Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 137 Venres, 12 de xullo de 1996 Páx. 6.816

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE PESCA, MARISQUEO E ACUICULTURA

RESOLUCIÓN do 20 de xuño de 1996, da Dirección Xeral de Marisqueo e Acuicultura, pola que se desenvolven determinados aspectos da Orde do 29 de marzo de 1996 pola que se regula a expedición de licencias para practica-la pesca marítima de recreo dentro das augas interiores da Comunidade Autónoma de Galicia, e se fixan as zonas do litoral onde se poderá practica-la pesca submarina.

A orde do 29-3-1996 fai referencia a que as persoas que pretendan realizar pesca submarina nas zonas reservadas (Art. 12) ou inmersión en zonas prohibidas ou reservadas (Art.15) deberán notificarllo á correspondente delegación territorial da Consellería de Pesca, Marisqueo e Acuicultura, polo menos con dous días hábiles de anticipación.

Ante as dúbidas xurdidas polas diferentes posibilidades de interpretación dos dous artigos citados e de acordo co establecido na disposición derradeira primeira, esta dirección xeral,

RESOLVE:

1. As notificacións a que fan referencia os artigos 12 e 15 da orde citada axustaranse ó modelo recollido como anexo a esta resolución e presentaranse no rexistro da delegación territorial correspondente da Consellería de Pesca, Marisqueo e Acuicultura. Igualmente, aceptarase a notificación practicada mediante fax.

2. A práctica das notificacións realizarase cunha anticipación mínima de dous días hábiles, e máxima de quince días hábiles.

3. Con carácter xeral, a validez das notificacións será dunha semana, agás no período comprendido entre o 15 de xuño e o 15 de setembro, no que terán validez quincenal.

4. De acordo co establecido na Orde de 29.3.96, as notificacións recibidas nas delegacións territoriais deberánselles comunicar ás confrarías do ámbito territorial correspondente, e, ademais, á Subdirección Xeral de Protección dos Recursos e ó posto da Garda Civil da zona.

Santiago de Compostela, 20 de xuño de 1996.

Amancio Landín Jaraiz

Director xeral de Marisqueo e Acuicultura

ANEXO

Notificación pola que se fai saber que D./Dª ..., con DNI nº ..., con domicilio en (1) ..., R/ ... piso ... provincia de ... e nº de licencia (2) ... vai realizar

pesca submarina/inmersión (3) na zona (4) ... o/os días ... en horario de (5) ...

(Lugar, data, sinatura)

(1) Localidade.

(2) Só no caso de pesca submarina.

(3) Rísquese o que non proceda.

(4) O máis detallada posible.

(5) Especificar mañá ou tarde, ou ambas.

5376