade que o efectúe.

Os traballadores da quenda de tarde incorporaranse unha vez que xantasen, despois de finaliza-lo recoñecemento médico. Isto sempre que poidan dispor de transporte público regular, a non ser que o medio de locomoción sexa facilitado pola empresa.

A empresa comprométese a que os recoñecementos médicos do persoal se fagan no período do 1 de maio a 31 de decembro de cada ano e nas mellores condicións de asistencia médica e sanitaria, e o dito recoñecemento consistirá como mínimo en:

-Audimetría.

-Control de vista.

-Análise de ouriños.

-Espirometría.

-Exploración clínica.

Tamén se farán campañas de vacinación que consistirán en:

-Vacina contra o tétanos.

-Vacina contra a hepatite B, con análise de sangue previa.

Artigo 26º.-Dereitos sindicais.

a) A empresa respectará o dereito dos traballadores a se sindicaren e non poderá suxeita-lo emprego dun traballador á condición de que non se afilie ou renuncie á súa afiliación sindical.

b) A empresa non poderá despedir un traballador nin prexudicalo de calquera outra forma a causa da súa afiliación ou actividade sindical.

c) A empresa recoñece o dereito dos traballadores afiliados a un sindicato a celebraren reunións, recadaren cotas e distribuíren información sindical fóra de horas de traballo.

d) O crédito de horas mensuais que corresponde ós membros do comité de empresa poderá acumularse nun ou varios dos seus compoñentes, sen supera-lo máximo total, quedando relevado ou relevados do traballo, sen prexuízo da súa remuneración.

e) A empresa respectará a legalidade vixente en materia de acumulación de horas sindicais, conforme o cal os cargos sindicais poderán acumula-las ditas horas entre si segundo teñan por conveniente.

Artigo 27º.-Excedencia.

A excedencia poderá ser voluntaria ou forzosa. A forzosa que dará dereito a conservación do posto de traballo e do cómputo de antigüidade da súa vixencia, concederase pola elección ou designación dun cargo público que imposibilite a asistencia ó traballo. O reintegro deberá ser solicitado dentro do mes seguinte ó cesamento no cargo público. O traballador, con polo menos unha antigüidade na empresa dun ano, ten dereito a excedencia voluntaria por un prazo non menor a dous anos e maior de cinco. Este dereito só poderá ser exercido outra vez polo mesmo traballador se transcorreron catro anos desde o final da anterior excedencia.

Os traballadores terán dereito a un período de excedencia non superior a tres anos para atende-lo coidado de cada fillo, contado desde a data de nacemento deste. Os sucesivos fillos darán dereito a un novo período de excedencia que, se é o caso, porá fin ó que viñese desfrutando. Cando o pai e a nai traballen, só un deles poderá exercer este dereito.

Terán dereito á situación de excedencia na empresa os traballadores que exerzan funcións sindicais de ámbito provincial ou superior, mentres dure o exercicio do seu cargo representativo.

Artigo 28º.-Entrada ó traballo.

O cuartel permanecerá aberto durante 15 minutos máis tarde a hora de entrada. Todo aquel productor que chegue no intervalo de 15 minutos indicados no apartado anterior comezará a traballar unha hora máis tarde da hora de entrada e serán obxecto dunha hora de desconto comprometéndose a deixa-lo distrito que se lle asigne terminado. O establecido anteriormente terá lugar cando se cometa falta de puntualidade superior a unha cada dous meses.

Artigo 29º.-Faltas e sancións.

A empresa informará ó comité de empresa das sancións que se lles impoñan ós traballadores, así como dos motivos delas e da súa cualificación conforme a lexislación vixente. Esta información ó

comité de empresa será anterior á comunicación de sanción ó traballador afectado. Non se poderán impoñer sancións que consistan na reducción do período de vacacións ou minorización dos dereitos ó descanso de traballador ou multa de haber.

