Aprobado na sesión plenaria do día 2 de maio de 1996 o prego de cláusulas técnicas e económico-adminsitrativas que rexerá o concurso para a concesión da xestión do servicio de cafetería e restaurante na estación de autobuses municipal, así como a convocatoria, procédese á súa publicación.
Prego de cláusulas técnicas e económico-administrativas que rexerá o concurso para a concesión da xestión do servicio de cafetería e restaurante na estación de autobuses municipal.
1. Obxecto da concesión.
A xestión do servicio de cafetería e restaurante na estación de autobuses municipal do Concello das Pontes de García Rodríguez.
2. Obras do concello que se lle entregan ó concesionario.
O concello adscribirá ó servicio, conservando a súa titularidade, e cedéndolle o seu desfrute ó concesionario, os seguintes bens: edificación formada por planta baixa dunha superficie de 95 m con espacio para cafetería, cociña e cuartos de baños, planta 1ª, cunha superficie de 93 m para restaurante e dous servicios, ámbalas plantas comunicadas interiormente por unhas escaleiras. As ditas instalacións están situadas na zona norte da estación de autobuses.
3. Prazo da concesión.
A concesión terá unha duración máxima de 5 anos, contados a partir da data en que o licitador seleccionado reciba a notificación da adxudicación do contrato.
Considérase sempre implícita na concesión a facultade de resolvela antes do seu vencemento, se o xustifican circunstancias sobrevidas de interese público. Nestes supostos, o concesionario debe ser resarcido dos danos que se lle produciran.
4. Situación do concello e concesionario durante o prazo de vixencia da concesión.
O concello é titular do servicio que presta de forma indirecta, ostentando este servicio, en todo momento, a cualificación de servicio público do concello, que ten a súa competencia atribuída, o que xustifica o control e a inspección do servicio en todo momento.
O concesionario durante o prazo de vixencia da concesión desenvolve a actividade en que o servicio público consiste, ó serlle transferida unha esfera de actuación orixinariamente administrativa, polo que aparece revestido de facultades para a xestión do servicio, que se lle outorga salvando os dereitos de propiedade e sen prexuízo de terceiros, pero con dereito a protección administrativa para presta-lo servicio e exerce-los poderes de policía delegados polo concello.
5. Tarifas que se percibirán do público.
As tarifas máximas e mínimas que se percibirán dos usuarios, con descomposición dos seus factores constitutivos, serán as vixentes aprobadas pola Consellería de Industria e Comercio referidas ó sector da hostelería.
6. Equilibrio financeiro.
En atención á natureza do servicio non procederán as compensacións económica mediante subvencións ó concesionario, debendo o concesionario aboar un canon anual ó concello de 360.000 ptas., pagadeiras mensualmente.
7. Dereitos e obrigas recíprocas do concesionario e do concello.
7.1. Concesionarios.
A) Dereitos.
-Obte-los ingresos que correspondan conforme as tarifas aprobadas percibidas polo uso e desfrute das instalacións obxecto de concesión.
-Utiliza-los bens de dominio público necesarios para o servicio.
-Obter da entidade local procedementos de expropiación forzosa, impugnación de servidumes e desafiuzamento administrativo para a adquisición do dominio, dereitos reais ou uso dos bens precisos para o funcionamento do servicio.
-Revisa-lo canon cando, aínda ser mediar modificacións no servicio, circunstancias sobrevidas e imprevisibles determinaren, en calquera sentido, ruptura da economía da concesión.
-A transmisión inter vivos dos dereitos da concesión, coa autorización previa do Concello Pleno.
B) Obrigas. Serán obrigas xerais do concesionario:
-Presta-lo servicio, unha vez formalizado o contrato, dentro dos trinta días seguintes, poñendo en funcionamento o local coas súas instalacións e servicios anexos, o cal funcionará con suxeición estricta ás normas regulamentarias.
