Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 155 Xoves, 08 de agosto de 1996 Páx. 7.561

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE ECONOMÍA E FACENDA

ORDE do 24 de xullo de 1996 pola que se convocan axudas para a contratación de persoal especializado.

É indubidable que unha das dificultades que deberán afronta-las empresas para a posta en marcha e viabilidade de proxectos ou accións empresariais é a contratación de persoal especializado ou a consecución dun asesoramento técnico que veña a achega-los coñecementos ou experiencia necesarios para unha xestión adecuada en tódolos aspectos da actividade. Un dos elementos que determinan esta dificultade é o elevado custo que adoita supor contar co persoal directivo ou técnico cualificado.

Ante esta situación e dada a importancia do soporte técnico para a realización con éxito de proxectos ou accións empresariais, dentro do plan integral de incentivos para o fomento da actividade empresarial na Comunidade Autónoma de Galicia acometido pola Xunta de Galicia deben incluírse aquelas medidas que veñan facilitarlles ás empresas contar co asesoramento técnico necesario para a posta en marcha e viabilidade dos seus proxectos ou accións empresariais.

Neste sentido pronúnciase o Decreto 309/1995, do 23 de novembro, sobre incentivos para o desenvolvemento económico e fomento da actividade empresarial na Comunidade Autónoma de Galicia, homologado oficialmente segundo acordo da Comisión Europea (Axuda estatal nº 21/95, SG(95) 10-433, do 31 de xullo de 1995), que, entre outros, prevé como mecanismo de axuda, a concesión de subvencións a fondo perdido para a contratación de persoal directivo ou técnico altamente cualificado que, polos seus coñecementos ou experiencia, resulten totalmente necesarios para a posta en marcha e viabilidade dun proxecto ou accións empresariais.

No artigo 13 deste decreto establece que a convocatoria de axudas ó amparo deste realizará cada consellería, organismo ou ente público da Xunta de Galicia dentro do ámbito das súas competencias mediante a aprobación das disposicións ou resolucións necesarias para a execución e desenvolvemento das ditas axudas.

Pola outra banda, dada a natureza e funcións do Instituto Galego de Promoción Económica (Igape) como instrumento da Xunta de Galicia para o desenvolvemento competitivo do sistema productivo galego, o programa de axudas establecido na presente orde deberá integrarse como unha acción máis dentro das súas liñas de axuda.

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Obxecto.

O obxecto da presente orde é desenvolve-lo programa de axudas á contratación de persoal especializado, consistente en subvencións a fondo perdido, previsto no Decreto 309/1995, do 23 de novembro, de incentivos para o desenvolvemento

económico e fomento da actividade empresarial na Comunidade Autónoma de Galicia.

Artigo 2º.-Concesión e xestión das axudas.

A concesión e xestión das axudas previstas nesta orde efectuaraa polo Instituto Galego de Promoción Económica (Igape) con cargo ós conceptos de gasto 0330 71208 77001 do seu orzamento, sen prexuízo da asistencia técnica que, por razón da materia, poidan presta-las consellerías sectoriais, quedando subordinada a súa concesión en exercicios futuros ás dispoñibilidades orzamentarias que anualmente se establezan. A concesión das axudas previstas estará suxeita, en todo momento, á existencia de crédito orzamentario suficiente.

Artigo 3º.-Beneficiarios.

1.-Poderán ser beneficiarias das axudas reguladas pola presente orde aquelas empresas que teñan a consideración de pequenas e medianas (PEMES) conforme a definición establecida pola Unión Europea. Para os ditos efectos, terá a consideración de PEME a unidade económica con personalidade física ou xurídica que reúna os seguintes requisitos:

a) Que teña menos de 250 traballadores e,

b) Que teña ben un volume de negocios anual non superior a 40 millóns de Ecus, ou ben un balance xeral, activo total, non superior a 27 millóns de Ecus, e

c) Que o seu capital non estea participado en máis dun 25% por empresas que non cumpran os requisitos anteriores, salvo se estas son sociedades públicas de investimento, sociedades de capital risco ou investidores institucionais, sempre que non se exerza control.

Para os efectos de aplicación dos límites establecidos neste apartado, terase en conta o tipo de cambio do ECU vixente á data de entrada en vigor da presente orde.

No caso de que, durante a vixencia desta orde, a Unión Europea establecese unha definición de PEME diferente da anterior, será de aplicación, para estes efectos, a nova definición que se estableza.

2.-Tamén poderán ser beneficiarias das ditas axudas as empresas que, sen te-la condición de PEME, presenten expedientes de solicitude comprendidos no marco da presente orde e que se consideren de especial interese socioeconómico polo Igape ou respecto ás cales a Comisión Delegada da Xunta de Galicia para Asuntos Económicos declarase a necesidade ou conveniencia de apoio.

