Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 149 Mércores, 31 de xullo de 1996 Páx. 7.324

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

ACADEMIA GALEGA DE SEGURIDADE

RESOLUCIÓN do 5 de xullo de 1996 pola que se convocan dous cursos sobre técnicas asistenciais de urxencia, socorrismo e primeiros auxilios, dirixidos ós membros dos corpos das policías locais de Galicia, e membros da Unidade do C.N.P. adscrita á Comunidade Autónoma de Galicia.

Dentro dos programas de actividades que a Academia Galega de Seguridade ten previsto realizar no ano 1996, e conforme ás funcións atribuídas pola Lei 4/1992, do 9 de abril, de creación da Academia Galega de Seguridade, anúnciase a celebración de dous cursos sobre técnicas asistenciais de urxencia, socorrismo e primeiros auxilios, que deberán desenvolverse conforme ás seguintes bases:

Obxectivos.

Os cursos teñen por obxectivos: coñece-lo significado da técnica asistencial, evidenciar dominio na práctica das técnicas de rescate e auxilio e coñece-la importancia de traumatismos, queimaduras, conxelacións, tratamento en caso de infarto, etc., e a súa gravidade, así como clarifica-la actuación da policía neste tema.

Destinatarios.

Os cursos van dirixidos ós membros dos corpos das policías locais de Galicia e membros da unidade do C.N.P. adscrita á Comunidade Autónoma de Galicia.

Inscrición.

A inscrición dos participantes será totalmente gratuíta.

Prazas.

O número de prazas que se ofertarán en cada curso será de 45.

Solicitudes.

1. O persoal que desexe participar nestes cursos deberá presentar, cuberta a máquina ou con letra moi clara, a instancia que figura no anexo, acompañada dunha fotocopia do DNI, e do carné profesional.

2. O prazo para a presentación de instancias ramatará ás 14 horas, nas seguintes datas:

-Santiago de Compostela: o día 24 de setembro.

-A Coruña: o día 8 de outubro.

3. As instancias deberán vir firmadas polo xefe do cadro de persoal, ou polo concelleiro de tráfico e seladas, será esto requisito indispensable para ser admitido nos cursos; o incumprimento deste requisito conlevará á non admisión nos devanditos cursos.

4. As instancias deberán enviarse á sede da Academia Galega de Seguridade: Rúa de Madrid, 2-4 Polígono de Fontiñas, 15703, Santiago de Compostela, ou ben poden entregarse en calquera dos lugares previstos no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do

26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Contido e duración.

Os cursos celebraranse en sesións de tarde, de luns a venres, e neles trataranse, entre outros, os seguintes temas: a) Traumatismos craneoencefálicos e da columna. b) Traumatismos toraco-abdominais. c) Resucitación cardiorrespiratoria. Masaxe cardíaca e respiración artificial. d) O infarto. Anxina de peito. e) Primeiros auxilios. Hemorraxias. Hemostasia. Feridas. f) Primeiros auxilios. Queimaduras. Conxelación. g) Enfermidades infectocontaxiosas: SIDA. Hepatite. Enfermidades de transmisión sexual. h) Intoxicacións por substancias inxeridas. Drogas e estupefacientes. Envelenamento por ácidos e álcalis, etc.

Datas.

Os cursos celebraranse nas seguintes datas:

-Santiago de Compostela: do 7 ó 11 de outubro de 1996.

-A Coruña: do 21 ó 25 de outubro de 1996.

O horario será de 16 a 20 horas.

Relación de admitidos.

A relación de admitidos publicarase nas seguintes datas:

-Santiago de Compostela: o día 1 de outubro.

-A Coruña: o día 15 de outubro.

Esta relación publicaráse no taboleiro de anuncios da Academia Galega de Seguridade, ou ben poden confirma-la súa asistencia chamando ó teléfono (981) 56 34 00.

Lugar.

Os cursos desenvolveranse nas cidades de Santiago de Compostela e A Coruña, quedando por concreta-lo seu lugar de celebración, que se comunicará previamente xunto coa lista de admitidos.

Certificado de asistencia.

Ó remate de cada curso entregaráselle un certificado de asistencia, a aquelas persoas que acrediten a súa participación continuada ó mesmo, non podendo supera-las faltas de asistencia un 15% do total da duración de horas lectivas do curso; unha inasistencia superior ó 15%, aínda que sexa xustificada, conlevará a non expedición do certificado.

Modificacións.

A Academia Galega de Seguridade poderá modifica-lo desenvolvemento normal dos cursos para adapta-los ás necesidades da Administración e ás continxencias que poidan xurdir.

Santiago de Compostela, 5 de xullo de 1996.

Juan José Fariñas-Ferro Rodríguez

Director xeral da Academia Galega de Seguridade

9605503