Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 181 Luns, 16 de setembro de 1996 Páx. 8.388

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE AGRICULTURA, GANDERÍA E MONTES

ORDE do 4 de setembro de 1996 pola que se establecen, para a Comunidade Autónoma de Galicia, determinadas medidas para o fomento de métodos de producción agrícola e gandeira compatibles coa protección do medio ambiente e a conservación do espacio natural.

A nova PAC recolle as medidas de desenvolvemento dunha agricultura menos intensiva, o emprego de prácticas de producción que diminúan os efectos contaminantes, a conservación de terras agrícolas abandonadas e a xestión con vistas ó acceso do público e ó lecer como instrumentos da política medioambiental.

En particular, o Regulamento CEE 2078/92 do Consello, do 30 de xuño, promove métodos de producción agrícola co obxectivo de incita-los agricultores a desenvolveren unha agricultura compatible coas esixencias medioambientais e de conservación do espacio natural, establecendo un réxime de axudas cofinanciadas polo FEOGA-Garantía, destinado a compensa-las perdas de renda debidas á reducción da producción ou ó aumento dos custos.

O dito regulamento, no seu artigo 3, puntos 1, 2 e 3, regula a aplicación por parte dos estados membros do réxime de axudas a través de programas plurianuais de zona e no punto 4 autoriza os estados membros a estableceren un marco regulamentario xeral que dispoña a aplicación horizontal na totalidade do seu territorio dunha ou varias das axudas previstas.

Na súa virtude, e por proposta do Ministerio de Agricultura, Pesca y Alimentación (MAPA), dictouse o Real decreto 51/1995, do 20 de xaneiro (BOE nº 33 do 8 de febreiro), polo que se establece un réxime de medidas horizontais para fomentar métodos de producción agraria compatibles coas esixencias da protección e a conservación do espacio natural.

Por outra parte a decisión da comisión C(95) 18 do 19 de xaneiro, aproba o dispositivo de aplicación deste réxime de axuda en España, cun programa de medidas xerais aplicables en todo o territorio español e outro programa de medidas específicas aplicables en zonas seleccionadas, entre as que se encontran medidas para aplicar en zonas da Comunidade Autónoma de Galicia e con participación do FEOGA nos gastos financiables.

Neste marco, o sector agrario de Galicia debe combina-la súa adaptación a sistemas productivos máis eficientes co mantemento dunha cultura agraria propia, derivada dunha acción continua nun medio, ás veces hostil, e que deu lugar a prácticas culturais como a construcción de socalcos para evitar unha erosión incontrolada, á realización de labores de cultivo, rozas ou cortas de mato que manteñen o uso gandeiro do monte e evitan a propagación de incendios, contribuíndo en xeral á conservación dunha paisaxe singular en harmonía co medio ambiente.

O viñedo é un cultivo especialmente importante nesta Comunidade Autónoma, tanto pola extensión da superficie cultivada, como polo número de traballadores empregados do sector, abarcando cinco denominacións de orixe en materia de viños. Cun dos programas de axuda previstos na presente orde tenderase a racionaliza-lo emprego de productos fitosanitarios e de fertilizantes, manter e estimu

la-la multiplicidade de especies, diminuíndo o risco de toxicidade, e conseguindo un producto de maior calidade e menores residuos.

Nos vales dos ríos Miño e Sil, nas provincias de Lugo e Ourense, existen zonas cunha paisaxe peculiar, caracterizada polo cultivo do viñedo en socalcos con muros de pedra, nas que a vide é coidada con métodos que evitan a erosión e aproveitan racionalmente as condicións naturais para a producción agrícola. Considérase necesario o establecemento dun programa de axuda que contribúa á permanencia desta paisaxe ligada ó cultivo a man e a unha conservación cada vez máis custosa dos muros, práctica mantida secularmente desde a época dos romanos, evitando o abandono do cultivo, a desaparición das terrazas, a invasión do mato e os incendios.

Tamén existen en Galicia grandes superficies de pasteiros de uso comunal, que tradicionalmente co pastoreo e con cortas de mato manteñen o uso gandeiro de monte, uso que é necesario conservar racionalizando o pastoreo coa utilización de valos e controlando os rexeitos de pasto e rebrotes de mato por medios mecánicos mantendo unha carga gandeira equilibrada, e evitando os incendios e a erosión do solo.

Por outra banda é necesario conservar as razas gandeiras autóctonas en perigo de extinción pola súa adoptación para o aproveitamento dos recursos forraxeiros naturais e polo seu inestimable valor como recursos xenéticos da comunidade.

