Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 178 Mércores, 11 de setembro de 1996 Páx. 8.320

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE AGRICULTURA, GANDERÍA E MONTES

ORDE do 3 de setembro de 1996 pola que se aproba o Regulamento da Denominación de Orixe Ribeira Sacra e do seu Consello Regulador.

Por Orde do 30 de maio de 1995, a Consellería de Agricultural, Gandería e Montes recoñeceu a Denominación de Orixe Ribeira Sacra para os viños producidos nesta comarca vintivinícola e nomeou o seu Consello Regulador Provisional.

Entre as funcións asignadas a esta consello figuraba a redacción do proxecto de regulamento particular da denominación, que elevaría á Consellería de Agricultura, Gandería e Montes para a súa aprobación.

En consecuencia, unha vez cumprida a devandita obriga, e de acordo co disposto no artigo 30.I.3 e 4 do Estatuto de autonomía de Galicia, e en uso das competencias que me confire a Lei 1/1983, reguladora da Xunta e do seu presidente.,

DISPOÑO:

Artigo único.-Recoñécese con carácter definitivo a Denominación de Orixe Ribeira Sacra, e apróbase o seu regulamento co texto articulado que figura como anexo á presente orde.

Disposición transitoria

O Consello Regulador Provisional da Denominación de Orixe Ribeira Sacra asumirá a totalidade das funcións que lle corresponden segundo o capítulo VII do seu regulamento; continuarán os seus

compoñentes nos seus cargos respectivos ata que o devandito consello regulador quede constituído de acordo co establecido no artigo 31 do mencionado regulamento.

Disposicións derradeiras

Primeira. Facúltase o director xeral de Producción Agropecuaria e Industrias Agroalimentarias para dicta-las noras para o desenvolvemento da presente orde.

Segunda. A presente orde entará en vigor o día seguinte da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 3 de setembro de 1996.

Tomás Pérez Vidal

Conselleiro de Agricultura, Gandería e Montes

Regulamento da Denominación de Orixe Ribeira Sacra

Capítulo I

Disposicións xerais

Artigo 1º

De acordo co disposto na Lei 25/1970, do 2 de decembro, do estatuto da viña, do viño e dos alcois, e no seu regulamento aprobado polo Decreto 835/1972, do 23 de marzo, así como no Real decreto 157/1988, do 22 de febreiro, modificado polo Real decreto 1906/1995, do 24 de novembro, polos que se establece a normativa a que deben axustarse as denominacións de orixe e as denominacións de orixe cualificadas de viños e os seus respectivos regulamentos, e o regulamento CEE 823/1987, do 16 de marzo, sobre os viños de calidade producidos en rexións determinadas, quedan protexidos coa Denominación de Orixe Ribeira Sacra os viños que, verificando as características definidas neste regulamento, cumpran na súa producción, elaboración e comercialización tódolos requisitos esixidos nel e na lexislación vixente que lles afecte.

Para a aplicación da normativa anterior terase en conta o que establece o Real decreto 4189/1982, do 29 de decembro, de transferencia de funcións e servicios da Administración do Estado á Comunidade Autónoma de Galicia en materia de denominacións de orixe, viticultura e enoloxía.

Artigo 2º

1. A protección outorgada por esta denominación de orixe esténdese á mención Ribeira Sacra e ós nomes das subzonas, termos municipais e parroquias que compoñen as zonas de producción, de acordo co disposto nos artigos 81 e seguintes da Lei 25/1970 e demais lexislación aplicable. Así mesmo, a dita protección esténdese tanto ás expresións en galego como en castelán das mencións xeográficas citadas.

2. Queda prohibido o emprego, noutros viños non amparados pola denominación, de nomes, marcas, termos, mencións e signos que pola súa similitude fonética ou gráfica cos protexidos poidan inducir a confusión cos que son obxecto desta regulamentación, aínda no caso de que vaian precedidos dos termos «tipo», «estilo», «embotellado» en, con adega en ou outros semellantes.

Artigo 3º

A defensa da Denominación de Orixe Ribeira Sacra, a aplicación do seu regulamento, a vixilancia do cumprimento deste, así como o fomento e control da calidade dos viños amparados, quedan encomendados ó Consello Regulador da Denominación de Orixe Ribeira Sacra, á Consellería de Agricultura, Gandería e Montes da Xunta de Galicia e ó Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación, no ámbito das súas respectivas competencias.

Capítulo II

Da producción

Artigo 4º

1. A zona de producción dos viños protexidos pola Denominación de Orixe Ribeira Sacra está constituída polos terreos que o Consello Regulador considere aptos para a producción de uva das variedades que se indican no artigo 5, coa calidade necesaria para obter viños das características específicas dos amparados pola denominación, e sempre que se atopen situados nos termos municipais e lugares que compoñen as subzonas seguintes:

a) Subzona de Amandi: abarca as parroquias que se citan dos seguintes municipios:

-Municipio de Sober: Doade, Amandi, Lobios, Pinol, Santiorxo, Barantes, Bolmente, Anllo (San Martiño) e Anllo (Santo Estevo).

-Municipio de Monforte de Lemos: Marcelle.

b) Subzona de Chantada: abarca as parroquias que se citan dos seguintes municipios:

-Municipio de Carballedo: Erbedeiro, Chouzán, San Xoán de Cova, Oleiros e Temes.

-Municipio de Chantada: Pedrafita, Pesqueiras, San Fiz de Asma, Belesar, San Pedro de Líncora, Camporramiro, Santiago de Arriba, A Sariña, Nogueira e Sabadelle.

-Municipio de Taboada: Sobrecedo, Castelo, As Insuas e Xián.

-Municipio de A Peroxa: San Xes, Graíces, Carracedo, Celaguantes, Beacán e Os Peares.

c) Subzona de Quiroga-Bibei: abarca as parroquias que se citan dos seguintes municipios:

-Municipio de Quiroga: Quinta do Lor, Nocedo, Quiroga (San Martiño), A Ermida, Hospital, Fisteus, Sequeiros, Bendollo, Bendillo, Montefurado, Vilanuíde e o lugar de Covas da parroquia de Augasmestas.

-Municipio de Ribas de Sil: Nogueira, Peites, Piñeira, Rairos, San Clodio de Ribas de Sil, Soutordei e Torbeo.

-Municipio da Pobra do Brollón: Vilachá.

-Municipio de Monforte de Lemos: Rozabales.

-Municipio de Manzaneda: Cesuris, Raigada, San Miguel de Vidueira, Soutipedre e Manzaneda.

-Municipio da Pobra de Trives: Barrio, Mendolla, Piñeiro e Sobrado.

d) Subzona de Ribeiras do Miño: abarca as parroquias que se citan dos seguintes municipios:

-Municipio do Saviñao: Segán, Ribas de Miño (San Vitorio), Rebordaos, Ribas de Miño (Santo Estevo), Diomondi, Mourelos, Rosende e A Cova.

-Municipio de Pantón: Ribeiras do Miño, Vilar de Ortelle, Atán, Pombeiro, Acedre, Espasantes, Frontón, Sios, Santiago de Cangas e o lugar de Monteiros da parroquia de Pantón.

-Municipio de Sober: Rosende.

e) Subzona de Ribeiras de Sil: abarca as parroquias que se citan dos municipios seguintes:

-Municipio de Parada de Sil: San Lourenzo de Barxacoba, Sacardebois, Parada de Sil e Chandrexa.

-Municipio da Teixeira: Cristosende, Lumeares e A Abeleda.

-Municipio de Castro Caldelas: Alais, Paradela, San Paio de Abeleda e Santa Tegra de Abeleda.

-Municipio de Nogueira de Ramuín: Viñoas e Carballeira.

2. A calificación dos terreos para os efectos da súa inclusión na zona de producción efectuaraa o Consello Regulador e deberán quedar delimitados na correspondente documentación cartográfica.

3. Para que os viños amparados podan levar no etiquetado o nome dunha das subzonas definidas neste regulamento será requisito necesario que a materia prima proceda integramente dela e que a elaboración se realice no seu interior.

Artigo 5º

1. A elaboración dos viños protexidos realizarase exclusivamente coa uva das seguintes variedades:

a) Preferentes:

Brancas: Loureira, Treixadura, Godello, Dona Branca, Albariño e Torrontés.

