Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 145 Mércores, 24 de xullo de 1996 Páx. 7.169

VI. ANUNCIOS

DA ADMINISTRACIÓN AUTONÓMICA

CONSELLERÍA DE AGRICULTURA, GANDERÍA E MONTES

ORDE do 31 de maio de 1996 pola que se exclúen do catálogo de montes de utilidade pública os montes Pedra Larga número 320 do C.U.P., e Casa do Vento número 291 do C.U.P. do concello de Rois (A Coruña).

De conformidade co establecido no artigo 43 do Regulamento de montes, do 22 de febreiro de 1962, e tendo en conta os seguintes:

Antecedentes de feito.

1. Que segundo os datos que se desprenden dos informes existentes no expediente administrativo, os montes Pedra Larga e Casa do Vento son de orixe foral e foron incluidos no Catálogo de Montes de Utilidade Pública da provincia da Coruña en 1901, atribuíndo a súa titularidade ó concello de Rois. Posteriormente foron redimidos en 1921.

2. Que despois da guerra civil, no ano 1944 o concello fixo entrega dos montes citados e doutros, ó Patrimonio Forestal do Estado en virtude dun consorcio entre o concello, a deputación e o Estado.

3. Que por sentencia do 24 de xuño de 1967 da Audiencia Territorial da Coruña se recoñéce a propiedade privada do monte Casa do Vento a favor de Ramón Vázquez López e engadindo que o mesmo debería ser excluído do C.U.P.

4. Que o Xurado Provincial de Montes Veciñais en Man Común no ano 1975 iniciou expedientes de clasificación dos citados montes Pedra Larga do lugar de Figueiroa, parroquia de Augasantas e Casa do Vento da parroquia de Ermedelo, se ben suspendeu o expediente ó considerar que existían cuestións civís que terían que resolverse en vía xudicial.

5. Que o 3 de xuño e o 22 de novembro de 1995, os veciños de Figueiroa e Ermedelo, reclamaron, en cadanseus escritos, a propiedade privada dos montes en cuestión súa como paso previo á descatalogación.

Fundamentos de dereito.

I

A Consellería de Agricultura, Gandería e Montes é competente para dicta-la presente orde de conformidade co establecido no artigo 43 do Regulamento de montes, en relación co Real decreto 1535/1984, do 20 de xuño, sobre traspaso de fun

cións e servicios do Estado á Comunidade Autónoma de Galicia en materia de conservación da natureza.

II

De acordo co disposto no citado artigo 43 do Regulamento de montes, a exclusión de montes do C.U.P. procede nos casos da perda da titularidade pública, cando o monte non reúna xa as condicións que foron determinantes da súa inclusión, logo dun expediente instruido con audiencia ou a instancia da entidade propietaria, no que se acrediten os extremos anteriores.

III

O artigo 60.2º do mesmo regulamento, permite que a entidade que figure como propietaria do monte no C.U.P. se conforme ante as pretensións dos que reclaman a propiedade privada do monte catalogado, o que ocorre no caso que nos ocupa toda vez que o Concello de Rois recoñece, expresamente, o desfrute e a propiedade dos veciños reclamantes, conformándose á súa solicitude e, declarando que o concello non ten nin pretende ningún dereito sobre os montes reclamados (certificación emitida polo secretario do concello con data do 7 de marzo de 1991).

IV

Independentemente de que os montes se atopan no C.U.P., estamos ante montes de propiedade privada, derivada da redención de antigos foros dos mosteiros de San Xusto de Toxosoutos e da Mercé de Conxo, á que vai inherente a transmisibilidade das cotas en que se divide a totalidade do dominio. Os foros foron redimidos con data do 23 de xaneiro de 1921. Este carácter de propiedade privada parece suficiente para destruí-la presunción posesoria que outorga o artigo 65 do Regulamento de montes á entidade que figure como propietaria no C.U.P., de conformidade coa regra xeral do artigo 1251 do Código Civil.

Ademais reiterada xurisprudencia mantén que o particular que eficazmente demostra a súa posesión ten dereito a instar e obte-la exclusión do monte do catálogo e ó recoñecemento e protección da súa posesión.

V

Por outro lado, o feito de que os devanditos montes non figuren no inventario de bens nin no Rexistro da Propiedade municipais parece reforza-las teses de que, malia a titularidade municipal no C.U.P., a posesión e os actos de aproveitamento sempre corresponderon ós veciños.

Así pois estamos diante dunha posesión efectiva e ininterrompida dos veciños, realidade que se impuxo á inscrición rexistral, de xeito que a tal inscrición non orixinou unha efectiva traslación da posesión e conseguinte aproveitamento dos veciños ó concello.

VI

Poderá pensarse na posibilidade da usucapión, institución que permite polo transcurso do tempo unido á posesión fáctica con xusto título e boa fe, adquiri-lo dominio. Só a posesión que se adquire e desfruta en concepto de dono pode servir para adquiri-lo dominio. Tales requisitos son esixidos tanto para a prescripción adquisitiva ordinaria como para a prescrición trintenal ou extraordinaria e, por tanto, non son aplicables ó presente caso, pois o concello de Rois nunca tivo a posesión en concepto de dono.

VII

Unha vez establecida claramente a súa calidade de montes privados e, por tanto, a improcedencia da permanencia destes montes no C.U.P., podería cabe-la posibilidade de ser considerados como veciñais en man común. Tal posibilidade xa foi rexeitada polo Xurado Provincial de Montes Veciñais en Man Común no ano 1975, xa que logo:

1. Os montes estiveron sometidos a foro ata o momento da súa redención en 1921.

2. Redimidos os foros e adquirido o pleno dominio en virtude de consolidación, cada titular adquiríu unha cota de dominio, proporcional á súa redención, independentemente de que existira un aproveitamento común. Tal cota-parte outorgaba a cada condómino e outorga hoxe ós seus herdeiros a plena propiedade da súa parte e a dos froitos e utilidades que lle corresponden (artigo 399 do Código Civil). Estes datos anteriores impiden que poida apreciarse a existencia dun aproveitamento veciñal en man común.

Vistos os preceptos legais citados e demais de xeral aplicación, e logo de proposta da Dirección Xeral de Montes e Medio Ambiente Natural, a Consellería de Agricultura, Gandería e Montes,

DISPÓN:

1. Dar de baixa do Catálogo de Montes de Utilidade Pública os montes Pedra Larga nº 320 do C.U.P., e Casa do Vento, nº 291, do mesmo C.U.P. do Concello de Rois (A Coruña).

2. Esta orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

3. A presente orde esgota a vía administrativa e en contra dela só cabe interpor recurso contencioso-administrativo perante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ó da entrada en vigor.

Santiago de Compostela, 31 de maio de 1996.

P.D.

Antonio Luis Rosón Pérez

Secretario xeral da Consellería de Agricultura, Gandería e Montes

5372