Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 152 Luns, 05 de agosto de 1996 Páx. 7.444

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE EDUCACIÓN E ORDENACIÓN UNIVERSITARIA

DECRETO 317/1996, do 26 de xullo, polo que se fixan os prezos correspondentes ós estudios conducentes á obtención de títulos oficiais no ensino universitario para o curso 1996/1997.

A Lei orgánica 11/1983, do 25 de agosto (BOE do 1 de setembro), de reforma universitaria, establece no seu artigo 54.3º b) que lle corresponde á Comunidade Autónoma fixa-las taxas académicas polos estudios conducentes á obtención de títulos oficiais no ensino universitario, dentro dos límites que a nivel estatal ten que establece-lo Consello de Universidades. Para os restantes estudios serán fixados polo Consello Social ou polo órgano substitutorio, que é competente segundo a lexislación vixente no caso das universidades que non teñan constituídos os citados consellos.

O Real decreto 1754/1987, do 18 de decembro (BOE do 19 de xaneiro de 1988, DOG do 17 de febreiro de 1988), traspásalle á Comunidade Autónoma as competencias e servicios en materia de universidades.

O Plan de Financiamento do Sistema Universitario de Galicia aprobado pola Comisión 3ª de Economía, Facenda e Presupostos do Parlamento de Galicia na sesión do día 17 de outubro de 1989 e con vixencia temporal ata o ano 1996, ten determinado no

seu cadro III que os prezos públicos que perciben as universidades teñen a consideración de recursos externos á Xunta de Galicia e introduce, así mesmo, o concepto de módulo por alumno, prevendo un incremento dos prezos de ano a ano. Estas condicións fan necesario establecer qué se entenderá por matrícula de curso completo para os efectos de poder determina-lo financiamento das universidades en función do módulo por alumno e ano completo de estudios, recollendo, polo tanto, neste decreto o número mínimo de créditos que o decreto estatal (Real decreto 1497/1987, do 27 de novembro, BOE do 14 de decembro) de directrices xerais de plans de estudios, identifica como carga lectiva do curso.

Neste contexto normativo, e dada a consideración de prezos públicos para os servicios académicos, o presente decreto fixa os importes que pagarán os alumnos polos estudios conducentes á obtención de títulos oficiais no ensino universitario, actualizando as tarifas vixentes no curso pasado e distinguindo entre prezos correspondentes a plans de estudios reformados e prezos correspondentes a plans de estudios aínda sen axustar ás directrices da reforma dos títulos universitarios.

No uso das súas competencias, o Consello de Universidades, na sesión da súa Comisión de Coordinación e Planificación, do 17 e 18 de xuño (BOE nº 155 do 27 de xuño de 1996) fixou, para o curso 1996-1997, os límites de aumento dos prezos académicos e demais dereitos polos estudios conducentes á obtención de títulos universitarios oficiais na porcentaxe de incremento do IPC definido no período que vai de maio de 1995 a maio de 1996, e o dito incremento aumentado en 3 puntos.

Tendo en conta as previsión macroeconómicas xerais para Galicia, as marxes fixadas no Plan de Financiamento, e a distinción entre ensinanzas renovadas e non renovadas, así como a diferencia entre o prezo da 1ª e 2ª matrícula fronte ó prezo da 3ª e sucesivas matrículas (Decreto 263/1993, do 28 de outubro) cómpre proceder á publicación dos prezos que se pagarán en Galicia polos estudios universitarios conducentes a títulos oficiais, incrementando os prezos do curso pasado na contía correspondente á suba do IPC estatal determinado entre maio de 1995 e maio de 1996, pois entendemos que nestes prezos é onde, especialmente, se manifesta a política social de apoio ó principio de igualdade de oportunidades para garanti-lo dereito ó estudio.

Na súa virtude, ó abeiro do establecido no artigo 26.1º a) da Lei 8/1989, do 13 de abril (BOE do 15 de abril), de taxas e prezos públicos, e pola Lei de Galicia 13/1991, do 9 de decembro (DOG do 13 de decembro), de taxas, prezos e exaccións reguladoras da Comunidade Autónoma de Galicia e logo de consultar ás universidades, cómpre fixa-los prezos correspondentes ó ano académico 1996-1997.

