Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 140 Mércores, 17 de xullo de 1996 Páx. 6.936

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE PESCA, MARISQUEO E ACUICULTURA

DECRETO 286/1996, do 4 de xullo, polo que se crea a figura do centro regulador de crustáceos como novo tipo de establecemento auxiliar de acuicultura.

A Lei 6/1993, do 11 de maio (DOG nº 101, do 31 de maio), de pesca de Galicia, prevé dous tipos de establecementos adicados á conservación e venda regulada de crustáceos vivos: o expositor, pensado para a venda directa ó consumidor en instalacións de hostelería e alimentación, situado á vista do público, e a cetaria, dirixida principalmente á distribución e venda a retallistas.

Sen embargo, vense comprobando ultimamente que estes dous tipos de establecemento non son suficientes para cubri-los requirimentos de tódalas instalacións de hostelería e alimentación.

En efecto, o expositor, regulado por orde da Consellería de Pesca, Marisqueo e Acuicultura, do 2 de xaneiro de 1996 (DOG nº 10, do 15 de xaneiro), ten unha limitación de capacidade que o fai, en moitos casos, inútil para o establecemento principal ó que serve.

Podería pensarse que estas industrias para as que non fose suficiente o expositor, solicitasen a autorización para a instalación dunha cetaria, pero estas están sometidas á normativa europea recollida na Directiva do Consello 91/493/CEE, adecuada á lexislación do Estado a través do R.D. 1437/1992, do 27 de novembro (BOE nº 11 de 13-1-1993). Esta norma impón unha serie de condicionantes e instalacións que duplicarían as do propio establecemento base, ó mesmo tempo que complicaría a tramitación do título habilitante, e todo isto de forma innecesaria xa que segundo o disposto no artigo 1.b do citado real decreto, tal normativa, que obriga ás cetarias, non sería de aplicación a instalacións dirixidas á venda polo miudo.

De aí a necesidade de definir, de acordo co establecido no artigo 9.3º da Lei 6/1993, de pesca de Galicia, un novo tipo de establecemento auxiliar da acuicultura que cubra os requirimentos normais dos establecementos de hostelería e alimentación.

Por todo isto, por proposta do conselleiro de Pesca, Marisqueo e Acuicultura e logo da deliberación do Consello da Xunta de Galicia, na reunión do día catro de xullo de mil novecentos noventa e seis,

DISPOÑO:

Artigo 1º

Ó abeiro do disposto no artigo 9º da Lei 6/1993, do 11 de maio, de pesca de Galicia, créase a figura do centro regulador de crustáceos.

Defínese o centro regulador de crustáceos como un establecemento auxiliar de cultivos mariños dedicado á conservación de crustáceos vivos para a súa venda polo miúdo a través de establecementos de hostelería, alimentación, peixerías ou análogos,

dos que dependerá, formando parte do mesmo local aínda que separado, fisicamente e na súa totalidade, da zona de atención ó público.

Artigo 2º

As instalacións dos centros reguladores de crustáceos, que requirirán preceptivamente o correspondente permiso de actividade da Consellería de Pesca, Marisqueo e Acuicultura e, se é o caso, da concesión de ocupación de dominio público, deberán reuni-las siguientes características:

1. Contarán cos elementos axeitados para manter vivos os crustáceos nas mellores condicións posibles, e deberán recibir auga dunha calidade tal que non transmita organismos ou substancias nocivas ós ditos crustáceos.

2. O acceso ó centro regulador estará limitado ó persoal do establecemento do que dependa. O dito persoal, durante a realización dos traballos propios do establecemento, respectará as normas de hixiene deste tipo de instalacións.

3. As condicións dos locais e a dotación de material serán as sinaladas nos puntos 1, 2, 4, 5, 6, 7, 8, e 9 do capítulo III, apartado I do anexo á Normas sanitarias aplicables á producción e comercialización dos productos pesqueiros e da acuicultura, aprobadas polo Real decreto 1437/1992, do 27 de novembro (BOE nº 11, do 13 de xaneiro de 1993).

4. Os servicios hixiénicos, vestiarios, almacéns ou estancias auxiliares poderán ser comúns ó centro regulador e ó establecemento matriz.

5. Cumprirán co disposto no apartado 6 do artigo 32 da Regulamentación técnico-sanitaria dos establecementos e productos da pesca e acuicultura con destino ó consumo humano, aprobado polo Real decreto 1521/1984, do 1 de agosto.

Disposición transitoria

No prazo máximo de seis meses a partir da entrada en vigor do presente decreto, aqueles establecementos existentes na actualidade, que polas súas características estean comprendidos dentro do seu ámbito, adecuaranse a isto e legalizarase a súa situación.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase o conselleiro de Pesca, Marisqueo e Acuicultura para dictar, no ámbito das súas competencias, cantas disposicións sexan necesarias para a aplicación e desenvolvemento do presente decreto.

Segunda.-O presente decreto entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, catro de xullo de mil novecentos noventa e seis.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

Juan Caamaño Cebreiro

Conselleiro de Pesca, Marisqueo e Acuicultura

5158