Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 152 Luns, 05 de agosto de 1996 Páx. 7.442

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE EDUCACIÓN E ORDENACIÓN UNIVERSITARIA

DECRETO 315/1996, do 26 de xullo, polo que se establece a proba libre para a obtención do título de graduado en educación secundaria para persoas maiores de 18 anos de idade.

O artigo 52.30 da Lei orgánica 1/1990, do 3 de outubro, (BOE do 4) de ordenación xeral do sistema educativo establece que as administracións educativas organizarán periodicamente probas para que as persoas maiores de 18 anos de idade poidan obter directamente o título de graduado en educación secundaria.

O artigo 16.3º do Real decreto 1487/1994, do 1 de xullo, (BOE do 28) dispón a posibilidade de que as administracións educativas que anticipen a implantación da Educación Secundaria Obrigatoria poidan establecer probas para obte-lo título de graduado en educación secundaria, dirixidas á poboación adulta que rematou os estudios sen a obtención do citado título.

O Decreto 78/1993, do 25 de febreiro (DOG do 2 de abril) regula o currículo da Educación Secundaria Obrigatoria na Comunidade Autónoma de Galicia.

Implantada anticipadamente nesta comunidade a Educación Secundaria Obrigatoria, e existindo alumnos e alumnas que remataron os estudios dela sen ter acadados os obxectivos desta etapa educativa e, por conseguinte, sen ter recibido o título de graduado en educación secundaria, cómpre establece-lo procedemento que permita obte-la mencionada titulación ás persoas maiores de 18 anos.

Na súa virtude, por proposta do conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria, logo de informe do Consello Escolar de Galicia, de acordo co dictame do Consello Consultivo de Galicia, logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión celebrada o día vinteseis de xullo de mil novecentos noventa e seis,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Obxecto e ámbito de aplicación.

1. O presente decreto ten por finalidade establecer na Comunidade Autónoma de Galicia a proba libre para a obtención do título de graduado en educación secundaria para aquelas persoas maiores de dezaoito anos que non acadaron o dito título polo procedemento previsto no artigo 22.2º da Lei orgánica de ordenación xeral do sistema educativo.

2. A Consellería de Educación e Ordenación Universitaria fará dúas convocatorias anuais, a través do Diario Oficial de Galicia, para a realización da proba á que fai referencia o punto anterior.

Artigo 2º.-Titulación.

A todas aquelas persoas que superen a proba seralle expedido o título de graduado en educación secundaria. Este título é o documento acreditativo de ter acadados os obxectivos de Educación Secundaria Obrigatoria ou de ter superadas as probas ás que se refire o artigo 52.3º da Lei orgánica 1/1990, do 3 de outubro, de ordenación xeral do sistema educativo. A posesión deste título faculta para acceder ó bacharelato e á formación profesional específica de grao medio.

Disposición transitoria

Única.-De acordo co establecido no artigo 16.1º do Real decreto 1487/1994, de 1 de xullo, (BOE do 28) continuarán convocándose probas extraordinarias para a obtención do título de graduado escolar durante os 5 anos seguintes á extinción das ensinanzas de 8º curso de EXB e segundo o seu artigo 16.2º convocaranse probas de avaliación de ensinanzas non escolarizadas para a obtención do título de técnico auxiliar ata o remate do curso 1999/2000.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Queda autorizada a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria para dicta-las disposicións pertinentes para desenvolve-lo establecido no presente decreto.

Segunda.-A presente disposición entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, vinteseis de xullo de mil novecentos noventa e seis.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

Celso Currás Fernández

Conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria

9605795