Por todo o que antecede, en virtude das atribucións que me confire a Lei 11/1988, do 20 de outubro, de reforma da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e do seu presidente, por proposta do conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria, oídos os rectores das universidades galegas, e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día vinteseis de xullo de mil novecentos noventa e seis,

DISPOÑO:

Artigo 1º

1. Os prezos que se pagarán no curso 1996/1997 polos estudios conducentes á obtención de títulos oficiais no ensino universitario nas tres universidades públicas galegas, serán os establecidos segundo as normas do presente decreto na contía que se sinala no anexo deste.

2. O importe dos prezos por estudios conducentes a títulos ou diplomas que non teñan carácter oficial será fixado nas universidades galegas polo Consello Social, e no caso de que non estea constituído ese órgano, polo órgano substitutorio que é competente segundo a lexislación vixente.

3. De cara ós prezos públicos diferéncianse neste decreto as ensinanzas renovadas das ensinanzas non renovadas.

Ensinanzas renovadas son as que corresponden ós estudios conducentes á obtención de títulos de carácter oficial e validez nacional establecidos polo Goberno, con carácter oficial e validez en todo o territorio nacional para os que as universidades galegas teñan plans de estudios homologados polo Consello de Universidades ó abeiro do decreto de directrices xerais propias do título de que se trate.

Ensinanzas non renovadas son as que corresponden ós estudios conducentes á obtención de títulos de carácter oficial e validez nacional non incluídas no apartado anterior ou que estando incluídas nel responden a normativas de plans de estudios anteriores as directrices xerais propias do título de que se trate e estean homologados polo Consello de Universidades.

Artigo 2º.-Das ensinanzas non renovadas.

1. Os prezos establecidos nas alíneas 1, 3 e 5 da tarifa primeira do anexo do presente decreto poderán abonarse por curso completo ou por disciplinas. As disciplinas poderán ser anuais ou cuadrimestrais, de acordo co establecido pola universidade, en función do número de horas lectivas que figure nos plans de estudios. O importe do prezo aplicable para as disciplinas cuadrimestrais será a metade do establecido para as anuais.

2. O importe do prezo establecido para cada disciplina solta será diferente segundo que o curso a que corresponda estea constituído por menos de sete disciplinas anuais ou por sete ou máis dis

ciplinas anuais. Para estes efectos unha disciplina anual será equivalente a dúas cuadrimestrais.

3. Cando un alumno se matricule nunha mesma disciplina por terceira ou posteriores veces, o importe da matrícula desta verase incrementado nun 25%.

4. En calquera caso, cando un alumno se matricule en disciplinas soltas correspondentes a un mesmo curso, o importe da matrícula que se deberá satisfacer non poderá exceder do fixado para un curso completo, agás se nalgunha das disciplinas se matriculara por terceira ou posteriores veces; e neste caso, o importe total da matrícula non poderá supera-lo prezo do curso completo, incrementado nun 25%.

5. As bonificacións correspondentes á aplicación dunha ou de varias matrículas de honra levaranse a cabo logo de face-lo cálculo do importe total da matrícula.

6. O curso completo entenderase nas ensinanzas non renovadas como o total de disciplinas atribuídas no plan de estudios ó curso.

Artigo 3º.-Das ensinanzas renovadas.

1. No caso de ensinanzas renovadas o importe das materias ou disciplinas calcularase de conformidade co número de créditos asignado a cada unha delas e o prezo establecido para o crédito. Para estes efectos o importe do crédito calcúlase dividindo o prezo dun curso académico completo (establecido neste decreto nas alíneas 1.1 e 3.1 do anexo) entre o número 60, que é o mínimo posible de créditos correspondentes á carga lectiva de cada ano atendendo ás directrices xerais de plans de estudios.

2. Cando o plan de estudios especifique a carga lectiva por curso, entenderase por curso completo o número total de materias ou disciplinas, incluíndo os créditos de optativas e de libre elección asignadas ó correspondente curso.

No caso de plans de estudios homologados por ciclos sen especificación por curso, o número de créditos de cada curso establecerase ó dividi-lo número total de créditos do ciclo polo número de anos que lle corresponde a este.