Tintas: Mencía, Brancellao e Merenzao.

b) Autorizadas:

Brancas: Palomino.

Tintas: Mouratón ou Negreda e Garnacha Tintoreira.

2. As variedades autorizadas poderán empregarse na elaboración de viños protexidos, de forma transitoria, durante un período de cinco anos, contados

a partir da data de publicación deste regulamento no Diario Oficial de Galicia.

3. O Consello Regulador poderá propoñer á Consellería de Agricultura, Gandería e Montes da Xunta de Galicia que se autoricen novas variedades, logo dos ensaios e experiencias convenientes e comprobado que producen mostos de calidade aptos para a elaboración de viños protexidos, determinándose en cada caso a súa inclusión como preferente ou como autorizada.

Artigo 6º

1. As prácticas culturais serán fundamentalmente as tradicionais na zona delimitada anteriormente, e que en xeral tendan a optimiza-la calidade das produccións.

2. A densidade de plantación estará comprendida obrigatoriamente entre un mínimo de mil cincocentas cepas por hectárea e un máximo de catro mil cepas por hectárea.

3. Os sistemas de poda serán os seguintes:

a) O tradicional sistema de vaso e as súas variantes, cunha carga máxima de 12 xemas productivas por cepa.

b) Poderase efectua-la poda en espaleira ou conducida, axustándose ás seguintes prescricións:

-Guyot simple, cunha carga máxima de doce xemas productivas por cepa.

-Guyot doble, cunha carga máxima de quince xemas productivas por cepa.

-Dobre cordón, cunha carga máxima de dezaoito xemas productivas por cepa.

c) En todo caso, para a variedade Albariño, a carga máxima será de corenta xemas productivas por cepa.

4. De acordo coa densidade do viñedo e coas cargas máximas de xemas productivas por cepa, en ningún caso, nos anteriores sistemas de poda poderá superarse o límite máximo de sesenta mil xemas por hectárea, salvo a excepción establecida para a variedade Albariño, que será de oitenta mil xemas por hectárea como densidade máxima.

5. Non obstante o anterior, a Consellería de Agricultura, Gandería e Montes da Xunta de Galicia poderá autorizar, a proposta do Consello Regulador, a aplicación de novas prácticas de cultivo, tratamentos ou labores que, constituíndo un avance das técnicas vitícolas, cumpran coa lexislación vixente e non afecten desfavorablemente á calidade da uva ou do viño producido.

6. As disposicións precedentes axustaranse ós límites máximos de producción establecidos no artigo 8º deste regulamento.

Artigo 7º

1. A vendima realizarase co maior esmero, e para a elaboración dos viños protexidos dedicaranse

exclusivamente uvas sas e co grao de madurez necesario.

A recollida e transporte das uvas, alomenos as destinadas a viños monovarietais, realizarase en caixas de vendima autorizadas polo Consello Regulador.

2. A graduación alcólica natural mínima das partidas de uva será a seguinte:

-Para os viños monovarietais: once graos.

-Para o resto dos viños, tanto tintos como brancos: dez graos.

3. O Consello Regulador poderá determinar en cada campaña a data de iniciación da vendima e acordar normas sobre o transporte da uva, para que este se realice sen deteriora-la súa calidade e se eviten fermentacións espontáneas.

Artigo 8º

1. As produccións máximas admitidas por hectárea serán as seguintes:

a) Nove mil cincocentos quilos de uva por hectárea, para as variedades tintas preferentes.

b) Dez mil cincocentos quilos de uva por hectárea, para as variedades brancas preferentes.

c) Once mil quilos de uva por hectárea, para as variedades autorizadas.

Estes límites poderán modificarse en determinadas campañas polo Consello Regulador, por iniciativa propia ou por petición dos viticultores da parroquia ou parroquias interesados na medida, efectuada con anterioridade á vendimia, logo dos asesoramentos e comprobacións que se precisen.

Esta modificación, no caso de producirse, non poderá ser superior ó 25% dos límites establecidos.

2. A uva procedente de parcelas con rendimentos superiores ó límite establecido non poderá ser utilizada na elaboración de viños protexidos por esta denominación. O Consello Regulador deberá adopta-las medidas necesarias para asegura-lo cumprimento deste precepto.

Artigo 9º

1. Para a autorización polo órgano competente de novas plantacións, substitucións e replantacións de viñedos situados dentro da zona de producción da denominación será preceptivo o informe do Consello Regulador da Denominación de Orixe Ribeira Sacra.

2. Non se admitirá a inscrición no rexistro de viñas do Consello Regulador de plantacións que conteñan algunha variedade distinta das recollidas no artigo 5º deste regulamento.

3. As uvas procedentes de parcelas nas que existan varias variedades das recollidas no artigo 5º deste regulamento, só poderán destinarse á elaboración dos viños brancos ou tintos monovarietais que vaian ser protexidos pola denominación se a absoluta separación de variedades é posible na vendima.

4. O Consello Regulador promoverá a reconversión das plantacións mixtas, favorecendo a substitución das variedades autorizadas por variedades preferentes.

Capítulo III

Da elaboración

Artigo 10º

1. As técnicas empregadas na manipulación da uva, do mosto e do viño, no control da fermentación e no proceso de conservación tenderán a obter productos da máxima calidade, mantendo os caracteres tradicionais dos tipos de viños amparados pola Denominación de Orixe Ribeira Sacra.

2. Na producción do mosto seguiranse as prácticas tradicionais aplicadas cunha moderna tecnoloxía, orientada á mellora da calidade do producto final. Aplicaranse presións axeitadas para a extracción do mosto e do viño, e a súa separación do bagazo, de maneira que o rendimento non sexa superior a sesenta e cinco litros de mosto ou viño por cada cen kilogramos de uva nas variedades preferentes, e de setenta litros de mosto ou viño por cada cen kilogramos de uva nas variedades autorizadas.

Os límites fixados neste artigo poderán ser modificados excepcionalmente en determinadas campañas polo Consello Regulador, por propia iniciativa ou por petición dos elaboradores inscritos, logo dos informes técnicos e comprobacións necesarios, sen contradici-las limitacións establecidas no artigo 8.1º do Real decreto 157/1988, do 22 de febreiro.

3. As fraccións de mosto ou viño obtidas por presións non axeitadas non poderán, en ningún caso, ser destinadas á elaboración de viños protexidos.

4. En particular, prohíbese, para a elaboración de viños protexidos pola Denominación de Orixe Ribeira Sacra, a utilización de prensas coñecidas como «continuas», nas que a presión é exercida por un parafuso de Arquímedes no seu avance sobre un contrapeso.

5. Para a extracción do mosto só poderán utilizarse sistemas mecánicos que non danen ou dislaceren os compoñentes sólidos do acio; queda prohibido o emprego de máquinas estrulladoras de acción centrífuga de alta velocidade.

6. Na elaboración dos viños protexidos non se poderán utilizar prácticas de prequentamento da uva, ou quentamento dos mostos ou dos viños en presencia dos bagazos, tendentes a forza-la extracción de materia colorante.

Capítulo IV

Cualificación e características dos viños

Artigo 11º

1. Tódolos viños elaborados nas adegas inscritas, para poder facer uso da Denominación de Orixe Ribeira Sacra, deberán superar un proceso de cualificación de acordo co disposto no Regulamento

(CEE) 823/1987, do Consello, do 16 de marzo, polo que se establecen disposicións específicas relativas ós viños de calidade producidos en rexións determinadas, no Real decreto 157/1988, do 22 de febreiro, polo que se establece a normativa a que deben axustarse as denominacións de orixe e as denominacións de orixe cualificadas de viños e os seus respectivos regulamentos, e na orde da Consellería de Agricultura, Gandería e Montes, do 9 de abril de 1996, pola que se establecen as normas relativas ó proceso de cualificación que deben supera-los viños con dereito a denominación de orixe no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia.

2. O proceso de cualificación efectuarase por cada partida ou lote homoxéneo e deberá ser realizado polo Consello Regulador de acordo co disposto no artigo 37º deste regulamento.

Constará dun exame analítico e un exame organoléptico, que dará lugar á cualificación, descualificación ou emprazamento da partida.

