Visto o expediente tramitado por instancia da fundación Junior's Centro de Altos Estudios de Galicia para a súa declaración de interese galego e a conseguinte inscrición no Rexistro de Fundacións da Xunta de Galicia.
Resultando que a Consellería da Presidencia e Administración Pública pola súa Orde do 19 de xuño de 1996 (DOG nº 125, do 26 de xuño de 1996), clasificou como benéfico-docente a citada fundación e adscribiuna á Consellería de Educación e Ordenación Universitaria.
Vista a Lei 7/83, do 22 de xuño, de réxime das fundacións de interese galego, modificada pola Lei 11/91, do 8 de novembro, de reforma da Lei 7/83, así como o Regulamento de organización e funcionamento do protectorado das fundacións de interese galego, aprobado polo Decreto 248/1992, do 18 de xuño, e demais disposicións de xeral e pertinente aplicación, e máis concretamente as normas básicas contidas na Lei 30/1994, do 24 de novembro, de
fundación e de incentivos fiscais á participación privada en actividades de interese xeral.
Considerando que a correspondente escritura fundacional e de aprobación dos estatutos están conformes co establecido nos artigos 5, 6 e 7 da Lei 7/83, do 22 de xuño (DOG nº 89, do 20 de xullo de 1983), e coas demais disposicións aplicables.
Considerando que os fins e demais elementos organizativos da fundación Junior's Centro de Altos Estudios de Galicia cumpren os requisitos e condicións sinalados nos artigos 1 e 13 da mencionada Lei 11/1991 (DOG nº 219, do 12 de novembro de 1991), para a súa declaración de interese galego, así como as condicións básicas determinadas na devandita Lei 30/1994.
Considerando que o presente expediente foi promovido por persoas lexitimadas para iso, e que na súa tramitación se cumpriron os requisitos legais e regulamentarios esixidos tanto pola lexislación autonómica en materia de fundacións de interese galego, coma polas normas básicas establecidas na Lei 30/1994.
Esta consellería, consonte o disposto no artigo 32.3º do devandito regulamento, logo do informe da asesoría xurídica deste departamento,
RESOLVE:
Primeiro.-Declarar de interese galego a fundación Junior's Centro de Altos Estudios de Galicia, coa conseguinte aprobación dos seus estatutos e dos demais aspectos recollidos na orde de clasificación publicada no DOG do 26 de xuño de 1996.
Segundo.-Ordena-la súa inscrición no rexistro auxiliar de fundacións deste protectorado, logo da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia, publicación e inscrición que teñen o carácter constitutivo que determinan os artigos 33.3º do Decreto 248/1992 e o 8 da Lei 7/83, así como o artigo 3 da referida Lei 30/1994.
Santiago de Compostela, 27 de xuño de 1996.
Celso Currás Fernández
Conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria
5109