-O servicio prestarao o concesionario durante o prazo de duración da concesión, sendo da súa conta os gastos que se orixinen, incluídos as subminitracións de auga e enerxía eléctrica, a recollida do lixo e rede de sumidoiros, coa contraprestación de percibir durante o citado prazo as tarifas dos usuarios.
-A conservación das construccións e instalacións, así como o mantemento e perfecto estado de funcionamento, limpeza e hixiene do edificio ata que entregue o servicio ó concello con tódalas instalacións que sexan inherentes a el e necesarias para a súa prestación.
O concesionario subscribirá en favor do concello unha póliza de seguro a todo risco do edificio obxecto da concesión e as súas instalacións.
-Admiti-lo goce do servicio a toda persoa que cumpra os requisitos dispostos regulamentariamente.
-Indemnizar a terceiros dos danos que lles ocasione o funcionamento do servicio, salvo se se produciron por actos realizados en cumprimento dunha cláusula imposta pola corporación con carácter ineludible.
-Non allear bens afectos á concesión que debazn reverter ó concello concedente, nin gravalos, salvo autorización expresa da corporación, comprometéndose a deixalos libres e vacuos á disposición do concello, dentro do prazo establecido, e de recoñece-la potestade deste para recordar e executar el mesmo o lanzamento, se fose o caso.
-Exercer el mesmo a concesión e non cedela ou traspasala a terceiros sen a anuencia da entidade local, que soamente poderá autorizala nas circunstancias que sinala a lexislación aplicable en materia de contratación administrativa.
-Aboar ó seu cargo os gastos de enerxía eléctrica e calefacción que orixinen as instalacións obxecto da concesión.
-Control das instalacións eléctricas da estación de autobuses, mediante o seu acendido e apagado, así como a megafonía da estación, e o seu manexo para informar ó público.
-Apertura e peche da estación de autobuses, en función do horario de autobuses, e e todo caso desde as 7.30 ata as 22 horas incluído o control da parte mecánica de acceso dos autobueses e portas para peóns.
-Control do estado do depósito da calefacción e instalacións en xeral.
-Información de itinerarios e horarios ós viaxeiros.
-Limpeza de tódalas instalacións da estación de autobuses, excepto as reservadas para uso do concello, como o soto, a cal será diaria, correndo pola súa conta tódolos materiais de limpeza. A limpeza farase a última hora da tarde e realizarase baixo a supervisión e control da Concellaría de Obras.
7.2. Concello.
A) Dereitos.
O concello ostentará, sen prexuízo das que procedan, as potestades seguintes:
-Ordenar discrecionalmente, como podería dispoñer se xestionase directamente o servicio, as modificacións na concesión que aconselle o interese público, entre outras:
a) A variación na calidade, cantidade, tempo ou lugar das prestacións en que o servicio consista, e
b) A alteración do canon que debe satisface-lo concesionario e na forma de retribución do concesionario.
-Fiscalizar a través da Concellería de Obras a xestión do concesionario, para o qeu poderá inspecciona-lo servicio, as súas obras, instalacións e locais e a documentación relacionada co obxecto da concesión, e dicta-las ordes para manter ou restablece-la debida prestación.
-Asumir temporalmente a execución directa do servicio nos casos en que non o prestase ou non o puidese presta-lo concesionario, por circunstancias imputables ou non a el.
-Impoñerlle ó concesionario as correccións pertinentes por razón das infraccións que cometese.
-Rescata-la concesión.
-Suprimi-lo servicio.
B) Obrigas. O concello deberá:
-Outorgarlle o concesionario a protección adecuada para que poida presta-lo servicio debidamente.
-Mante-lo equilibrio financeiro mediante a revisión do canon a recibir do concesionario, aínda sen mediar modificacións no servicio, se circunstancias sobrevidas e imprevisibles determinasen a ruptura da economía da concesión.
-Indemniza-lo concesionario polos danos e perdas que lle ocasioase a asunción directa da xestión do
servicio, se esta se producise por motivos de interese público independientes de culpa do concesionario.
-Indemniza-lo concesionario polos danos e perdas que lle ocasionase a asunción directa da xestión do servicio, se esta se producise por motivos de interese público independentes de culpa do concesionario.