Artigo 4º.-Ámbito territorial.

As empresas beneficiarias das axudas obxecto desta orde deberán te-lo seu domicilio social e/ou o centro principal da súa actividade no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia.

Artigo 5º.-Actividades subvencionables.

1.-Son subvencionables ó amparo desta orde as actividades económicas seguintes:

a) As de extracción, procesamento, transformación e comercialización das produccións agrícolas, pesqueiras, gandeiras e forestais.

b) A extracción, procesamento, transformación e comercialización de minerais ou os seus derivados.

c) A industria transformadora, o comercio, o turismo, a artesanía e os servicios de apoio industrial.

d) A creación de redes de abastecemento, transporte, distribución e comercialización.

e) As actividades de electrónica, biotecnoloxía, robótica, telecomunicación e calquera outra de avanzada tecnoloxía.

f) A investigación técnica e aplicada, innovación e desenvolvemento tecnolóxico, normalización homologación, certificación, xestión, control e mellora da calidade levadas a cabo por calquera ente público ou privado.

g) A fabricación ou comercialización de bens de equipo ou unidades productivas relacionadas con calquera das actividades anteriormente relacionadas.

Para aquelas actividades que se encontren comprendidas dentro dos sectores regulados por normas específicas da Unión Europea sobre axudas estatais, as axudas previstas nesta orde axustaranse en cada caso ás ditas normas específicas.

2.-Serán preferentes de entre as actividades subvencionables anteriores, as seguintes:

a) A transformación e comercialización de produccións agrícolas, pesqueiras, gandeiras, forestais e de minerais.

b) O turismo especializado.

c) Os servicios de apoio industrial.

d) As actividades de electrónica, biotecnoloxía, medio ambiente, robótica, telecomunicacións e calquera outra de avanzada tecnoloxía.

e) As actividades pertencentes ó sector téxtil.

f) As actividades pertencentes ó sector do automóbil e a súa industria auxiliar.

g) O comercio ó polo miudo e por xunto.

h) A fabricación de bens de equipo.

Artigo 6º.-Localización preferente.

Poderán ter preferencia na concesión de axudas e na determinación da súa contía os beneficiarios que desenvolvan a súa actividade en:

a) Zonas afectadas pola crise dun sector industrial declarado en reconversión ou, en casos concretos, as afectadas polo peche de empresas nas que a súa actividade dependese de forma importante a poboación desa zona.

b) Zonas especialmente desfavorecidas onde exista un especial abandono de poboación, segundo os dous últimos censos oficiais de poboación.

c) As dúas provincias de menor renda per cápita de Galicia: Ourense e Lugo.

d) Parques empresariais de promoción pública.

e) Zonas onde existan produccións de materias primas, bens de equipo, ou industrias complementarias ou similares, e exista unha tradición de fabricación sobre a actividade da que se trate.

f) Zonas nas que a localización vén obrigada como consecuencia da explotación e o aproveitamento das infraestructuras e/ou factores de producción.

Artigo 7º.-Modalidade, destino e contía das axudas.

1.-Poderanse conceder subvencións a fondo perdido sobre o custo de contratación laboral de persoal directivo ou técnico altamente cualificado que polos seus coñecementos ou experiencia resulten totalmente necesarios para a posta en marcha e viabilidade dun proxecto ou accións empresariais, sempre que cumpran os seguintes requisitos:

a) O proxecto ou accións empresariais para o que se pretende a contratación deberá ser considerado viable polo Igape.

b) A contratación para a que se solicita a axuda deberá ser considerada polo Igape como necesaria para a posta en marcha ou viabilidade do proxecto ou accións empresariais aprobado.

2.-A contía da subvención por beneficiario poderá alcanzar ata o 75% do custo da contratación, sen que en ningún caso poida exceder de dezaseis millóns de pesetas (16.000.000 de ptas.) e poderase conceder por un período mínimo de tres meses e máximo de dous anos e determinarase tendo en conta os seguintes factores:

-A experiencia dos candidatos.

-A achega de coñecementos ou habilidades inexistentes ou inusuais e a súa aplicación práctica á empresa.

-A retribución ou prezo pactado, en relación coa duración do contrato.

Para a cuantificación da intensidade da axuda así como a súa duración teranse en conta as características de preferencia en canto a actividade, localización e se a empresa é de nova creación ou está sometida a un proceso de reestructuración, así como as necesidades obxectivas de duración da contratación que realice.

3.-Incorrerán en causa de denegación da solicitude os solicitantes que, a xuízo do Igape concorran nunha ou máis das seguintes circunstancias:

-Falta de viabilidade do proxecto ou accións empresariais presentado polo solicitante.

-Falta de conexión necesaria entre a contratación solicitada e o proxecto ou accións empresariais presentado polo solicitante.

