Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 179 Xoves, 12 de setembro de 1996 Páx. 8.344

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

UNIVERSIDADE DE VIGO

RESOLUCIÓN do 18 de xullo de 1996 pola que se publica o Estatuto dos colexios maiores e residencias da Universidade de Vigo.

Aprobado o Estatuto dos colexios maiores e residencias da Universidade de Vigo pola Xunta de Goberno na súa sesión celebrada con datas 2 e 8 (continuación) de xullo de 1996, este rectorado resolveu publicalo tal e como figura no anexo desta resolución.

Vigo, 18 de xullo de 1996.

José Antonio Rodríguez Vázquez

Rector da Universidade de Vigo

Estatuto dos colexios maiores e residencias da Universidade de Vigo

Capítulo I

Normas xerais

Artigo 1º

O servicio de asistencia, destinado a proporcionar aloxamento ós membros da comunidade universitaria, con prioridade sempre para os estudiantes da Universidade de Vigo, estructurarase en centros residenciais que poderán ser colexios maiores ou residencias universitarias, en núcleos residenciais de vivendas de tipos diversos e en centros de aloxamento.

Artigo 2º

Os colexios maiores e as residencias universitarias, ademais de cumprir coa función de prestar aloxamento, terán que desenvolver actividades comunitarias para promover e completa-la formación cultural e científica dos residentes, así como a formación humana integral dos mesmos, polos valores que a dita formación encerra para a convivencia cidadá e futuro dunha institución de tanta transcendencia na vida social como é a universidade.

Artigo 3º

Outorgaráselle a cualificación de colexios maiores ós centros residenciais que se caractericen pola súa comodidade global e pola amplitude das instalacións específicas para o desenvolvemento de formas colectivas de encontro e relación, así como para a práctica de actividades deportivas e comunitarias en xeral.

Artigo 4º

O réxime interno dos colexios maiores e residencias universitarias organizarase, en calquera caso, de xeito que se favoreza a participación e o compromiso dos residentes co desenvolvemento dos programas complementarios de formación cultural e científica.

Artigo 5º

Os centros residenciais adecuarán o seu funcionamento a criterios que non supoñan selectividade económica nin discriminación social, ideolóxica ou relixiosa.

Artigo 6º

No réxime de acceso e permanencia a estes centros teranse en conta preferentemente criterios económicos, unha vez superadas as mínimas esixencias académicas.

Artigo 7º

1. A convocatoria de prazas e as cotas a satisfacer polas mesmas nos centros residenciais da Universidade de Vigo publicarase, como máis tarde, no mes de xuño do curso académico anterior, unha vez que sexa aprobada pola Xunta de Goberno da Universidade.

2. Na convocatoria especificaranse tamén os asuntos seguintes:

a) Número de prazas dispoñible para cada sector da comunidade universitaria, procurando que esta reserva non desvirtúe a finalidade principal de residencia para os estudiantes.

b) Prazas que se reservan para bolseiros, estudiantes estranxeiros en réxime de intercambio e profesores visitantes.

c) As condicións de admisión e readmisión, os criterios de baremación e o procedemento que haberá que seguir nas solicitudes.

Artigo 8º

1. O acceso e permanencia ós núcleos residenciais de vivendas será regulado pola Xunta de Goberno da universidade, segundo os diferentes tipos que existan, en función sobre todo de se a súa creación é debida á universidade ou se son promovidos por outras entidades, públicas ou privadas, de acordo coas disposicións legais que en cada caso lle sexan de aplicación.

2. Funcionan como centros de aloxamento aquelas entidades que estean rexistradas como hoteis e se incorporan para este obxecto dentro dun proxecto colectivo de entidades hosteleiras, subscribindo un convenio coa universidade, comprometéndose a ofertar tódalas súas prazas ou un determinado número polo período lectivo do curso, con algún tipo de servicio común específico, ademais dun prezo concertado, segundo sexa a categoría hosteleira en cada caso. A súa oferta incorporarase na oferta pública de prazas que anualmente fará a universidade.

