Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 175 Venres, 06 de setembro de 1996 Páx. 8.239

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE CULTURA E COMUNICACIÓN SOCIAL

ORDE do 27 de agosto de 1996 pola que se crea o premio Elías Valiña ó esforzo revitalizador e promocial do Camiño de Santiago.

O Camiño de Santiago constitúe o século IX un fenómeno de gran relevancia, non só para Galicia senón para toda Europa.

Esta relevancia e interese que espertou do Camiño ó longo dos séculos fixo necesaria a adopción dunha serie de medidas encamiñadas á súa revitalización e recuperación, actuación que debe complementarse coa creación dun premio que, ó tempo que recoñece o valor dun labor, lle dea beneficio directo á nosa cultura e recompense o esforzo material realizado.

A Consellería de Cultura e Comunicación Social, no marco das súas competencias, co informe favorable do Comité Internacional de Expertos do Camiño de Santiago e o parecer da Federación das Asociacións de Amigos do Camiño de Santiago e outras entidades relacionadas co Camiño, convoca o premio Elías Valiña ó esforzo revitalizador e promocial do Camiño de Santiago co fin de estimula-lo labor de persoas que, coma Elías Valiña, considerado hoxe como un dos maiores revitalizadores do Camiño de Santiago, dedicaron gran parte da súa actividade á recuperación e promoción do Camiño de Santiago, dedicaron gran parte da súa actividade a recuperación e promoción do Camiño de Santiago, levando a cabo tarefas de sinalización, limpeza, enumeración quilométrica, e mesmo fomentando a creación de asociacións de amigos do Camiño que velen pola conservación das respectivas parcelas ó longo da Ruta Xacobea.

Por todo isto,

DISPOÑO:

Artigo 1º

Institúese o previo Elías Valiña ó esforzo revitalizador e promocional do Camiño de Santiago co fin de recoñecer e recompensa-los méritos de todas aquelas institucións, asociacións ou entidades culturais que dediquen unha parte significativa da súa actividade á revitalización e promoción do Camiño de Santiago, contribuíndo así ó coñecemento e divulgación do significado histórico, relixioso e cultural da Ruta Xacobea.

Artigo 2º

A convocatoria de cada premio terá carácter anual e realizarase por orde da Consellería de Cultura e Comunicación Social, que determinará a súa contía.

Para a presente anualidade, a contía deste premio será de 1.000.000 de pesetas, con cargo á aplicación orzamentaria 10.01.121A.481.0 dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para 1996.

Artigo 3º

1. Poderán ser candidatos ó premio as institucións, asociacións culturais, padroados ou fundacións que desenvolvan a súa actividade revitalizadora ou promocional tanto dentro como fóra de Galicia.

2. As candidaturas poderán ser presentadas mediante escrito dirixido á Consellería de Cultura e Comunicación Social, edificio administrativo San Caetano, bloque 3. 15771-Santiago de Compostela, antes do 15 de outubro de 1996 e irán acompañadas dunha memoria que exporá a importancia e relevancia que a candidatura proposta tivo e/ou ten no desenvolvemento do labor revitalizador e promocional da Ruta Xacobea.

Tamén poderán presentarse candidaturas mediante proposta razonada con acompañamento de igual memoria dunha ou varias entidades inscritas no Rexistro de Entidades de Promoción do Camiño.

En caso de existir documentación suficiente presentada polas ditas entidades nas dependencias da xerencia de promoción do Camiño, bastará a remisión da solicitude de aceptación da candidatura para ser válida esta.

3. O escrito de presentación da candidatura maila memoria á que fai referencia o parágrafo anterior, ou se é o caso, a proposta razoada ou a solicitude, serán presentadas no rexistro xeral da Consellería de Cultura e Comunicación Social, ou en calquera dos centros previstos no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, nas condicións establecidas no dito artigo.

Artigo 4º

O premio será outorgado por un xurado presidido polo conselleiro de Cultura e Comunicación Social ou persoa en quen delegue e integrano os seguintes membros:

-O presidente do Comité Internacional de Expertos.

-O presidente de cada unha das entidades inscritas no Rexistro de Entidades de Promoción do Camiño de Santiago.

As decisións do xurado, mesmo as que se adopten sobre calquera incidente, serán inapelables, e daranse a coñecer mediante publicación no DOG e por comunicación directa ó galardoado.

Artigo 5º

O premio poderá ser outorgado de xeito individual ou compartido ou declararase deserto e entregarase en acto público.

A institución ou asociación premiada recibirá un trofeo e o importe do premio que lle será aboado mediante talón nominativo por valor da súa contía total. No caso de que o premio sexa compartido, repartirase entre os galardoados pola contía correspondente.

Artigo 6º

A documentación da candidatura premiada ó abeiro desta convocatoria quedará en poder, para o seu axeitado arquivo, da Consellería de Cultura e Comunicación Social, reservándoselle a esta o dereito de divulgación da dita documentación por calquera medio de reproducción.

A documentación das restantes candidaturas seralles devolta ós interesados en caso de que estes o soliciten expresamente.

Disposición derradeira

A presente orde entrará en vigor o día seguinte da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 27 de agosto de 1996.

Jesús Pérez Varela

Conselleiro de Cultura e Comunicación Social

5410