En consecuencia, de acordo co disposto no artigo 30.1º.3 do Estatuto de autonomía de Galicia e en uso das competencias que me confire a Lei 1/1983, reguladora da Xunta e o seu presidente,

DISPOÑO:

CAPÍTULO I

Ámbito e programas de axuda

Artigo 1º.-Ámbito

Establécese, para a Comunidade Autónoma de Galicia, un réxime de axudas para o fomento de prácticas agrícolas compatibles co medio ambiente, conforme o disposto no artigo 3, do Regulamento (CEE) 2078/92 do Consello, do 30 de xuño de 1992.

Artigo 2º.-Programas de axuda

O réxime de axudas establécese a través dos seguintes programas:

a) Protección integrada do viñedo mediante métodos biotecnolóxicos.

b) Conservación do medio paisaxístico e loita contra a erosión en viñedos da Ribeira Sacra.

c) Conservación da paisaxe e prevención da erosión en sistemas extensivos de pastoreo.

d) Fomento das razas autóctonas en perigo de extinción.

CAPÍTULO II

Protección integrada do viñedo mediante métodos biotecnolóxicos

Artigo 3º.-Obxectivos.

Co establecemento deste réxime de axudas acadaranse os seguintes obxectivos:

1.-Mellora-la calidade da uva producida na Comunidade Autónoma de Galicia.

2.-Diminuí-lo risco de atopar residuos de productos fitosanitarios na uva no momento da colleita.

3.-Implantar en amplas zonas de cultivo de viñedo en Galicia a utilización de métodos biotecnolóxicos de loita contra pragas e enfermidades, respectuosos co medio ambiente e conservación do espacio natural.

4.-Mante-la diversidade biolóxica no medio no que se aplique o programa.

Artigo 4º.-Zona de aplicación.

Este programa aplicarase nas superficies incluídas nas denominacións de orixe de Ribeiro, Valdeorras, Ribeira Sacra, Monterrei e Rías Baixas.

Artigo 5º.-Beneficiarios.

Poderán ser beneficiarios das axudas reguladas neste capítulo as persoas físicas ou xurídicas titulares de explotacións de viñedo que cumpran os requisitos sinalados nel.

Artigo 6º.-Requisitos dos beneficiarios.

Para o acceso as axudas establecidas neste capítulo os beneficiarios deberán de cumpri-los seguintes requisitos:

1.-Reduci-lo consumo de productos químicos utilizados en tratamentos fitosanitarios nun 30% como mínimo e utilizar, exclusivamente, na loita química, os productos fitosanitarios incluídos no anexo II, durante un brazo de cinco anos.

2.-Se é o caso, desenvolve-lo programa de protección integrada do viñedo mediante métodos biotecnolóxicos, conforme as especificacións técnicas sinaladas no anexo I e no libro de campo especificado no anexo III, durante un prazo de cinco anos.

3.-Dispor directamente ou como membro dunha agrupación de defensa vexetal, asociación de tratamento integrado na agricultura (ATRIA), SAT, cooperativa ou outra agrupación legalmente constituída, dos seguintes medios e servicios:

a) Unha superficie total, en coto redondo, de viñedo igual ou superior a 5 ha, na que polo menos o 85% estea incluída no programa.

b) Asistencia técnica na aplicación de tratamentos fitopatolóxicos.

c) Técnico competente para efectua-los controis fitosanitarios de seguimento da execución do programa.

d) Sistema de control e verificación da execución do programa de acordo co presente capítulo.

4.-Incluír no programa, polo menos, o 50% da superficie da explotación destinada a viñedo, considerando sempre parcelas completas.

5.-Somete-la maquinaria de aplicación a revisións periódicas cada dous anos, como mínimo.

6.-Cumpri-las indicacións da Dirección Xeral de Producción Agropecuaria e Industrias Agroalimentarias en canto á execución do programa e permiti-lo libre acceso á explotación dos técnicos responsables do seu seguimento.

7.-Participar nos cursos de formación sobre técnicas de producción integrada dos viñedos que imparta a Consellería de Agricultura, Gandería e Montes.

8.-Subscribir un contrato directamente ou a través de asociación correspondente, coa Consellería de Agricultura, Gandería e Montes para a realización do programa.

Artigo 7º.-Contía da axuda.

Os titulares das explotacións de viñedo que cumpran o establecido no programa de producción integrada poderán percibir unha das seguintes axudas, anualmente, por un período máximo de cinco anos.

a) Unha prima de ata 25.000 ptas./ha no caso de reducción dos productos para tratamentos químicos, como mínimo, nun 30% e utilización únicamente dos productos incluídos no anexo II.

b) Unha prima de ata 50.000 ptas./ha no caso de que, ademais da reducción de productos químicos, se empregasen os métodos biotecnolóxicos de protección integrada especificados no anexo I.