Cando unha parte dos créditos estea estructurada por curso e outra parte estea estructurada por ciclo, o total de créditos do curso queda identificado pola suma de créditos asignados ó curso no plan maila parte anual de créditos do ciclo que resulte de aplica-lo criterio do parágrafo anterior.

3. Cando un alumno se matricule nunha mesma materia ou disciplina por terceira vez ou posteriores veces, o importe do crédito correspondente á devandita disciplina verase incrementado nun 25%.

4. Os alumnos poderán matricularse por curso completo ou en disciplinas ou créditos soltos. En calquera caso, cando o alumno se matricule en dis

ciplinas ou créditos soltos correspondentes a disciplinas ou créditos dun mesmo curso, o importe da matrícula a satisfacer polo total dos créditos non poderá exceder do importe fixado para a matrícula correspondente ó total de créditos de cada curso segundo a especificación do apartado 2 deste artigo.

Cando os alumnos cursen ensinanzas renovadas o prezo que aboarán polas primeiras matrículas, polo total de créditos de que se matriculen, en ningún caso superará o das primeiras matrículas dos respectivos cursos completos das ensinanzas non renovadas correspondentes.

A limitación a que se refire o parágrafo anterior aplicarase cando o alumno se matricule dun número de créditos non superior á carga lectiva asignada ó curso correspondente polo respectivo plan de estudios ou cando o referido número de créditos non supere o resultante de dividi-la totalidade dos créditos asignados ó ciclo correspondente, entre os anos de duración deste. Noutro caso, o alumno deberá paga-lo prezo dos créditos que excedan dos citados máximos.

Se nalgunha das disciplinas ou créditos se matricula por terceira ou posteriores veces, o importe total desa matrícula non poderá supera-lo prezo correspondente ó total de créditos de cada curso segundo as especificacións do apartado 2 deste artigo incrementado nun 25%.

5. As bonificacións correspondentes á aplicación dunha ou de varias matrículas de honra levarase a cabo logo de face-lo cálculo do importe total da matrícula e aplicaranse ó número de créditos correspondentes á disciplina ou disciplinas nas que obtivo a matrícula de honra.

6. Os créditos correspondentes a libre elección polo estudiante para a flexible configuración do seu currículum serán aboados de acordo coa tarifa establecida para a titulación que se pretende obter, con independencia do departamento ou centro onde se cursen os ditos créditos. No concepto de curso completo entenderanse incluídos os créditos de libre elección que lle correspondan de acordo co apartado 2 deste artigo.

Artigo 4º

1. O importe dos cursos ou seminarios de cada programa de doutoramento calcularase de acordo co número de créditos asignados a cada curso ou seminario, tendo en conta o prezo establecido para cada crédito. Para estes efectos, o importe do crédito fixarase tomando como referente a relación entre o prezo medio dun curso académico determinado segundo o establecido nos artigos 2º e 3º do presente decreto e o conxunto de 16 créditos por ano de doutoramento.

Os créditos correspondentes ós cursos de doutoramento serán aboados de acordo coa distinción de titulacións que se fai na tarifa primeira (1.1 e 3.1) tendo en conta con qué titulación está rela

cionado o contido fundamental do programa de doutoramento.

Artigo 5º

1. En todo caso o dereito a exame e a avaliación correspondente das disciplinas ou, se é o caso, créditos matriculados estará limitado polas incompatibilidades académicas derivadas dos plans de estudios. Só para estes efectos, as universidades, polo procedemento que determinen as respectivas xuntas de goberno, poderán fixar un réxime de incompatibilidades académicas para aqueles plans de estudios nos que non estivese establecido previamente.

2. O exercicio das posibilidades de matrícula derivadas dos artigos anteriores non obrigará á modificación do réxime de horarios xerais, que foi determinado en cada centro, de acordo coas necesidades docentes dos seus plans de estudios.

3. Non obstante o establecido nos artigos anteriores, aqueles alumnos que empecen os seus estudios deberán matricularse do total dos créditos correspondentes á carga lectiva asignada ó primeiro curso no plan de estudios. No caso que o plan de estudios non fixese referencia explícita ó mínimo de créditos que corresponden a primeiro curso, entenderase a obriga segundo o establecido no apartado 2 do artigo 3º para as ensinanzas renovadas. No caso das ensinanzas non renovadas entenderase a obriga segundo o establecido no apartado 6 do artigo 2º. Todo isto, salvo que se producise validación ou adaptación (según anexo I do R.D. 1267/1994, do 10 de xuño, BOE nº 275), de materias do devandito primeiro curso, xa que neste caso o alumno non terá que matricularse das materias validadas.

