Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 155 Xoves, 08 de agosto de 1996 Páx. 7.576

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE AGRICULTURA, GANDERÍA E MONTES

ORDE do 15 de xullo de 1996 pola que se prorroga a inclusión do encoro de Cecebre no Rexistro Xeral de Espacios Naturais de Galicia.

Ó abeiro das competencias que a Comunidade Autónoma de Galicia ostenta, exclusivas en materia de conservación da natureza, foi dictado o Decreto 82/1989 polo que se regula a figura de «espacio natural en réxime de protección xeral».

De acordo co artigo 6 deste decreto, a Consellería de Agricultura, Gandería e Montes incluíu provisionalmente, por unha Orde do 4 de abril de 1995, o encoro de Cecebre no Rexistro Xeral de Espacios Naturais de Galicia.

Transcorrido o prazo estipulado procede agora prorroga-lo seu réxime por outro ano máis, contado a partir do 5 de maio de 1996. En consecuencia,

ACORDO:

Artigo 1º

Prorrógase por un ano a inclusión da zona denominada encoro de Cecebre no Rexistro Xeral de Espacios Naturais de Galicia.

Artigo 2º

Seus límites son os que continuación se relacionan:

Norte. Desde a presa seguindo pola estrada que une o apeadoiro de Cecebre con San Román, cruzando os lugares de Seixurra e San Román, ata o cruce coa autoestrada do Atlántico.

Leste. Seguindo o curso da autoestrada ata o km 17 e continuando por unha pista de terra de servidume a esta para rematar nunha presa de formigón sobre o río Mero.

Sur. Desde o punto anterior seguindo a marxe dereita do río Mero ata a ponte e continuando polos lugares de Torre, Cubelo, Agrolongo, e Horto de Arriba ata o viaducto do río Barcés, da marxe dereita da cal segue ata o lugar de Táboas, na estrada de Mabegondo a Carral.

Oeste. Seguindo a marxe esquerda do río Barcés ata o viaducto e continuando pola estrada ata a presa.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase ó director xeral de Montes e Medio Ambiente Natural para desenvolver cantas cuestións de carácter xeral se deriven da aplicación desta orde.

Segunda.-Os efectos da presente orde contan a partir do 5 de maio de 1996.

Terceira.-A presente orde entrará en vigor ó día seguinte o da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 15 de xullo de 1996.

Tomás Pérez Vidal

Conselleiro de Agricultura, Gandería e Montes

9605829