En calquera caso o límite máximo de subvención anual por explotación e de 2.500.000 ptas.

Artigo 8º.-Solicitude e documentación complementaria.

a) As solicitudes de axuda, en modelo oficial conforme o anexo IV desta orde, que tamén poderán ser presentadas polas entidades indicadas no punto 3 do artigo 6 sempre e cando os seus asociados confiran expresamente autorización para tal efecto, deberán de xunta-la seguinte documentación:

1.-Fotocopia do DNI/NIF do solicitante.

2.-Relación de parcelas de viñedo da explotación (anexo V).

3.-Compromiso entre o solicitante da axuda e a agrupación, asociación ou sociedade na que se integra, polo que ambas partes asumen os seus compromisos en canto ó desenvolvemento do programa, no su caso anexo VI.

4.-Documento acreditativo da constitución legal da agrupación de defensa vexetal, ATRIA, SAT ou cooperativa, así como copia dos seus estatutos ou, no suposto de que nestes non se prevexa o plan de actuación de asistencia técnica ós seus asociados na aplicación de tratamentos fitopatolóxicos, acordo do órgano rector no que se recolla a dita finalidade, se é caso.

5.-Certificación da agrupación, asociación ou sociedade, acreditativa de pertenza a ela do solicitante da axuda, se é caso.

6.-Acordo do órgano competente da agrupación, asociación ou sociedade, polo que asume o compromiso de seguimento e control da execución do programa mediante técnico competente, durante o prazo del, conforme as especificacións técnicas sinaladas no anexo I e lista de materias incluídas conforme ó anexo II.

7.-Plano do catastro do coto redondo e das parcelas incluidas no programa.

8.-Certificación da entidade bancaria indicando un número de conta aberta ó nome do solicitante para o ingreso da axuda.

b) As delegacións provinciais da Consellería de Agricultura, Gandería e Montes analizarán e informarán as solicitudes previamente á súa aprobación.

Unha vez aprobadas as axudas formalizaranse os correspondentes contratos entre a Consellería de Agricultura, Gandería e Montes e os beneficiario ou agrupacións.

Artigo 9º.-Verificación e control do programa.

O control da aplicación do programa será efectuado polo técnico competente da agrupación á que pertenza o titular da explotación, e o seguimento da aplicación do programa, conforme os anexos I e II, documentarase nun caderno de campo segundo se indica no anexo III.

A Dirección Xeral de Producción Agropecuaria e Industrias Agroalimentarias efectuará as comprobacións que estime oportunas para garanti-la correcta execución do programa, tanto mediante o exame do caderno de campo como mediante a toma de mostras e posterior análise.

Artigo 10º.-Abono da axuda.

1.-A xustificación da execución do programa realizarase anualmente coa presentación polo interesado ou pola asociación á que pertenza dun informe técnico detallado para cada explotación, asinado polo técnico responsable do seu seguimento e control, no que se indique o nivel dos obxectivos acadados, antes do 30 de setembro de cada ano.

2.-En todo caso, o pagamento anual da axuda estará condicionado á certificación polos servicios técnicos dependentes da Dirección Xeral de Producción Agropecuaria e Industrias Agroalimentarias, do cumprimento dos compromisos asumidos.

3.-Para os efectos previstos no parágrafo anterior, os titulares das explotacións beneficiarias das axudas, terán a obriga de permitir e colaborar nas medidas que se adopten para o control e seguimento do programa. En particular, deberán permitille-lo libre acceso á súa explotación, a toma de mostras e exame de datos e rexistros ós técnicos da Consellería de Agricultura, Gandería e Montes.

4.-Se da verificación e control realizados se deduce unha execución non satisfactoria do programa e o incumprimento dos compromisos asumidos, reducirase parcial ou totalmente a axuda aprobada par a percibir polo solicitante.

CAPÍTULO III

Conservación do entorno paisaxístico e loita contra a erosión en viñedos da Ribeira Sacra

Artigo 11º.-Obxectivos.

Co establecemento desta liña de axuda acadaranse os seguintes obxectivos:

1.-Mante-la paisaxe peculiar que o cultivo do viñedo en socalcos proporciona nos vales dos ríos Sil e Miño na Ribeira Sacra.

2.-Previ-la erosión nas ladeiras mantendo o sistema de cultivo con socalcos.

3.-Mante-la actividade agrícola nestas terras evitando a invasión de mato e o perigo de incendios.