A petición dos traballadores sancionados, o comité de empresa facilitaralle a este en caso de ser posible e en reunión para o efecto, información suplementaria co fin de chegar a un coñecemento máis obxectivo dos feitos.

Artigo 30º.-Xubilación.

Os traballadores que cumpran a idade de 64 anos e demais requisitos esixidos poderanse acoller á xubilación segundo determina o R.D. 14/1981, do 20 de agosto e R.D. 1194/1985, e para ese efecto as empresas obríganse a contratar simultaneamente no lugar do xubilado outro traballador que sexa titular de prestación de desemprego ou mozo en demanda de emprego.

Artigo 31º.-Liquidación.

Tódolos recibos que teñan carácter de liquidación asinaranse en presencia dun representante dos traballadores ou asesor sindical. Estes recibos asinaranse de conformidade co modelo anexo a este convenio. No dito documento constará o nome e a sinatura do representante dos traballadores ou asesor sindical.

Artigo 32º.-Cota sindical.

Por petición da central sindical correspondente e logo de conformidade por escrito do afiliado, a emrpesa encargarase da recadación da cota mediante o desconto en nómina e o seu ingreso na conta bancaria que a central determine.

Artigo 33º.-Domingos e días santos.

Dado que hai servicios que se prestan durante os sete días da semana ós traballadores que lles corresponda traballar en domingos e días santos ó traballador daráselle o día de descanso en calquera día da semana, para o ano 1997 darase un día e medio de descanso para cada domingo ou festivo traballado.

Artigo 34º.-Composición da mesa negociadora.

Validez da representación e capacidade de obrigarse: o presente convenio colectivo de ámbito empresarial foi negociado entre os representantes da empresa Juan Manuel Gil Martínez, José Antonio Martín Bermejo, e os representantes dos traballadores José Antonio González Boullosa, Juan José Farto Antelo e Benigno Fernández Daponte.

A comisión negociadora constituíuse válida e debidamente en tódalas súas sesións e as partes recoñecéronse mutuamente a representación con que actuaron e a capacidade suficiente para o outorgamento dos acordos no presente convenio.

Artigo 35º.-Responsabilidade ante terceiros.

A empresa disporá dunha póliza de responsabilidade civil que cubra os posibles riscos producidos a terceiras persoas no exercicio da actividade habitual desenvolvida que é a de recollida de lixo, limpeza viaria, limpeza da rede de sumidoiro, limpeza de contedores e eliminación de residuos.

Para casos especiais non cubertos pola póliza crearase unha comisión representada por dous membros do comité, un de cada central sindical representada e un representante da empresa, a dita comisión estudiará os casos especiais e emitirá un informe vinculante.

Artigo 36º

No non regulado no presente convenio, as partes sométense ó convenio de mínimos para o sector publicado no BOE nº 58 do 7 de marzo de 1996.

Recibo liquidación

Empresa

Empregado

Data cesamentoCausa

O traballador subscrito cesa na prestación dos seus servicios por conta da empresa arriba indicada, e recibe neste acto a liquidación de partes proporcionais na contía e detalle que se expresa ó pé, co cal recoñece atoparse saldado e liquidado por tódolos conceptos coa referida empresa, e comprométese a non pedir nin reclamar nada máis á empresa.

En Pontevedra, ... de ... de 19...

Sinatura do delegado sindical, sinatura do traballador, sinatura da empresa.

Detalle de liquidación

Liquidación verán

Liquidación vacacións

Suma

Retención rendaDesexa Vde. que esta liquidación sexa visada polo comité, delegado ou centrais sindicais despois da súa aprobación.

SiNon

Sinatura

Líquido a percibir

Permiso para consulta médica que concede a empresa Ingeniería Urbana, S.A.

Productor

O productor indicado foi consultado no día da data, das... ás ...horas.

Pontevedra, ...de ...de 19...

Asdo. Dr. D.

Nota: este volante só se estende para efectos de xustificar ante a empresa o tempo de consulta en institucións da Seguridade Social.