Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 150 Xoves, 01 de agosto de 1996 Páx. 7.378

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

ACADEMIA GALEGA DE SEGURIDADE

RESOLUCIÓN do 5 de xullo de 1996 pola que se convoca un curso superior de protección civil, dirixido a, persoal técnico de protección civil da Administración Autónoma de Galicia, con destino na Secretaría Xeral para a Protección Civil e o Medio Ambiente e nas súas catro xefaturas provinciais de protección civil, persoal técnico, funcionarios con responsabilidade en protección civil da Administración local (bombeiros, policía local, funcionarios municipais con responsabilidade en protección civil), persoal técnico, funcionarios de protección civil da Administración xeral do Estado en Galicia, que desempeñen postos de responsabilidade.

Dentro do programa de actividades que a Academia Galega de Seguridade ten previsto realizar no ano 1996, conforme ás funcións atribuídas pola Lei 4/1992, do 9 de abril, de creación da Academia Galega de Seguridade, anúnciase a celebración dun curso superior de protección civil, que deberá desenvolverse conforme ás seguintes bases:

Obxectivos.

Os obxectivos perseguidos son: a formación, capacitación e perfeccionamento profesional do persoal técnico en temas de protección civil, tendo en conta as súas funcións de responsabilidade na planificación, coordinación, dirección e toma de decisións en todo tipo de emerxencias.

Destinatarios.

Persoal técnico de protección civil da Administración Autónoma de Galicia, con destino na Secretaría Xeral para a Protección Civil e o Medio Ambiente e nas súas catro Xefaturas Provinciais de Protección Civil.

Persoal técnico, funcionarios con responsabilidade en protección civil da Administración local (bombeiros, policía local, funcionarios municipais con responsabilidade en protección civil).

Persoal técnico, funcionarios de protección civil da Administración xeral do Estado en Galicia, que desempeñen postos de responsabilidade.

Inscrición.

A inscrición dos participantes será totalmente gratuíta.

Solicitudes.

1. As persoas que desexen participar neste curso deberán presentar, cuberta a máquina ou con letra moi clara, a instancia que figura no anexo, acompañada dunha fotocopia do DNI.

2. O prazo para a presentación de instancias rematará o día 20 de setembro de 1996, ás 14 horas.

3. As instancias deberán enviarse á sede da Academia Galega de Seguridade: Rúa de Madrid, 2-4, polígono de Fontiñas, 15703, Santiago de Compos

tela, ou ben poden entregarse en calquera dos lugares previstos no artigo 38.4º da Lei 30/1992 do 26 de novembro, do réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Contido.

O curso consta de doce módulos con clases técnico-prácticas:

-Módulo I: protección civil. Normativa legal.

-Módulo II: riscos naturais.

-Módulo III: riscos tecnolóxicos.

-Módulo IV: incendios.

-Módulo V: accidentes marítimos.

-Módulo VI: control das situacións de emerxencias. Gabinetes de crisi. Aspectos sociolóxicos.

-Módulo VII: xestión das emerxencias.

-Módulo VIII: módulo sanitario.

-Módulo IX: seguridade vial. Tráfico.

-Módulo X: transporte de viaxeiros e mercadorías.

-Módulo XI: relacións da protección civil no caso de emerxencias.

-Módulo XII: a información en protección civil.

Duración e datas.

O curso comezará o vindeiro día 18 de outubro, fixándose as datas seguintes nesa sesión, tendo unha duración de 120 horas lectivas.

O curso terá lugar os venres (todo o día) e os sábados (pola mañán).

O horario será o seguinte:

-Mañás: de 10 a 14 horas.

- Tardes: de 16 a 19 horas.

Relación de admitidos.

A relación de admitidos publicarase o día 1 de outubro de 1996 no taboleiro de anuncios da Academia Galega de Seguridade, ou ben poden confirma-la súa asistencia chamando ó teléfono (981) 56 34 00.

Lugar.

O curso celebraráse en Santiago de Compostela, nos locais da Academia Galega de Seguridade.

Certificado de aproveitamento.

Ó remate do curso entregaráselle un certificado de asistencia e aproveitamento a aquelas persoas que acrediten a súa asistencia continuada ó mesmo, non podendo supera-las faltas de asistencia un 15% do total da duración de horas lectivas do curso; unha inasistencia superior ó 15%, aínda que sexa xutificada e a non superación das correspondentes

probas de coñecementos, conlevará a non expedición do certificado.

Modificacións.

A Academia Galega de Seguridade poderá modificá-lo desenvolvemento do curso para adapta-lo

ás necesidades da Administración e ás continxencias que poidan xurdir.

Santiago de Compostela, 5 de xullo de 1996.

Juan José Fariñas-Ferro Rodríguez

Director xeral da Academia Galega de Seguridade

9605596