3. Os viños cualificados deberán mante-las cualidades organolépticas características deles, en especial, en canto a cor, aroma e sabor. En caso de que se detectase algunha alteración nestas características en detrimento da calidade, ou que na súa elaboración se incumprisen os preceptos deste regulamento ou os establecidos na lexislación vixente, o viño será descualificado polo Consello Regulador, o que implicará a perda do dereito ó uso da denominación para el.

Considerarase igualmente como descualificado calquera viño obtido pola mestura con outro, previamente descualificado.

4. A descualificación dos viños poderá ser realizada polo Consello Regulador en calquera fase da súa elaboración no interior da zona de producción.

A partir da iniciación do expediente de descualificación, o viño deberá permanecer en envases perfectamente identificados e rotulados, baixo o control do dito consello. Para calquera trasvase ou traslado do viño, será preciso poñelo en coñecemento do Consello Regulador, coa antelación suficiente para que poida toma-las medidas de control que coide precisas.

Artigo 12º

Os tipos de viño amparados pola Denominación de Orixe Ribeira Sacra e as características que deben reunir son as seguintes:

1. Tipos.

a) Branco monovarietal: elaborados co 100% de uvas procedentes dunha das variedades brancas Albariño ou Godello.

b) Tinto monovarietal: elaborados co 100% de uvas procedentes da variedade tinta Mencía.

c) Outros viños: elaborados con uvas procedentes das variedades brancas para os viños brancos e das variedades tintas para os viños tintos, citadas no artigo 5º deste regulamento.

2. Características analíticas.

TiposGrao alcol adquirido mín.(%)Acidez volátil real máx. (g/l), en ác. acéticoAcidez total mín. (g/l. tartárico)Acidez total máx. (g/l. tartárico)Sulfuroso libre mín. (mg/l)Sulfuroso total máx. (mg./l)Azucre residual máx. (g/l)

Monovarietal branco110,654,57151403
Monovarietal tinto110,654,56,5151203
Outros viños100,704,57151604

3. Características organolépticas.

Os viños amparados por esta denominación deben manter en todo momento como atributo fundamental a súa xuventude, tanto en cor como en aroma e sabor.

4. Aqueles viños que, a xuízo do Consello Regulador, non presenten as características fixadas neste artigo, non poderán ser amparados pola Denominación de Orixe Ribeira Sacra.

Capítulo V

Rexistros

Artigo 13º

1. O Consello Regulador levará os seguintes rexistros:

a) Rexistro de viñas.

b) Rexistro de adegas de elaboración.

c) Rexistro de adegas de almacenamento.

d) Rexistro de adegas embotelladoras.

2. Para poder optar a inscribirse nos rexistros citados no páragrafo anterior, será necesario que tanto as viñas como as adegas estean situadas na zona de producción definida no artigo 4º.1 deste regulamento.

3. Non obstante o disposto no apartado anterior, e tendo en conta os costumes e as dificultades orográficas da área de producción, o Consello Regulador poderá autoriza-la inscrición nos rexistros de adegas de elaboración e embotellado, das que estean situadas nos terreos de:

a) Subzona de Amandi:

-Municipio de Sober: nas parroquias de Brosmos, Bulso, Figueiroá e Proendos.

b) Subzona de Ribeiras do Miño:

-Municipio de Sober: nas parroquias de Vila Escura e Canaval.

-Municipio de Pantón: nas parroquias de Santa Mariña de Eiré, Pantón, Ferreira, Serode e Deade.

-Municipio do Saviñao: nas parroquias limítrofes coa zona de producción.

c) Subzona de Ribeiras de Sil:

-Municipio da Teixeira: nas parroquias limítrofes coa zona de producción.

-Municipio de Castro-Caldelas: nas parroquias limítrofes coa zona de producción.

4. As solicitudes de inscrición dirixiranse ó Consello Regulador, xuntando os datos, documentación e comprobantes que en cada caso sexan requiridos polas disposicións e normas vixentes, nos impresos que dispoña o Consello Regulador.

Formulada a petición, as parcelas ou adegas deberán ser inspeccionadas polo persoal técnico que designe o Consello Regulador, co fin de comproba-las súas características e se reúnen as condicións esixidas por este regulamento.

5. O Consello Regulador denegará, de forma motivada, as inscricións que non se axusten ó preceptuado neste regulamento ou ós acordos adoptados por aquel sobre condicións complementarias de carácter técnico que deban reuni-las viñas e adegas.

6. A inscrición nestes rexistros non exime ós interesados da obriga de inscribirse naquel outros que, con carácter xeral, estean establecidos na lexislación vixente, e especialmente no Rexistro de Industrias Agroalimentarias e no de Embotelladores e Envasadores, se é o caso, o que deberá acreditarse con anterioridade á inscrición nos rexistros do Consello Regulador.

Artigo 14º

1. No rexistro de viñas unicamente poderán inscribirse aquelas situadas na zona de producción e

que a súa uva poda ser destinada á elaboración dos viños protexidos.

2. Na inscrición figurará o nome do propietario, se é o caso, o do colono, parceiro, arrendatario ou calquera outro titular de dereito real ou persoal que o faculte para a explotación dos viñedos; o nome da viña, lugar, parroquia e termo municipal na que estea situada; colindantes e referencia catastral de cada parcela; superficie en producción, marco de plantación, variedade ou variedades, así como os seus portaenxertos, idade do viñedo e cantos datos sexan necesarios para a súa correcta clasificación e localización.

3. Coa solicitude de inscrición xuntarase certificación catrastral e un plano ou bosquexo detallado, segundo determine o Consello Regulador, das parcelas obxecto dela, que permitan identifica-la súa situación, e a autorización de plantación expedida polo órgano competente ou documentación equivalente.

4. O Consello Regulador entregaralles ós viticultores inscritos credencial da dita inscrición.

5. A solicitude de inscrición no rexistro de viñas é voluntaria ó do mesmo xeito que a súa correspondente baixa nel; é necesario cumpri-las obrigas pendentes co consello. Logo de producida esta, deberán transcorrer catro anos naturais antes de que o viñedo en cuestión poida volver inscribirse, salvo cambio de titularidade debidamente documentada.

Artigo 15º

1. No rexistro de adegas de elaboración inscribiranse todas aquelas que, situadas na zona de producción, incluídas as do punto 3 do artigo 13º, vinifiquen uvas procedentes de viñas inscritas e que os seus viños poidan optar ó uso da denominación de orixe, e que cumpran tódolos requisitos que estipula este regulamento e o que acorde o Consello Regulador.

2. Na inscrición figurará a denominación ou razón social da empresa; domicilio legal dela; localidade e municipio onde estean situadas as súas instalacións; características, número, capacidade dos envases e maquinaria; sistema de elaboración e demais datos necesarios para a debida identificación e catalogación da adega; ademais da inscrición rexistral, información fiscal e nome do xerente ou responsable, no caso de sociedades.

No caso de que o empresario non sexa propietario dos locais, farase constar, acreditando documentalmente esta circunstancia e o título de uso, así como a identidade do propietario.

3. Coa solicitude de inscrición xuntarase un plano ou bosquexo acotado, a escala conveniente, onde se reflicten tódolos detalles de construcción e instalacións.

Artigo 16º

No rexistro de adegas de almacenamento inscribiranse todas aquelas que, situadas na zona de producción, incluídas as do punto 3 do artigo 13º, se dediquen exclusivamente ó almacenamento de viños amparados pola Denominación de Orixe Ribeira Sacra.

Na inscrición figurarán os datos ós que se fai referencia no artigo 15º.

Artigo 17º

No rexistro de adegas embotelladoras inscribiranse todas aquelas que, situadas na zona de producción, incluídas as do punto 3 do artigo 13º, se dediquen ó embotellado e comercialización de viño debidamente etiquetado e amparado pola Denominación de Orixe Ribeira Sacra. Na inscrición figurarán os datos a que se refire o artigo 15º, ademais dos correspondentes á instalación e maquinaria de estabilización e embotellado, así como superficie e capacidade delas.

Artigo 18º

1. Para a vixencia das inscricións nos correspondentes rexistros será indispensable cumprir en todo momento cos requisitos que impón o presente capítulo, e debenrán comunicar ó Consello Regulador calquera variación que afecte ós datos subministrados na inscrición cando aquela se produza. En consecuencia, o Consello Regulador poderá suspender ou revoga-las inscricións sempre que os titulares destas non se ateñan a tales preceptos.