Artigo 6º

1. Os alumnos dos centros adscritos e os que obteñan a validación de cursos completos ou de disciplinas soltas por razóns de estudios realizados en centros nacionais non estatais ou en centros estranxeiros aboaranlle á universidade o 25% dos prezos establecidos nas alíneas 1, 2, 3, 4 e 5 da tarifa primeira do anexo, sen prexuízo do establecido no correspondente convenio. Os demais prezos aboaranse na contía íntegra prevista.

2. Pola adaptación de estudios realizados en centros estatais non se aboarán prezos, agás se a validación é para a obtención doutro título académico. O prezo neste caso será do 25% dos prezos establecidos no anexo.

Artigo 7º

De conformidade co establecido no artigo 3.1º do Real decreto 2298/1983, do 28 de xullo (BOE do 27 de agosto), polo que se regula o sistema de bolsas e outras axudas ó estudio de carácter personalizado, os alumnos que reciban unha bolsa de estudios con cargo ós orzamentos xerais do Estado non estarán obrigados a paga-lo prezo polos servicios académicos.

Os alumnos que no momento de formalizaren a matrícula se acollan á exención de prezos por ter solicitada a concesión dunha das bolsas de estudios xerais convocadas polo MEC e ós que, posteriormente, non se lles concedese esta polo que resultaría que o alumno non tería dereito á axuda establecida de matrícula, estarán obrigados ó aboamento do prezo correspondente á matrícula que fixeron. Non pagar este prezo producirá automaticamente a anulación da dita matrícula en tódalas disciplinas.

Artigo 8º

No caso das disciplinas de plans de estudios con dereito a exame pero nas que non se imparte xa docencia, pagarase por crédito ou disciplina, segundo corresponda, o 25% dos prezos da tarifa ordinaria.

Disposición derradeira

O presente decreto entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, vinteseis de xullo de mil novecentos noventa e seis.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

Celso Currás Fernández

Conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria

ANEXO

Tarifa primeira. Estudios nas facultades e escolas técnicas superiores en calquera dos seus ciclos (incluídos os cursos de adaptación para o acceso de titulados polas escolas universitarias e facultades e escolas técnicas superiores), e nas escolas universitarias.

1. Estudios de ensinanzas non renovadas conducentes ós títulos de licenciado en farmacia, bioloxía, matemáticas, ciencias e tecnoloxía dos alimentos, física, medicina, odontoloxía, veterinaria, ciencias (incluídas as constituídas conforme o Decreto 1975/1973, do 26 de xullo), informática, ciencias do mar e belas artes; de arquitecto e enxeñeiro; de arquitecto técnico ou de enxeñeiro técnico; diplomado en enfermería, fisioterapia, informática, óptica e optometría, licenciado e diplomado en mariña civil, e licenciado en ciencias da actividade física e do deporte e aqueloutras denominacións de titulacións universitarias homologadas con estas.

1.1. Por curso completo: 87.471 ptas.

1.2. Por disciplinas soltas:

a) Disciplina anual correspondente a un curso de menos de sete disciplinas anuais en primeira e segunda matrículas: 22.751 ptas.

b) Disciplina anual correspondente a un curso de menos de sete disciplinas anuais, en terceira e sucesivas matrículas: 28.439 ptas.

c) Disciplina anual correspondente a un curso de sete ou máis disciplinas anuais en primeira e segunda matrículas: 15.056 ptas.

d) Disciplina anual correspondente a un curso de sete ou máis disciplinas anuais, en terceira e sucesivas matrículas: 18.820 ptas.

2. Estudios de ensinanzas renovadas conducentes a títulos especificados no apartado 1 homologadas polo R.D. 1954/1994, de homologación de títulos ós do catálogo de títulos universitarios oficiais.

-En primeira e segunda matrículas, por cada crédito: 1.456 ptas.

-En terceira ou sucesivas matrículas, por cada crédito: 1.820 ptas.

