Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 155 Xoves, 08 de agosto de 1996 Páx. 7.553

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE SANIDADE E SERVICIOS SOCIAIS

ORDE do 19 de xullo de 1996 pola que se modifica a do 14 de febreiro de 1995, de composición e funcións da Comisión Asesora sobre Diabete en Galicia creada por Orde do 30 de marzo de 1987.

A Orde do 30 de marzo de 1987 creou a Comisión Asesora sobre Diabete en Galicia coa finalidade de desenvolver en forma integrada as accións sobre esta enfermidade e atende-los seus aspectos preventivos, terapéuticos, de rehabilitación e de carácter social. Por Orde de 14 de febreiro de 1995 modificouse a súa composición e ampliáronse as súas funcións en prol de mellora-la súa capacidade de xestión e coordinación das accións que se leven a cabo no marco do Programa Galego de Prevención e Control da Diabete.

Posteriormente, o Decreto 63/1996, do 15 de febreiro, polo que se establece a estructura orgánica dos servicios centrais da Consellería de Sanidade e Servicios Sociais, suprimiu a Dirección Xeral de Organización Sanitaria, en tanto que o Decreto 64/1996, de 15 de febreiro, polo que se establece a estructura orgánica dos servicios centrais do Servicio Galego de Saúde, creou a Dirección Xeral de Atención Especializada, á que lle corresponde, dentro do marco da planificación xeral sanitaria e do Plan de Saúde da Comunidade Autónoma, o

desenvolvemento da atención especializada e a dirección e xestión dos recursos necesarios para este nivel asistencial.

En consecuencia, resulta preciso adapta-la estructura da Comisión Asesora sobre a Diabete en Galicia ós devanditos decretos, modificando o artigo 3 da referida Orde do 14 de febreiro de 1995, polo que, en uso das facultades que me confiren os artigos 34.6º e 38 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e do seu presidente, reformada pola Lei 11/1988, do 22 de outubro,

DISPOÑO:

Artigo único.-O artigo 3 da Orde do 14 de febreiro de 1995 pola que se modifica a composición e funcións da Comisión Asesora sobre Diabete en Galicia, creada por Orde do 30 de marzo de 1987, quedará redactado do seguinte xeito:

«A Comisión Asesora sobre Diabete en Galicia comporase dos seguintes membros:

-Presidente:

O director xeral de Saúde Pública ou persoa en quen delegue.

-Vocais:

Un representante da Subdirección Xeral de Planificación e Aseguramento, nomeado polo secretario xeral do Servicio Galego de Saúde.

Un representante da Dirección Xeral de Atención Especializada do Servicio Galego de Saúde.

Un experto no tema da atención especializada nomeado polo director xeral de Atención Especializada do Servicio Galego de Saúde.

Un ATS ou ATS/DUE experto no tema da diabete nomeado polo director xeral de Atención Especializada do Servicio Galego de Saúde.

Un experto no tema da diabete nomeado polo director xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade e Servicios Sociais.

Un representante da Dirección Xeral de Saúde Pública, nomeado polo director xeral, que actuará como secretario.

Un representante da Dirección Xeral de Atención Primaria do Servicio Galego de Saúde.

Un representante da Sociedade Galega de Endocrinoloxía, Nutrición e Metabolismo.

Un representante do Instituto Galego de Oftalmoloxía.

Un representante da Federación Galega de Educadores en Diabete.

Dous representantes das asociacións de diabéticos existentes na Comunidade Autónoma de Galicia».

Disposicións derradeiras

Primeira.-A presente orde entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Segunda.-Facúltase o director xeral de Saúde Pública para o desenvolvemento e execución do establecido nesta norma.

Santiago de Compostela, 19 de xullo de 1996.

José María Hernández Cochón

Conselleiro de Sanidade e Servicios Sociais

5704