Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 146 Venres, 26 de xullo de 1996 Páx. 7.176

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE ECONOMÍA E FACENDA

DECRETO 290/1996, do 12 de xullo, polo que se acepta a cesión a título gratuíto de dúas parcelas de terreo dunha superficie aproximada de 2.950 m, no termo municipal de Friol (Lugo), feita a favor da Comunidade Autónoma de Galicia para a construcción dun centro de educación secundaria obrigatoria.

O Pleno da Corporación Municipal de Friol (Lugo), reunido en sesión extraordinaria o 28 de marzo de 1995, acordou a cesión á Xunta de Galicia de dúas parcelas de terreo dunha superficie aproximada de 2.950 m2 para a construcción dun centro de educación secundaria obrigatoria.

Conforme os artigos 17.1º da Lei 3/1985, do 12 de abril, do patrimonio da Comunidade Autónoma galega, e 34 do seu regulamento aprobado polo Decreto 50/1989, do 9 de marzo, a adquisición pura e simple de bens a título gratuíto ou lucrativo requirirá decreto do Consello da Xunta de Galicia, por proposta da Consellería de Economía e Facenda. Así mesmo, os artigos 23.1º da mesma lei e 38.1º do regulamento establecen que non se poderán adquirir bens ou dereitos a título lucrativo cando o valor dos gravames, cargas ou afeccións impostos sobre eles supere o seu valor intrínseco; se ben non se considera carga, gravame ou afección os investimentos que teña que realiza-la Comunidade Autónoma para da-lo destino de uso xeral ou servicio público da súa competencia que fixe o cedente ou doador.

Na súa virtude, de conformidade coa proposta da Consellería de Economía e Facenda, feita nos termos nos que o Concello da Friol acordou a cesión, logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día doce de xullo de mil novecentos noventa e seis,

DISPOÑO:

Artigo primeiro.

Acéptase a cesión gratuíta feita polo Concello de Friol das parcelas sitas no termo municipal de Friol (Lugo) que se describen a continuación:

a) Porción de terreo procedente do Prado da Porta, de superficie vintetrés áreas, que linda: norte e leste, resto da predio matriz; sur, Luis López Rodríguez e oeste, grupo escolar.

Está inscrita no Rexistro da Propiedade nº 2 de Lugo no tomo 1.003, libro 49, folio 137, predio número 5.506.

b) Porción de terreo procedente de Prado Grande e Cortiña, de superficie de seis áreas e cincuenta centiáreas, que linda: norte, José Prado Penas; leste e sur, resto do predio matriz; e oeste, grupo escolar.

Está inscrita no Rexistro da Propiedade nº 2 de Lugo no tomo 1.003, libro 49, folio 140, finca número 5.509.

Artigo segundo.

Os inmobles cedidos destinaranse á construcción pola Consellería de Educación e Ordenación Universitaria dun centro de educación secundaria obrigatoria.

Artigo terceiro.

A Consellería de Economía e Facenda, a través da Secretaría Xeral e do Patrimonio, procederá á formalización da cesión no correspondente documento público e á inscrición do ben no Rexistro da Propiedade a nome da Comunidade Autónoma.

Disposición derradeira

A Consellería de Economía e Facenda, a través da Secretaría Xeral e do Patrimonio, levará a cabo tódolos trámites necesarios para a efectividade do presente decreto.

Santiago de Compostela, doce de xullo de mil novecentos noventa e seis.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

José Antonio Orza Fernández

Conselleiro de Economía e Facenda

5553