-Insuficiente experiencia dos candidatos propostos para o desenvolvemento do proxecto ou accións empresariais.

-Inadecuación dos coñecementos ou habilidades presentados polos candidatos propostos para garantir suficientemente a aplicación práctica do proxecto ou accións empresariais presentado polo solicitante.

-Falta dalgunha documentación solicitada, tras requirimento para a súa emenda.

-Falta de concreción na definición do proxecto ou accións empresariais, tras requirimento para a súa mellora.

-Incumprimento dos requisitos necesarios establecidos para os beneficiarios no artigo 3 da presente orde.

-Calquera outra causa que poña de relevo a inadecuación ó fin proposto.

Artigo 8º.-Tramitación.

1.-Presentación de solicitudes.

As solicitudes de axudas previstas nesta orde presentaranse por duplicado no Instituto Galego de Promoción Económica (Igape), de calquera das formas previstas no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réximen xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

A solicitude das axudas estará constituida polos seguintes documentos:

1) Instancia dirixida ó Instituto Galego de Promoción Económica (Igape) conforme o modelo que figura como Anexo I da presente orde.

2) Documentación acreditativa das circunstancias persoais do solicitante: fotocopia do DNI e NIF no caso de que sexa persoa física. No caso de ser persoas xurídicas, deberán achegar fotocopia da tarxeta de identificación fiscal e copia da escritura de constitución e estatutos debidamente inscritos, así como, se é o caso, das modificacións habidas.

3) Certificación acreditativa do cumprimento das obrigas fiscais e fronte á Seguridade Social, emitidas polo organismo competente.

4) Certificación de que o beneficiario non ten contraída débeda ningunha coa Xunta de Galicia.

5) Fotocopia da alta no Imposto de Actividades Económicas e último recibo pagado por este imposto.

6) Certificación emitida polo rexistro mercantil das contas anuais completas e, se é o caso, do informe de auditoría alí depositado correspondente ó último exercicio económico pechado.

7) Memoria descritiva da contratación para a que se solicita a axuda asinada polo representante legal da empresa, na que se fagan constar, como mínimo, os seguintes extremos:

-Descrición do proxecto ou accións empresariais para o que resulta necesaria a contratación para a que se solicita a axuda.

-Xustificación e obxectivos da contratación para a que se solicita a axuda e avaliación da súa necesidade para a posta en marcha ou viabilidade do proxecto ou accións empresariais.

-Currículum vitae e referencias profesionais, que acrediten suficientemente a especial formación, experiencia e habilidades do ou dos candidatos.

-Contrato proforma entre a empresa e o candidato.

8) Declaración xurada do representante legal da empresa doutras axudas solicitadas para o mesmo proxecto.

O Igape poderá solicitar toda aquela información e documentación que considere conveniente para os efectos da análise da solicitude. Non será necesario presentar aquela documentación que xa conste no Igape, actualizada, en virtude doutro expediente.

2.-Resolución.

O Igape, en vista da documentación anterior e con base nos requisitos e condicións establecidos resolverá sobre a correspondente solicitude que, no caso de ser aprobada, incluirá o importe da contratación que se considera subvencionable, a contía da subvención concedida e a súa forma de pagamento, así como, se é o caso, as condicións e prazos para a realización da contratación e posta en marcha do proxecto ou accións empresariais aprobado.

O Igape resolverá sobre a concesión ou denegación no prazo máximo de catro meses desde a recepción da solicitude. As solicitudes de axuda que non fosen resoltas no dito prazo consideraranse desestimadas.

3.-Notificación ó interesado e aceptación da subvención.

O Igape notificaralles ós solicitantes a resolución individual recaída para cada solicitude.

Nos casos de resolución de concesión de subvención e sempre que non se interpuxese recurso contra ela, o beneficiario deberá manifesta-la súa aceptación á resolución recaída e ás condicións establecidas nesta dentro do prazo dun mes conta-lo desde a súa notificación. Transcorrido o dito prazo sen que o beneficiario manifeste a súa aceptación quedará sen efecto a concesión da subvención.

A resolución de concesión quedará condicionada, en todo caso, á efectiva contratación do traballador cualificado no prazo concedido para tal efecto.

A aceptación por parte do interesado suporá a obriga de cumpri-las condicións e obrigas establecidas na resolución, nesta orde e demais dispo

sicións que sexan de aplicación, en especial as relativas en materia de Seguridade Social e Facenda pública.

4.-Posta en marcha do proxecto ou accións empresariais e contratación.

A posta en marcha dos proxectos ou accións empresariais e as contratacións aprobadas deberán realizarse no prazo ou prazos que se establezan na respectiva resolución individual de concesión con cumprimento das condicións e prescricións establecidas na dita resolución, na presente orde ou demais normativa de aplicación. No caso de que na resolución de concesión non se fixase prazo ó respecto, este será de 3 meses contados desde a data de notificación da resolución de concesión.