2. O Consello Regulador efectuará inspeccións periódicas para comproba-la efectividade do disposto no presente capítulo, e queda facultado para adopta-las medidas necesarias.

Se das inspeccións efectuadas se desprendese que unha entidade carece de actividade ou que nos últimos tres anos non comercializou productos amparados pola Denominación de Orixe Ribeira Sacra, poderá suspenderse provisionalmente a inscrición no rexistro correspondente, de acordo coas normas dictadas polo consello, e salvo causas de forza maior debidamente xustificadas ante este.

3. Tódalas inscricións nos diferentes rexistros de adegas serán voluntarias e renovaranse no prazo e maneira que determine o Consello Regulador.

Capítulo VI

Dereitos e obrigas

Artigo 19º

1. Só as persoas físicas ou xurídicas que teñan inscritos os seus viñedos ou instalacións nos rexistros indicados no artigo 13º poderán producir uvas con destino á elaboración de viños amparados pola Denominación de Orixe Ribeira Sacra; ou elaborar, almacenar ou embotellar viños que vaian ser protexidos por ela.

2. Soamente se poderá aplica-la Denominación de Orixe Ribeira Sacra ós viños procedentes de adegas inscritas nos rexistros correspondentes, producidos e elaborados conforme as normas esixidas por este regulamento e que reúnan as condicións analíticas e organolépticas que deban caracterizalos.

3. O dereito ó emprego da Denominación de Orixe Ribeira Sacra, e os seus símbolos, anagramas ou logotipo, en propaganda, publicidade, documentación ou

etiquetas é exclusivo das firmas inscritas nos rexistros do Consello Regulador.

4. Toda persoa física ou xurídica inscrita nalgún dos ditos rexistros, queda obrigada ó cumprimento das disposicións deste regulamento e das normas e acordos que, dentro das súas competencias, dicten a Consellería de Agricultura, Gandería e Montes da Xunta de Galicia e o Consello Regulador, así como a satisface-las exaccións que lles correspondan.

Artigo 20º

1. As persoas físicas ou xurídicas que teñan inscritas viñas ou adegas, só poderán ter almacenadas as súas uvas, mostos e viños nos terreos ou locais declarados nos rexistros; perderán en caso contrario o dereito á denominación.

2. Nas adegas inscritas nos distintos rexistros do Consello Regulador que se recollen no artigo 13º deste regulamento non se poderá realiza-la elaboración, almacenamento ou manipulación de uvas, mostos ou viños obtidos de uvas procedentes de superficies vitícolas situadas fóra da zona de producción da Denominación de Orixe Ribeira Sacra.

3. Non obstante o anterior, nas devanditas adegas inscritas, autorizaranse a recepción de uvas, a elaboración e o almacenamento dos viños que procedan da zona de producción, aínda cando non procedan de viñedos inscritos, sempre que estas operacións, así como a manipulación e almacenamento dos productos obtidos, se realice de forma separada dos que opten a ser amparados pola denominación, de acordo coa normativa que estableza o Consello Regulador e baixo o seu control.

Artigo 21º

As marcas, símbolos, emblemas, lendas publicitarias ou calquera outro tipo de propaganda que se empregue, aplicados ós viños protexidos pola Denominación de Orixe Ribeira Sacra, non poderán ser utilizados na comercialización doutros viños, ou bebidas derivadas do viño, agás nas augardentes amparadas pola Denominación específica Orujo de Galicia.

Excepcionalmente, cando o Consello Regulador, por petición do interesado, entenda que a aplicación destes nomes noutras bebidas derivadas do viño non poida causar prexuízo ós viños amparados, elevará a proposta sobre a súa aplicación á Consellería de Agricultura, Gandería e Montes.

Artigo 22º

1. Nas etiquetas dos viños embotellados figurará sempre de forma salientada a mención «Ribeira Sacra, Denominación de Orixe» e, optativamente, o seu logotipo, ademais dos datos que con carácter xeral se determinen na lexislación aplicable.

2. As mencións no etiquetado relativas a subzonas, variedades de vide, ano de colleita e demais facultativas, axustaranse ó disposto neste regulamento e na lexislación vixente que os afecte.

3. Antes da posta en circulación de etiquetas, estas deberán ser autorizadas polo Consello Regulador, para

os efectos que se relacionen con este regulamento. Será denegada a aprobación daquelas etiquetas que por calquera causa poidan dar lugar a confusión no consumidor, así como tamén poderá ser revogada a autorización dunha xa concedida anteriormente se variasen as circunstancias da firma propietaria dela, logo de audiencia ó interesado, todo iso sen prexuízo das competencias que correspondan a outras institucións en materia de supervisión do incumprimento das normas xerais de etiquetado.

4. Tódolos envases nos que se expidan os viños con destino ó consumo irán provistos de precintas de garantía, etiquetas ou contraetiquetas numeradas, expedidas polo Consello Regulador, que deberán ser colocadas na propia adega de acordo coas normas que determine o Consello Regulador, e sempre de forma que non se permita unha segunda utilización.

5. No caso de embotellados por encargo, deberá figurar sempre o nome ou razón social do embotellador, sen que se admita para os viños protexidos por esta denominación de orixe, a súa substitución polo número de Rexistro de Embotelladores e Envasadores de Viños e Bebidas Alcólicas.

6. O Consello Regulador adoptará e rexistrará un emblema como símbolo da Denominación de Orixe Ribeira Sacra, con previa aprobación da Consellería de Agricultura, Gandería e Montes da Xunta de Galicia.

7. Así mesmo, o Consello Regulador poderá facer obrigatorio que no exterior das adegas inscritas, e en lugar destacado, figure unha placa identificativa que reproduza o logotipo da denominación.

Artigo 23º

1. Toda expedición de uva, mosto, viño ou calquera outro producto da uva ou subproducto da vinificación que teña lugar entre firmas inscritas, aínda pertencentes á mesma razón social, deberá ir acompañada da documentación establecida pola normativa vixente en cada momento.

2. Alomenos, e conforme o artigo 5 do Real decreto 323/1994, do 28 de febreiro, o expedidor comunicará previamente ó Consello Regulador toda expedición, para que este faga constar obrigatoriamente a certificación de orixe no documento de acompañamento.

3. O establecido nos puntos anteriores será esixible tamén no caso de expedición de uva, mosto, viño ou calquera outro producto da uva ou subproducto da vinificación, que teña lugar dunha firma inscrita a outra non inscrita.

Artigo 24º

1. A elaboración e o embotellado dos viños amparados pola Denominación de Orixe Ribeira Sacra deberá ser realizado exclusivamente nas adegas inscritas autorizadas polo Consello Regulador.

2. Os viños amparados por esta denominación unicamente poden circular entre adegas inscritas e seren expedidos por estas, nos tipos de envases que non

prexudiquen a súa calidade e prestixio, previamente aprobados polo Consello Regulador.

Os envases deberán ser de vidro, das capacidades autorizadas pola Unión Europea, con exclusión expresa das botellas dun litro.

Artigo 25º

O Consello Regulador controlará en cada campaña as cantidades de viños amparados pola denominación que poderán ser expedidos por cada firma inscrita nos rexistros de adegas, de acordo coa producción de uva propia ou adquirida, entradas de mosto ou viños doutras firmas inscritas e existencias de campañas anteriores.

Artigo 26º

O Consello Regulador facilitará ás persoas físicas ou entidades inscritas no rexistro de viñas un documento ou carta de viticultor no que se exprese a superficie de viñedo inscrita, con desagregación de variedades, así como a producción máxima admisible para cada campaña; poderán establecerse outros datos que se consideren necesarios, co obxecto dunha mellor identificación e control. O dito documento irá acompañado de talonario con matriz, do que o viticultor, unha vez cuberto cos datos requiridos, entregará un exemplar á adega de elaboración e/ou embotellado inscrita receptora da correspondente partida de uva, no momento da súa entrega ou acompañando o transporte, para os efectos de xustifica-la súa orixe.