Capítulo II

Natureza e clases dos centros residenciais

Artigo 9º

1. Os centros residenciais da universidade de Vigo conformaranse como colexios maiores e residencias

universitarias, en función das características que adopten de acordo co establecido no artigo 3º do presente estatuto.

2. A cualificación específica dun centro residencial outorgarase mediante resolución rectoral, logo de aprobación da Xunta de Goberno.

3. Tódolos centros residenciais terán en común o mesmo réxime de goberno e funcionamento, así como o logro do obxectivo básico de proporcionar residencia e de promove-la formación cultural e científica, séndolle de aplicación a mesma normativa, coas excepcións que se refiran á especificidade de cada un e ás particularidades que se poidan recoller nos regulamentos de réxime interno, sen contradicir nunca os estatutos da Universidade de Vigo e o establecido no presente estatuto.

Artigo 10º

Os centros residenciais da Universidade de Vigo poderán ser:

a) Propios, se son creados pola universidade.

b) Adscritos, se son promovidos e construídos en terreos da universidade, mediante unha cesión do dereito de superficie, por entidades públicas ou privadas, das que seguen dependendo, e sexan debidamente autorizados unha vez que subscriban o correspondente convenio de colaboración no marco do disposto no presente estatuto e da normativa que, en cada caso, lle poida ser tamén de aplicación.

c) Concertados, se son construídos por entidades públicas ou privadas en terreos alleos á universidade coa finalidade de ofertar prazas de residencia para estudiantes universitarios, que queiran ademais acepta-la normativa da universidade respecto da convocatoria de prazas e subscriban con ela un convenio de colaboración.

Capítulo III

Dos dereitos e deberes dos residentes

Artigo 11º

Recoñécense como dereitos dos residentes:

a) O aloxamento e residencia, dentro dos termos que se elixan de acordo coa convocatoria anual da universidade.

b) O desfrute de tódolos servicios xerais, actividades culturais, deportivas e de lecer que se ofrezan en cada centro residencial, segundo as súas normas de réxime interno.

c) O dereito de sufraxio activo e pasivo nas eleccións para formar parte dos órganos de participación e asesoramento.

d) O dereito a dispor de canles de participación na organización de actividades comúns.

e) O dereito a ser informado dos acordos e disposicións que se relacionen co desenvolvemento da vida residencial.

Artigo 12º

Son deberes dos residentes:

a) Residir habitualmente durante o curso na praza que lle fose concedida.

b) Coidar do material que teña a súa disposición e manter en condicións de habitabilidade o seu cuarto.

c) Respecta-lo conxunto das instalacións, moblaxe e material, así como as pertenzas dos membros residentes e persoal do centro.

d) Acatar e cumpri-las condicións da convocatoria anual de prazas, o Regulamento de réxime interno e as disposicións que o desenvolvan, así como o presente estatuto.

e) Manter un réxime persoal de conducta que favoreza a convivencia e o respecto ós demais residentes.

f) Respeta-lo silencio nocturno, tanto dentro do centro como nas súas inmediacións.

Capítulo IV

Da dirección dos centros residenciais

Artigo 13º

A dirección de cada centro residencial estará a cargo dun director/a, nomeado polo rector, unha vez oída a Xunta de Goberno.

Artigo 14º

1. O director/a é a autoridade delegada do rector no centro e asume a responsabilidade da actividade e o seu funcionamento.

2. A designación do director/a recaerá nun profesor numerario da universidade a tempo completo.

Artigo 15º

Son funcións do director/a:

a) Exercer, se é o caso, a representación do centro e velar polo cumprimento dos seus fins.

b) Supervisa-lo funcionamento de tódolos servicios propios do centro.

c) Organiza-las actividades complementarias da formación académica, científica, cultural e deportiva, oído o Consello de Residencia.

d) Facer cumpri-lo Regulamento de réxime interno.

e) Convocar e presidi-lo Consello de Residencia.

f) Convocar e presidi-la Xunta de Residencia.

g) Elabora-la memoria anual de xestión e funcionamento do centro.