-Indemniza-lo concesionario polo rescate da concesión ou en caso da supresión do servicio.
8. Relacións cos usuarios.
O concesionario virá obrigado, nas súas relacións cos usuarios, a axustarse ás prescricións do regulamento do servicio, os cales teñen dereito ó establecemento e funcionamento do servicio, dereito de admisión ó servicio, cumprindo os requisitos establecidos no regulamento que o regule.
9. Extinción da concesión do servicio.
Son causas de extinción do contrato da concesión a xestión do servicio público de cafetería e restaurante na estación de autobuses municipal da Pontes de García Rodríguez, as seguintes:
-Resolulción por incorre-lo concesionario en infracción moi grave das súas obrigas esenciais, logo de expediente con advertencia fidedigna das concretas deficiencias, e concesión expresa dun prazo prudencial, de acordo coa natureza de tales deficiencias, para poder reparalas, canto transcorrido o prazo non se reparasen.
-Reversión do servicio ó concello por cumprimento do prazo establecido no contrato.
-Rescate do servicio polo concello, logo de expediente no que se xustifique a necesidade.
-Declaración de quebra ou suspensión de pagos ou morte de empresario individual.
-Declaración de quebra ou suspensión de pagos ou extinción da persoa xurídica xestora.
10. Sancións por incumprimento da concesión.
10.1. As infraccións en que pode incorre-lo concesionadrio clasificaranse en:
-Infraccións leves.
-Infraccións graves.
-Infraccións moi graves.
10.2. Son infraccións leves:
-Non presta-lo servicio durante un prazo continuado dun día.
-Desatende-las obrigas fundamentais da concesión.
-Non cumpri-las obrigas en materia hixiénico-sanitaria.
-Levantamento dunha acta de inspección efectuado pola inspección ben de sanidade, ben de comercio e turismo por infraccións ás normas legais.
-Incumprimento do horario fixado.
10.3. Son infraccións graves:
-Non lle presta-lo servicio a quen llo demande e reúna os requisitos para a súa utilización.
-Non cumpri-las obrigas sociais e fiscais, tanto no que se refire ós traballadores da concesión como á persoa física ou xurídica titular da concesión.
-O incumprimento das obrigas establecidas no presente prego así como as previstas no regulamento do servicio.
-Cometer dúas faltas leves no prazo de 15 días.
-Cometer tres faltas leves no prazo dun mes.
-Cometer catro faltas leves no prazo de dous meses.
-Desatende-las condicións hixénico-sanitaria duna forma posible perigo para os consumidores.
10.4. Son infraccións moi graves:
-Cometer no prazo dun mes dúas faltas graves.
-O incumprimento reiterado e sistemático das obrigas de control sanitario así como das condicións hixiénicas.
-O incumprimento das obrigas máis esenciais con previo apercibimento con levantamento de acta de inspección polos servicios sanitarios da Xunta de Galicia.
-Deixar de presta-lo servicio durante unha semana.
10.5. As infraccións leves sancionaranse cunha multa de 10.000 ptas. a 50.000 ptas. en atención ó dano causado e atenuantes e agravantes.
10.6. As infraccións graves sancionaranse cunha multa de 50.000 ptas. a 100.000 ptas. en función da intencionalidade e resultado da actuación, graduándose tamén en función dos atenuantes e agravantes.
10.7. As infraccións moi graves sancionaranse cunha multa de 100.000 ptas. a 250.000 ptas., con posible perda da concesión sen dereito a indemnización, así como incautacións das fianzas presentadas.
10.8. As infraccións leves serán sancionadas pola alcaldía-presidencia directamente, escoitado o concesionario; as demais infraccións precisarán un expediente previo de acordo coas normas do procedemento administrativo común, e en especial as previstas na Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, e Decreto 1398/1993, do 4 de agosto, polo que se aproba o regulamento de procedemento para o exercicio da potestade sancionadora.