Artigo 27º

1. Para controla-la producción, elaboración e existencias, así como as calidades, tipos e canto sexa necesario para poder acredita-la calidade e a orixe dos viños, as persoas físicas ou xurídicas titulares de viñas e adegas estarán obrigadas a presentar ó Consello Regulador as seguintes declaracións:

a) Tódalas firmas inscritas no rexistro de viñas presentarán, unha vez finalizada a vendima e en todo caso antes do 30 de novembro de cada ano, declaración da colleita obtida en cada unha das parcelas de viñedo inscritas, indicando o destino da uva e, en caso de venda, o nome do comprador e o seu domicilio. Se se producen distintas variedades de uva, deberá declararse a cantidade de cada unha delas. As agrupacións de viticultores poderán tramitar nun so documento a dita declaración, xuntando unha relación cos nomes, cantidades e demais datos correspondentes a cada socio.

b) Tódolos inscritos no rexistro de adegas de elaboración deberán declarar, antes do 30 de novembro de cada ano, a cantidade de mosto e viño obtido, especificando os diversos tipos que elaboren. Será obrigatorio consigna-la procedencia da uva e, no caso de venda durante a campaña de vendima, o destino dos productos que se expidan, indicando o destinatario e a cantidade. Namentres haxa existencias de producto, deberán declarar mensualmente ó Consello Regulador as saídas que se produzan.

c) Tódolos inscritos no rexistro de adegas embotelladoras presentarán, dentro dos dez primeiros días

de cada mes, unha declaración de entradas e saídas de productos amparados durante o mes anterior, indicando a procedencia dos viños adquiridos. En todo caso distinguiranse os distintos tipos de viño.

2. As obrigas fixadas no apartado anterior non eximen ós interesados da obriga de face-las declaracións de existencias, producción e elaboración que se esixen con carácter xeral na regulamentación da Unión Europea, na Lei 25/1970, do 2 de decembro, do estatuto da viña, do viño e dos alcois, e na normativa complementaria do Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación.

3. O Consello Regulador establecerá os medios de control axeitados para garanti-la exclusiva entrada nas adegas inscritas da producción proveniente dos viñedos inscritos.

Capítulo VII

Do consello regulador

Artigo 28º

1. O Consello Regulador da Denominación de Orixe Ribeira Sacra é un organismo dependente da Consellería de Agricultura, Gandería e Montes da Xunta de Galicia, con carácter de órgano desconcentrado e con atribucións decisorias en cantas funcións se lle encomendan neste regulamento, de acordo co que determina o artigo 87 da Lei 25/1970, do 2 de decembro, do estatuto da viña, do viño e dos alcois.

2. O seu ámbito de competencia, sen prexuízo do establecido nos artigos 29 e 30, estará determinado:

a) No territorial, pola zona de producción desta denominación de orixe, definida no artigo 4º.1, e incluíndo a salvidade expresada no artigo 13º.3.

b) En razón dos productos, polos protexidos pola denominación en calquera das súas fases de producción, elaboración, circulación e comercialización.

c) En razón das persoas, polas inscritas nos diferentes rexistros.

Artigo 29º

1. É misión principal do Consello Regulador aplica-los preceptos deste regulamento e velar polo seu cumprimento, para o que exercerá as funcións que se lle encomendan no ordenamento xurídico vixente, así como as que expresamente se indican no articulado deste regulamento.

2. Dende o aspecto socioeconómico de defensa dos intereses do sector, o Consello Regulador favorecerá as iniciativas para o establecemento de acordos colectivos entre viticultores e titulares de adegas inscritas nos correspondentes rexistros desta denominación.

Artigo 30º

O Consello Regulador poderá, se así se considerase oportuno, vixia-lo movemento de uvas, mostos e viños non protexidos pola Denominación de Orixe Ribeira Sacra que se elaboren, embotellen, comercialicen ou transiten dentro da zona de producción, informando das irregularidades detectadas á Consellería de Agri

cultura, Gandería e Montes da Xunta de Galicia, sen prexuízo da intervención dos organismos competentes no devandito control.

Artigo 31º

1. O Consello Regulador da Denominación de Orixe Ribeira Sacra estará constituído por:

a) Un presidente.

b) Un vicepresidente.

c) Cinco vocais en representación do sector vitícola.

Estes vocais serán titulares de viñedos inscritos no rexistro de viñas do Consello Regulador, e deberán estar representados tanto os viticultores individuais como os adheridos a cooperativas e sociedades agrarias de transformación. En calquera caso, deberá existir representación das subzonas definidas neste regulamento.

d) Cinco vocais en representación do sector vinícola.

Estes vocais serán titulares de adegas inscritas nos correspondentes rexistros do Consello Regulador, e deberán estar representadas as subzonas definidas neste regulamento.

e) Dous vocais técnicos en representación da Consellería de Agricultura, Gandería e Montes, designados por esta.

2. O presidente será nomeado, por proposta dos vocais electos, polo conselleiro de Agricultura, Gandería e Montes.

O vicepresidente será designado polo conselleiro de Industria e Comercio.

O presidente e o vicepresidente pertencerán a sectores distintos.

3. Por cada un dos vocais dos sectores vitícola e vinícola do Consello Regulador designarase un suplente, elixido na mesma forma que o titular.

4. Os vocais do Consello Regulador serán renovados cada catro anos e poderán ser reelixidos.

5. En caso de cesamento dun vocal, por calquera causa legal, a súa vacante será cuberta polo substituto na forma establecida. O novo vocal permanecerá no cargo ata que se celebre a seguinte renovación do Consello Regulador.

6. O prazo para a toma de posesión dos vocais será como máximo dun mes, a partir da data da súa proclamación.

7. Causará baixa o vocal que, durante o período de vixencia do seu cargo, sexa sancionado por infraccións graves nas materias que regula este regulamento, ben persoalmente ou ben a firma á que represente. Igualmente, causará baixa por ausencia inxustificada a dúas sesións consecutivas ou tres alternas no ano, ou por causar baixa nos rexistros do Consello Regulador, ou por perde-la súa vinculación co sector que o elixiu ou coa razón social á que pertenza.

Artigo 32º

Os vocais elixidos na forma que se determina no artigo anterior deberán estar vinculados ós sectores que representan, ben directamente ou ben por seren representantes das sociedades que se dedican ás actividades aquí reguladas. Non obstante, unha mesma persoa física ou xurídica, inscrita en varios rexistros do Consello Regulador, non poderá ter neste representación dobre, unha no sector vitícola e outra no sector vinícola, nin directamente nin a través de firmas filiais ou socios dela.

Artigo 33º

1. Ó presidente correspóndelle:

a) Representa-lo Consello Regulador. Esta representación poderá delegala de maneira expresa, nos casos en que sexa necesario.

b) Cumprir e facer cumpri-las disposicións legais e regulamentarias.

c) Administra-los ingresos e fondos do Consello Regulador e ordena-los pagamentos, de acordo coas decisións tomadas polo pleno.

d) Convocar e presidi-las sesións do Consello Regulador, sinala-la orde do día, sometendo a súa decisión os asuntos da súa competencia e executa-los acordos adoptados.

e) Organiza-lo réxime interior do Consello Regulador.

f) Propoñer ó Consello Regulador a contratación, suspensión ou renovación do seu persoal.

g) Organizar e dirixi-los servicios.

h) Informa-la Administración pública correspondente das incidencias que acontezan na producción e mercado.

i) Remitir á Consellería de Agricultura, Gandería e Montes da Xunta de Galicia e a outros organismos interesados, aqueles acordos que, para cumprimento xeral, acorde o consello en virtude das atribucións que lle confire este regulamento e aqueles que pola súa importancia coide que deban ser coñecidos por eles.

j) Aqueloutras funcións que o consello acorde, ou que lle sexan encomendadas pola Consellería de Agricultura, Gandería e Montes, consonte cos fins encomendados.

2. A duración do mandato do presidente será de catro anos e poderá ser reelexido.

3. O presidente cesará:

a) Ó expira-lo termo do seu mandato.

b) A petición propia, unha vez aceptada a súa demisión.

c) Por decisión da Consellería de Agricultura, Gandería e Montes, logo de incoación e resolución do expediente para o efecto, por incorrer nalgunha das causas xerais de incapacidade establecidas na lexislación vixente ou por perda da confianza do pleno, manifestada en votación secreta por maioría de dous tercios dos seus membros.

d) Polas demais causas recoñecidas no ordenamento xurídico.