4.-Permiti-lo sostemento dunha poboación rural nunha zona con constante diminución dela.

Artigo 12º.-Zona de aplicación do programa.

Este programa aplicarase nos viñedos das ribeiras do Miño e Sil pertencentes á zona de denominación de orixe Ribeira Sacra.

Artigo 13º.-Beneficiarios.

Poderán ser beneficiarios destas axudas as persoas físicas ou xurídicas titulares de explotacións de viñedo situadas na zona de aplicación del e que cumpran o especificado no presente capítulo.

Artigo 14º.-Requisitos dos beneficiarios.

Para o acceso as axudas establecidas neste capítulo os beneficiarios deberán cumpri-los seguintes requisitos:

1.-Cultiva-lo viñedo en socalcos, cun máximo de tres filas de cepas por socalco ou no caso de ter máis filas por socalco a pendente natural do terreo deberá ser superior ó 75%.

2.-Mante-lo cultivo do viñedo en socalcos durante un período mínimo de 5 anos a partir da data de aprobación da solicitude.

3.-Realiza-los traballos necesarios para o mantemento dos muros dos socalcos, utilizando os materiais orixinais, fundamentalmente pedra da zona.

4.-Levar a cabo as prácticas de cultivo do viñedo tradicionais, empregando fundamentalmente fertilizantes orgánicos e labores de cava manuais, eliminando a utilización de fertilizantes químicos.

5.-Realizar, como máximo un tratamento herbicida, utilizando productos non residuais.

6.-Cultivar unha superficie mínima de viñedo no sistema de socalcos de 1.500 m, en parcelas cunha superficie mínima de 500 m.

7.-Cultivar unicamente castes de vide autorizadas ou recomendadas de xeito que a porcentaxe da superficie total incluída no programa ocupada por castes recomendadas sexa superior ó 60%.

8- Dispor directamente ou como membro do consello regulador, ATRIA, SAT, ou outra agrupación legalmente constituída, dos seguintes medios de producción ou servicios:

a) Unha superficie de viñedo en socalcos igual ou superior a 1 ha en coto redondo.

b) Técnico competente para efectua-lo seguimento do programa.

9.-Subscribir un contrato directamente, ou a través do consello ou asociación correspondente, coa Consellería de Agricultura, Gandería e Montes, para a realización do programa.

Artigo 15º.-Contía da axuda.

Os titulares das explotacións de viñedo que cumpran o establecido neste capítulo para o mantemento do cultivo en socalcos poderán percibir unha axuda, anualmente, por un período máximo de 5 anos, de ata 70.000 ptas./ha.

En calquera caso a subvención máxima por explotación e ano será de 2.500.000 ptas.

Artigo 16º.-Solicitude e documentación complementaria.

a) As solicitudes de axuda, en modelo oficial, conforme o anexo IV desta orde, que tamén poderán ser presentadas polas entidades indicadas no punto 8 do artigo 14º, sempre e cando os seus asociados confiran expresamente autorización para tal efecto, deberán de xunta-la seguinte documentación:

1.-Fotocopia do DNI/CIF do solicitante.

2.-Relación das parcelas, coas súas referencias catastrais, das que é titular e nas que se vai aplica-lo programa (anexo VII).

3.-Contrato entre o solicitante da axuda e o consello regulador ou agrupación na que está integrado, polo que ámbalas partes asumen os compromisos de desenvolvemento e seguimento de programa (anexo VIII).

4.-Documento acreditativo da constitución do consello, agrupación, etc, e dos seus obxectivos.

5.-Certificación da agrupación, consello, etc, acreditativa da pertenza a ela.

6.-Acordo do órgano competente da agrupación, consello, etc, para o seguimento do programa.

7.-Plano do catastro do coto redondo e das parcelas incluídas no programa.

8.-Certificación da entidade bancaria indicando un número de conta aberta ó nome do solicitante para o ingreso da axuda.

b) As delegacións provinciais da Consellería de Agricultura, Gandería e Montes analizarán e informarán as solicitudes previamente á súa aprobación.

Unha vez aprobadas as axudas formalizaranse os correspondentes contratos para a realización do programa entre a Consellería de Agricultura, Gandería e Montes e os solicitantes ou agrupacións responsables do control do programa.

Artigo 17º.-Verificación e control do programa.

1.-O control da execución do programa en cada parcela e explotación realizarano os técnicos da agrupación, consello, etc. correspondente, ó que pertenza o titular da explotación, anotando as incidencias del.