Capítulo V

Dos órganos de participación e asesoramento

Artigo 16º

1. Os órganos de participación e asesoramento terán un carácter consultivo e constitúen canles estables de participación dos residentes na organización das actividades e funcionamento do centro.

2. Os órganos de participación e asesoramento están constituídos por:

a) Consello de Residencia.

b) Xunta de Residencia.

Artigo 17º

1. O Consello de Residencia estará composto por:

a) Director/a do centro residencial.

b) Dous representantes elixidos mediante sufraxio universal de entre os residentes que sexan membros de cada unha das seguintes comisións:

-Comisión de Réxime Residencial.

-Comisión de Complementos de Formación Académica e Científica.

-Comisión de Cultura.

-Comisión de Deportes.

2. O Consello de Residencia estará presidido polo director/a, que o convocará por iniciativa propia ou ben a petición dun tercio dos seus membros, téndose que reunir, alomenos, dúas veces ó ano.

Artigo 18º

Son funcións do Consello de Residencia:

a) Debater e facer propostas sobre calquera cuestión ordinaria do funcionamento do centro que se lle someta pola dirección.

b) Estudia-las necesidades das distintas comisións e facer unha proposta dos orzamentos de actividades.

c) Coñece-lo estado de gastos do centro.

d) Facer propostas para mellora-la xestión e mantemento das instalacións do centro.

e) Estudia-la convocatoria da Xunta de Residencia e servir de Mesa nas sesións da mesma.

f) Emitir informe sobre a proposta de Regulamento de réxime interno do centro, con anterioridade a súa presentación diante da Xunta de Residencia.

Artigo 19º

A Xunta de Residencia estará composta por:

a)Tódolos membros do Consello de Residencia.

b)Unha representación dun por cada dez dos residentes, elixida mediante sufraxio universal.

Artigo 20º

Son funcións da Xunta de Residencia:

a) Estudia-lo Regulamento de réxime interno, con anterioridade á súa tramitación á Xunta de Goberno da Universidade.

b) Coñece-lo orzamento anual de actividades.

c) Analiza-la memoria anual de xestión e funcionamento do centro, con anterioridade a súa tramitación ó rector.

d) Calquera outro asunto que lle sexa sometido pola dirección.

Artigo 21º

1. A convocatoria da Xunta de Residencia farase por iniciativa da dirección, unha vez estudiada a orde do día polo Consello de Residencia, téndose que reunir alomenos dúas veces ó ano.

2. O director/a deberá, así mesmo, convoca-la Xunta de Residencia cando sexa solicitado, alomenos, por un vinte por cento dos seus membros. Neste caso, os solicitantes deberán indicar tamén o punto ou puntos que desexen tratar na sesión.

Capítulo VI

Da administración e xestión dos centros residenciais

Artigo 22º

1. A Administración e xestión de cada complexo residencial estará baixo a supervisión do director/a do mesmo, que velará pola calidade do servicio.

2. Nos centros residenciais propios da universidade este servicio poderá ser prestado directamente por ela ou contratado con entidades non universitarias.

Capítulo VII

Da Comisión de Centros Residenciais

Artigo 23º

A Comisión de Centros Residenciais (CCR) terá carácter permanente e constitúe un órgano consultivo da Xunta de Goberno e do Rector, para todo o que contribúa o cumprimento dos fins dos centros residenciais e a mellora-la súa calidade.

Artigo 24º

A CCR estará composta por:

a) O rector ou persoa en quen delegue, que a presidirá.

b) O vicerrector de estudiantes e innovación educativa.

c) Tódolos/as directores/as dos centros residenciais.

d) Os delegados/as do rector nos centros que sexan adscritos.

e) Un estudiante en representación de cada unha das xuntas de residencia, elixido por sufraxio universal de entre os seus membros.