4. No caso de cesamento ou falecemento, o Consello Regulador, no prazo dun mes, procederá a propoñer un candidato a presidente, comunicándollo á Consellería de Agricultura, Gandería e Montes para a súa designación.

5. As sesións de constitución do Consello Regulador, e aquelas nas que se estudie a elección de presidente, serán presididas por unha mesa de idade, composta polo vocal de maior idade e os dous máis xoves.

Artigo 34º

Corresponde ó vicepresidente do Consello Regulador substituír ó presidente nos casos de ausencia, enfermidade e nos demais previstos neste regulamento.

No exercicio das súas funcións en defecto do presidente, o vicepresidente terá as mesmas competencias e obrigas daquel.

Artigo 35º

1. O consello reunirase cando o convoque o presidente, ben por propia iniciativa, ou por petición da metade dos vocais, e será obrigatorio celebrar sesión, polo menos unha vez ó trimestre.

2. As sesións do Consello Regulador convocaranse con oito días de antelación, alomenos; deberá a citación ir acompañada da orde do día para a reunión, na que non se poderán tratar máis asuntos que os previamente sinalados.

Para a inclusión na orde do día dun asunto determinado, non incorporado polo presidente, será preciso que o soliciten alomenos tres dos vocais, con catro días de anticipación como mínimo.

En caso de necesidade, cando así o requira a urxencia do asunto a xuízo do presidente, citarase ós vocais polos medios axeitados, con vintecatro horas de anticipación como mínimo.

En todo caso, o Consello Regulador quedará validamente constituído cando estea presente a totalidade dos seus membros, e así o acorden por unanimidade.

3. Cando un titular non poida asistir notificarao ó Consello Regulador, expresando a causa da súa ausencia, para os efectos de que poida ser substituído polo seu suplente.

4. Os acordos do Consello Regulador da Denominación de Orixe Ribeira Sacra, adoptaranse por maioría dos membros presentes, e para a súa validez será necesario que concorran máis da metade dos seus membros. O presidente terá voto de calidade.

5. Para resolver cuestións de trámite, ou naqueles casos nos que se coide necesario, poderá constituírse unha comisión permanente, que estará formada polo presidente e dous vocais titulares designados polo pleno do Consello Regulador, un en representación de cada sector.

Na sesión na que se acorde a constitución da devandita comisión permanente aprobaranse tamén as

misións específicas que lle competen e as funcións que exercerá.

Tódalas resolucións que tome a comisión permanente seranlle comunicadas ó pleno do consello na primeira reunión que este celebre.

O pleno do Consello Regulador poderá, así mesmo, establecer outras comisións para tratar ou resolver asuntos concretos.

Artigo 36º

1. Para o cumprimento dos seus fins, o Consello Regulador contará co persoal necesario, conforme o cadro de persoal aprobado polo pleno, e que figure dotado no seu orzamento.

2. O Consello Regulador terá un secretario, designado polo propio Consello Regulador, por proposta do presidente, do que dependerá directamente, e que terá como cometidos específicos os seguintes:

a) Prepara-los traballos do consello e tramita-la execución dos seus acordos.

b) Asistir ás sesións, con voz pero sen voto, cursa-las convocatorias, levanta-las actas e custodia-los libros e documentos do consello.

c) Os asuntos relativos ó réxime interior do consello, tanto de persoal como administrativos, exercendo a xefatura inmediata sobre o persoal.

d) Actuar como instructor nos expedientes sancionadores incoados polo Consello Regulador.

e) As demais funcións que lle encomende o presidente relacionadas coa preparación e instrumentación dos asuntos da competencia do Consello Regulador.

3. Para as funcións técnicas que ten encomendadas, o Consello Regulador contará cos servicios técnicos necesarios, a dirección dos cales recaerá en técnico competente designado polo consello por proposta do presidente.

4. Para os servicios de control e vixilancia, contará con vedores propios, encadrados dentro dos servicios técnicos. Estes vedores serán designados polo Consello Regulador e habilitados, logo de solicitude do Consello Regulador, pola Consellería de Agricultura, Gandería e Montes, coas seguintes funcións inspectoras:

a) Sobre os viñedos situados na zona de producción.

b) Sobre as adegas situadas na zona de producción.

c) Sobre as adegas situadas na zona fixada no artigo 13º.3.

d) Sobre a uva e os viños na zona de producción.

e) Sobre os viños protexidos en todo o territorio da Unión Europea, en colaboración coas autoridades pertinentes, dando conta das súas actuacións.

5. O Consello Regulador poderá contratar para efectuar traballos urxentes, o persoal necesario, con carácter eventual, sempre que para ese concepto se habilite a dotación orzamentaria correspondente.

6. A todo o persoal do Consello Regulador, tanto de carácter fixo como eventual, seralle de aplicación a lexislación laboral vixente.

Artigo 37º

1. O Consello Regulador establecerá un comité de cualificación dos viños, formado por cinco expertos, como mínimo, e un delegado do presidente do consello. Este comité terá como cometidos emitir informe de calidade dos viños que opten a ser amparados pola Denominación de Orixe Ribeira Sacra, de acordo co establecido no artigo 11 deste regulamento. O devandito comité poderá contar co asesoramento dos técnicos que coide necesarios.

2. O funcionamento do comité de cualificación debe enmarcarse no fixado pola Orde da Consellería de Agricultura, Gandería e Montes, do 9 de abril de 1996, pola que se establecen as normas relativas ó proceso de cualificación que deben supera-los viños con dereito a denominación de orixe no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia.

Artigo 38º

1. O finaciamento das obrigas do Consello Regulador efectuarase cos seguintes recursos:

1.1. Co producto das exaccións parafiscais que se fixan no artigo 90 da Lei 25/1970, do 2 de decembro, ás que se aplicarán os tipos seguintes:

a) O 1 por 100 á exacción anual sobre plantacións.

b) O 1,5 por 100 á exacción sobre productos amparados comercializados.

c) Por expedición de certificados ou visados de facturas, haberá que aterse ó disposto en cada caso pola normativa correspondente.

d) O dobre do prezo de custo sobre as precintas ou contraetiquetas.

Os suxeitos pasivos de cada unha destas exaccións son:

* Da a), os titulares das plantacións inscritas.

* Da b), os titulares das adegas inscritas que expidan viño amparado por esta denominación de orixe ó mercado.

* Da c), os titulares das adegas inscritas solicitantes de visados de facturas ou certificados.

* Da d), os titulares das adegas inscritas solicitantes de contraetiquetas ou precintas.

1.2. As subvencións, legados, donativos e demais transmisións de bens e dereitos a título gratuíto das que sexa beneficiario o Consello Regulador.

1.3. As cantidades que puidesen percibirse en concepto de indemnizacións por danos e perdas ocasionados ó Consello Regulador ou ós intereses que representa.

1.4. Os bens que constitúen o seu patrimonio e os productos e vendas del.

2. Os tipos impositivos fixados neste artigo poderán ser variados, por proposta do Consello Regulador, pola

Consellería de Agricultura, Gandería e Montes, dentro dos límites sinalados no artigo 90 da Lei 25/1970, do 2 de decembro, e no seu regulamento aprobado polo Decreto 835/1972, do 23 de marzo, cando as necesidades orzamentarias do consello así o recomenden.

3. A xestión dos ingresos e gastos que figuren nos orzamentos correspóndelle ó Consello Regulador.

4. A aprobación dos orzamentos do Consello Regulador e da súa contabilidade será realizada pola Consellería de Agricultura, Gandería e Montes da Xunta de Galicia, de acordo coas normas establecidas por este centro e coas atribucións e funcións que lle asigne a lexislación vixente na materia.

Artigo 39º

1. Os acordos do Consello Regulador que non teñan carácter particular e afecten a unha pluralidade de suxeitos poderán notificarse mediante o envío de circulares ós inscritos, as cales exporanse nas oficinas do Consello Regulador. Tamén se remitirán ás casas do concello dos municipios incluídos dentro da zona de producción e ás organizacións legalmente constituídas do sector. A exposición das ditas circulares publicarase no Diario Oficial de Galicia.