10.9. Cando a infracción cometida trascenda o ilícito administrativo, e revista os caracteres de delicto, o alcalde poñerá os feitos en coñecemento dos tribunais de xustiza.
11. Reversión da concesión ó concello.
11.1. Extinguido o contrato de concesión, o concello recuperará os bens e instalacións obxecto de reversión.
11.2. Establécese expresamente que, extinguida a concesión, os traballadores ó servicio desta non reverterán cos bens e instalacións, debendo o concesionario asumilos ou, se é o caso, proceder á extinción das relacións contractuais coa antelación previa requirida pola lexislación social, correndo a cargo dela as indemnizacións, facéndose a mesma única responsable diante dos traballadores ó servicio da concesión.
11.3. Seis meses antes de que expire o prazo do contrato, o concello designará un interventor técnico na empresa concesionaria, o cal vixiará a conservación das obras e do material e informará ó concello sobre as reparacións e reposicións necesarias para mantelos en condicións de uso adecuado.
Se o concesionario incumprise sistematicamente as instruccións que lle transmita o concello ou obrase con mala fe, considerarase que se dan os supostos previstos para declara-la caducidade da concesión, coa incautación da fianza presentada e reclamación de danos e perdas.
12. Forma da adxudicación.
A adxudicación da concesión realizarase por concurso con procedemento aberto e con suxeición ó presente prego de cláusulas e á normativa que regula a contratación dos entes locais.
13. Dereito de preferencia.
Establécese un dereito de preferencia, en igualdade de condicións a favor dos empresarios hosteleiros das Pontes.
14. Risco e ventura.
O concesionario xestionará o servicio ó seu risco e ventura e non terá dereito a indemnización por causa de perdas, avarías ou prezuízos ocasionados nas obras e no servicio, salvo nos casos de forza maior, ou pola modificación do obxecto mesmo da concesión imposta unilateralmente polo concello ou decisións deste producidas fóra do ámbito contractual propiamente dito, en que a maior onerosidade sobrevida deberá ser compartida polo concello.
15. Fianza provisional e definitiva.
Os licitadores deberán constituír unha fianza provisional de 400.000 ptas. e unha fianza definitiva de 800.000 ptas., na caixa da corporación, admitíndose o aval bancario en calquera das formas previstas na lexislación de contratación das administracións públicas.
16. Cumprimento das obrigas sociais e laborais.
16.1. O concesionario obrígase a cumpri-las normas vixentes en materia fiscal, laboral, da seguridade social e de seguridade e hixiene no traballo, quedando o concello exonerado de responsabilidade por este incumprimento.
16.2. O concesionario queda obrigado ó pagamento dos anuncios de licitación, formalización do contrato, indemnizacións por ocupacións temporais,
permisos e tributos que procedan como consecuencia do servicio.
17. Criterios que servirán de base para a adxudicación da concesión.
17.1. Os criterios que servirán de base para a adxudicación son os seguintes:
-Proxecto de funcionamento do servicio.
-Melloras complementarias na prestación do servicio, e mantemento das instalacións globais.
-Solucións técnicas que melloren a presente proposta.
17.2. O órgano contratante reserva para si a facultade de adxudica-lo contrato á proposición máis vantaxosa, sen atender necesariamente ó valor económico desta, ou declarar deserto o concurso.
19. Proposicións e documentación complementaria.
19.1. As proposicións presentaranse na Sección de Obras e Urbanismo dependente da Secretaría do Concello, en horas de oficina, durante o prazo de trece días naturais hábiles, contados desde a última publicación segundo corresponda do anuncio no BOP ou Diario Oficial de Galicia. Ó presente expediente seranlle de aplicación as normas sobre tramitación urxente, previstas no artigo 72 da Lei 13/1995, do 18 de maio, de contratos das administracións públicas. Poderanse presentar en calquera das formas previstas na Lei 30/1992, do 26 de novembro.
19.2. Presentaranse nun sobre pechado no que figurará a inscrición «Proposición para tomar parte no concurso convocado para contratar en réxime de concesión administrativa a xestión do servicio de cafegería-restaurante na estación de autobuses municipal das Pontes de García Rodríguez».
