Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 148 Martes, 30 de xullo de 1996 Páx. 7.271

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE SANIDADE E SERVICIOS SOCIAIS

ORDE do 11 de xullo de 1996 pola que se abre un novo prazo para a solicitude de subscrición de convenios de colaboración con asociacións privadas sen ánimo de lucro que desenvolvan programas de prevención e reinserción social de drogodependentes.

A través da Orde do 25 de abril de 1994 (DOG nº 93, do 16 de maio), a Consellería de Sanidade e Servicios Sociais estableceu as bases reguladoras dun réxime de convenios de colaboración con asociacións privadas sen ánimo de lucro que, no ámbito da Comunidade Autónoma, desenvolvesen programas de prevención e reinserción social de drogodependentes, co obxecto de facilitar, garantir e darlle continuidade á prestación destes programas que as asociacións privadas sen ánimo de lucro veñen desenvolvendo.

A disposición adicional da Orde do 25 abril de 1994 prevé a posibilidade de establecer, periodicamente, novos prazos de presentación de solicitudes para que asociacións privadas sen ánimo de lucro poidan acollerse a este réxime de convenios e apoia-lo desenvolvemento de programas de prevención e reinserción social no marco do Plan Autonómico sobre Drogodependencias.

En consecuencia, no uso das facultades que me confiren os artigos 36.4º e 38 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e do seu presidente, reformada pola Lei 11/1988, do 20 de outubro,

DISPOÑO:

Artigo 1º

1. En execución do establecido na disposición adicional da Orde do 25 de abril de 1994, ábrese un novo prazo de presentación de solicitudes para

subscribir convenios de colaboración con asociacións privadas sen ánimo de lucro no desenvolvemento de programas de prevención e reinserción social de drogodependentes.

2. No marco das dispoñibilidades orzamentarias de 1996, a Consellería de Sanidade e Servicios Sociais poderá asumir obrigas económicas derivadas dos convenios que se subscriban.

Artigo 2º

No relativo ós requisitos, contido dos convenios, instrucción do expediente, lugar de presentación das solicitudes, criterios e prioridades na subscrición, formalización dos convenios e orde de prelación, vixencia e prórroga deles referida a 1996 e duplicidade das achegas, haberá que aterse o previsto na Orde do 25 de abril de 1994.

Artigo 3º

O prazo de presentación de solicitudes será de 20 días naturais a partir do día seguinte ó da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.

Disposición transitoria

As obrigas económicas para o ano 1996 derivadas dos convenios subscritos con asociacións privadas sen ánimo de lucro ó amparo desta orde e da do 25 de abril de 1994, serán satisfeitas pola Consellería de Sanidade e Servicios Sociais con cargo á aplicación 11.01.313A.481.0 dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma para 1996, así como a outros créditos que no futuro se consignen para tal fin.

Disposición derradeira

Primeira.-Facúltase o secretario xeral da Consellería de Sanidade e Servicios Sociais para adopta-las medidas necesarias para o desenvolvemento e execución desta orde.

Santiago de Compostela, 11 de xullo de 1996.

José Mª Hernández Cochón

Conselleiro de Sanidade e Servicios Sociais

9605558