2. Contra os acordos e resolucións que adopte o Consello Regulador poderase recorrer, en todo caso, ante a Consellería de Agricultura, Gandería e Montes da Xunta de Galicia, dentro do prazo dun mes contado dende a comunicación daqueles, tal como prevén os artigos 114 e concordantes da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Capítulo VIII

Das infraccións, sancións e procedemento

Artigo 40º

Tódalas actuacións que sexa preciso desenvolver en materia de expedientes sancionadores, axustaranse ás normas deste regulamento; ás da Lei 25/1970, do 2 de decembro, do estatuto da viña, do viño e dos alcois, e ó seu regulamento, aprobado polo Decreto 835/1972, do 23 de marzo; ó Real decreto 1945/1983, do 22 de xuño, que regula as infraccións e sancións en materia de defensa do consumidor e da producción agroalimentaria, en canto lles sexa de aplicación; á vixente Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común; ó regulamento do procedemento para o exercicio da potestade sancionadora, aprobado polo Real decreto 1398/1993, do 4 de agosto; e a cantas disposicións xerais estean vixentes no seu momento sobre a materia.

Artigo 41º

1. As infraccións ó disposto neste regulamento e ós acordos do Consello Regulador serán sancionadas con apercibimento, multa, comiso da mercancía, suspensión temporal do uso da denominación de orixe ou baixa no rexistro ou rexistros dela, conforme se expresa nos artigos seguintes, sen prexuízo das san

cións que por contravi-la lexislación xeral sobre a materia podan ser impostas.

2. As bases para a imposición de multas determinaranse:

a) Cando se teñan que impoñer en función do número de hectáreas, multiplicando a producción anual media por hectárea no quinquenio precedente na zona onde estean enclavadas polo prezo medio alcanzado na mesma zona durante o ano anterior á infracción.

b) Cando se teñan que impoñer en función do valor dos productos ou mercadorías, de acordo co prezo medio no mes en que cometeu a infracción, se puidese determinarse a data, e noutro caso, no mes en que aquela se descubra, e sempre referido ó lugar en que se cometa a infracción.

3. Cando non resulten probados no expediente os datos de producción, prezos ou existencias, poderán ser aplicados os que resulten con carácter xeral para a denominación ou para a subzona ou municipio de que se trate, nos datos de carácter oficial ou por estimación directa.

Artigo 42º

As infraccións cometidas polas persoas inscritas nos rexistros da Denominación de Orixe Ribeira Sacra ó presente regulamento e ós acordos do Consello Regulador, clasifícanse en:

a) Faltas administrativas.

b) Infraccións ó establecido neste regulamento sobre producción, elaboración e características dos viños protexidos.

c) Infraccións por uso indebido da denominación de orixe ou por actos que podan causarlle prexuízo ou desprestixio.

d) Infraccións por obstrucción ás tarefas inspectoras ou de control do Consello Regulador, ou os seus axentes autorizados, conforme o establecido no artigo 5º.2 do Real decreto 1945/1983, do 22 de xuño.

Artigo 43º

1. Son faltas administrativas, as inexactitudes e omisións nas declaracións, asentamentos, libros de rexistro, documentos comerciais autorizados e demais documentos de control que garantan a calidade e orixe dos productos, e especialmente as seguintes:

a) Inexactitudes e omisións de datos e comprobantes, nos casos en que sexan precisos para a inscrición nos diferentes rexistros, sempre que non sexan determinantes para a inscrición.

b) Non comunicarlle antes dun mes ó Consello Regulador, dende o momento en que se produza, calquera variación que afecte ós datos subministrados no momento da inscrición nos rexistros.

c) Incumprimento por inexactitude ou omisións do establecido neste regulamento e nos acordos do Consello Regulador sobre declaracións de colleita, elaboración e existencias de viños.

d) Incumprimento da normativa vixente na expedición de productos, en referencia ó citado no artigo 23 deste regulamento.

e) A falta de libros de rexistro, ou cantos outros documentos sexan obrigatorios conforme o presente regulamento.

f) As restantes infraccións ó regulamento ou ós acordos do Consello Regulador na materia a que se refire este artigo.

2. As faltas administrativas sancionaranse con apercibimento, ou con multa do 1 ó 10% da base por cada hectárea no caso de viñedos, ou do valor dos productos afectados.

Artigo 44º

1. Son infraccións ó establecido neste regulamento sobre producción, elaboración e características dos viños protexidos, as seguintes:

a) O incumprimento das normas sobre prácticas de cultivo.

b) Expedir ou utilizar para a elaboración dos productos amparados uva, mosto ou viño con rendementos superiores ós autorizados, ou previamente descualificados.

c) Empregar na elaboración de viños protexidos uva de variedades distintas das autorizadas, ou uva de variedades autorizadas en proporcións diferentes ás establecidas.

d) O incumprimento das normas de elaboración dos viños.

e) A subministración de información ou documentación falsa.

f) As restantes infraccións que se produzan contra o disposto no regulamento ou contra os acordos do Consello Regulador, na materia a que se refire este artigo.

2. Estas infraccións sancionaranse con multa do 2 ó 20% da base por cada hectárea en caso de viñedos, ou do valor dos productos afectados. Ademais neste último caso poderá ser aplicado o comiso.

Artigo 45º

1. Son infraccións por uso indebido da denominación de orixe, ou por actos que poidan causarlle prexuízo ou desprestixio, as seguintes:

a) A utilización de nomes comerciais, marcas, símbolos ou emblemas que fagan referencia á Denominación de Orixe Ribeira Sacra ou ós nomes protexidos por ela, na comercialización doutros viños non protexidos ou doutros productos de similar especie.

b) O uso da denominación en viños que non fosen elaborados, producidos ou embotellados de acordo coas normas establecidas pola lexislación vixente e por este regulamento ou que non reúnan as condicións analíticas e organolépticas que deban caracterizalos.

c) O uso de nomes comerciais, marcas ou etiquetas non aprobadas polo Consello Regulador.

d) As infraccións ó disposto no artigo 20 deste regulamento.

e) A indebida tenta, negociación ou utilización de documentos, precintas, etiquetas, contraetiquetas ou selos, propios da denominación.

f) A existencia de uvas, mostos ou viños en adegas inscritas, sen a preceptiva documentación que ampare a súa procedencia, ou a existencia en adega de documentación que acredite unhas existencias de uvas, mostos ou viños protexidos pola denominación sen a contrapartida destes productos.

As existencias de viño en adega deben coincidir coas existencias declaradas documentalmente, se ben o Consello Regulador non entenderá como infracción diferencias inferiores ó 2% en máis ou en menos.

g) A expedición de viños que non correspondan ás características de calidade mencionadas nos seus medios de comercialización.

h) A expedición, circulación ou comercialización de viños amparados en tipos de envases non aprobados polo Consello Regulador.

i) A expedición, circulación ou comercialización de viños amparados pola denominación desprovistos das precintas ou contraetiquetas numeradas, ou carentes dos medios de control establecidos polo Consello Regulador.

j) Efectua-lo embotellado, precintado ou contraetiquetado de envases en locais que non sexan as adegas inscritas e autorizadas polo Consello Regulador, ou non axustarse ós acordos do consello nesta materia.

k) Falsear ou omitir nas declaracións para a inscrición nos diferentes rexistros os datos e comprobantes que en cada caso sexan precisos, sempre que sexan determinantes para a inscrición.

l) A manipulación, traslado ou disposición en calquera forma, de mercancías cautelarmente intervidas polo Consello Regulador.

ll) O impagamento das exaccións parafiscais previstas no artigo 38 por parte dos suxeitos pasivos de cada unha das ditas exaccións.

m) En xeral, calquera acto que contraveña o disposto neste regulamento ou nos acordos do Consello Regulador e que prexudique ou desprestixie a denominación, ou supoña un uso indebido dela.

2. Estas infraccións sancionaranse con multa que irá desde vinte mil pesetas ata o dobre do valor da mercancía ou productos afectados, cando este valor supere aquela cantidade; levará aparellado o comiso do producto en cuestión.

