Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 150 Xoves, 01 de agosto de 1996 Páx. 7.344

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE XUSTIZA, INTERIOR E RELACIÓNS LABORAIS

ORDE do 29 de xullo de 1996 pola que se desenvolve o Decreto 292/1996, do 26 de xullo, de adscrición dos órganos dependentes ós novos centros directivos da consellería.

Aprobada polo Decreto 292/1996, do 26 de xullo, unha nova estructura orgánica dos órganos superiores da Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais, cómpre, de acordo co disposto na súa disposición transitoria primeira, determina-la adscrición dos órganos dependentes dos centros directivos afectados ós xurdidos da nova estructura, polo que,

DISPOÑO:

Artigo 1º

A Subdirección Xeral de Xustiza e a Subdirección Xeral de Administración Local, coa estructura e funcións que resultan da estructura orgánica da consellería, serán as unidades dependentes da nova Dirección Xeral de Xustiza e Administración Local.

Artigo 2º

A Subdirección Xeral de Planificación e Coordinación Operativa, que pasará a denominarse a partir de agora Subdirección Xeral de Seguridade, e a Subdirección Xeral de Interior, coa estructura e funcións que resultan da estructura orgánica da consellería, serán as unidades dependentes da nova Dirección Xeral de Interior.

Artigo 3º

1. O director xeral de Xustiza e Administración Local formará parte dos seguintes órganos colexiados adscritos á consellería:

-A Comisión Superior para o Estudio e Desenvolvemento do Dereito Galego, creada polo Decreto 71/1984, do 23 de febreiro.

-A Comisión de Heráldica, creada polo Decreto 258/1992, do 10 de setembro.

-A Comisión Galega de Obxección de Conciencia, creada polo Decreto 41/1995, do 3 de febreiro.

-A Comisión de Coordinación das Policías Locais de Galicia, creada pola Lei 3/1992, do 23 de marzo, e regulada nesta mesma lei e no Decreto 160/1992, do 18 de xuño.

2. O director xeral de Interior formará parte do seguinte órgano colexiado adscrito á consellería:

-A Comisión de Xogo de Galicia, creada pola Lei 14/1985, do 23 de outubro, e regulada polo Decreto 192/1988, do 21 de xullo.

Así mesmo formará parte do Consello Rector da Academia Galega de Seguridade, de acordo co disposto no Decreto 161/1992, do 18 de xuño.

Disposición adicional

Os Servicios de Interior e Administración Local, dependentes de cada delegación provincial, pasarán a denominarase Servicios de Xustiza, Administración Local e Interior e desenvolverán as funcións propias da Dirección Xeral de Xustiza e Administración Local e Dirección Xeral de Interior no respectivo ámbito provincial.

Disposición transitoria

A proposta do secretario xeral, realizaranse as adscricións precisas do persoal que resulte afectado pola reestructuración das unidades administrativas.

Disposición derradeira

A presente orde entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 29 de xullo de 1996.

Jesús C. Palmou Lorenzo

Conselleiro de Xustiza, Interior e Relacións Laborais

5611