3. Outros estudios de ensinanzas non renovadas conducentes a títulos oficiais do primeiro e segundo ciclo, distintos dos especificados no apartado 1.

3.1. Por curso completo: 61.744 ptas.

3.2. Por disciplinas soltas:

a) Disciplina anual correspondente a un curso de menos de sete disciplinas anuais en primeira e segunda matrículas: 15.746 ptas.

b) Disciplina anual correspondente a un curso de menos de sete disciplinas anuais, en terceira e sucesivas matrículas: 19.684 ptas.

c) Disciplina anual correspondente a un curso de sete ou máis disciplinas anuais en primeira e segunda matrículas: 10.491 ptas.

d) Disciplina anual correspondente a un curso de sete ou máis disciplinas anuais, en terceira e sucesivas matrículas: 13.115 ptas.

4. Estudios de ensinanzas renovadas conducentes a títulos oficiais de 1º e 2º ciclo distintos dos especificados no apartado 1 homologadas polo R.D. 1954/1994, de homologación de títulos ós do catálogo de títulos universitarios oficiais.

-En primeira e segunda matrículas, por cada crédito: 1.029 ptas.

-En terceira e sucesivas matrículas, por cada crédito: 1.286 ptas.

5. Estudios conducentes ó título de doutor:

a) Conducente a un título de doutor con denominación correspondente a un dos títulos especificado na tarifa primeira, 1 e 2, por cada crédito: 5.467 ptas.

b) Conducente a un título de doutor con denominación correspondente a un dos títulos da tarifa primeira, 3 e 4, por cada crédito: 3.858 ptas.

Tarifa segunda. Expedición de títulos académicos:

1. Doutor: 20.113 ptas.

2. Licenciado, arquitecto ou enxeñeiro: 13.522 ptas.

3. Diplomado, arquitecto técnico ou enxeñeiro técnico: 6.603 ptas.

4. Expedición e impresión de duplicados de títulos universitarios oficiais: 3.087 ptas.

Tarifa terceira. Probas de aptitude para acceso á universidade: 6.994 ptas.

Tarifa cuarta. Certificado de aptitude pedagóxica (inclúense tódolos cursos): 20.464 ptas.

Tarifa quinta. Exame de grao.

1. Proxectos de fin de carreira: 12.860 ptas.

2. Exame para o grao de licenciado: 12.860 ptas.

3. Exame para o grao de doutor: 12.860 ptas.

Tarifa sexta. Curso de iniciación e orientación para maiores de 25 anos: 10.437 ptas.

Tarifa sétima. Estudios de especialidades en áreas das ciencias da saúde:

1. Estudios de especialidades médicas que non precisen formación hospitalaria do parágrafo 3º do anexo do Real decreto 127/1984, do 11 de xaneiro, en unidades docentes acreditadas, por cada crédito: 3.533 ptas.

2. Estudios de especialidades en enfermería en unidades docentes acreditadas, consideradas no Real decreto 992/1987, do 3 de xullo, por cada crédito: 901 ptas.

3. Estudios das especialidades de farmacia, análises clínicos, en escolas profesionais recoñecidas segundo o Real decreto 2708/1982, do 15 de outubro, por cada crédito: 3.533 ptas.

Tarifa oitava. Validación de disciplinas para a obtención doutro título ou de estudios realizados en centros nacionais non estatais ou estranxeiros, o 25% do que corresponde ós prezos establecidos nas alíneas 1, 2, 3, 4 e 5 da tarifa primeira.

Tarifa novena. Obtención, por validación, de títulos de diplomados das escolas universitarias:

1. Por avaliación académica e profesional conducente á devandita validación: 12.860 ptas.

2. Por traballos esixidos para a dita validación: 21.419 ptas.

Tarifa décima. Proba de conxunto para homologación de títulos estranxeiros de educación superior: 12.801 ptas.

Tarifa décimo primeira. Secretaría:

1. Pola apertura de expediente académico ó comeza-los estudios nun centro, certificación académica e traslados de expediente académico: 2.450 ptas.

2. Pola compulsa de documentos: 961 ptas.

3. Pola expedición de tarxetas de identidade: 526 ptas.

Tarifa décimo segunda. Cursos e exame de reválida/tese de licenciatura nas escolas sociais: 12.860 ptas.

5414