Dentro deste sobre maior conteranse dous sobres A e B, pechados, coa mesma inscrición referida no apartado anterior e un subtítulo.
O sobre A subtitularase «Documentación acreditada da personalidade e características do contratista e garantía depositada». E conterá os seguintes documentos:
a) Documento nacional de identidade ou fotocopia compulsada.
b) Escritura de poder, validada e legalizada, se é o caso, se se actúa en representación doutra persoa.
c) Escritura de constitución da sociedade mercantil inscrita no Rexistro Mercantil, e número de identificación fiscal, cando concorra unha sociedade desta natureza.
d) Resgardo acreditativo de ter despositada a fianza provisional.
e) Declaración responsable, ante notario, autoridade xudicial ou administrativa, de non estar ins
curso nas causas de incapacidade e incompatibilidade previstas no artigo 20 da Lei 13/1995, do 18 de maio, de contratos das administracións públicas, e certificacións de estar ó corrente no pago das obrigas tributarias e da Seguridade Social.
f) As empresas estranxeiras presentarán un despacho expedido pola embaixada de España no país respectivo, onde se certifique que conforme a súa lexislación, ten capacidade para contratar e obrigarse.
g) Para o caso de agrupación temporal de empresas deberase cumpri-lo disposto na Lei 13/1995, do 18 de maio, de contratos das administracións públicas.
O sobre B subtitularase «Oferta económica e modificacións ó obxecto do contrato», e conterá:
a) A proposición conforme o seguinte modelo:
Don/Dona..., veciño/a de..., con domicilio en... e DNI nº..., expedido en..., con data..., en nome propio /ou en representación de..., como acredito por...) informado/a da convocatoria de concurso anunciada no BOP nº..., de data... e no Diario Oficial de Galicia nº... de data.., tomo parte nela e comprométome a xestiona-lo servicio da cafetería-restaurante da estación de autobuses municipal das Pontes de García Rodríguez, na forma e consonte o prego de condicións, cos criterios, melloras e solucións que expoño a continuación, e declaro non estar incurso/a nos supostos de incapacidade ou incompatibilidade establecidos no artigo 20 da Lei 13/1995, do 18 de maio, de contratos das administracións públicas.
A) Melloras.
-Canon da concesión:...
-Vantaxes ós usuarios economicamente:...
-Proxecto de funcionamento do servicio:...
-Melloras no funcionamento do servicio:...
20. Constitución da mesa de contratación e apertura de plicas.
-Terá lugar no salón de actos do concello ás 10 horas do quinto día hábil seguinte a aquel en que remate o prazo sinalado na cláusula anterior e o acto será público.
A mesa de contratación procederá previamente á apertura e exame da documentación administrativa, e procederá ás 12 horas do mesmo día á apertura das ofertas económicas e melloras ofrecidas.
-A mesa de contratación procederá á apertura das proposicións presentadas polos licitadores e sen efectuar adxudicación provisional dará por rematado o acto, dispoñendo que as proposicións, as observacións que estime pertinentes e a acta que levante ó efecto se o estima oportuno pasen ós servicios técnicos do concello para que informen acerca da maior ou menor vantaxe das proposicións presentadas.
O expediente de contratación, cos informes requiridos, elevarase ó órgano de contratación que deba de efectua-la adxudicación do contrato, que deberá dicta-la resolución dentro dos tres meses.
21. Réxime xurídico.
No non previstol nas presentas cláusulas rexerán as normas da Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases do réxime local, Lei 13/1995, do 18 de maio, de contratos das administracións públicas, Real decreto lexislativo 781/1986, do 18 de abril, e as normas do Regulamento de contratos do Estado en canto non contradigan ou se opoñan á citada Lei 13/1995, o Regulamento de servicios das corporacións locais e, no seu defecto, as normas de dereito privado.
As Pontes de García Rodríguez, 3 de xuño de 1996.
Víctor Guerreiro Pena
Alcalde-presidente
5283