Artigo 9º.-Xustificación.

1.-A xustificación ante o Igape da posta en marcha do proxecto ou accións empresariais e a realización das contratacións realizaraa o beneficiario dentro dos tres meses seguintes ó vencemento do prazo concedido para a posta en marcha do proxecto ou accións empresariais. Para estes efectos, e sen prexuízo da facultade de control do Igape establecida no parágrafo seguinte, a empresa beneficiaria deberá achega-los orixinais ou copias debidamente compulsadas dos contratos debidamente asinados e a súa alta na Seguridade Social, así como unha memoria da propia empresa que acredite o desenvolvemento do proxecto ou accións empresariais aprobado.

2.-En todo caso, para os efectos de aclara-los extremos concernentes á xustificación da posta en marcha do proxecto ou accións empresariais e a realización das contratacións, o Igape poderá requeri-la documentación e peritaxes ou realiza-las actuacións ou inspeccións que considere convenientes.

3.-No caso de que transcorresen os prazos anteriores sen que se cumprise o establecido, o Igape poderá conceder unha prórroga por un período máximo de tres meses, ou se é o caso, declara-lo beneficiario decaído nos seus dereitos, coa conseguinte perda da subvención e arquivo do expediente.

Artigo 10º.-Aboamento das subvencións.

1.-O aboamento das subvencións realizarase unha vez que o Igape considere xustificada a posta en marcha do proxecto empresarial, a realización das contratacións aprobadas e o cumprimento das condicións establecidas. O aboamento realizarase mediante liquidacións trimestrais, por trimestres naturais e, en todo caso, non antes do devengo e pagamento pola empresa.

2.-Para o cobro da subvención o beneficiario deberá presentarlle ó Igape unha única solicitude de cobro axustada ó modelo que se xunta como anexo II, achegando copia da nómina debidamente selada pola empresa e asinada polo traballador, os documentos de cotización á Seguridade Social da empre

sa beneficiaria, todo iso acompañado dos correspondentes xustificantes dos pagamentos realizados, así como unha memoria do estado e desenvolvemento do proxecto ou accións empresariais.

Artigo 11º.-Información e inspección.

Sen prexuízo dos mecanismos de control establecidos legalmente, o Igape e a Consellería de Economía e Facenda, ben directamente a través dos seus órganos, ou ben indirectamente a través das entidades que designen, poderán efectua-las inspeccións que consideren oportunas para os efectos de comproba-la aplicación das axudas ás finalidades para as que foron concedidas e o cumprimento dos requisitos e condicións destas, debendo os beneficiarios facilitar ó máximo o dito labor inspector e achega-la documentación ou información ó respecto que lles sexa solicitada.

Artigo 12º.-Modificación da concesión.

O Igape poderá incoar procedemento de modificación da subvención inicial para adaptala ás novas circunstancias, logo de solicitude do beneficiario, nos casos que se produza un incumprimento parcial, se se acredita que o dito incumprimento non resulta de gran entidade, non desvirtúa a finalidade da subvención ou non é imputable ó beneficiario. A resolución de modificación establecerá as novas condicións da subvención e, se é o caso, decretará o reintegro do indebidamente percibido ata ese intre, calculado segundo o establecido no artigo seguinte.

Artigo 13º.-Perda da subvención.

Procederase ó reintegro das cantidades percibidas e á esixencia de xuros de demora desde o momento de calquera pagamento con cargo á subvención concedida nos seguintes casos:

a) Incumprimento da obriga de xustificación.

b) Obte-la subvención sen reuni-las condicións requiridas para iso.

c) Incumprimento da finalidade para a que a subvención foi concedida.

d) Incumprimento das condicións impostas ó beneficiario con motivo da concesión da subvención.

Se o incumprimento derivara da inobservancia dalgunha outra condición ou suposto distinto ós anteriores, poderá dar lugar a un incumprimento parcial e o seu alcance será determinado en función do grao e da entidade da condición incumprida, a concorrencia de distintas causas de incumprimento dará lugar á apreciación conxunta destas.

Artigo 14º.-Compatibilidade.

As axudas previstas nesta orde serán compatibles con calquera outra axuda e subvención da Unión Europea, doutras administracións públicas ou entes públicos ou privados, pero, sen que en ningún caso, illadamente ou en concorrencia con outras, poidan supera-los límites establecidos pola Unión Europea.

Disposición adicional

Correspóndelle ó Igape a facultade de dicta-las disposicións necesarias para a aplicación das axudas previstas nesta orde, así como para resolve-las dúbidas concretas que se susciten en aplicación desta.

Disposición derradeira

A presente orde entrará en vigor ó día seguinte de súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 24 de xullo de 1996.

José Antonio Orza Fernández

Conselleiro de Economía e Facenda

9605915