Artigo 25º

Serán funcións da CCR as seguintes:

a) Facer propostas de mellora do funcionamento dos centros residenciais.

b) Emitir informe da convocatoria anual de prazas de residencia.

c) Estudia-los regulamentos de réxime interno de cada centro, con anterioridade ó seu traslado á Xunta de Goberno.

d) Propoñer vías de solución ós conflictos que se produzan.

e) Emitir informe das propostas de reforma do presente Estatuto.

Capítulo VIII

Dos centros residenciais adscritos

Artigo 26º

1. Os centros residenciais adscritos (CRA), tipificados no artigo 100 do presente estatuto, crearanse mediante resolución rectoral, unha vez subscrito o correspondente convenio coa entidade promotora e previamente aprobado pola Xunta de Goberno da Universidade.

2. Os CRA, independentemente da súa vinculación en cada caso coa entidade promotora deles, contarán ademais, de maneira específica, cos órganos seguintes:

a) Padroado.

b) Delegado/a da universidade.

c) Director/a.

d) Administrador, se é o caso.

Artigo 27º

O padroado contará cos seguintes membros:

a) Tres representantes da entidade promotora, dos que un deles exercerá de presidente e outro de vicepresidente.

b) O delegado/a da universidade.

c) O director/a do centro.

d) O vicepresidente do Consello de Campus ou un profesor, designado polo rector, no caso dos centros residenciais do Campus de Vigo.

e) O administrador, se é o caso.

f) Un representante do Consello de Residencia, elixido por sufraxio universal de entre os seus membros.

Artigo 28º

Son funcións do padroado:

a) Exercer no seu grado máximo a función de goberno, representación e relación institucional do centro residencial.

b) Vixia-lo cumprimento do convenio de colaboración coa universidade, a conservación do edificio e o mantemento das instalacións.

c) Aproba-la proposta de Regulamento de réxime interno.

d) Aproba-la proposta da convocatoria anual de prazas.

e) Elaborar e aproba-lo orzamento anual do centro, así como a súa memoria de execución.

f) Face-la proposta ó rector de tres persoas que poidan desempeña-lo cargo de director/a.

g) Supervisa-la administración e xestión do centro.

Artigo 29º

1. O delegado/a da universidade será nomeado polo rector, oída a Xunta de Goberno, de entre os membros da comunidade universitaria que teñan o grao de licenciado ou titulación equivalente.

2. O delegado/a da universidade constitúe a máxima representación do rector no centro residencial e preside tódolos actos no mesmo ós que asista.

Artigo 30º

Son funcións do delegado/a da universidade:

a) Supervisa-lo funcionamento xeral do centro.

b) Verifica-lo grao de cumprimento do convenio de colaboración e da normativa que sexa de aplicación para o logro dos fins do centro.

c) Emitir informe da memoria anual de actividades.

d) Calquera outra función que lle estea expresamente atribuída polo presente estatuto.

Artigo 31º

O director/a dun centro residencial adscrito terá as mesmas atribucións e funcións que as correspondentes a este mesmo cargo nos centros residenciais propios da universidade, e será nomeado polo rector de entre unha terna, proposta polo padroado.

Artigo 32º

1. A administración e xestión económica dos centros residenciais adscritos estará a cargo de un administrador, nomeado polo padroado del, no suposto de que o considere necesario para descargar de traballo ó director/a e desconcentra-las funcións.

2. O padroado poderá tamén contratar este servicio con entidades especializadas.

3. En calquera caso correspóndelle ó padroado e ó director/a no seu caso a función de supervisión da administración e xestión do centro.

Artigo 33º

A creación de centros residenciais adscritos estará sometida a un concurso público previo, condicionado pola cesión do dereito de superficie (artigo 284 da vixente Lei do solo) e polos obxectivos a cumprir por un centro residencial cualificado pola súa adscrición á universidade.