2.-Os servicios técnicos dependentes da Dirección Xeral de Producción Agropecuaria e Industrias Agroalimentarias efectuarán as comprobacións necesarias para garanti-la correcta execución do programa, tanto mediante o exame da documentación presentada como con controis sobre o terreo.

3.-Os titulares das explotacións beneficiarias das axudas deberán de permiti-lo acceso dos técnicos as parcelas e colaborar cos mesmos nas medidas que se adopten para o control e seguimento do programa.

Artigo 18º.-Aboamento da axuda.

1.-A xustificación do cumprimento do programa realizarase anualmente coa presentación polo interesado ou pola asociación, consello, etc, a que pertenza dun informe detallado das parcelas e explotacións nas que desenvolven o programa satisfactoriamente e das incidencias, asinado polo técnico correspondente, antes do 30 de maio de cada ano.

2.-O pagamento anual da axuda estará condicionada á certificación polos servicios técnicos dependentes da Dirección Xeral de Producción Agropecuaria e Industrias Agroalimentarias do cumprimento dos compromisos asumidos.

3.-Para os efectos previstos no parágrafo anterior, os titulares das explotacións beneficiarias das axudas terán a obriga de permitir e colaborar nas medidas que se adopten para o control e seguimento do programa. En particular, deberán permiti-lo libre acceso á súa explotación, a toma de mostras e exame de datos e rexistros ós técnicos da Consellería de Agricultura, Gandería e Montes.

4.-Se da verificación e control realizados se deduce unha execución non satisfactoria do programa e o incumprimento dos compromisos asumidos, reducirase parcial ou totalmente a axuda aprobada para percibir polo solicitante.

4.1.-Consideraranse como causa de perda da axuda para a parcela correspondente:

a) A existencia de muras destruídas nela, na data de remate anual do programa.

b) A existencia de muras construídas con materiais alleos ós tradicionais de zona na data de remate anual do programa.

c) A utilización de fertilizantes minerais ou herbicidas residuais.

d) A utilización de castes de vide non autorizadas nin recomendadas

4.2.-Considerarase como causa de perda da axuda para a totalidade da explotación:

a) A existencia de muras destruídas ou construídas con materiais non axeitados, na data de remate do programa, en máis do 50% das parcelas da explotación incluídas no programa.

b) A utilización de fertilizantes minerais ou herbicidas residuais en máis do 50% da superficie das parcelas incluídas no programa.

CAPÍTULO IV

Conservación da paisaxe e prevención de erosión en sistemas extensivos de pastoreo

Artigo 19º.-Obxectivos.

Co desenvolvemento deste programa acadaranse os seguintes obxectivos:

1.-Mante-los pasteiros de montaña de uso comunal que tradicionalmente foron pastoreados polo gando vacún, ovino ou cabalar, co fin de controla-la vexetación arbustiva.

2.-Contribuír ó equilibrio ecolóxico da flora e fauna autóctonas e ó emprego de razas autóctonas axeitadas a este sistema de pastoreo.

3.-Revaloriza-la paisaxe da contorna destas zonas e permiti-lo sostemento dunha poboación rural en constante abandono.

4.-Previ-los incendios e a erosión producida pola desaparición da cuberta vexetal nas zonas de ladeira.

Artigo 20º.-Zona de aplicación.

O programa aplicarase nos montes veciñais en man común situados nas zonas de montaña da Comunidade Autónoma de acordo co establecido no partado 3 do artigo 3 da Directiva CEE 75/268 e municipios limítrofes.

Artigo 21º.-Beneficiarios.

Poderán ser beneficiarios das axudas previstas neste capítulo as comunidades de montes veciñais en man común regulamentariamente constituídas.

Artigo 22º.-Requisitos dos beneficiarios.

1) Dispor dunha superficie de pastos de uso comunal, cercada perimetralmente na súa totalidade, e que poderá comprender:

a) Superficie de pasto cun aproveitamento adicional para sega e conservación de alimentos para inverno, cercada perimetralmente.

b) Superficie de pasto cun control por sega mecánica dos rexeitos e rebrotes de mato.

c) Superficie cun control da vexetación unicamente mediante pastoreo.

Non se poderá incluír no programa a superficie de monte con mato no que este cubra máis do 70% da superficie do terreo.

A superficie incluída nos apartados a) e c) non poderán supera-lo 50% e o 80%, respectivamente, da superficie total de pastos incluída no programa.

2) Realizar un programa de conservación, manexo, aproveitamento e pastoreo para cada tipo de super

ficie das incluídas no apartado 1, por un período mínimo de cinco anos e que comprenda:

a) Superficie para alimentos conservados

-Número de ha e localización.