Artigo 46º

1. Son infraccións por obstrucción ás tarefas inspectoras ou de control do Consello Regulador as seguintes:

a) A negativa ou resistencia a subministra-los datos, facilita-la información ou a permiti-lo acceso á documentación requirida polo Consello Regulador ou os

seus axentes autorizados, para o cumprimento das funcións de información, vixilancia, investigación, inspección, tramitación e execución nas materias a que se refire este regulamento, ou ás demoras inxustificadas para facilita-los referidos datos, información ou documentación.

b) A negativa á entrada ou permanencia dos vedores do Consello Regulador nos viñedos, adegas e demais instalacións inscritas e os seus anexos.

c) A resistencia, coacción, ameaza, represalia ou calquera outra forma de presión ós vedores do Consello Regulador, así como a tentativa de exercer tales actos.

2. Estas infraccións sancionaranse de acordo co disposto no Real decreto 1945/1983, do 22 de xuño.

Artigo 47º

1. As infraccións cometidas polas persoas non inscritas nos rexistros do Consello Regulador da Denominación de Orixe Ribeira Sacra, son as seguintes:

a) Uso indebido da denominación.

b) Utilización de nomes comerciais, marcas, expresións, signos e emblemas que pola súa identidade ou similitude gráfica ou fonética cos nomes protexidos pola Denominación de Orixe Ribeira Sacra, ou dos signos ou emblemas característicos dela, poidan inducir a confusión sobre a natureza e o orixe dos productos, sen prexuízo dos dereitos adquiridos que sexan debidamente recoñecidos polos organismos competentes.

c) Emprega-los nomes xeográficos protexidos pola Denominación de Orixe Ribeira Sacra en etiquetas e propaganda de viños e productos derivados, sen dereito á denominación, aínda que vaian precedidos polo termo tipo ou outros análogos.

d) Calquera acción que cause prexuízo ou desprestixio á denominación e tenda a producir confusión no consumidor respecto a ela.

2. Estas infraccións sancionaranse con multa que irá dende vinte mil pesetas ata o dobre do valor da mercancía, cando este valor supere aquela cantidade, e ademais co seu comiso.

Artigo 48º

Para a aplicación das sancións previstas nos artigos anteriores, teranse en conta as seguintes normas:

1. Aplicaranse no seu grao mínimo:

a) Cando se trate de simples irregularidades na observancia das regulamentacións, sen trascendencia directa para os consumidores ou que non supoñan beneficio especial para o infractor.

b) Cando se emenden os defectos no prazo sinalado para iso polo Consello Regulador.

c) Cando se probe que non existiu mala fe.

2. Aplicaranse no seu grao medio:

a) Cando se produza reiteración na negativa a facilitar información, prestar colaboración ou permiti-lo

acceso á documentación esixida por este regulamento ou polos acordos do Consello Regulador.

b) Cando a infracción teña transcendencia directa sobre os consumidores ou supoña un beneficio especial para o infractor.

c) Cando non se emenden os defectos no prazo sinalado polo Consello Regulador.

d) Cando a infracción se produza por unha actuación neglixente, con inobservancia das normas de actuación expresamente acordadas polo Consello Regulador.

e) En tódolos demais casos nos que non proceda a aplicación dos graos mínimo ou máximo.

3. Aplicaranse no seu grao máximo:

a) Cando se probe manifesta mala fe.

b) Cando da infracción se deriven graves prexuízos para a denominación, os seus inscritos e/ou para os consumidores.

c) Cando se producise obstrucción ós veedores do consello na investigación da infracción.

4. Nos casos das infraccións tipificadas no apartado e) do artigo 44º.1; nos apartados a), b), d), i), j) na súa primeira parte, k), l) e ll) do artigo 45º.1; nos apartados a) na súa primeira parte, b) e c) do artigo 46º.1, poderase aplica-la suspensión temporal do uso da denominación ou sancionar coa baixa nos rexistros dela.

A suspensión do dereito ó uso da denominación levará aparellada a suspensión do dereito a obter certificados de orixe, precintas, contraetiquetas e demais documentos do Consello Regulador.

A baixa suporá a exclusión do infractor nos rexistros do consello e, como consecuencia, a perda dos dereitos inherentes á denominación.

Artigo 49º

Considerarase que hai reincidencia cando o infractor fose sancionado, mediante resolución firme, por unha infracción das comprendidas no presente regulamento, durante os cinco anos anteriores.

No caso de reincidencia, as multas serán superiores nun 50% ás máximas establecidas neste regulamento.

Se o reincidente cometese nova infracción as multas poderán ser elevadas ata o triple dos ditos máximos.

Artigo 50º

Poderase aplica-lo comiso das mercadorías, como sanción única ou como accesoria doutra principal se é o caso, ou o pagamento do importe do seu valor cando o comiso non sexa factible.

Artigo 51º

1. O procedemento sancionador poderá iniciarse en virtude das actas levantadas polos vedores do Consello Regulador, por comunicación dalgunha autoridade ou órgano administrativo, ou por denuncia formulada polos particulares sobre algún feito ou conducta que poida ser constitutivo de infracción.

2. As actas de inspección levantaranse por triplicado e serán asinadas polo vedor e o dono ou representante do predio, establecemento ou almacén, ou encargado da custodia da mercadoría, en poder do que quedará unha copia da acta.

Ámbolos asinantes poderán consignar na acta cantos datos e manifestacións consideren convenientes para a estimación dos feitos que se consignan nela, así como de cantas incidencias ocorran no acto da inspección ou levantamento da acta.

As circunstancias consignadas polo vedor na acta consideraranse feitos probados, salvo que pola outra parte se demostre o contrario.

Se o interesado na inspección se negase a asina-la acta, o vedor farao constar así, procurando a sinatura dalgún axente da autoridade ou testemuña.

3. No caso de que se coide conveniente polo vedor ou polo dono da mercadoría ou polo representante del, tomaranse mostras do producto obxecto de inspección. Cada mostra tomarase alomenos por triplicado, en cantidade suficiente para o exame e análise dela, e precintarase e etiquetarase, quedando unha en poder do dono ou do seu representante.

4. Cando o vedor que levante a acta o coide necesario poderá dispoñer que a mercadoría, etiquetas, contraetiquetas ou outros artigos queden retidos ata que o instructor do expediente dispoña o pertinente, dentro do prazo de corenta e cinco días hábiles a partir da data de levantamento da acta de inspección.

As mercadorías retidas consideraranse como mercadorías en depósito, e non poderán polo tanto, ser trasladadas, manipuladas, ofrecidas en venda ou vendidas. No caso de que se coide procedente poderán ser precintadas.

Artigo 52º

1. A incoacción e instrucción dos expedientes sancionadores corresponderalle ó Consello Regulador cando o infractor estea inscrito nalgún dos seus rexistros.

Nos demais casos o Consello Regulador poñerao en coñecemento dos órganos competentes da Consellería de Agricultura, Gandería e Montes.

2. Con anterioridade á iniciación do procedemento sancionador, o Consello Regulador poderá realizar actuacións previas, pedinndo os informes necesarios das persoas que considere convenientes, co fin de determinar se concorren circunstancias que xustifiquen tal iniciación.

3. A resolución dos expedientes incoados polo Consello Regulador corresponde ó propio consello, cando a sanción que se imporá non exceda de cincuenta mil pesetas. Se excedera desta cantidade, elevará a súa proposta á Consellería de Agricultura, Gandería e Montes.

Para os efectos de determina-la competencia a que se refire o apartado anterior adicionarase o valor do comiso ó importe da multa.

4. Nos expedientes de carácter sancionador incoados polo Consello Regulador, deberá actuar como instructor o secretario do consello e como secretario exercerá o letrado del, ou no caso de non habelo, unha persoa ó seu servicio, asegurando sempre a axeitada separación entre as fases de instrucción e resolución, de acordo coa Lei 30/1992, do 26 de novembro.

5. A decisión sobre o comiso definitivo dos productos ou o destino destes corresponderalle a quen teña atribuída a facultade de resolve-lo expediente.

Artigo 53º

Nos casos nos que a infracción concirna ó uso indebido da denominación, o Consello Regulador, sen prexuízo das actuacións e sancións administrativas pertinentes, poderá acudir ós tribunais de xustiza, exercendo as accións civís e penais oportunas, debidamente recoñecidas pola lexislación vixente.

6552