Artigo 34º

O concurso público para a creación de centros residenciais adscritos estructurarase especificamente arredor dos requisitos seguintes:

a) O concursante terá que atoparse en condicións de acceder ó dereito de superficie do solo dunha entidade pública como é a universidade.

b) Presentar un anteproxecto do edificio, no que se especificará a calidade e durabilidade dos materiais e instalacións, así como a súa habitabilidade e a dispoñibilidade dos espacios e equipamentos para o desenvolvemento das actividades complementarias de formación e lecer dos residentes. Achegarase tamén un cadro de distribución de plantas coa variedade de opcións que sexan posibles, así como unha relación de tódolos servicios xerais e complementarios dos que xa existan nas habitacións.

A universidade poñerá, ó devandito efecto, á disposición dos concursantes as directrices constructivas e arquitectónicas para residencias de estudiantes na Universidade de Vigo.

c) Aceptar como límite da oferta de cesión do dereito de superficie o período de vinte anos, prorrogable por outro período igual, revertendo gratuitamente á universidade, ó seu remate, o inmoble en bo estado de conservación e con tódalas súas instalacións en funcionamento duradeiro, quedando extinguido deste xeito o dereito de superficie concedido.

d) Asumi-lo compromiso de non solicitar subvencións de parte da Xunta de Galicia, tanto para a construcción como para o funcionamento, con cargo a partidas de fondos, destinados ó financiamento da universidade ou que poidan contabilizarse como adxudicadas a ela.

e) Especifica-la oferta das actuacións concretas de conservación, reparación e mantemento, ademais da periodicidade delas.

f) Presentar un plan de investimento para executar, desagregando os custos da construcción, equipamento, instalacións etc., así como unha previsión da conta de resultados do primeiro ano.

g) Acepta-los condicionamentos que se establecen nos artigos 40º ó 43º, ambos inclusive, do presente Estatuto sobre prezos, dispoñibilidade dun determinado número de prazas para a súa utilización pola universidade e usos alternativos.

Capítulo IX

Dos centros residenciais concertados

Artigo 35º

1. Os centros residenciais concertados, tipificados no artigo 10º do presente estatuto, crearanse mediante resolución rectoral, unha vez subscrito o correspondente convenio coa entidade promotora e previamente aprobado pola Xunta de Goberno.

2. A súa organización e réxime de funcionamento estructurarase, substancialmente, de igual xeito que no resto dos centros residenciais adscritos a Universidade de Vigo, coas salvidades seguintes:

2.1. A función de xerencia será responsabilidade da entidade promotora.

2.2. A entidade promotora estará representada no Consello de Residencia por tres persoas, sendo unha delas a encargada da xerencia.

2.3. Das funcións do padroado encargarase a comisión mixta de seguimento do convenio coas atribucións de:

a) Vixia-lo cumprimento do convenio.

b) Supervisa-la administración e funcionamento do centro.

c) Facerlle a proposta ó rector de tres persoas que poidan desempeña-lo cargo de director/a.

d) Calquera outra función que se lle sinale no texto do convenio.

Artigo 36º

1. A Universidade de Vigo utilizará o procedemento de concurso público para selecciona-los candidatos a suscribi-lo convenio, previsto no artigo 35º.1 deste estatuto, coidando de que non se produza unha oferta de prazas por enriba da demanda.

2. A universidade establecerá, sempre que sexa necesario e posible, convenios coas institucións públicas con competencias en materia de urbanismo para posibilita-las correspondentes construccións.

Artigo 37º

1. A universidade outorgaralles a estes centros a calificación de Centro Residencial Concertado (CRC), o que lles facilitará a obtención da condición de edificacións de utilidade pública e interese social, coa posibilidade de acollerse a créditos, axudas e outros incentivos sexan locais, autonómicos, estatais ou europeos.

2. As subvencións e axudas que poidan recibir os CRC non poderán ser contabilizadas como adxudicadas á universidade ó proceder de partidas destinadas ó seu financiamento.