-Datas de fertilización con 70 unidades PO e 50 de KO.

-Período do pastoreo de primavera e identificación individual do gando utilizado.

-Datas de colleita dos conservados.

-Período de pastoreo de outono e identificación do gando.

-Data de realización e remate do mantemento dos valados.

b) Superficie para control por sega mecánica

-Número de ha e ubicación.

-Datas de fertilización con 60 unidades de PO e 50 de KO.

-Períodos de pastoreo e identificación individual do gando utilizado.

-Datas do control de restos e mato por medios mecánicos.

-Datas de realización e remate do mantemento dos valados.

c) Superficie para control por pastoreo.

-Número de ha e localización.

-Períodos de pastoreo e identificación individual do gando utilizado.

-Datas de realización e remate do mantemento dos valados.

Este plan de aproveitamento debe ser aprobado pola Consellería de Agricultura, Gandería e Montes.

3) Manter unha carga gandeira maior de 0,3 UGM/ha e menor de 1,5 UGM/ha.

4) Subscribir un contrato coa Consellería de Agricultura, Gandería e Montes para a realización do programa.

Artigo 23º.-Axudas.

Establécense as seguintes axudas anuais máximas para a execución dos plans de manexo e aproveitamento dos montes veciñais en man común, aprobados pola Consellería de Agricultura, Gandería e Montes.

Superficies para alimentos conservados15.000

Superficies con control por sega mecánica10.000

Superficies con control por pastoreo3.000

Artigo 24º.-Solicitudes e documentación complementaria.

a) As solicitudes de axuda, en modelo oficial conforme co anexo IV desta orde, deberán xunta-la seguinte documentación:

1.-Fotocopia do CIF do solicitante.

2.-Fotocopia do DNI do representante e documento acreditativo da representación do monte veciñal en man común.

3.-Relación de parcelas coas súas referencias catastrais, dedicadas a cada un dos tipos de aproveitamento indicados no artigo 22 punto 1 desta orde, segundo modelo do anexo IX e plano da situación delas mesmas e dos valos perimetrais e exteriores.

4.-Plan anual de conservación, manexo, aproveitamento e pastoreo segundo modelos dos anexos X e XI.

5.-Fotocopias das follas de saneamento das explotacións, sinalando as cabezas que aproveitarán os pasteiro.

6.-Certificación da entidade bancaria no que se indique un número de conta aberta ó nome do solicitante para o ingreso da axuda.

b) As delegacións provinciais da Consellería de Agricultura, Gandería e Montes analizarán e emitirán informe das solicitudes previamente á súa aprobación.

Unha vez aprobadas as axudas formalizaranse os correspondentes contratos para a realización do programa entre a Consellería de Agricultura, Gandería e Montes e os solicitantes da axuda.

Artigo 25º.-Verificación e control do programa.

1.-O control da aplicación do programa será efectuado polos técnicos da Consellería de Agricultura, Gandería e Montes que efectuarán as comprobacións que estimen oportunas para garanti-la correcta execución del.

2.-Os beneficiarios das axudas deberán de permiti-lo acceso dos técnicos as parcelas e colaborar con eles nas medidas que se adopten para o control e seguimento do programa.

Artigo 26º.-Aboamento da axuda.

1.-A xustificación da execución do programa será realizado anualmente polo interesado coa presentación, antes do 30 de outubro, na Consellería de Agricultura, Gandería e Montes, da comunicación da finalización das medidas previstas no plan anual de conservación e manexo.

2.-O pagamento anual da axuda estará condicionada á certificación polos servicios técnicos dependentes da Dirección Xeral de Producción Agropecuaria e Industrias Agroalimentarias do cumprimento dos compromisos asumidos.

3.-Se da verificación e control realizados se deduce unha execución non satisfactoria do programa e o incumprimento dos compromisos asumidos, reducirase parcial ou totalmente a axuda aprobada para percibir polo solicitante.

CAPÍTULO V

Fomento das razas autóctonas en perigo de extinción

Artigo 27º.-Obxectivos.

Co establecemento deste réxime de axudas acadaranse os seguintes obxectivos:

-Contribuír ó mantemento e conservación dun recurso xenético autóctono.

-Axudar ó mantemento da renda nestas zonas de orixe das devanditas razas contribuíndo a evita-la despoboación destas zonas, e aportando unha riqueza natural e paisaxística.

-Fomenta-lo aproveitamento de terras onde poden sobrevivir só razas autóctonas.

-Contribuír a conserva-lo medio natural, así como diminuí-la incidencia dos incendios forestais, ó manter limpo o sotobosque.

Artigo 28º.-Zonas de aplicación.

