Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 170 Venres, 30 de agosto de 1996 Páx. 8.117

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE XUSTIZA, INTERIOR E RELACIÓNS LABORAIS

RESOLUCIÓN do 19 de abril de 1996, da Delegación Provincial da Coruña, pola que se dispón a inscrición no rexistro e a publicación no Diario Oficial de Galicia do convenio colectivo da empresa Servicios Pesqueros Pujales, S.L.

Visto o expediente do convenio colectivo da empresa Servicios Pesqueros Pujales, S.L., que tivo entrada nesta delegación provincial o día 15-3-1996 e compleatada a documentación o 16-4-1996, subcrito en representación da parte económica pola empresa, e, da parte social polo delegado de persoal o día 16-4-1996, de coformidade co disposto no artigo 90.2º e 3º, da Lei 8/1980, do 10 de marzo, do Estatuto dos traballadores, Real decreto 1040/1981, do 22 de maio, sobre rexistro e depósito de convenios colectivos de traballo e o Real decreto 2412/1982, do 24 de xullo, sobre traspaso de funcións e servicios da Administración do Estado á Comunidade Autónma de Galicia, en materia de traballo, esta delegación provincial,

ACORDA:

Primeiro.-Ordena-la súa publicación no libro rexistro de convenios colectivos de traballo desta delegación provincial, e a notificación ás representacións económica e social da comisión negociadora.

Segundo.-Ordena-lo seu depósito no Servicio de Relacións Laborais, Sección de Mediación, Arbitraxe e Conciliación (SMAC).

Terceiro.-Dispoñe-la súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

A Coruña, 19 de abril de 1996.

Fernando Rodríguez Corcoba

Delegado provincial da Coruña

Convenio para a empresa Servicios Pesqueros Pujales, S.L.

Artigo 1º.-Ámbito funcional.

O presente convenio será de aplicación á empresa Servicios Pesqueros Pujales, S.L., dedicada á distribución e alugueiro de envases para o peixe.

Artigo 2º.-Vixencia.

A duración do presente convenio será dun ano, iniciando a súa vixencia e en toda a súa totalidade o primeiro de xaneiro de 1996.

Artigo 3º.-Prórroga e denuncia do convenio.

O presente convenio será prorrogado tacitamente ó seu vencemento por sucesivos períodos dunha anualidade, a non ser que se denuncie para a súa revisión cun mínimo de tres meses antes do seu vencemento ou do dalgunha das súas prórrogas.

A denuncia deberase comunicar á outra parte por escrito e, se é o caso, ó organismo competente da Administración.

Artigo 4º.-Gratificacións extraordinarias.

Estableceranse dúas pagas extraordinarias ó ano que se farán efectivas o 15 de xullo e o 22 de decembro.

As dúas pagas aboaranse cunha mensualidade do salario base.

Artigo 5º.-Plus de transporte.

Establécese un plus de transporte de 7.325 ptas. mensuais.

Artigo 6º.-Festivos e nocturnidade.

Por ser esta unha empresa dun sector moi peculiar, no salario base que se pacta no presente convenio inclúese o labor de servir caixas ós barcos en domingos e festivos, labor este que se efectuará por quendas rotativas, tal e como se vén efectuando ata a data e o servicio nocturno ós barcos. O salario dos traballadores será o pactado neste convenio, sexa cal sexa a súa xornada, sempre que non se superen as 40 horas semanais marcadas pola lei.

Artigo 7º.-Xubilación.

A xubilación será obrigatoria para tódolos traballadores ós 65 anos, salvo pacto entre empresa e traballador, sempre que teña dereito a percibir unha pensión. De non ser así, poderá continuar na empresa ata que se xere o dereito á prestación.

Este artigo negociarase no caso de que por disposición de categoría superior se reducise a idade da xubilación.

Os traballadores, por pacto de empresa, poderanse acoller á xubilación especial ós 64 anos, segundo o disposto no real decreto.

Artigo 8º.-Plus de antigüidade.

Consistirá na percepción do 5% do salario base por cada quinquenio e empezará a contar a partir do 1 de xaneiro de 1992 ou no momento de ingresar na empresa para tódolos traballadores que entren a partir do 1 de xaneiro de 1992.

Artigo 9º.-Seguro de invalidez ou morte.

A empresa contratará un seguro colectivo de invalidez ou morte en accidente de traballo para tódolos traballadores, cunha contía de 1.000.000 de pesetas.

Artigo 10º.-Xornada laboral.

A xornada laboral será de 40 horas semanais, salvo que por norma de categoría superior se cambiase a dita xornada.

Artigo 11º.-Vacacións.

Os traballadores desfrutarán dun período de trinta días naturais de vacacións.

Artigo 12º.-Licencias retribuídas.

O traballador, logo de aviso e xustificación, poderase ausentar do traballo con dereito a remuneración por algún dos motivos e polo tempo seguinte:

a) Dezasete días naturais en caso de matrimonio.

b) Tres días nos casos de nacemento de fillo ou enfermidade grave ou falecemento de parentes ata o segundo grao de consanguinidade ou afinidade. Cando, con tal motivo, o traballador precise facer un desprazamento, o prazo será de catro días.

Artigo 13º.-Garantías sindicais.

A empresa respectará o dereito dos traballadores a se sindicaren libremente.

Os traballadores afiliados a un sindicato ou asociación legalmente constituídos poderán distribuír información e recadar cotas fóra das horas de traballo, sen perturba-la actividade normal da empresa.

As horas retribuídas dos membros do comité de empresa de máis de trinta traballadores poderanse acumular para seren desfrutadas por un ou varios de entre os interesados, notificándolle á dirección da empresa, con oito días de anticipación, o comezo do mes de que se trate e sempre que non supoña alteración grave do réxime laboral desta.

Táboas salariais para 1996.

Salario base: 73.242 pesetas mensuais.

Plus de transporte: 7.325 pesetas mensuais.

Salario anual: 1.113.272 pesetas anuais.

Disposición adicional

1. O convenio afectará ó centro de traballo que Servicios Pesqueros Pujales, S.L. ten no porto da Coruña.

2. A comisión paritaria do convenio estará composta por Carlos Pujales, pola parte empresarial, e, en representación dos traballadores, por José Mejuto López.

3. Promoción e formación profesional no traballo.

1. O traballador terá dereito:

a) Ó desfrute dos permisos necesarios para concorrer a exames, así como a unha preferencia a elixir quenda de traballo, se tal é o réxime instaurado na empresa, cando curse con regularidade estudios para a obtención dun título académico ou profesional.

b) Á adaptación da xornada ordinaria de traballo para a asistencia a cursos de formación profesional ou a concesión do permiso oportuno de formación ou pefeccionamento profesional con reserva do posto de traballo.

9604396