Artigo 38º

1. As novas edificacións, co obxecto de que poidan acada-la cualificación CRC terán que axustarse, substancialmente, ás condicións e características técnicas para a construcción de residencias, aprobadas pola Universidade de Vigo, e ademais cumpri-las normas sobre calidade, funcionamento e prezos que se sinalen neste estatuto e no convenio.

2. Para aquelas edificacións xa existentes, que poidan ser obxecto de concurso para o efecto de acada-la calificación de CRC, as súas condicións e características técnicas avaliaranse en función do seu grao de adecuación e aproximación ás establecidas pola Universidade de Vigo.

Artigo 39º

1. As entidades, concorrentes en cada caso ó concurso de calificación CRC, ademais dun anteproxecto ou estudio previo da futura edificación, presentarán unha memoria urbanística na que, alomenos, se detallen os seguintes extremos:

a) Situación, superficie e características da parcela.

b) Servicios urbanísticos dispoñibles.

c) Ordenación arquitectónica da parcela e descrición pormenorizada da solución de edificación adoptada.

d) O deseño incluirá a supresión de barreiras arquitectónicas e 1 habitación para minusválidos por cada 50 prazas.

e) Especificaranse os tipos de habitación.

f) Características e composición do módulo de habitación e do módulo de planta.

g) Servicios xerais que oferta:

-Conserxería e vixilancia.

-Cafetería e comedor.

-Limpeza de habitacións e lavandería.

-Salas de estudio.

-Garaxe.

-Sala de televisión.

-Servicios deportivos.

-Servicio de telefonía.

-Servicio para estancias curtas.

-Administración.

-Servicio de mantemento.

-Servicio de correo.

-Etc.

h) Accesos e comunicacións.

i) Porcentaxe que ocupan as zonas verdes e de espacios libres dentro da superficie da parcela.

2. Nos supostos de edificacións xa existentes, a entidade concursante presentará unha memoria descritiva das características do edificio, superficies útiles e instalacións, coa súa data de posta en funcionamento e estado actual de uso, detallando en xeral e na medida do posible aqueles extremos sinalados no punto anterior de este artigo.

Artigo 40º

Os prezos de residencia fixaranse inicialmente no convenio e concertaranse sucesivamente na comisión mixta de seguimento do mesmo que os someterá á aprobación pola universidade. En calquera caso, o aumento anual nunca poderá ser inferior ó IPC ou índice que o releve.

Artigo 41º

A universidade poderá dispor ata un máximo dun 5%, redondeado por exceso, do total das prazas nas residencias concertadas para bolsas, estudiantes de programas de intercambio, profesores visitantes e outras situacións similares, aínda que algunhas destas prazas poidan non acadar unha ocupación permanente. O importe delas terá unha bonificación sobre o seu prezo ordinario.

Artigo 42º

A universidade comunicará anualmente á propiedade, con anterioridade ó 30 de setembro, o nivel de ocupación, e no suposto de no acadarse nesta data o 100% de ocupación, as prazas vacantes poderanse ofertar só a estudiantes do nivel máis próximo ó universitario.

Artigo 43º

As prazas dos centros residenciais concertados poderanse utilizar durante os meses de xullo - agosto - setembro co uso alternativo seguinte:

a) Outorgaráselles preferencia ós residentes que as precisen durante os meses de verán, logo dunha convocatoria especial e sen dereito por isto a readmisión.

b) Como prazas de intercambio con outras universidades para uso de profesores e PAS.

c) Para aloxamento de participantes en congresos, cursos e actividades de dinamización cultural da Universidade de Vigo.

d) De libre disposición da propiedade, desde o día primeiro de xullo ata o 30 de setembro, para o conxunto das prazas non comprometidas pola universidade á data do 1 de xuño.

Disposición derradeira

Este estatuto entrará e vigor a partir do momento da súa aprobación pola Xunta de Goberno e publicarase de seguida no Diario Oficial de Galicia.

6534