O programa aplicarase para todo o territorio da Comunidade Autónoma de Galicia, con preferencia naquelas explotacións situadas nas zonas de orixe destas razas.

Artigo 29º.-Beneficiarios.

Poderán beneficiarse das axudas reguladas neste capítulo as persoas físicas ou xurídicas titulares da explotación onde exista algún exemplar destas razas autóctonas en perigo de extinción sexa en réxime de propiedade ou de cesión pola Comunidade Autónoma, así como os propietarios de exemplares destas razas criadas en liberdade en terreos veciñais ou montes veciñais en man común.

Artigo 30º.-Requisitos dos beneficiarios.

Para o acceso ás axudas establecidas neste capítulo os beneficiarios deberán cumpri-los seguintes requisitos, por un período de cinco anos:

a) Beneficiarios das axudas por explotar gando bovino autóctono en perigo de extinción:

1.-Ser titular da explotación.

2.-Face-lo saneamento gandeiro en cada campaña.

3.-Ter un ou máis exemplares puros dalgunha das razas autóctonas de vacún en perigo de extinción: cachena, vianesa, frieiresa, caldelá ou limiá.

4.-Te-lo gando destas razas inscrito no Rexistro de Razas Autóctonas de Fontefiz (Ourense).

5.-Participar ou solicita-la participación no programa de conservación e preservación das razas bovinas autóctonas en perigo de extinción, cumprindo as directrices técnicas del.

6.-Facer unha reproducción axeitada das femias adultas, con exemplares puros da mesma raza, e conservar e recria-las femias nadas deste xeito.

b) Beneficiarios das axudas por ter en propiedade exemplares puros de gando equino autóctono en perigo de extinción:

b.1.-Ter exemplares adultos, machos e femias, dalgún dos topotipos de cabalo galego de monte: poni da Groba, poni da rexión central de Galicia, e poni da zona norte de Lugo.

b.2.-Facer un control de existencias e incidencias no rebaño, alomenos unha vez o ano.

b.3.-Te-los exemplares adultos identificados individualmente, e inscritos no Libro de Rexistro da Raza Cabalo Galego de Monte da Comunidade Autónoma; para tal fin a Dirección Xeral de Producción Agropecuaria e Industrias Agroalimentarias leva a súa xestión.

b.4.-Participar ou solicita-la participación no programa de conservación, preservación e mellora do cabalo galego de monte.

Artigo 31º.-Contía da axuda.

A axuda que poden percibi-los titulares das explotacións con gando destas razas en perigo de extinción será como máximo de unha prima de 10.000 ptas./UGM (unidades de gando maior) anualmente. Para o cálculo das equivalencias entre cabezas e UGM entre as distintas especies terase en conta o anexo do Regulamento 2328/1991.

Artigo 32º.-Solicitude e documentación complementaria.

a) As solicitudes de axuda, en modelo oficial conforme ó anexo IV desta orde, deberán de achega-la seguinte documentación:

1.-Fotocopia do DNI/NIF do solicitante.

2.-No caso de axudas para gando vacún:

2.1.-Fotocopia da folla do saneamento gandeiro deste ano ou do ano anterior

2.2.-Fotocopia das fichas de rexistro de cada un dos animais adultos destas razas que teña na súa explotación.

2.3.-Copia ou fotocopia do impreso das primas a que ten dereito asinado polos técnicos do programa de conservación das razas autóctonas, da Dirección Xeral de Producción Agropecuaria e Industrias Agroalimentarias.

3.-No caso de axudas para o gando cabalar presentarase fotocopia das fichas de rexistro de cada un dos animais adultos destas razas que teña na súa explotación.

b) Unha vez aprobadas as axudas formalizaranse os correspondentes contratos para a realización do programa entre a Consellería de Agricultura, Gandería e Montes e os solicitantes da axuda.

Artigo 33º.-Verificación e control do programa.

O control do programa efectuarase pola técnico correspondente do programa de conservación das razas autóctonas en perigo de extinción, pertencente a Dirección Xeral de Producción Agropecuaria e Industrias Agroalimentarias, que ademais de face-lo seguimento e control propio deste programa, fará as comprobacións e verificacións oportunas do cumprimento dos requisitos esixidos para beneficiarse das axudas do presente capítulo.

Unha vez feito o control e verificación, o técnico asinará no impreso de primas a axuda a que ten dereito polo presente capítulo.

Artigo 34º.-Aboamento da axuda.

1.-A xustificación do cumprimento das condicións deste programa será realizado polos técnicos correspondentes da Dirección Xeral de Producción Agropecuaria e Industrias Agroalimentarias no apartado correspondente do impreso de solicitude de primas. Esta xustificación poderá facerse aproveitando a visita da explotación polo técnico por razóns do programa de conservación e preservación das razas bovinas autóctonas en perigo de extinción ou por razóns do programa de conservación, fomento e mellora do cabalo galego de monte.

2.-Nembargantes, será responsabilidade do titular da explotación solicita-la devandita comprobación e visita dos técnicos, polo menos unha vez ó ano e antes do 30 de outubro.

3.-O pagamento deste capítulo de axudas farase unha vez ó ano, e estará condicionado á xustificación dos técnicos responsables do programa do cumprimento dos compromisos asumidos polo titular da explotación solicitante da axuda.

4.-Para os efectos previstos no parágrafo anterior, os titulares das explotacións beneficiarias das axudas teñen a obriga de permitir e colaborar nas medi

das que se adopten para o seguimento e control do programa, así como permiti-lo libre acceso á súa explotación e a toma de datos e rexistros ós técnicos da Consellería de Agricultura, Gandería e Montes

5.-A Dirección Xeral de Producción Agropecuaria e Industrias Agroalimentarias poderá requirirlle en todo momento ó beneficiario da axuda a presentación de calquera documentación adicional que considere necesaria para a concesión, aboamento e control da axuda.

CAPÍTULO VI

Normas xerais

Artigo 35º.-Compatibilidade e axudas máximas.

As axudas recollidas na presente orde serán compatibles entre sí, de acordo co especificado para cada medida e acumulables ata as contías máximas previstas no Regulamento (CEE) 2078/92, do 30 de xuño.

Artigo 36º.-Agricultor a título principal.

1.-Cando o titular da explotación exerza a súa actividade como agricultor a título principal (ATP) de acordo coa definición do artigo 2 da Lei 19/1995, do 4 de xullo, de modernización das explotacións agrarias, as contías establecidas incrementaranse nun 20%, tendo en conta o establecido no artigo anterior.

2.-A xustificación da condición de ATP realizarase, como norma xeral, coa presentación da declaración do IRPF do último exercicio e co informe da vida laboral emitido pola Tesourería da Seguridade Social.

Artigo 37º.-Prazo de solicitude das axudas.

As solicitudes de axuda poderán presentarse, preferentemente nas delegacións provinciais da Consellería de Agricultura, Gandería e Montes, e noutros rexistros previstos no artigo 38 da Lei 30/1992 do réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

O prazo de presentación das solicitudes será de sesenta días desde ó seguinte ó da publicación da presente orde no Diario oficial de Galicia.

Artigo 38º.-Financiación das actuacións.

1.-As accións previstas na presente orde financiaranse de acordo co convenio de colaboración establecido ou que se estableza entre a Consellería de Agricultura, Gandería e Montes e o órgano competente do MAPA.

2.-O aboamento da axuda ó interesado poderá condicionarse á recepción na Administración autonómica das transferencias correspondentes ás participacións do MAPA e do FEOGA no financiamento dela.

3.-No exercicio 1996 as axudas establecidas na presente orde financiaranse con cargo á aplicación orzamentaria 09.03.614A.773 dos orzamentos xerais da comunidade autónoma para 1996, dotado con 30 millóns de pesetas para esta finalidade.

4.-Poderán presentarse solicitudes para programas que se vaian desenvolver no ano 1997. Neste caso a resolución de concesión da axuda estará condicionada á existencia de crédito para ese ano.

Disposicións adicionais

Primeira.-Cando nunha mesma zona coincidan accións relacionadas coa aplicación desta orde que desenvolve en Galicia determinadas medidas previstas no Regulamento CEE 2078/92 e outras que xurdan como aplicación do Regulamento 2087/92, sobre forestación de terras agrarias o do Real decreto 378/1993, do 12 de marzo, polo que se establece un réxime de axudas para fomentar investimentos forestais en explotacións agrarias e accións de

desenvolvemento e aproveitamento dos bosques en zonas rurais, coordinaranse as actuacións precisas para aplicación de ámbolos dous regulamentos.

Segunda.-Ós procedementos para a concesión de axudas e subvencións regulados na presente orde seranlle de aplicación o sistema de recursos establecidos no capítulo II do título VII da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Disposición derradeira

Facúltase ó director xeral de Producción Agropecuaria e Industrias Agroalimentarias para dicta-las disposicións necesarias co obxecto de desenvolve-la presente orde, que entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 14 de setembro de 1996.

Tomás Pérez Vidal

Conselleiro de Agricultura, Gandería e Montes

5511